DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Mércores, 23 de agosto de 2023 Páx. 49930

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 1 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2023 (código de procedemento TR332E).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, do decreto 79/2023, de 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 123/2022, do 23 de xuño, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, esta consellería asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para o exercicio orzamentario 2023, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego, do Programa nacional de reformas, do respectivo Plan anual para o fomento do emprego digno (PAFED) e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

A situación xerada pola evolución da COVID-19 obrigou as autoridades públicas a xestionar a crise sanitaria establecendo medidas para protexer a saúde e a seguridade. A intensidade da crise sanitaria, coa obrigada implementación das ditas medidas, ocasionou unha grave crise económica a nivel mundial. Así, o Consello Europeo do 21 de xullo de 2020, consciente da necesidade neste momento histórico dun esforzo sen precedentes e dunha formulación innovadora que impulsasen a converxencia, a resiliencia e a transformación na Unión Europea, acordou un paquete de medidas de grande alcance.

Estas medidas aúnan o marco financeiro plurianual (MFP) para 2021-2027 reforzado e a posta en marcha dun instrumento europeo de recuperación (NextGenerationEU), e un elemento central é o Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021. A instrumentación da execución dos recursos financeiros do Fondo Europeo de Recuperación realizarase a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado polo Consello de Ministros o 27 de abril de 2021, de conformidade co establecido pola Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021.

Os proxectos que constitúen o devandito plan permitirán a realización de reformas estruturais nos próximos anos, mediante cambios normativos e investimentos e, por tanto, posibilitarán un cambio do modelo produtivo para a recuperación da economía tras a pandemia causada pola COVID-19 e, ademais, unha transformación cara a unha estrutura máis resiliente que afronte con éxito outras posibles crises ou desafíos no futuro. No marco deste cambio de modelo, o Plan de recuperación, transformación e resiliencia impulsa un desenvolvemento baseado no equilibrio e na xeración de oportunidades no territorio, eliminando as desigualdades entre áreas urbanas e rurais.

Na política panca VIII, Nova economía dos coidados e políticas de emprego do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, encádrase o compoñente 23 Novas políticas públicas para un mercado de traballo dinámico, resiliente e inclusivo. Este compoñente ten como reto e obxectivo impulsar, no marco do diálogo social, a reforma do mercado laboral español para adecualo á realidade e ás necesidades actuais e de maneira que permita corrixir as debilidades estruturais, coa finalidade de reducir o desemprego estrutural e o paro xuvenil, corrixir a dualidade, mellorar o capital humano, modernizar a negociación colectiva e aumentar a eficiencia das políticas públicas de emprego, dando, ademais, un impulso ás políticas activas de emprego, que se orientarán á capacitación das persoas traballadoras nas áreas que demandan as transformacións que require a nosa economía.

Dentro das reformas e investimentos propostos neste compoñente inclúese o investimento 2, Emprego, muller e transversalidade de xénero nas políticas públicas de apoio á activación para o emprego, en que se incardina o Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano. Esta actuación constitúe o obxecto desta norma e ten como obxectivo poñer en marcha plans específicos para mellorar a capacitación das mulleres das áreas rurais e urbanas a través, primeiro, da súa sensibilización para incrementar a súa participación na actividade económica da súa zona, o que suporá ofrecer oportunidades de formación, así como o asesoramento nestes ámbitos: dixital, tecnolóxico, emprendemento e economía social que se ligue aos produtos endóxenos (dimensión local e verde), aproveitamento forestal, pesqueiro e agrario, actividades comerciais en liña e apoio á dependencia.

Ademais, a vida urbana debe rexenerarse para atender as demandas dunha poboación que reclama que esta vida sexa de calidade; particularmente, atender á economía verde, azul e circular, e a mobilidade urbana, entre outras. Da mesma forma, co obxectivo de revitalizar as zonas rurais para abordar o reto demográfico e a recuperación da calidade de vida e de traballo das persoas, impúlsanse actuacións de promoción da empregabilidade das mulleres en zonas rurais, mellorando a súa perspectiva profesional e acurtando a fenda de xénero que soporta o mundo rural, xogando un papel esencial na revitalización dos pequenos municipios e áreas rurais, fomentando a fixación do talento das mulleres a través da súa capacitación, e a creación de oportunidades, así como abrindo novas perspectivas e contribuíndo ao desenvolvemento económico e social nestes territorios.

Así mesmo, a Recomendación do Consello Europeo relativa ao Programa nacional de reformas (PNR) de 2020 de España, recolle a necesidade de apoiar o emprego, así como a mellora no acceso á aprendizaxe dixital, considerando a necesidade de facer fronte aos efectos socioeconómicos da pandemia. Pola súa banda, a Recomendación do Consello relativa ao PNR de 2019 suxire a España garantir que os servizos de emprego sexan capaces de proporcionar un apoio efectivo.

En particular, a análise europea fai énfase no desemprego de longa duración, e o mesmo cabe dicir da persistencia da desigualdade de xénero. Os datos de incorporación ao mundo laboral da muller rural seguen por detrás da media europea, por causas sociodemográficas estruturais que a afastan do tecido produtivo, é dicir, por mor da súa dedicación en gran medida aos coidados da familia, da participación en actividades non remuneradas ou no ámbito familiar, así como pola falta de formación específica, entre outras.

As circunstancias das economías desenvolvidas e, en particular, as características dos mercados de traballo na súa resposta aos retos globais de sustentabilidade e competitividade requiren un fortalecemento das políticas públicas de apoio á activación para o emprego e abocan a un novo enfoque na súa provisión por parte dos servizos públicos de emprego (SPE). Desta forma, contribúese á implementación efectiva do Piar europeo de dereitos sociais, especialmente, no que respecta ao seu capítulo I, referido á igualdade de oportunidades e acceso ao mercado laboral, e á Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable da Organización das Nacións Unidas (ONU), principalmente, a través do obxectivo de desenvolvemento sustentable-ODS 8, dirixido a promover o crecemento económico sostido, inclusivo e sustentable, o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todas as persoas.

Esta orde regula o Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano e establece as bases que deben rexer a concesión de subvencións públicas destinadas a financiar o devandito programa e a súa convocatoria.

Esta iniciativa contribúe ao logro do obxectivo nº 343 do anexo da citada decisión de execución do Consello, relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID).

O Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano implica un itinerario persoal e integrado de orientación, asesoramento e accións de formación axustado ao perfil de empregabilidade das mulleres participantes. A formación impartida estará relacionada con postos de traballo con boas perspectivas territoriais, derivados das necesidades do mercado laboral rural e urbano en que se desenvolve o programa, e ten por obxecto a adquisición dunha cualificación que aumente a empregabilidade das participantes e as súas posibilidades de acceso a un traballo digno, e que ao mesmo tempo reforce o desenvolvemento produtivo das zonas rurais, loite contra a fenda de xénero e mellore a permanencia das mulleres no territorio; cando menos o 35 % do programa está orientado a competencias relacionadas co clima e o 35 % do programa orientado a competencias dixitais.

O Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano diríxese á mellora da capacitación das mulleres das áreas rurais e urbanas, e supón así un apoio operativo ao obxectivo estratéxico do investimento 2, Emprego, muller e transversalidade de xénero nas políticas públicas de apoio á activación para o emprego, incluída no compoñente 23 Novas políticas públicas para un mercado de traballo dinámico, resiliente e inclusivo, encadrado na política panca VIII Nova economía dos coidados e políticas de emprego do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Deste programa beneficiaranse as mulleres de áreas rurais e urbanas participantes en itinerarios individualizados que combinen accións de diferente natureza, tales como orientación laboral, asesoramento, información, formación, adquisición de competencias e habilidades transversais, facilitación da inserción laboral e acompañamento no emprego, que teñan por obxecto a súa capacitación e inserción laboral, nos ámbitos que se establecen nos artigos 4 e 5, fortalecendo ao tempo a igualdade efectiva e a non discriminación no acceso ao emprego.

A presente orde cumpre cos principios de boa regulación, de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, e eficiencia, previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

Será de aplicación a esta convocatoria o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, en todas as medidas que axuden a axilizar e flexibilizar a tramitación das subvencións financiables con fondos europeos. En aplicación do establecido no artigo 62 dese real decreto lei, as subvencións obxecto desta orde tramitaranse segundo o procedemento de concorrencia non competitiva establecido no dito artigo, en canto que se trata de subvencións financiables con fondos europeos cuxo obxecto é financiar actuacións concretas que non requiren a valoración comparativa con outras propostas, polo que as resolucións de concesión se ditarán por orde de presentación de solicitudes, unha vez realizadas as comprobacións de concorrencia da actuación subvencionable e o cumprimento do resto de requisitos exixidos, ata o esgotamento do crédito orzamentario asignado na convocatoria.

Así mesmo, esta orde tramítase de conformidade co establecido na Orde TES/1121/2021, do 11 de outubro (BOE núm. 248, do 16 de outubro), pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023; no que resulte de aplicación, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

En consecuencia, logo do ditame favorable do Consello Galego de Relacións Laborais e dos informes favorables da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Intervención Xeral e autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do día 20 de xullo de 2023 a concesión de anticipos das subvencións reguladas nesta orde, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano (código de procedemento TR332E), dirixida á mellora da capacitación e inserción laboral das mulleres das áreas rurais e urbanas.

Constitúe unha actuación incluída no investimento 2, Emprego, muller e transversalidade de xénero nas políticas públicas de apoio á activación para o emprego, comprendida no compoñente 23 Novas políticas públicas para un mercado de traballo dinámico, resiliente e inclusivo do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado polo Consello de Ministros o 27 de abril de 2021, e pola Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021.

Será obxecto das subvencións reguladas nesta orde a atención personalizada ás mulleres de áreas rurais e urbanas participantes en itinerarios individualizados que combinen accións de diferente natureza, tales como orientación laboral, asesoramento, información, formación, adquisición de competencias e habilidades transversais, que faciliten a inserción laboral e acompañamento no emprego, e teñan por obxecto a súa capacitación e inserción laboral, nos ámbitos que se establecen nos artigos 4 e 5, fortalecendo ao tempo a igualdade efectiva e a non discriminación no acceso ao emprego.

2. As subvencións reguladas nesta orde están suxeitas, en todo caso, ao cumprimento, execución e realización dos obxectivos e fitos fixados no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e estarán sometidas á plena aplicación dos procedementos de xestión e control que se establezan para o Mecanismo de recuperación e resiliencia e demais normativa da Unión Europea aplicable á xestión, seguimento e control que se estableza para o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como ás específicas relativas á información e publicidade, verificación e demais impostas pola normativa da Unión Europea, cuxa aplicación será de obrigado cumprimento.

3. Así mesmo, estas axudas reúnen as condicións para cualificarse como subvención e están suxeitas á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao seu regulamento, á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á súa normativa de desenvolvemento e demais normativa aplicable. Estas axudas non constitúen unha axuda de Estado, nos termos previstos nos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE), pois a súa concesión non falsea nin ameaza falsear a competencia, favorecendo determinadas empresas ou producións.

Artigo 2. Entidades beneficiarias da subvención

1. Poderán ser beneficiarias da subvención as entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que acrediten experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento de persoas desempregadas axustado ao seu perfil de empregabilidade en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas na presente orde deberán cumprir as obrigas que se establecen no artigo 23 desta orde.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións previstas nesta orde financiaranse con cargo aos os recursos financeiros derivados do Instrumento europeo de recuperación (NextGenerationEU), a través do Mecanismo de recuperación e resiliencia establecido polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

2. O financiamento deste programa efectuarase con cargo ao crédito consignado no orzamento de gastos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na aplicación 11.50.322A.481.0 (código de proxecto 2022 00098) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, polo importe de 2.703.938,00 para 2023.

Este importe poderá ser incrementado ou minorado como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que puidesen establecerse na Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, así como nos supostos previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os fondos dispoñibles para a execución da subvención regulada na presente orde respectarán o cumprimento das obrigas derivadas da etiquetaxe climática (01-Contribución ás competencias e empregos verdes) e etiquetaxe dixital (108-Apoio ao desenvolvemento das capacidades dixitais), asignado ao Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano. En todo caso, non resultarán financiables os proxectos que non cumpran coa etiquetaxe verde e dixital establecida no Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

4. O esgotamento do crédito, de ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación no DOG e na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. As subvencións reguladas nesta norma teñen por obxecto o financiamento dos itinerarios individualizados indicados no artigo 1, que desenvolvan as mulleres participantes no Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano durante o seu período de execución plurianual entre os anos 2023 e 2024, que poden estar integrados polas seguintes actuacións:

a) Diagnóstico de empregabilidade e itinerario personalizado de inserción que, logo de acordo persoal de emprego, identificará as actuacións que as participantes desenvolverán ao longo da súa participación no programa e vertebrará a atención que se lles preste, incluíndo o seu calendario de realización, o seu sistema de seguimento e o resultado da súa realización respecto da evolución da súa empregabilidade.

b) Accións de orientación laboral e para facilitar a procura de emprego das participantes: actuacións de sensibilización e para o desenvolvemento de aspectos persoais para a ocupación; técnicas, recursos e ferramentas de procura activa de emprego: procura activa de emprego e preparación de entrevistas de traballo e probas de selección; confección do currículo; información xeral sobre o mercado de traballo e, particularmente, sobre tendencias, oportunidades profesionais, alternativas laborais vinculadas ao territorio prioritariamente nos ámbitos indicados no artigo 5 desta orde; información, asesoramento e motivación para o autoemprego e o emprendemento e a economía social.

c) Accións formativas de cualificación e recualificación profesional, que principalmente versarán sobre contidos relacionados cos ámbitos e actividades profesionais sinalados no artigo 5, que permitan a adquisición de coñecementos técnicos e habilidades adecuadas e suficientes para desempeñar un traballo, formación para o emprego preferentemente neses ámbitos laborais, ou a reciclaxe e actualización de coñecementos, procedementos, tecnoloxías ou novas tendencias, prioritariamente, nos ámbitos indicados.

d) Obradoiros de competencias transversais (alfabetización dixital, traballo en equipo, xestión eficaz do tempo, orientación ao logro, entre outras) e de empoderamento para a integración laboral e social das participantes e o reforzo da igualdade no acceso ao emprego, atendendo ás singulares características do colectivo destinatario do programa.

e) Acompañamento durante o desenvolvemento do itinerario personalizado realizado polas participantes coa finalidade de efectuar o seu impulso e seguimento respecto da mellora da súa empregabilidade, así como acompañamento ao comezo da incorporación laboral.

f) Incentivos para a participante atendida pola contía e condicións regulados nesta orde.

g) Prospección do mercado laboral do territorio en que se desenvolva o programa, que permita a obtención de información actualizada sobre a situación económica e laboral da contorna, a identificación das necesidades de persoal do seu tecido empresarial e perfís laborais requiridos.

h) Captación de ofertas de emprego, así como a difusión do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano e a proposta da candidatura das participantes para cubrir as vacantes detectadas nas empresas, todo iso coa finalidade de cumprir o obxectivo de inserción laboral previsto no artigo 5.

2. O desenvolvemento das accións, individuais ou colectivas, que conformen os itinerarios personalizados indicados no artigo 1 realizarase preferentemente de acordo cos protocolos previstos no anexo da Orde ESS/381/2018, do 10 de abril, pola que se aproba a Guía técnica de referencia para o desenvolvemento dos protocolos da Carteira común de servizos do Sistema Nacional de Emprego.

3. A duración do programa, así como o prazo de execución das actuacións previstas nel, será de 12 meses. Tanto a data de inicio do programa como a da súa finalización estableceranse na resolución de concesión da subvención.

4. Non obstante o anterior, e só para o suposto do cómputo da inserción das mulleres participantes no programa, teranse en conta os tres meses posteriores á data de finalización do programa.

Artigo 5. Obxectivos de atención e inserción e ámbitos prioritarios de incorporación ao emprego

1. Os obxectivos do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano que teñen que acadar as entidades beneficiarias son os seguintes:

a) Que as mulleres desempregadas participantes no programa sexan atendidas nos termos establecidos nesta orde. O obxectivo global do programa diríxese a atender na Comunidade Autónoma de Galicia un total de 1097 mulleres desempregadas. O obxectivo particular da presente convocatoria é de 1047 mulleres atendidas.

b) Que as mulleres participantes no programa residan preferentemente en municipios de menos de 5.000 habitantes. Neste sentido, cando menos un terzo das mulleres participantes en cada programa ou proxecto debe residir en municipios de menos de 5.000 habitantes.

c) Que o 35 % das participantes no programa realice un itinerario individualizado orientado ao desenvolvemento de competencias e empregos verdes.

d) Que o 35 % das participantes no programa realice un itinerario individualizado orientado ao desenvolvemento de competencias e empregos dixitais.

e) Que, polo menos, o 20 % de mulleres participantes no itinerario individualizado en que se materializa o devandito programa logren a súa inserción profesional, por conta propia ou allea, nos termos establecidos no artigo 7 desta orde.

2. Os itinerarios personalizados que desenvolvan as mulleres participantes no marco do programa regulado nesta orde, así como a cobertura de postos de traballo e a inserción profesional resultantes da súa execución orientaranse, de conformidade co indicado no punto primeiro deste artigo, cara a competencias e empregos verdes e dixitais; ademais, abrangrerán o ámbito dos coidados de longa duración, o emprendemento e a economía social, así como os relacionados, entre outros, con enerxías renovables, tratamento de augas e residuos, aproveitamentos forestais e agrarios respectuosos co medio, economía circular, dixitalización de servizos, actividades comerciais en liña, tecnoloxía, desenvolvemento local rural e sustentable que reforce a cohesión territorial (xestión do patrimonio, actividade turística, emprendemento e economía social con dimensión local e verde, ligados aos produtos endóxenos), e cohesión social (atención da dependencia e intervención con colectivos vulnerables). A definición de «emprego verde» recóllese no anexo A e a de «emprego dixital» no anexo B desta convocatoria.

Artigo 6. Consideración da participante como atendida

1. Para os efectos do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, considerarase como participante atendida aquela muller que desenvolva un itinerario personalizado para a mellora da súa empregabilidade e acceso ao emprego, definido con base no diagnóstico previo desta e deberá acreditar obrigatoriamente as seguintes actuacións:

a) Diagnóstico de empregabilidade, que comprenderá a atención individualizada da participante coa finalidade de identificar as súas habilidades, competencias, a súa formación e experiencia, os seus intereses, a súa situación familiar e persoal, as súas posibles oportunidades profesionais, así como cantas outras variables se consideren relevantes e deseño do itinerario personalizado de inserción, logo do acordo persoal de emprego. Para a realización do diagnóstico deberase realizar previamente unha entrevista presencial ou telemática cunha duración mínima dunha hora.

b) Deseño do itinerario personalizado de inserción e sinatura do acordo persoal de emprego coa programación temporal das accións, en que se recolla o proceso que se considera máis axeitado para o seu acceso ao emprego, tendo en conta o seu perfil, necesidades e expectativas a través de criterios técnicos e estatísticos. Deberá conter a definición do obxectivo profesional da participante segundo os datos recollidos na fase de diagnóstico e a identificación dun itinerario formativo de acordo con ese perfil e en relación co obxectivo profesional establecido. Ademais, deberá conter as accións de información, axuda técnica e asesoramento que poida requirir para que a participante realice actuacións de busca activa de emprego, elaboración do seu currículo, técnicas de busca de emprego e coñecemento do mercado laboral. O acordo persoal de emprego será asinado pola participante e polo persoal técnico de orientación e recollerá o compromiso de participación adquirido por ambas as partes.

c) Participación en accións formativas de cualificación e recualificación profesional cando se considere necesario. Cando menos, deberán participar nun taller ou acción formativa de competencias transversais.

d) Obradoiro de competencias dixitais que mellore o nivel dos coñecementos dixitais da muller participante reflectidos no diagnóstico de empregabilidade. Dependendo do grao de coñecementos da participante, o obradoiro será de alfabetización dixital ou de nivel avanzado.

e) Seguimento e acompañamento da participante, que incluirá, polo menos, dous acompañamentos de entre os seguintes:

– Os realizados durante o desenvolvemento do itinerario personalizado.

– Os realizados en relación coa mellora da empregabilidade.

– Os realizados ao inicio da incorporación laboral.

Ademais das actuacións recibidas persoalmente polas mulleres atendidas, a entidade deberá acreditar que realizou a actividade de prospección laboral no seu ámbito.

2. As actuacións mencionadas no punto anterior realizaranse ao longo da duración do programa, e poderanse desenvolver tanto nos períodos de tempo en que a participante estea contratada como nos que non o estea, e sempre en función das necesidades detectadas en cada unha das mulleres atendidas, de forma progresiva, seguindo un calendario e seguimento previstos no itinerario personalizado, que maximicen a súa eficacia, e adaptándose á dispoñibilidade e necesidades de cada muller participante.

3. A xustificación das actuacións subvencionables sinaladas no punto anterior realizarase cubrindo un documento xustificativo individual de todas as actuacións e que indique, de ser o caso, se se trata dun itinerario verde e/ou dixital. Indicaranse de forma separada cada unha das accións levadas a cabo, as datas de realización, duración en horas e descrición do contido. Deberá vir acompañado do correspondente certificado, diploma ou documento acreditativo da actuación que corresponda.

4. As participantes atendidas terán a consideración de participantes que completaron ou finalizaron o itinerario individualizado obxecto deste programa.

5. A entidade poderá realizar a prestación das actuacións subvencionables de forma telemática en función do perfil da muller participante e tendo en conta as diferentes circunstancias que permitan e aconsellen o seu uso, sempre e cando quede garantido que a participante conta coa dispoñibilidade, capacidade e recursos técnicos adecuados para recibilas, aproveitalas de maneira adecuada e facer o seu seguimento. Ademais, deberá poder acreditarse a súa realización mediante evidencias, rexistros, formularios ou calquera outro xustificante.

Artigo 7. Consideración da participante como inserida

1. Considerarase «participante inserida» aquela que cumpra todos os requisitos seguintes:

– Que acade, cando finalice o programa, a consideración de «participante atendida» segundo o establecido nesta orde.

– Que se incorpore ao mercado laboral por conta propia ou por conta allea cotizando no correspondente réxime da Seguridade Social, a partir da data en que dispoña do seu diagnóstico de empregabilidade e do correspondente itinerario para o acceso ao emprego e durante a duración do programa.

– Que acredite a cotización no correspondente réxime da Seguridade Social polo menos durante 90 días, non necesariamente continuados, durante a duración do programa e ata os tres meses posteriores á data de finalización deste.

2. Para o cómputo da inserción no suposto de contratacións a tempo parcial teranse en conta os días de alta da traballadora, non inferior a 90 días, calquera que sexa a xornada realizada.

