DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Mércores, 23 de agosto de 2023 Páx. 50056

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 17 de agosto de 2023 pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas/excluídas no procedemento de adxudicación de prazas de residencia e/ou comedor nos centros de formación e experimentación agraria para o curso académico 2023/24 (código de procedemento MR207A).

Antecedentes:

O día 17 de xullo de 2023 publicouse a Resolución do 4 de xullo de 2023, do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria, e se convocan para o curso académico 2023/24 (código de procedemento MR207A).

O día 4 de agosto de 2023 publicouse a relación provisional de persoas admitidas e concedeuse un prazo de 5 días para efectuar as reclamacións. Transcorrido o dito prazo, comprobáronse as reclamacións presentadas.

Consideracións legais e técnicas:

– Lei 39/2015, do 5 de outubro, establece o procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Decreto 52/2018, do 5 de abril, de creación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (DOG núm. 102, do 30 de maio), establece que a dita Axencia Galega da Calidade Alimentaria (en diante, Agacal), asumirá as funcións e competencias en materia de formación, innovación e investigación e en materia de innovación tecnolóxica.

– Resolución do 4 de xullo de 2023, do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria, e se convocan para o curso académico 2023/24, establece no seu artigo 13 que, unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, correspóndelle ao director da Agacal resolver este procedemento mediante a aprobación da relación definitiva das persoas admitidas e excluídas en cada centro e, de ser o caso, da lista de agarda, onde figurará a puntuación obtida.

Con base no Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e na Orde conxunta do 14 de abril de 2009, das consellerías do Medio Rural e Sanidade, o órgano competente para ditar a resolución deste expediente é o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a relación definitiva de persoas admitidas/excluídas que se poderá consultar na páxina web da Consellería do Medio Rural https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/centros-de-formacion e no taboleiro de anuncios do centro correspondente.

As persoas que obteñan praza de residencia ou comedor disporán de 8 días, contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de adxudicación, para formalizar a matrícula no centro onde obtivesen a dita praza, onde se lles facilitará o impreso correspondente. Igualmente, deberán achegar a documentación que acredite, de ser o caso, que o usuario pode beneficiarse dalgunha das bonificacións que se recollen no Decreto 143/2013, do 12 de setembro, polo que se fixan os prezos públicos polos servizos de residencia e comedor prestados nos centros de formación das familias marítimo-pesqueira e agroforestal, así como os prezos de matrícula na Aula de Seguridade e Salvamento, dependentes desta consellería (DOG núm. 176, do 16 de setembro).

Segundo. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
P.A. (Artigo 19.bis.5 do Decreto 52/2018)
Manuel Castro-Gil Amigo
Xerente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria