DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Xoves, 7 de setembro de 2023 Páx. 51793

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 24 de agosto de 2023 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas de formación, en réxime de empresa tutelada, para os/as titulados/as en ciclos formativos de acuicultura, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PE601C).

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, no seu artigo 117 establece que a consellería competente en materia de pesca realizará as actuacións necesarias para o fomento da formación, a capacitación e a reciclaxe das persoas profesionais dos distintos sectores, así como a daquelas persoas que poidan demandar a devandita prestación formativa.

O tránsito á vida laboral é un dos aspectos máis relevantes nos novos enfoques da formación profesional. Dentro das iniciativas que se teñen revelado como máis eficaces para producir con éxito ese tránsito está o modelo de empresa tutelada. Este modelo facilita un período de práctica laboral nun ámbito de empresa simulada, no cal se reproducen os medios e procesos de produción e xestión reais, pero en que a titularidade dos medios de produción é da administración responsable do proceso de formación.

Resulta de grande interese, no marco dunha formación integral, para os/as titulados/as en ciclos formativos da formación profesional específica en acuicultura, participar neste itinerario de perfeccionamento profesional para desenvolver a actividade práctica de permanencia como traballadores/as en formación dentro das empresas tuteladas durante o tempo que abarcan as axudas obxecto desta convocatoria.

En consecuencia e de acordo co disposto no artigo 30.1.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a convocatoria de bolsas de formación, en réxime de empresa tutelada, para os/as titulados/as nos ciclos formativos de acuicultura, así como convocar catro (4) bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, de formación en réxime de empresa tutelada para a realización de prácticas de produción de cría de bivalvos para os anos 2023, 2024 e 2025 (código de procedemento administrativo PE601C).

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión dun ciclo formativo de acuicultura na data de remate do prazo de presentación de solicitudes desta orde de convocatoria. Poden presentarse aqueles/as alumnos/as titulados/as como técnicos/as medios en Operacións de Cultivo Acuícola/técnicos/as medios en Cultivos Acuícolas e/ou técnicos/as superiores en Produción Acuícola/técnicos/as superiores en Acuicultura.

b) Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea ou ser estranxeiro/a con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa e con dominio dalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Non estar incapacitado/a fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas que se convocan.

d) Non ter sido beneficiario/a destas bolsas ou doutras similares en anteriores convocatorias, excepto que no conxunto das convocatorias anteriores gozasen da bolsa por un período de tempo non superior a 5 meses.

e) Ter cursado os seus estudos nalgún dos centros públicos ou privados situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Número, duración, importe e lugar de realización das bolsas

1. O número de bolsas de formación en réxime de empresa tutelada para a realización de prácticas de produción de cría de bivalvos será de catro (4), que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 9 desta convocatoria.

2. As bolsas terán unha duración de dous (2) anos, contados desde a data indicada na resolución de concesión da bolsa, e sen posibilidade de prórroga.

3. O importe bruto mensual de cada bolsa será de novecentos euros (900 €).

4. Para a concesión destas bolsas destinarase un  crédito total de noventa e catro mil douscentos corenta euros (94.240 €). O seu financiamento farase con cargo á partida orzamentaria 15 03 422K 4800 (proxecto 2016 332) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia nos anos 2023 (7.200 €), 2024 (43.200 €) e 2025 (36.000 €).

5. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, destinaranse, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social, para continxencias comúns e profesionais, no ano 2023 (600 €), 2024 (3.840 €) e 2025 (3.400 €), con cargo á aplicación orzamentaria 15 03 422K 4840 (proxecto 2016 332) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Con este obxecto, aplícanse as regras de cotización correspondentes aos contratos para a formación e aprendizaxe establecidas na respectiva Lei de orzamentos xerais do Estado e nas súas normas de aplicación e desenvolvemento. O cálculo das cotizacións faise tomando como referencia a cota empresarial para o ano 2022, máis unha cantidade adicional para posibles incrementos producidos por altas e baixas na mesma bolsa e no mesmo mes.

6. Cada bolseiro/a contará con titores/as nomeados/as pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

7. Os/as titores/as elaborarán un plano formativo para os bolseiros en que quedarán reflectidos o horario de traballo e as normas de funcionamento do centro onde realizan a súa formación.