3. Para o cómputo da inserción no suposto de contratacións no réxime agrario teranse en conta os seguintes criterios:

– No caso de cotización por bases diarias (xornadas reais), computaranse os días efectivamente cotizados, que serán coincidentes coas xornadas reais traballadas, independentemente dos días de alta na Seguridade Social como días cotizados.

– No caso de cotización por bases mensuais, computaranse todos os días do mes como días cotizados.

4. Para realizar o cómputo dos días cotizados de todas as mulleres que participan no programa, deberán excluírse os seguintes supostos:

• Exclúense da consideración de inserción laboral as bolsas ou prácticas non laborais, aínda que sexan remuneradas e dean lugar a unha alta na Seguridade Social (bolsas Feuga, por exemplo).

• Non se terán en conta os contratos asinados entre as mulleres participantes dun programa e a entidade promotora deste.

• Non se terán en conta os contratos de interese social subvencionados a través de programas de cooperación con entidades locais ou entidades sen ánimo de lucro nin os contratos de formación subvencionados a través dun programa mixto de formación e emprego (obradoiros de emprego).

• Non se computarán as contratacións que se produzan en calquera Administración pública ou empresa pública, con cargo a subvencións de programas de políticas activas de emprego.

• Non se computarán os contratos realizados con calquera empresa pública ou privada en que a modalidade sexa a de contrato indefinido fixo descontinuo con data de inicio anterior ao comezo do programa, así como os sucesivos chamamentos que derivasen del.

5. A comprobación e o cómputo dos días cotizados realizaranse a través da plataforma e-SIL da Seguridade Social e, cando sexa necesario, as condicións do contrato consultaranse na base de comunicación de contratos laborais contrat@ do Servizo Público de Emprego Estatal.

6. As entidades beneficiarias do programa poñerán en coñecemento das empresas que a comunicación dos contratos que resulten do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano a través da aplicación Contrat@ á oficina de emprego que corresponda debe facer constar a indicación Programa emprego muller rural e urbana. Mecanismo de recuperación e resiliencia no modelo existente para o efecto.

Artigo 8. Destino das subvencións públicas, contías e financiamento destas

1. Para o desenvolvemento dos itinerarios personalizados que configuran o Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano previsto na presente norma, o financiamento total da subvención determinarase na correspondente resolución de concesión, en función do número de mulleres que se vaia atender, os obxectivos de inserción previstos e o correspondente módulo, de forma que:

a) A cantidade que se percibirá por muller atendida será de 1.715 euros, na cal vai incluída a contía de 400 euros correspondente ao incentivo que a entidade promotora deberá aboar a cada participante que acade a consideración de atendida, así como todos os gastos de materiais, técnicos, de publicidade, formación das participantes, formación do persoal que atende as mulleres participantes ou calquera outro custo derivado da execución do proxecto.

b) Á cantidade indicada no punto anterior engadirase unha contía de 2.500 euros que se percibirá por muller inserida no mercado de traballo, tanto por conta propia como por conta allea, que previamente tivese a condición de atendida. Con esta cantidade adicional, só se subvencionará o 20 % das participantes que logren inserirse no mercado laboral.

As cantidades sinaladas neste artigo teñen a consideración de módulos para efectos da determinación do importe da subvención e da súa xustificación, de acordo co establecido na Orde TES/1121/2021, do 11 de outubro, pola que se establecen as bases do programa, o artigo 2.5 da Orde TES/897/2021, do 19 de agosto, e os artigos 52 a 55 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As subvencións reguladas na presente orde serán compatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entidade, pública ou privada. Deberá quedar, en todo caso, identificada nitidamente a rastrexabilidade dos gastos. Con todo, estas subvencións son incompatibles coa recepción doutros fondos comunitarios para a execución dos mesmos proxectos de investimento; non se poderá incorrer en dobre financiamento. Conforme o artigo 9 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, os proxectos de investimento financiados polo Mecanismo de recuperación e resiliencia poden recibir axuda doutros programas e instrumentos da Unión, sempre que esa axuda non cubra o mesmo custo que os que xa financie a subvención deste programa, segundo os definidos neste artigo. As entidades beneficiarias deberán comunicar á Administración que conceda as subvencións a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade sen incorrer en dobre financiamento sobre o mesmo custo, procedentes de calquera outra Administración ou ente público, nacionais ou internacionais.

Artigo 9. Destinatarias do programa, requisitos e criterios para a selección das mulleres participantes

1. Serán destinatarias deste programa as mulleres desempregadas inscritas como demandantes de emprego nos servizos públicos de emprego de Galicia, residentes, preferentemente, en municipios de menos de 5.000 habitantes, que presenten necesidades de cualificación ou recualificación formativa ou profesional para poder acceder a un sector laboral concreto, preferentemente relacionado coa economía verde e dixital.

2. Enténdese, para os efectos deste programa, que unha muller necesita cualificación cando non dispoña dun certificado de profesionalidade, título de graduado en educación secundaria obrigatoria, título de formación profesional de grao medio ou superior ou unha titulación universitaria que lle permita o desempeño de profesións nun sector laboral concreto.

3. Entenderase, para os efectos deste programa, que unha muller necesita recualificación profesional cando, dispoñendo de certificado de profesionalidade, título de graduado en educación secundaria obrigatoria, título de formación profesional de grao medio ou superior, ou titulación universitaria, estas titulacións fosen obtidas hai máis de 5 anos en relación coa data de selección, e que na súa vida laboral non conste no ano anterior á súa incorporación ao programa ningún contrato directamente relacionado co ámbito dos seus estudos, entendendo como tal a necesidade deses estudos para realizar a actividade.

4. O número total de mulleres destinatarias do programa que atenderá cada entidade beneficiaria será o recollido na resolución de concesión. Teranse en conta o número que conste na solicitude do programa, o número de desempregadas inscritas no ámbito do programa e a viabilidade dos medios e a planificación proposta.

A entidade poderá incrementar o número total de mulleres participantes previsto na resolución de concesión de subvención, como máximo, ata un 10 % do devandito total. Tamén se poderá solicitar a substitución das participantes que abandonen o programa ata, como máximo, 3 meses antes da data de remate do programa. Ao finalizar o programa, e para os efectos do pagamento, só se terán en conta as mulleres atendidas ata o número máximo de mulleres sinaladas na resolución de concesión de subvención.

Doutra banda, o obxectivo mínimo de inserción que se pretende alcanzar coas participantes no programa, un 20 % redondeado á baixa, aplicarase sobre o número máximo de mulleres que se atenda indicadas na resolución. Non se aboará o módulo por inserción por un número maior do que derive deste cálculo.

5. A selección das mulleres destinatarias do programa realizaraa o Servizo Público de Emprego de Galicia mediante a validación, nas oficinas de emprego de cada provincia, das mulleres propostas polas entidades beneficiarias que cumpran cos requisitos sinalados no punto 1 deste número, así como das mulleres seleccionadas polas oficinas de emprego que se deriven ás entidades beneficiarias para a súa incorporación ao programa. As entidades beneficiarias da subvención deberán poñerse en contacto coa Xefatura do Servizo de Formación para o Emprego e Orientación da Xefatura Territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade correspondente á súa provincia, para os efectos de coordinar con esta o proceso de selección das mulleres participantes (oficina de emprego asignada, supervisión do proceso de selección e incidencias).

As mulleres finalmente seleccionadas serán identificadas polo Servizo Público de Emprego de Galicia e non poderán participar noutras medidas activas de emprego que se consideren incompatibles coa participación neste programa. Si que poderán ser seleccionadas para participar naquelas medidas das políticas activas de emprego que supoñan unha contratación efectiva, sen prexuízo da aplicación das exclusións do cómputo das insercións laborais recollidas no artigo 7 desta orde.

Artigo 10. Réxime e inicio do procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase segundo o réxime de concorrencia non competitiva, en aplicación do establecido no artigo 62 do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, en canto que se trata de subvencións relacionadas financiables con fondos europeos, reguladas pola Lei 38/2003, do 17 de novembro.

2. As resolucións de concesión ditaranse por orde de presentación de solicitudes no rexistro electrónico, unha vez realizadas as comprobacións de concorrencia da actuación subvencionable e o cumprimento do resto de requisitos exixidos, ata o esgotamento do crédito orzamentario asignado na convocatoria.

Artigo 11. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes de concesión de subvencións dirixiranse á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dentro do prazo establecido. As solicitudes presentadas fóra de prazo darán lugar á súa inadmisión.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados por quen represente legalmente a entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

4. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén, en que se fan constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, incluído o de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

c) Que se compromete a dedicar os recursos persoais e materiais apropiados para o desenvolvemento das actuacións previstas no programa.

d) A veracidade da documentación presentada xunto coa solicitude.

A entidade solicitante terá a obriga de presentar ante a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación a documentación acreditativa dos aspectos a que se refire a declaración responsable, se se lle solicita.

Artigo 12. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comprenderá dende o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia ata o 16 de outubro de 2023.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha memoria coa descrición do proxecto que pretenden desenvolver no marco do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, empregando obrigatoriamente o modelo que se publica como anexo II e cun máximo de 25 páxinas e que fará referencia, polo menos, aos seguintes puntos:

– Descrición do proxecto que se desenvolverá no marco do Programa de apoio a mulleres do ámbito rural e urbano e actuacións subvencionables que compoñen o itinerario personalizado para a atención das participantes do programa

– Ámbito territorial do programa.

– Medios persoais, materiais e técnicos que se van dedicar ao programa.

– Metodoloxía e ferramentas para levar a cabo as accións (metodoloxía para realizar o diagnóstico e deseño dos itinerarios personalizados, ferramentas e variables que se considerarán, modelos de itinerarios, entre outras).

– Actividades, sectores, familias profesionais en que se pretende actuar, xustificando as necesidades do mercado laboral territorial que pretenden cubrirse e indicando de forma diferenciada os orientados ao desenvolvemento de competencias e empregos verdes, os orientados a competencias e empregos dixitais e os orientados ao desenvolvemento doutras competencias e empregos.

– Cronograma completo do programa e modelo base de calendarización dun itinerario tipo coa ordenación, distribución e periodificación das súas posibles accións.

– Obxectivos de atención previstos que especifiquen o número de mulleres participantes que se atenderán, o número e porcentaxe das participantes en itinerarios individualizados orientados ao desenvolvemento de competencias e empregos verdes e/ou dixitais.

– Obxectivos de inserción laboral previstos, que non poderá ser inferior ao 20 % das participantes redondeado por defecto.

– Previsión do orzamento total do programa diferenciando entre subvención solicitada e, de ser o caso, achega da entidade beneficiaria con indicación do orzamento destinado, respectivamente, a competencias e empregos verdes e dixitais. Os cálculos deben realizarse tendo en conta que o custo unitario por muller atendida é de 1.715 euros, e o importe adicional que se aboará por muller inserida de 2.500 euros financiará un máximo do 20 % das mulleres participantes que se insiran no mercado laboral.

Non se aceptarán memorias que non se presenten segundo o modelo normalizado.

b) Documentación acreditativa da personalidade xurídica da entidade solicitante mediante copia da escritura de constitución e dos estatutos da entidade solicitante.

c) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta, onde se determine a dita representación (anexo III).

d) Anexo IV de declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», segundo o establecido no artigo 16 desta orde.

e) Acreditación de experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento de persoas desempregadas axustado ao seu perfil de empregabilidade en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia durante un mínimo de 1 ano dentro dos 5 anos anteriores á data de publicación desta orde.

2. Cada entidade só poderá presentar unha solicitude e soamente para un único proxecto. Os itinerarios individualizados en que se concrete cada proxecto, así como as actividades subvencionables que os configuren, organizaranse de forma que, cando menos, o 35 % das participantes desenvolvan competencias e empregos verdes, e outro 35 % competencias e empregos dixitais. O importe total solicitado por cada entidade beneficiaria non poderá superar o 20 % da dotación dispoñible para a convocatoria establecida no punto 2 do artigo 3 desta orde. Ademais, cada proxecto debe incluír como obxectivo de inserción profesional a colocación por conta propia ou allea de, polo menos, o 20 % do total de mulleres participantes que pretende atender, tendo presente que só se aboará o módulo económico por inserción a un número máximo igual ao dito 20 %.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas, responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento débedas coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) DNI/NIE da persoa que en nome e representación da entidade solicita a concesión da subvención.

d) DNI/NIE, certificación de residencia e vida laboral das mulleres participantes no programa.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no formulario respectivo e achegar os documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 16. Compromiso de non causar prexuízo significativo ao ambiente

1. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde deberán garantir o pleno cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do No Significant Harm-DNSH) e a etiquetaxe climática e dixital, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021, e no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, así como na súa normativa de desenvolvemento, en todas as fases do deseño e execución dos proxectos e de maneira individual para cada actuación.

2. As solicitudes deberán acompañarse dunha declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do No Significant Harm- DNSH) no sentido establecido no apartado 6) do artigo 2 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, segundo o modelo do anexo IV, seguindo as directrices recollidas na Comunicación da Comisión Europea, Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar prexuízo significativo» en virtude do Regulamento relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia (2021/C 58/01).

3. En todo caso, as entidades beneficiarias preverán mecanismos de verificación do cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do No Significant Harm-DNSH) e medidas correctoras para asegurar a súa implementación, do que deixarán constancia na memoria xustificativa da subvención.

Artigo 17. Instrución e tramitación do procedemento

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas Mixtos da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, que realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos, de concorrencia da actuación subvencionable e do cumprimento do resto de requisitos exixidos, en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

2. As persoas que interveñan no proceso de selección das entidades beneficiarias, ou nos procesos de verificación do cumprimento das condicións, manifestarán de forma expresa a ausencia ou non de conflitos de intereses ou de causa de abstención, considerando o establecido no artigo 61.3 do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018 (Regulamento financeiro), e o artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 outubro, de réxime xurídico do sector público; en caso de existir conflito de intereses ou causa de abstención, a persoa afectada deberá absterse de intervir nestas actuacións.

3. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as solicitudes instruiranse por orde de entrada no rexistro electrónico.

4. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos necesarios establecidos nesta orde, non está debidamente cuberta, a documentación recibida é defectuosa ou falta algún dos documentos preceptivos, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, emende o erro ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida na súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de conformidade co establecido no artigo 68 da mesma lei.

5. Cando o importe da subvención da proposta de resolución sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderá instarse a entidade beneficiaria para que reformule a súa solicitude, nos termos establecidos no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Resolución e recursos

1. O órgano instrutor, á vista do expediente, formulará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, quen resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de dous meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Unha vez transcorrido o devandito prazo sen notificarse resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Se a resolución é de concesión, identificarase o financiamento no marco do Mecanismo para a recuperación e a resiliencia da UE. Procederase ao rexistro da subvención na Base de datos nacional de subvencións. Igualmente, a Administración competente poderá acceder ao Rexistro de Titularidades e outras bases de datos análogas, se é o caso, e poderá ceder información entre estes sistemas e o Sistema de fondos europeos, de acordo coas previsións contidas na normativa europea e nacional aplicable.

3. A resolución administrativa de concesión conterá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Obxectivos previstos respecto das participantes que se van atender e inserir e respecto das competencias e empregos verdes e dixitais.

b) Localización xeográfica provincial de desenvolvemento do programa.

c) Contía da subvención que se outorgarán, distinguindo a destinada a financiar a atención ás mulleres participantes xunto ao módulo económico aplicable con este fin, así como o módulo adicional por cada participante atendida que alcance a consideración de inserida.

d) Data de inicio do programa e prazo de execución deste.

4. A concesión da axuda verase condicionada ao compromiso escrito da concesión dos dereitos e accesos necesarios para garantir que a Comisión, a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), o Tribunal de Contas Europeo, a Fiscalía Europea e as autoridades nacionais competentes exerzan as súas competencias de control, de acordo co previsto no artigo 22.2.e) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e no artigo 129.1 do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018 (Regulamento financeiro).

5. Será causa de denegación da concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado para estes efectos na presente orde.

6. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa. Contra estas resolucións poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada no prazo dun mes, de acordo coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, a teor do disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

7. Os incrementos de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, se for o caso, destinaranse á concesión de subvencións daquelas solicitudes que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención.

8. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar, de forma motivada e con carácter excepcional, a súa modificación. Esta modificación deberá cumprir os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e deberá fundamentarse en circunstancias sobrevidas tras a resolución e durante o prazo de execución da actividade subvencionada para cada entidade beneficiaria, así como formalizarse con carácter inmediato ao seu acaecemento e, en todo caso, antes da finalización do citado prazo de execución.

Poden dar lugar á modificación da resolución, entre outras, as seguintes causas:

a) Que circunstancias sobrevidas, difíciles de prever no momento da presentación da solicitude determinen variacións nas características, duración ou calquera outra obrigación cuxo cumprimento se someta a prazo na resolución de concesión da subvención.

b) Que circunstancias sobrevidas determinen a necesidade de que a entidade beneficiaria modifique as características técnicas ou económicas, ou a distribución entre a tipoloxía de gastos do proxecto inicialmente aprobado pola Administración.

2. En ningún caso a modificación poderá afectar as obrigas impostas pola normativa comunitaria ou nacional aplicable, en especial, cando supoñan incumprimento de fitos ou obxectivos establecidos na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID) ou o seu prazo de execución.

3. O órgano competente ditará a resolución en que acepte ou denegue a modificación proposta, no prazo de dous meses desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Unha vez transcorrido o devandito prazo sen notificarse resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada. As resolucións poderán retrotraer os seus efectos, como máximo, ao momento da presentación da solicitude de modificación. En todo caso, a modificación só se autorizará se non dana dereitos de terceiras persoas, non supón incremento da subvención e non se varía o destino e finalidade da subvención.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Pagamento e xustificación da subvención

1. Unha vez ditada a resolución, procederase ao pago anticipado da totalidade do importe da subvención logo da presentación do anexo VI, que recolle o seguinte:

• Aceptación expresa da subvención.

• Conta bancaria da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

• Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

• Cando menos, presentación dunha fotografía do cartel informativo e a súa localización, nos termos sinalados no artigo 26.

• Solicitude do aboamento pola entidade beneficiaria.

Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non se atope ao día no cumprimento das súas obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social ou sexa debedora por resolución firme de procedencia de reintegro. As entidades beneficiarias estarán exentas de constituír garantías, de conformidade co establecido no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Dada a natureza da subvención, os rendementos financeiros xerados polos anticipos de fondos librados non incrementarán o importe da subvención concedida.

2. Unha vez seleccionadas as mulleres participantes no programa, remitirase o correspondente anexo V debidamente cuberto.

3. A entidade beneficiaria, no prazo de dous meses computado desde a finalización das actuacións enmarcadas no Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, presentará ante a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación a xustificación do cumprimento das actuacións subvencionadas e dos gastos realizados, mediante o réxime de módulos, de acordo co previsto nos artigos 52 a 55 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A dita xustificación incluirá a seguinte documentación, que deberá presentar a entidade beneficiaria para xustificar os obxectivos e fitos a que se dá cumprimento coa axuda concedida, de conformidade cos mecanismos de verificación establecidos para o efecto:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos. A memoria incluirá:

a.1. Certificación do itinerario individualizado realizado polas participantes que obteñan a condición de atendidas, indicando as actuacións que o configuraron, as súas datas de realización, a súa orientación ao desenvolvemento de competencias e empregos verdes, a súa orientación ao desenvolvemento de competencias e empregos dixitais, o ámbito en que se levou a cabo e o número das participantes que alcanzaron esta consideración, así como o número e porcentaxe das participantes en competencias e empregos verdes e o número e porcentaxe das participantes en competencias e empregos dixitais.

a.2. Certificación acreditativa mediante unha relación dos contratos formalizados e dos establecementos como traballadoras autónomas ou por conta propia polas participantes que lograsen a condición de inseridas, precisando o número e a porcentaxe das participantes que alcanzaron esta consideración, así como o número e a porcentaxe de empregos verdes e o número e porcentaxe de empregos dixitais de entre o total dos conseguidos.

a.3. Unha relación das participantes que percibiran o incentivo por participante atendida, xunto coa documentación acreditativa da súa percepción.

a.4. Para a xustificación da prospección de empresas, a entidade beneficiaria deberá presentar a relación das empresas prospectadas e unha ficha individual de cada empresa prospectada.

a.5. Para a acreditación do cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» durante a execución da subvención amparada na presente convocatoria, a entidade beneficiaria deberá presentar unha declaración responsable que conteña a avaliación favorable de adecuación a este, de acordo co previsto no artigo 11 da Orde TESS/1121/2021, do 11 de outubro.

b) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas en función dos resultados obtidos, que conterá, como mínimo, os seguintes datos:

b.1. Acreditación ou declaración pola entidade beneficiaria do número de unidades físicas consideradas como módulos, de conformidade co previsto no artigo 8, especificando para este fin:

– Número das participantes coa consideración de atendidas, de acordo ao especificado no artigo 6.

– Número e porcentaxe das participantes atendidas que alcancen a consideración de inseridas por conta allea, segundo o especificado no artigo 7.

– Número e porcentaxe das participantes atendidas que alcancen a consideración de inseridas por conta propia, segundo o especificado no artigo 7.

– Número e porcentaxe das participantes nun itinerario individualizado orientado ao desenvolvemento de competencias e empregos verdes.

– Número e porcentaxe das participantes nun itinerario individualizado orientado ao desenvolvemento de competencias e empregos dixitais.

b.2. Contía global da subvención xustificada, calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación presentada e os módulos previstos no artigo 8, segundo o sistema de cálculo e cuantificación mediante módulos establecido no devandito artigo. A liquidación da subvención realizarase en función das participantes que obteñan a condición de atendidas, así como das que alcancen a condición de inseridas. En ningún caso a liquidación poderá superar a contía da subvención inicialmente concedida. O cálculo realizarase considerando o número das participantes que obteñan a condición de atendidas polo módulo económico de 1.715 €, así como das que alcancen a condición de inseridas, por conta propia e por conta allea, polo módulo económico de 2.500 €.

b.3. Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia, así como a acreditación de ingresar, de ser o caso, o importe correspondente á diferenza entre a cantidade xustificada e a recibida en concepto de anticipo.

4. Toda a documentación xustificativa se presentará, electronicamente, xunto cun índice coa numeración e nome dos documento presentados, e dirixirase á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación. Poderase requirir documentación xustificativa complementaria para a xustificación do gasto realizado, así como para dar cumprimento adecuado ás obrigas de xestión e seguimento do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e poderase solicitar información sobre a execución dos proxectos subvencionados ou sobre as mulleres beneficiarias que sexa precisa para alimentar o sistema de xestión e seguimento, que a normativa nacional ou europea estableza para a xestión, o seguimento e control do financiamento e os obxectivos do mencionado plan.

5. Todas as actuacións subvencionables que configuren os itinerarios personalizados de capacitación e inserción profesional realizados polas participantes serán obxecto dunha acreditación documental de finalización na que, xunto aos datos identificativos da muller participante, queden consignados a identificación da actuación realizada, o lugar e datas de realización, a súa modalidade de desenvolvemento e o resultado alcanzado na súa execución. Esta información será obxecto de reporte mensual, de conformidade co indicado no artigo 22.4.

6. Con todo, segundo o disposto no artigo 55 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias estarán dispensadas da obriga de presentar libros, rexistros e documentos de transcendencia contable ou mercantil ou calquera outra documentación xustificativa dos gastos realizados, sen prexuízo da obriga de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das correspondentes actuacións de comprobación e control, segundo dispón o artigo 11.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o artigo 14.1.g) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, así como de calquera outra obriga derivada da normativa estatal ou da Unión Europea que así o exixa. Neste sentido, deberán conservar os documentos xustificativos e demais documentación concernente ao financiamento, en formato electrónico, durante un período de 5 anos a partir da operación, ou de tres anos cando o importe da subvención sexa inferior a 60.000 euros, nos termos previstos no artigo 132 do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo (Regulamento financeiro).

7. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade verificará o nivel de inserción efectivo que a entidade beneficiaria certifica, de acordo cos termos establecidos na resolución correspondente.

Artigo 22. Seguimento, control e avaliación

1. As entidades beneficiarias deberán someterse ás actuacións de comprobación que efectúen a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás actuacións de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás que poidan efectuar a Comisión e o Tribunal de Contas Europeo, así como ás dos demais órganos de auditoría e control competentes.

2. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade proporcionará a información periódica de xestión que acredite o estado de situación deste programa en Galicia respecto de fitos e obxectivos e sobre o gasto en que se incorreu, coa periodicidade que determine o Mecanismo de recuperación e resiliencia e a través dos medios informáticos habilitados con esta finalidade, logo da súa verificación, incluíndo as contratacións resultantes dos itinerarios individualizados en que se concreta o Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, duración, datas de inicio e persoas traballadoras desempregadas que afecta. En particular, a Administración concedente solicitará, para efectos de auditoría e control do uso de fondos en relación coas medidas destinadas á execución de reformas e proxectos de investimento no marco do Plan de recuperación e resiliencia, en formato electrónico, as categorías harmonizadas de datos, de conformidade co especificado no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.

3. En todo caso, as subvencións reguladas nesta orde estarán sometidas ao seguimento, control e avaliación que se estableza para o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como as obrigas específicas relativas á información e publicidade, control, verificación, seguimento, avaliación e demais obrigas impostas pola normativa interna e da Unión Europea que se establezan para o Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE e cuxa aplicación sexa de obrigado cumprimento.

4. Con periodicidade mensual, as entidades beneficiarias efectuarán un reporte de seguimento, achegando información actualizada que permita a análise do cumprimento dos obxectivos comprometidos, incluída a etiquetaxe dixital (etiqueta 108-Apoio ao desenvolvemento das capacidades dixitais) e verde (etiqueta 01- Contribución ás competencias e empregos verdes), asignados ao Programa de apoio ás mulleres nos ámbitos rural e urbano, por medio dos formularios ou aplicacións informáticas que para estes efectos se establezan. Así mesmo, transcorridos 6 meses desde o inicio das actuacións polas entidades beneficiarias, verificarase o cumprimento do principio Do No Significant Harm-DNSH e, no caso de considerarse necesario, adoptaranse as medidas correctoras para asegurar a súa aplicación.

Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e as establecidas nesta orde, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Aboarlles ás mulleres participantes que acaden a consideración de atendidas o incentivo regulado no artigo 8 desta orde.

c) As entidades beneficiarias deberán crear e conservar un rexistro de asistencia e participación das mulleres atendidas a todas as accións relevantes do programa (entrevista inicial, outras entrevistas, sesións de orientación, sesións de formación, especificamente as sesións de formación en competencias dixitais, entre outras).

d) Comunicar e certificar, na forma e coa periodicidade que sexa indicada pola Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, a evolución periódica dos datos relativos ao cumprimento dos fitos e obxectivos correspondentes.

e) Aplicar medidas para evitar a fraude, a corrupción e os conflitos de intereses á hora de aplicar as subvencións recibidas ao financiamento de proxectos e actuacións. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación cos proxectos financiados con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, como é o caso, poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, a través da canle habilitada para o efecto. Sen prexuízo disto, tamén poderá empregar a canle de denuncias sobre irregularidades ou condutas de fraude que ten a súa sede no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_ES).

f) Cumprir as obrigas derivadas da etiquetaxe dixital (etiqueta 108-Apoio ao desenvolvemento das capacidades dixitais) e verde (etiqueta 01-Contribución ás competencias e empregos verdes).

g) Someterse aos controis dos órganos de control e fiscalización da Comisión Europea.

h) Conservar a documentación, de acordo co previsto no artigo 22.2.f) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e o artigo 132 do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 e (UE) nº 283/2014, e a Decisión nº 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012 (Regulamento financeiro).

i) Incluír os seus datos nunha base de datos única, de acordo co sinalado no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.

j) De acordo ao indicado co artigo 16, garantir o respecto ao principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do No Significant Harm-DNSH) e a etiquetaxe climática, conforme o previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e a súa normativa de desenvolvemento, en particular a Comunicación da Comisión Europea, Guía técnica sobre a aplicación do principio de non causar un prexuízo significativo, en virtude do Regulamento relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia (2021/C 58/01), así como de conformidade co requirido na Decisión de execución do consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID).

k) Someterse aos controis e inspeccións do órgano concedente e demais órganos e institucións recollidas no artigo 22.1. As entidades solicitantes están obrigadas a prestar colaboración e proporcionar calquera outra documentación e información que se considere necesaria para a verificación do cumprimento das condicións establecidas na presente orde.

Artigo 24. Perda do dereito ao cobramento, reintegros e réxime sancionador

1. O incumprimento por parte da entidade beneficiaria do establecido na resolución de concesión, así como na presente orde e demais disposicións aplicables en materia de subvencións, darán lugar, á vista da natureza e causas do incumprimento, á obriga de reintegrar, total ou parcialmente, as cantidades percibidas, así como a exixencia dos xuros de demora desde a data do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Esta obriga de reintegrar as cantidades percibidas será igualmente aplicable no caso de incumprimento da obriga da xustificación da subvención ou a xustificación insuficiente, así como no caso do incumprimento de fitos e obxectivos, calendario ou calquera outro aspecto relacionado coa normativa do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, conforme o previsto no artigo 7, regra sétima, da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, e no artigo 37.4 da Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro.

No caso de que non se cumpra o principio de «non causar prexuízo significativo» no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852, procederá o reintegro íntegro da subvención recibida máis os xuros de demora desde a data do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

No caso de incumprimentos en relación co número de mulleres atendidas e inseridas ou coa porcentaxe de itinerarios verdes ou dixitais, a cantidade que deberá reintegrar a entidade beneficiaria determinarase respondendo ao principio de proporcionalidade, no primeiro caso en función do módulo aplicable á parte dos obxectivos incumpridos e, no segundo caso, en función do recálculo necesario para que se cumpra a porcentaxe mínima dos itinerarios verdes ou dixitais realizados con respecto ao total de mulleres efectivamente atendidas, que se aplicará sobre o importe aboable en concepto de atención.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, será de aplicación o réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como, de ser o caso, o disposto no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de maio.

Artigo 25. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e a denominación da subvención concedida.

