DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Venres, 1 de setembro de 2023 Páx. 51180

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 14 de agosto de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas a centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2023/24 (código de procedemento ED301I).

O capítulo I do título II, relativo ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as administracións educativas disporán os medios necesarios para que todo o alumnado acade o máximo desenvolvemento persoal, intelectual, social e emocional, así como os obxectivos establecidos con carácter xeral nesta lei. De igual maneira, especifica a igualdade de criterios para a determinación de recursos entre os centros públicos e os centros privados concertados.

De conformidade co Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, que regula a admisión do alumnado en centros sostidos con fondos públicos, e co Decreto 229/2011, do 7 de decembro, que regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, garántese unha adecuada e equilibrada escolarización do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, e asegúrase a calidade educativa para todos, a cohesión social e a igualdade de oportunidades.

Por isto, de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Normas xerais

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é establecer os criterios, os requisitos e o procedemento (código ED301I) para a concesión de axudas económicas aos centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo nas correspondentes unidades concertadas, naqueles aspectos que non estean xa cubertos polo concerto educativo, ao longo do curso escolar 2023/24.

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por alumnado que presenta necesidades específicas de apoio educativo aquel que requira por un período da súa escolarización, ou ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións específicas derivadas de discapacidade motórica, sensorial, intelectual ou trastornos graves da conduta, da comunicación e a linguaxe.

Artigo 2. Vixencia

Esta orde terá vixencia temporal para o curso académico 2023/24, desde o día 1 de setembro de 2023 ata o 30 de xuño de 2024.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Os centros docentes privados que teñan concerto vixente coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para as ensinanzas do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, formación profesional básica e ciclos formativos de grao medio e superior.

Os centros con unidades concertadas de educación especial só poderán optar ás axudas para a finalidade prevista no artigo 4.2 desta orde.

2. Exclúense desta convocatoria os centros concertados específicos de educación especial.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

4. Para obter estas axudas, os solicitantes terán que estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, da Seguridade Social e da Comunidade Autónoma.

Artigo 4. Finalidade das axudas

As axudas reguladas nesta orde poderán empregarse, en atención ás necesidades do centro, para os seguintes fins:

1. Por unha contía máxima de 300.000,00 euros (artigo 5.1 e 5.2) para:

a) Contratación de persoal complementario: logopeda, fisioterapeuta, psicólogo/a, pedagogo/a, traballador/a social, educador/a social, terapeuta ocupacional, intérprete de lingua de signos e coidador/a.

b) Reparacións, mantemento e obras ou instalacións menores de contía non superior ao 15 % da axuda.

c) Compra de material específico ordinario non inventariable.

2. Por unha contía máxima de 150.000,00 euros (artigo 5.3 e 5.4) para a compra de material inventariable específico para a atención do alumnado con necesidades de apoio educativo.

Artigo 5. Orzamento

A dotación total das axudas a centros privados concertados para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2023/24 ascende a un máximo de 450.000,00 € e tramitarase con cargo ás seguintes partidas orzamentarias:

1. 10.08.422A.482.3, para os niveis de educación infantil, de primaria e de educación secundaria obrigatoria, por unha contía total máxima de 95.845,00 € para o período setembro-decembro do ano 2023 e de 191.689,00 € para o período xaneiro-xuño de 2024.

2. 10.08.422M.482.3, para o nivel de formación profesional, incluída a formación profesional básica, por unha contía total máxima de 4.155,00 € para o período setembro-decembro do ano 2023 e de 8.311,00 € para o período xaneiro-xuño de 2024.

Ambas as dúas partidas irán destinadas a finalidades a que se refiren as letras a), b) e c) do punto 1 do artigo 4.

3. 10.08.422A.780.0, para os niveis de educación infantil, de primaria, e de educación secundaria obrigatoria, por unha contía total máxima de 47.922,00 € para o período setembro-decembro do ano 2023 e de 95.844,00 € para o período xaneiro-xuño de 2024.

4. 10.08.422M.780.0, para o nivel de formación profesional, incluída a formación profesional básica, unha contía total máxima de 2.078,00 € para o período setembro-decembro do ano 2023 e de 4.156,00 € para o período xaneiro-xuño de 2024.