8. Non existirá obriga de cotizar pola continxencia de desemprego, así como tampouco ao Fondo de Garantía Salarial nin por formación profesional.

9. As persoas beneficiarias realizarán as actividades prácticas de produción de cría de bivalvos nas instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura na Illa de Arousa (Igafa), segundo a programación formulada polo/a titor/a correspondente.

Artigo 4. Presentación das solicitudes, documentación e prazos

1. As solicitudes, xunto coa documentación adicional requirida, presentaranse conforme o modelo oficial que figura como anexo I da convocatoria, por calquera das seguintes vías:

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

3. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, acompañada dun índice, e ordenada segundo se indica:

a) Xustificación do pagamento dos dereitos de expedición do título académico non universitario de técnico/a de ciclos formativos correspondente, só no caso de que o título aínda non fose expedido.

b) Poder de representación da persoa representante: a representación acreditarase por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

c) Certificación académica completa dos estudos realizados indicados nesta convocatoria, con detalle das materias cursadas e as cualificacións obtidas.

d) Curriculum vitae da persoa solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados (debidamente relacionados e paxinados). Non serán computables aqueles méritos alegados que non estean convenientemente xustificados.

e) Certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga) cando non  fosen expedidos pola Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística).

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, se é o caso.

c) Título académico (non universitario) de técnico/a de ciclos formativos correspondente.

d) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Consulta da condición de bolseiro/a.

g) Certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga) cando fosen expedidos pola Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística).

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) No caso de persoas estranxeiras, certificado de residencia con data de última variación do padrón da persoa solicitante.

b) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta de datos, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar, en calquera momento, que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Criterios de valoración.

1. Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

a) Expediente académico: máximo 4 puntos.

Puntuarase de acordo co seguinte baremo:

Sobresaliente: 4 puntos.

Notable: 3 puntos.

Ben: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Suspenso: 0 puntos.

Aplicarase a fórmula [nº puntos /(nº materias + nº de convocatorias)].

Para efectos de cálculo da nota media, non se computarán aquelas materias que consten no expediente académico do alumno como validadas.

b) Curriculum vitae: máximo 2 puntos.

Valorarase:

b.1) Cursos ou formación máis axeitada para o desenvolvemento da bolsa (ata 0,75 puntos):

Acuarioloxía: 0,25 puntos.

Mariñeiro/a pescador/a: 0,25 puntos.

Formación básica: 0,25 puntos.

b.2) Cursos de idiomas: ata 0,70 puntos.

a) Lingua galega, seguindo os criterios da Orde do 10 de febreiro de 2014, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga) (DOG núm. 34, do 19 de febreiro de 2014):

– Celga 1 ou aqueles certificados que se poidan validar por este nivel: 0,01 puntos.

– Celga 2 ou aqueles certificados que se poidan validar por este nivel: 0,05 puntos.

– Celga 3 ou aqueles certificados que se poidan validar por este nivel: 0,10 puntos.

– Celga 4 ou aqueles certificados que se poidan validar por este nivel: 0,20 puntos.

No caso de acreditar máis de un grao de coñecemento do idioma galego, só se computará a puntuación correspondente ao superior.

b) Linguas estranxeiras: tómase como referencia o MCERL (Marco común europeo de referencia para as linguas do Consello de Europa) ou o Real decreto 1041/2017 (BOE núm. 311, do 23 de decembro).

1º. Lingua inglesa:

– Polo certificado de nivel básico A2: 0,10 puntos.

– Polo certificado de nivel intermedio B1: 0,10 puntos.

– Polo certificado de nivel intermedio B2: 0,20 puntos.

– Polo certificado de nivel avanzado C1: 0,30 puntos.

– Polo certificado de nivel avanzado C2: 0,40 puntos.

No caso de acreditar máis de un grao de coñecemento da lingua inglesa, só se computará a puntuación correspondente ao superior.

