DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Xoves, 31 de agosto de 2023 Páx. 51117

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 23 de agosto de 2023 pola que se establece a figura da persoa coordinadora de benestar e convivencia nos centros docentes de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na redacción dada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, establece no seu artigo 124.5 que as administracións educativas regularán os requisitos e as funcións que debe desempeñar o coordinador ou a coordinadora de benestar e protección, que debe designarse en todos os centros educativos independentemente da súa titularidade.

A Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia, dedica o capítulo IV do título III ao ámbito educativo. No artigo 35.1 refírese á obrigatoriedade de que todos os centros educativos onde cursen estudos persoas menores de idade, independentemente da súa titularidade, deben ter unha coordinadora ou un coordinador de benestar e protección do alumnado, que actuará baixo a supervisión da persoa que exerza a dirección ou a titularidade do centro. Así mesmo, no artigo 35.2 sinala que as administracións educativas competentes determinarán os requisitos e funcións que debe desempeñar a coordinadora ou o coordinador de benestar e protección e determinarán se estas funcións deben ser desempeñadas por persoal xa existente no centro escolar ou por novo persoal.

Nesta mesma lei orgánica establécese que todos os centros educativos elaborarán un plan de convivencia, de conformidade co artigo 124 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, entre cuxas actividades se incluirán a adquisición de habilidades, sensibilización e formación da comunidade educativa, promoción do bo trato e resolución pacífica de conflitos polo persoal do centro, o alumnado e a comunidade educativa sobre a resolución pacífica de conflitos.

A Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, sinala no seu artigo 10.1 que o proxecto educativo de cada centro docente incluirá un plan de convivencia que recolla e desenvolva os fins e principios establecidos no artigo 3 da lei e os regulados nas leis orgánicas sobre a materia. O dito plan integrará o principio de igualdade entre mulleres e homes e establecerá, sobre a base dun diagnóstico previo, as necesidades, obxectivos, directrices básicas de convivencia e actuacións, incluíndo a mediación na xestión dos conflitos, e conterá actuacións preventivas, reeducadoras e correctoras.

A Orde do 17 de xullo de 2007, pola que se regula a percepción da compoñente singular do complemento específico por función titorial e outras funcións docentes, establece que a persoa dinamizadora da convivencia coordinará a mellora do clima escolar, a través da función titorial e propoñendo accións cooperativas, e asesorará o resto do profesorado na inclusión de dinámicas de aula, que propicien a mellora da convivencia e a resolución pacífica de conflitos.

A Estratexia galega de convivencia escolar 2025 recolle, dentro dunha das liñas de actuación, a mellora da coordinación do benestar e protección do alumnado sinalando que, a través da figura da persoa que exerza a dita coordinación nos centros educativos, se establecerán os mecanismos necesarios para unha maior coordinación en materia de educación emocional, de xeito que se converterá nun referente para apoiar o labor do profesorado ante posibles casos de violencia no propio centro ou na súa contorna.

Tendo en conta que as funcións da persoa coordinadora de benestar e protección establecidas na Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, xa viñan sendo realizadas nos centros docentes da Comunidade Autónoma galega a través do desenvolvemento do Plan de convivencia, co apoio da dinamización de convivencia, é preciso acomodar esta nova figura ao marco normativo do sistema educativo galego. Así, baixo a denominación de persoa coordinadora de benestar e convivencia regúlase a figura que asume as funcións de coordinación de benestar e protección e de dinamización de convivencia.

A orde adecúase aos principios de boa regulación establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Cumpre cos principios de necesidade e eficacia, posto que resulta preciso regular as funcións da coordinación de benestar e protección indicadas na lei. En virtude do principio de proporcionalidade, contén a regulación imprescindible para cumprir co seu obxecto, e non existen outras medidas menos restritivas de dereitos ou que impoñan menos obrigas aos destinatarios. Contribúese coa presente regulación á seguridade xurídica, ao resultar coherente co ordenamento xurídico actual. O principio de transparencia garantiuse coa participación dos potenciais destinatarios a través do trámite de audiencia e información pública. Finalmente, no que respecta aos principios de eficiencia e simplicidade, permite unha xestión máis eficiente dos recursos públicos.

En consecuencia, como conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no exercicio das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto establecer a figura da persoa que exercerá a coordinación de benestar e convivencia nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Esta orde será de aplicación nos centros docentes correspondentes ao ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e nos que cursen estudos persoas menores de idade, agás nos centros que impartan as ensinanzas do primeiro ciclo de educación infantil.

Artigo 2. A persoa coordinadora de benestar e convivencia

A persoa coordinadora de benestar e convivencia será designada pola dirección do centro de entre o profesorado do claustro, preferentemente con destino definitivo, por un período de dous anos, priorizando a súa formación específica, a experiencia, o interese e a dispoñibilidade horaria.

Artigo 3. Funcións da persoa coordinadora de benestar e convivencia

1. A persoa coordinadora de benestar e convivencia actuará baixo a supervisión da persoa que exerza a dirección do centro docente.