As dotacións dos números 3 e 4 destinaranse, exclusivamente, á adquisición de material inventariable específico para a atención de alumnado con necesidades de apoio educativo.

Artigo 6. Concorrencia con outras axudas

A presente axuda é compatible con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, tendo en conta o disposto nos artigos 11.d) e 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

CAPÍTULO II

Procedemento de tramitación, xustificación e pagamento

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A solicitude estará asinada pola persoa solicitante ou representante do centro educativo.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. No caso de presentación doutras axudas para o mesmo proxecto ou actividade, a persoa solicitante indicará na declaración responsable da solicitude (anexo I) o conxunto de todas as presentadas ou concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados e a súa contía. No caso contrario, declarará non telas solicitado.

E, en todo caso, a persoa solicitante declarará non estar incursa en ningunha das circunstancias que de conformidade co artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, impide obter a condición de beneficiaria e, así mesmo, que asume o compromiso de manter o cumprimento deste requisito durante o período de tempo de xestión e xustificación da subvención.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa en que consten as necesidades específicas do centro para atender o alumnado que requira apoio educativo.

Esta memoria indicará a finalidade á cal se prevé destinar as axudas: contratación de persoal complementario, reparacións, mantemento, material non inventariable; ou material inventariable. No caso de prever a adquisición de material inventariable, a memoria incluirá unha relación detallada de materiais, finalidades e necesidades que pretenden atender con eles.

b) Certificación en que se detalle o alumnado segundo o tipo de discapacidade a que se refire o punto 2 do artigo 1 desta orde e, se é o caso, o grao recoñecido polo organismo competente.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade do artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas en momento no que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Publicación dos actos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión das axudas.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicación a través da páxina web, portal educativo http://www.edu.xunta.gal/portal, a proposta de resolución provisional.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola base.

Artigo 15. Criterios de valoración

Para a asignación das contías seguiranse os seguintes criterios:

a) Alumnado matriculado no curso 2023/24 que reúna os requisitos establecidos no artigo 73 da Lei orgánica de educación, debidamente xustificados. Por cada alumna ou alumno contabilizaranse 8 puntos.

b) Alumnado cos mesmos requisitos da letra a) deste artigo matriculado no curso 2022/23. Por cada alumna ou alumno contabilizaranse 4 puntos.

c) Proporción entre o alumnado total do centro e o que reúna os requisitos desta convocatoria, con exclusión das etapas non concertadas. Calcularase a porcentaxe á cal se aplicará a seguinte puntuación:

%

Puntos

Menor ou igual a 0,1

0

Máis do 0,1 e ata o 0,3

4

Máis do 0,3 e ata o 0,5

8

Máis do 0,5 e ata o 1

12

Máis do 1

16

d) Grao de discapacidade do alumnado:

%

Puntos por alumno/a

Ata o 33

8

Máis do 33 e ata o 66

12

Máis do 66

16

Artigo 16. Distribución das axudas

1. Unha vez sumadas as puntuacións obtidas por cada centro, segundo o artigo anterior, o importe da axuda concedida a cada un será proporcional á puntuación deste con respecto á suma das puntuacións de todos os centros.

2. A distribución das axudas farase por niveis educativos, cos límites establecidos no artigo 5 desta convocatoria, agrupados do seguinte xeito:

a) Educación infantil, primaria e educación secundaria obrigatoria.

b) Formación profesional e formación profesional básica.

3. A asignación que recibirá cada centro será como máximo de 15.000,00 €. Os decimais da cantidade asignada redondearanse á unidade.

Artigo 17. Comisión de Valoración

Baixo a presidencia da persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou daquela en quen delegue, constituirase unha comisión que se encargará de valorar as solicitudes, integrada polas persoas que desempeñen os seguintes postos de traballo:

a) Subdirección Xeral de Centros.

b) Servizo de Centros.

c) Servizo de Apoio Económico e Axudas ao Estudo.

d) Un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, que actuará como secretario/a, con voz pero sen voto.

As persoas integrantes desta comisión deberán absterse de intervir cando concorran nelas as circunstancias de abstención previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 18. Resolución

1. O órgano instrutor do procedemento é a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

2. A proposta de resolución provisional incluirá a cantidade asignada a cada centro e os centros excluídos indicando a causa, e publicarase no portal educativo http://www.edu.xunta.gal/portal

Así mesmo, enviarase un aviso da publicación ao correo electrónico dos centros.

3. As persoas interesadas poderán formular as alegacións que consideren oportunas no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no portal e achegar os documentos que se consideren pertinentes. Estas entenderanse estimadas ou desestimadas coa publicación da resolución definitiva.

4. A persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos elevará á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a proposta de resolución definitiva. Esta indicará a concesión ou denegación motivada das axudas, así como, se é o caso, a exclusión do centro indicando a causa.

5. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de cinco meses contados desde a publicación desta convocatoria.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

6. Transcorrido o prazo máximo para resolver de forma expresa e publicar, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo negativo, para os efectos de interpoñer fronte o acto presunto o recurso de reposición ou o contencioso-administrativo.

Artigo 19. Xustificación das axudas

1. Os beneficiarios presentarán obrigatoriamente por vía electrónica o modelo normalizado (anexo II) desta orde a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, dirixido á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, ata o 30 de xuño de 2024 (este incluído).

2. No caso de ter outras axudas para o mesmo proxecto ou actividade aprobadas ou concedidas ou pendentes de resolución, indicará na declaración responsable da declaración complementaria (anexo II), a clave do expediente ou ben o concepto subvencionado, e se está concedida a subvención, o importe e a súa procedencia. No caso contrario, declarará non telas solicitado.

E, en todo caso, a persoa declarante reitera a declaración do artigo 7.4 desta orde.

3. Xunto á declaración complementaria (anexo II), e no mesmo prazo a que se refire o punto 1 deste artigo, achegarán a seguinte documentación xustificativa dos gastos realizados:

a) Memoria das actividades realizadas (acorde coa memoria explicativa do artigo 8.1.a) da orde), que relacione directamente estas cos xustificantes de gasto achegados, asinada pola persoa representante do centro.

b) Nóminas derivadas da contratación de persoal complementario, facturas derivadas de reparacións, mantemento e obras ou instalacións menores, material inventariable e non inventariable e os respectivos xustificantes do seu pagamento, agrupados segundo o período ao cal correspondan: as emitidas entre o 1 de setembro e o 31 de decembro de 2023; e as emitidas entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2024.

4. A documentación xustificativa dos gastos realizados con cargo ao importe anticipado da subvención concedida, deberá ser anterior ao 31 de decembro de 2023.

5. Se a xustificación da subvención está incompleta ou é incorrecta, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida que este xustificada de forma correcta.

Artigo 20. Pagamento das axudas

1. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sobre o procedemento de aprobación do gasto e pagamento das subvencións.

2. O pagamento realizarase do seguinte xeito:

a) Unha vez resolto o expediente farase un anticipo proporcional ao importe da axuda concedida ao centro, que suporá a entrega de fondos con carácter previo á xustificación, para financiar as actuacións inherentes á subvención.

O anticipo realizarase de oficio, por resolución motivada, e en ningún caso excederá do 80 % da subvención concedida, nin superará a anualidade prevista para cada exercicio orzamentario (artigo 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

b) En canto ao réxime de garantías en pagamentos anticipados, de acordo co artigo 65.4.f) e i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias non estarán obrigadas a constituír garantía.

c) O resto do importe concedido para o curso 2023/24, librarase logo da completa xustificación do cumprimento das condicións e da finalidade para a cal se concedeu.

Artigo 21. Fiscalización e control

1. Os beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderá realizar, en calquera momento ata transcorridos tres anos desde a resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os beneficiarios darán axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 22. Perda total ou parcial do dereito ao cobramento da axuda

1. O centro perderá de forma total ou parcial o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

a) Xustificar de forma incompleta ou fóra de prazo.

b) Incumprir os fins ou obxectivos para os cales se concedeu.

c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar, ou inhabilitación para ser beneficiario/a de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De concederlle outra subvención para esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicarllo á Administración, segundo dispón o artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

3. No caso de que se revogue a axuda, o centro terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de demora xerados desde o momento do seu pagamento, nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer un recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou directamente un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data, consonte o establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Autorizacións

Facúltase á persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file