2º. Outros idiomas, polo certificado de nivel intermedio B2 ou superior: 0,10 puntos.

b.3) Cursos de Informática con aproveitamento (mínimo 30 horas): ata 0,30 puntos.

a) Entre 30 a 50 horas: 0,10 puntos.

b) Entre 51 a 100 horas: 0,20 puntos.

c) Máis de 100 horas: 0,30 puntos.

b.4) Permiso de condución de vehículos clase B: 0,25 puntos.

2. Só se valorarán aqueles méritos acreditados documentalmente polo/a solicitante, xunto coa súa solicitude. A puntuación final obterase da suma do expediente académico e do currículo.

3. No caso de que cos criterios enunciados anteriormente persista a igualdade de puntuación, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

4. As persoas candidatas serán ordenadas por orde decrecente de puntuación obtida e as bolsas adxudicaranse ás que acaden maior puntuación.

5. A Comisión elaborará unha lista de suplentes por orde decrecente de puntuación, en que figurarán os/as solicitantes que, cumprindo os requisitos, non acadaron puntuación suficiente para seren adxudicatarios/as de bolsa.

Artigo 10. Tramitación e resolución das solicitudes

1. O órgano competente para a instrución deste procedemento será a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. A dirección xeral comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é o caso, as causas da exclusión, na páxina web oficial da Consellería do Mar, no enderezo (www.mar.xunta.gal), e no taboleiro de anuncios do Instituto Galego de Formación en Acuicultura da Illa de Arousa (Igafa).

Esta lista estará exposta durante dez (10) días e as persoas interesadas poderán, durante ese prazo, emendar os erros e a falta de documentación ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e achegar, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, procederase conforme o establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Unha vez completados os expedientes, remitiranse á Comisión de Avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará, logo de aplicar os criterios indicados no artigo 9.

3. Comisión de Avaliación.

A selección das persoas candidatas será efectuada por unha comisión que estará integrada polas seguintes persoas:

– Presidente/a: a persoa que ocupe a dirección do Igafa.

– Suplente do/da presidente/a: a persoa que ocupe a subdirección xeral de Xestión, Ensino e Relacións Sectoriais ou persoa en quen delegue.

– Secretario/a: actuará como tal un dos membros da Comisión.

– Vogais: catro vogais designados pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, entre o persoal funcionario dos grupos A1 ou A2.

4. O órgano instrutor fará chegar a correspondente proposta de adxudicación e listaxe de suplentes á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, quen resolverá, por delegación do conselleiro do Mar, a concesión das bolsas. Na dita resolución figurará unha persoa beneficiaria por cada bolsa, así como unha relación de suplentes con todas as persoas solicitantes admitidas, de maior a menor puntuación, para cubrir as vacantes que se poidan producir. Esta resolución publicarase na páxina web oficial da Consellería do Mar, no enderezo (www.mar.xunta.gal). Así mesmo, a resolución determinará de forma expresa a desestimación do resto de solicitudes.

5. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

6. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de tres (3) meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Artigo 11. Publicidade

A resolución farase pública, para os efectos de notificación ás persoas interesadas, nos taboleiros de anuncios da Consellería do Mar e na súa páxina web oficial no enderezo (www.mar.xunta.gal).

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da lei, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 13. Aceptación da bolsa

1. Dentro dos dez (10) días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión nos taboleiros de anuncios e na páxina web oficial da Consellería do Mar, enderezo (www.mar.xunta.gal), as persoas beneficiarias das bolsas deberán confirmar a súa aceptación mediante un documento asinado polo/a bolseiro/a en que se comprometa a cumprir todas as condicións recollidas nas presentes bases. De non facelo no prazo indicado, considerarase tacitamente aceptada a bolsa e as condicións recollidas nestas bases, de conformidade co artigo 21.5, parágrafo segundo, da Lei de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, presentará declaración responsable en que conste que non realiza traballo remunerado nin desfruta doutro tipo de bolsa ou axuda.

3. Do mesmo xeito, de non comparecer no centro de destino no tempo estipulado, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro chamará suplentes para cubriren estas prazas.

4. A aceptación da bolsa supón o compromiso implícito de manter a confidencialidade da información obtida no desenvolvemento das actividades obxecto destas bolsas, de acordo coa normativa aplicable.