2. As funcións da persoa coordinadora de benestar e convivencia son as seguintes:

a) En coordinación co equipo directivo:

– Coordinar o plan de convivencia e colaborar na súa dinamización xunto coa comisión de convivencia do centro.

– Fomentar o uso de métodos alternativos de resolución pacífica dos conflitos entre o persoal do centro e o alumnado, para o cal velará, entre outras accións, pola incorporación e tratamento no plan de acción titorial de contidos relacionados coas habilidades sociais, a intelixencia emocional, a autoestima, a resolución pacífica de conflitos, a mediación e as dinámicas de grupo.

– Identificarse ante o alumnado, ante o persoal do centro educativo e, en xeral, ante a comunidade educativa, como principal referente das comunicacións relacionadas con posibles casos de violencia no propio centro ou na súa contorna.

– Informar o persoal do centro sobre os protocolos de prevención e protección de calquera forma de violencia existente na súa localidade ou na súa comunidade autónoma.

– Promover, en situacións que supoñan un risco para a seguridade das persoas menores de idade, a comunicación inmediata por parte do centro educativo ás forzas e corpos de seguridade do Estado.

– Promover plans de formación en materia de prevención, detección precoz e protección da infancia e adolescencia, dirixidos tanto ao persoal que traballa nos centros educativos como ao alumnado e ás súas familias ou ás persoas titoras legais, con especial atención ao persoal do centro que actúa como titoras e titores, e á adquisición, por parte do alumnado, de habilidades para detectar e responder a situacións de violencia.

– Promover no centro docente unha alimentación saudable e nutritiva que permita ao alumnado, especialmente ao máis vulnerable, ter unha alimentación equilibrada.

– Promover, en situacións que poidan implicar un tratamento ilegal de datos persoais das persoas de menores de idade, a comunicación inmediata por parte do centro educativo, con coñecemento da persoa delegada de protección de datos da consellería con competencias en materia de educación, á Axencia Española de Protección de Datos.

b) En coordinación co departamento de orientación:

– Promover medidas que garantan o máximo benestar da infancia e da adolescencia, así como a cultura do bo trato, coordinando actuacións, que se realizarán no centro e desde a titoría, promotoras de valores democráticos de convivencia, negociación e diálogo e cultura de paz.

– Colaborar no deseño e desenvolvemento de programas facilitadores de detección de dificultades de convivencia e de relación.

– Fomentar o respecto polo alumnado con discapacidade ou calquera outra circunstancia de especial vulnerabilidade ou diversidade.

– Coordinar, de acordo cos protocolos establecidos, os casos que requiran intervención por parte dos servizos sociais competentes, debendo comunicalo ás autoridades correspondentes, se se valora necesario, e sen prexuízo do deber de comunicación nos casos legalmente previstos.

– Promover a participación das familias informándoas e asesorándoas, en especial no relacionado coa convivencia democrática e o benestar.

c) En coordinación coas asociacións de nais e de pais:

– Promover plans de formación en materia de prevención, detección precoz e protección da infancia e a adolescencia, dirixidos ás persoas proxenitoras e a quen exerza función de tutela, garda ou acollemento.

Artigo 4. Plan de traballo

1. O plan de traballo da coordinadora ou coordinador de benestar e convivencia incluirase dentro do plan de convivencia do centro e incorporará, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Introdución, cunha breve contextualización do plan no centro e unha xustificación deste.

b) Análise do contexto, que recollerá, como mínimo, a situación de partida no centro respecto aos ámbitos das súas funcións.

c) Obxectivos, nos cales se especificarán indicadores.

d) Procedemento de seguimento, avaliación e modificación do plan e, de ser o caso, de difusión.

2. O plan de traballo concretarase anualmente na programación xeral anual a través de accións enfocadas ao logro dos obxectivos establecidos que se pretendan desenvolver no correspondente curso académico.

Para cada unha das accións concretarase, como mínimo, a súa temporalización e os indicadores que permitan avaliar o nivel de logro acadado.

Disposición adicional única. A coordinación de benestar e convivencia nos centros públicos

Nos centros públicos a dirección do centro, dependendo da dispoñibilidade horaria e das características e do tamaño do centro, poderá asignar ata un máximo de dúas sesións lectivas e dúas sesións das complementarias fixas á coordinadora ou coordinador de benestar e convivencia para a realización das funcións recollidas no artigo 3.

A coordinación de benestar e convivencia terá a mesma consideración que as dinamizacións reguladas na Orde do 17 de xullo de 2007 pola que se regula a percepción da compoñente singular do complemento específico por función titorial e outras función docentes.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Derróganse a letra c) do artigo 6, o artigo 11, o artigo 12 e a referencia á convivencia escolar do número 3 do artigo 8 da Orde do 17 de xullo de 2007 pola que se regula a percepción da compoñente singular do complemento específico por función titorial e outras funcións docentes.

2. Derróganse todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Calendario de aplicación

O contido da presente orde aplicarase partir do curso 2023/24.

Disposicións derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar as medidas precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades