DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Xoves, 7 de setembro de 2023 Páx. 51786

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 25 de agosto de 2023 pola que se modifica a Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestal, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR462B).

A Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro), no seu capítulo III aborda distintas regulacións en materia de medio rural. Modifica o artigo 81 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e, entre outras cousas, introduce modificacións para mellorar o procedemento de aprobación dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal (en diante, IOXF).

En consonancia coa modificación da Lei de montes de Galicia, a Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, modifica o número 6 do artigo 12 do Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, co obxecto de regular de forma clara os informes precisos para presentar a solicitude de aprobación dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal. Entre outros, prevese a exixencia dun informe de validación da documentación da persoa que vai presentar a solicitude.

A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no capítulo II, Da ordenación e xestión dos montes, do título III, Da planificación e xestión forestal sostible, regula a obrigatoriedade de dispoñer dun IOXF en función do tipo e característica do monte ou terreo forestal. O Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, que se dita en cumprimento do disposto no artigo 78 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula as instrucións xerais que conteñen os principios reitores, os criterios, os requisitos, os fins, a estrutura e os contidos mínimos que deben cumprir todos os IOXF.

Para impulsar o cumprimento das disposicións normativas indicadas, a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestal, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR462B) (DOG núm. 21, do 1 de febreiro de 2022).

O articulado da mencionada orde recolle expresamente que a comprobación final se baseará en verificar que os IOXF presentados cumpren coas exixencias legais dispostas na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e, en particular, co Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia.

Por todo o exposto, faise necesaria unha modificación da Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestal, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR462B), para adaptala ao novo acervo normativo de aplicación.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestal, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022

A Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestal, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 6 do artigo 8, que queda redactado como segue:

«6. Na presentación da solicitude de pagamento e xustificación, para os casos de MS, a persoa beneficiaria deberá achegar o xustificante de presentación de comunicación (procedemento MR627D) prevista no Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia. No caso dos PO, DCX e DSX, os servizos provinciais de montes comprobarán de oficio que os instrumentos están cargados na aplicación Xorfor e en fase “En validación”».

Dous. Modifícase o número 7 do artigo 8, que queda redactado como segue:

«7. Para os PO, DCX e DSX, obxecto de axuda ao abeiro desta orde, deberán solicitar a súa aprobación de acordo co establecido no Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, e realizar todas as xestións necesarias ata lograr a súa aprobación. De ser necesario, someterase o instrumento ao procedemento de avaliación de impacto ambiental. O instrumento deberá estar aprobado no prazo dun ano, ou dous anos no caso de ser necesaria a avaliación de impacto ambiental, contado desde o día seguinte ao da solicitude de aprobación do instrumento. Este prazo poderase ampliar logo de solicitude da persoa beneficiaria en que xustifique a necesidade da ampliación, sempre e cando o atraso na aprobación do instrumento sexa por causas non imputables ao beneficiario».

Tres. Modifícase o número 8 do artigo 8, que queda redactado como segue:

«8. Todos os IOXF obxecto de axuda ao abeiro desta orde deberán dispor no prazo dun ano, contado desde o día seguinte ao da aprobación do instrumento, da certificación forestal mediante, cando menos, un sistema internacionalmente recoñecido. A persoa beneficiaria deberá presentar o certificado correspondente no dito prazo no expediente de subvención e o seu incumprimento dará lugar á revogación da axuda concedida tras a resolución do correspondente acordo de inicio de perda do dereito á axuda e reintegro».

Catro. Modifícase o terceiro parágrafo do número 4 do artigo 17, que queda redactado como segue:

«A comprobación final basearase en verificar que os IOXF presentados cumpren coas exixencias legais dispostas na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e, en particular, co Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia. Para os efectos de comprobación poderanse empregar os mesmos informes de valoración administrativos e técnicos que os empregados para a aprobación dos IOXF.

Cinco. Modifícase a letra b) do número 3 do artigo 18, que queda redactada como segue:

«b) Para os PO, DCX e DSX, os beneficiarios deberán cargar o instrumento na aplicación Xorfor e presentalo para a súa validación, quedando o instrumento en estado “En validación”. Non serán válidos aqueles que estean nun estado anterior na dita aplicación Xorfor na data de presentación da solicitude de cobramento. No caso das AMS, as persoas beneficiarias deberán facer a adhesión a través do procedemento MR627D e deberá figurar como validada».

Seis. Modifícase o anexo XI nas seguintes epígrafes:

a) Epígrafe «A persoa beneficiaria ou representante declara», modifícanse os números 4 e 5 e engádense os números 6 e 7, que quedarán redactados como segue:

«4. Que, no caso de PO, DSX e DCX, está cargado o instrumento en Xorfor e está en estado “En validación”.

5. Que se compromete a realizar todas as xestións necesarias para lograr a aprobación do instrumento no prazo dun ano, ou dous de ser necesaria a avaliación de impacto ambiental, contado desde o día seguinte ao da solicitude de aprobación do instrumento.

6. Que se compromete a dispor, no prazo dun ano, ou dous anos no caso de avaliación de impacto ambiental, contado desde o día seguinte ao da aprobación do instrumento, da certificación forestal mediante, polo menos, un sistema internacionalmente recoñecido.

7. Que se compromete a manter as condicións para obter a puntuación aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes durante cinco anos, contados desde a data da solicitude do pagamento da axuda, excepto as que deriven da execución do plan especial aprobado, ou ben as debidas a causas excepcionais ou de forza maior indicadas no artigo 19.1.d) da orde».

b) Epígrafe «Documentación que se presenta», elimínase o documento «Xustificación de ter cargado o instrumento subvencionado en Xorfor e ter feito a solicitude administrativa para a súa aprobación (procedementos MR627A, MR627B e MR627C) no caso de PO, DCX e DSX».

Disposición única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file