Artigo 14. Pagamento da bolsa e xustificación

1. As bolsas aboaranse mensualmente, por mensualidades completas ou fracción proporcional ao tempo de desfrute da bolsa, para os casos en que o/a bolseiro/a inicie ou remate a súa relación nunha data que non coincida co primeiro ou co derradeiro día de cada mes respectivamente. É necesario, para proceder ao pagamento mensual, que o/a director/a do Igafa certifique a actividade dos/das bolseiros/as.

2. O pagamento da última mensualidade quedará pendente ata que o/a bolseiro/a presente o informe final que resuma a actividade realizada por este durante todo o período de aproveitamento da bolsa, co visto e prace da persoa responsable do/da bolseiro/a, así como declaración de todas as bolsas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. O prazo máximo para a presentación do informe final será dun (1) mes a partir do remate da realización da bolsa.

3. Así mesmo, as persoas beneficiarias das bolsas están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 15. Obrigas dos/das bolseiros/as

a) O persoal bolseiro deberá desempeñar actividades de formación e de colaboración en relación coas tarefas das áreas a que se adscriban.

b) Co fin de facilitar o seu proceso de formación, os/as bolseiros/as contarán co asesoramento, orientación e dirección de dous/dúas titores/as, que definirán as tarefas que se realizarán, así como a formación que deberán recibir segundo o plan de formación do centro. A este respecto, será obrigatoria a realización e superación das actividades de formación indicadas.

c) As persoas beneficiarias deberán manter unha actitude participativa, de colaboración e respectuosa cos demais membros do centro, sen obstrución das tarefas encomendadas nos diferentes servizos.

d) Ao final do período de desfrute da bolsa, o/a adxudicatario/a deberá entregar unha memoria de actividades que será supervisada polo/a titor/a.

e) Estas bolsas non implican relación laboral ningunha co centro a que estea adscrito/a o/a beneficiario/a, nin supoñen ningún compromiso de incorporación posterior dos/das bolseiros/as ao seu cadro de persoal, aínda que si a necesaria e natural coordinación co horario, normas e disciplina do centro onde desenvolve a súa formación.

f) O aproveitamento da bolsa será incompatible con calquera outra bolsa que supoña remuneración directa ou axuda financiada con fondos públicos. Tamén será incompatible con salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do/da interesado/a, salvo os que teñan carácter esporádico cunha duración acumulada inferior a dous (2) meses por ano, sempre que isto non afecte a actividade habitual no exercicio da bolsa, e que se trate de ocupacións non vinculadas directa ou indirectamente co centro.

Artigo 16. Desenvolvemento das bolsas

1. Por petición dos/das interesados/as, ao remate da bolsa, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, logo de informe favorable da persoa titora e entrega dos informes e memorias solicitadas, expedirá certificación acreditativa dela.

2. Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun (1) ano, eliminarase a documentación non recollida.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución de concesión.

Artigo 18. Renuncias, revogación, interrupcións, procedemento de substitución e reintegro de cantidades

1. A renuncia á bolsa por parte da persoa beneficiaria, unha vez iniciado o desfrute desta, deberá comunicarse, mediante o correspondente escrito, á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, polo menos con dez (10) días de antelación á data en que se solicita para que sexa efectiva a súa renuncia. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas en exceso, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non gozada.

2. O/a titor/titora que coordine e dirixa o persoal bolseiro poderá propor á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das obrigas sinaladas.

3. A vacante poderase cubrir polo período de desfrute restante coa persoa candidata suplente correspondente, de acordo coa lista de suplentes elaborada pola Comisión de Avaliación.

4. As interrupcións da bolsa por supostos de baixa por incapacidade temporal (enfermidade ou accidente), risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade non darán lugar, en ningún caso, á posibilidade de recuperar o período interrompido.

5. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Réxime sancionador

As infraccións administrativas cometidas en relación coas bolsas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Réxime xurídico

Para todos aqueles aspectos non previstos nas presentes bases aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Será de aplicación o Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Artigo 21. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis (6) meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Disposición adicional única

En cumprimento co disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar os actos e as instrucións necesarios para a correcta aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2023

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file