Artigo 26. Identificación e publicidade

Os itinerarios e as accións subvencionadas que configuren o Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano obxecto desta orde, así como canta publicidade se faga sobre el, deberán atoparse debidamente identificados de conformidade coas obrigas que en materia de información, comunicación e publicidade determine a normativa interna e da Unión Europea para o Mecanismo de recuperación e resiliencia, quedando obrigadas as entidades beneficiarias destas subvencións a facer mención na súa publicidade da orixe deste financiamento, velando por darlle visibilidade, incluído, cando proceda, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuado que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU». Esta visibilidade farase en particular cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público.

Para os efectos de difusión pública, nos lugares onde se realicen as accións deberán figurar de forma visible carteis informativos en modelo normalizado que cumprirán coas características indicadas no presente artigo.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Dispoñibilidade orzamentaria

A concesión das subvencións queda condicionada ás dispoñibilidades orzamentarias de cada exercicio económico.

Disposición adicional segunda. Normativa aplicable

Estas subvencións rexeranse, ademais de polo previsto nesta orde, polo disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no regulamento que a desenvolve, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro. Así mesmo, resulta aplicable o Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia; o previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia aprobado polo Consello de Ministros o 27 de abril de 2021, de conformidade co establecido pola Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021, e demais disposicións relativas á execución e xestión do Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR) e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR).

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición adicional cuarta. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Facultades de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións, aclaracións ou interpretacións necesarias para a aplicación, desenvolvemento e cumprimento da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

ANEXO A

Empregos verdes

Considéranse empregos verdes aqueles que permiten:

• Mellorar a eficiencia do consumo de enerxía e materias primas.

• Limitar as emisións de gases de efecto invernadoiro.

• Minimizar os residuos e a contaminación.

• Protexer e restaurar os ecosistemas.

• Contribuír á adaptación aos efectos do cambio climático.

O emprego verde é o emprego do sector ambiental; as novas empresas verdes; e a ecoloxización das empresas e as intervencións sectoriais nas áreas de construción, refugallos, enerxía, turismo, silvicultura e agricultura, entre outras. Os obxectivos que se pretenden conseguir co emprego verde son:

1. Mellorar a produción e o consumo eficientes dos recursos mundiais e procurar desvincular o crecemento económico da degradación do ambiente, conforme o Marco decenal de programas sobre modalidades de consumo e produción sustentables, empezando polos países desenvolvidos.

2. Lograr que as cidades e os asentamentos humanos sexan inclusivos, seguros, resilientes e sustentables.

3. Garantir modalidades de consumo e produción sustentables.

4. Adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos.

5. Conservar e utilizar sustentablemente os océanos, os mares e os recursos mariños para o desenvolvemento sustentable.

6. Protexer, restablecer e promover o uso sustentable dos ecosistemas terrestres, xestionar sustentablemente os bosques, loitar contra a desertificación, deter e inverter a degradación das terras e deter a perda de biodiversidade.

Exemplos de empregos verdes

Servizos de agricultura e gandaría dirixida á restauración dos ecosistemas e a implantar modelos de explotación animal máis ecolóxicos e sustentables, á redución, reutilización e xestión sustentable de residuos agrarios e gandeiros, ao impulso da agricultura e gandaría ecolóxicas.

Prestación de servizos en liña baseados nas novas tecnoloxías da información e comunicación, que contribúan a unha mobilidade sustentable e a reducir desprazamentos: teletraballo, teleatención médica, teleconferencia, teleensino ou teleasistencia.

Dixitalización de documentos que contribúan á sustentabilidade ambiental.

Servizos de Administración electrónica e solucións de TIC que contribúan á redución do consumo de papel e do impacto ambiental e á mellora da eficiencia enerxética.

Servizos para a rehabilitación de contornas e vivendas.

Desenvolvemento local rural e servizos de proximidade.

Servizos destinados a reducir a contaminación.

Servizos en materia de turismo interior e sustentable, turismo rural, turismo cultural e natural, turismo termal, dinamización turística.

Servizos en materia de enerxías renovables, autoconsumo de enerxía eléctrica, eficiencia e aforro enerxético.

Servizos para a vertebración do territorio.

Servizos en materia de comercio sustentable e de proximidade.

Servizos relacionados coa dixitalización, responsabilidade social corporativa, xestión dunha mellora ambiental.

Servizos relacionados coa xestión de espazos naturais.

Servicios relacionados co tratamento e depuración de augas residuais.

Servizos relacionados coa xestión e tratamento dos residuos.

Servizos relacionados coa xestión de zonas forestais, prevención, detección e extinción dos incendios forestais, recuperación da vexetación dos terreos forestais incendiados, investigación forestal, plans forestais.

Servizos en materia de educación, información e sensibilización ambiental.

Servizos relacionados coa protección do medio natural e a calidade ambiental.

Servizos relacionados coa protección, desenvolvemento e promoción do patrimonio cultural e o turismo ecolóxico.

Servizos para a xestión sustentable dos recursos naturais, especialmente a auga, o solo, as masas forestais, os espazos naturais e a fauna cinexética.

Servizos relacionados coa rehabilitación de vivendas e a edificación sustentable.

Investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) que contribúa á conservación, restauración e mellora da calidade do ambiente en calquera ámbito ou sector económico.

Servizos de conservación e mantemento do patrimonio de infraestruturas e aseguramento dunhas condicións de accesibilidade equitativas ao conxunto do territorio.

Conservación e restauración dos hábitats e especies ameazadas e prioritarias presentes de forma natural nas zonas rurais prioritarias.

ANEXO B

Empregos en competencias dixitais

– O Marco europeo de competencias dixitais para a cidadanía (DigComp) preséntase como unha ferramenta deseñada para mellorar as competencias dixitais da cidadanía.

– O DigComp desenvolveuno o Centro Común de Investigacións (JRC, Joint Research Centre) da Comisión Europea como resultado do proxecto encargado polas Direccións Xerais de Educación e Cultura xunto coa de Emprego.

–A competencia dixital (CD) é aquela que implica o uso creativo, crítico e seguro das tecnoloxías da información e da comunicación para alcanzar os obxectivos relacionados co traballo, a empregabilidade, a aprendizaxe, o uso do tempo libre, a inclusión e participación na sociedade. Require coñecementos relacionados coa linguaxe específica básica: textual, numérica, icónica, visual, gráfica e sonora, así como as súas pautas de decodificación e transferencia. Isto implica o coñecemento das principais aplicacións informáticas. Supón tamén o acceso ás fontes e ao procesamento da información; e o coñecemento dos dereitos e as liberdades que asisten as persoas no mundo dixital.

Áreas de competencia dixital

Áreas de competencia

Competencias

1. Información e alfabetización dixital

1.1. Navegar, buscar e filtrar información e contidos dixitais

1.2. Avaliar información e contidos dixitais

1.3. Xestionar información e contidos dixitais

2. Comunicación e colaboración a través de tecnoloxías dixitais

2.1. Interactuar

2.2. Compartir

2.3. Participación cidadá

2.4. Colaborar

2.5. Comportamento na Rede

2.6. Xestión da identidade dixital

3. Creación de contidos dixitais

3.1. Desenvolvemento de contidos dixitais

3.2. Integración e reelaboración de contidos dixitais

3.3. Copyright e licenzas

3.4. Programación

4. Seguridade

4.1. Protección de dispositivos

4.2. Protección de datos persoais e privacidade

4.3. Protección da saúde e do benestar

4.4. Protección ambiental

5. Resolución de problemas

5.1. Resolución de problemas técnicos

5.2. Identificación de necesidades e as súas respostas tecnolóxicas

5.3. Uso creativo de tecnoloxías dixitais

5.4. Identificación de fendas dixitais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file