DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Luns, 11 de setembro de 2023 Páx. 52247

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 24 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2023. Programa I: subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional (código de procedemento TR341K).

BDNS (Identif.): 715848.

De conformidade co previsto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Os centros especiais de emprego que, na data da solicitude da subvención, figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento (DOG núm. 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos no capítulo II das bases reguladoras e, en particular:

a) Que formen parte do seu cadro de persoal persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 5.2 da orde que establece as bases reguladoras destas axudas e que se define no punto terceiro deste extracto.

b) Que dispoña de unidades de apoio á actividade profesional e que estas teñan a composición establecida no artigo 31 das bases reguladoras.

Segundo. Obxecto e finalidade

O obxecto deste programa é subvencionar os custos salariais e da Seguridade Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida do persoal das unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE.

A finalidade é promover a integración laboral das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción mediante o seu emprego nos CEE da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Persoal destinatario final do programa

As persoas traballadoras dos CEE con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral. Defínense así as persoas que estean nalgún dos seguintes supostos:

a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

Cuarto. Contía e condicións da subvención

As subvencións establecidas neste programa destinaranse a financiar os custos salariais e da Seguridade e Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida do persoal traballador das unidades de apoio á actividade profesional nos CEE.

A contía base será de 1.000 euros anuais por cada persoa traballadora apoiada, co tipo e grao de discapacidade indicados no punto terceiro, con contrato indefinido ou contrato temporal de duración igual ou superior a seis meses. Esta contía reducirase proporcionalmente en función da duración dos contratos e da xornada laboral.

Serán subvencionables os custos salariais, incluídos os da Seguridade Social correspondentes ás mensualidades que se indiquen en cada convocatoria de axudas. Nos CEE cualificados de iniciativa social, a porcentaxe máxima subvencionable será o 100 % dos custos indicados no punto precedente e, nos centros que non estean cualificados como tales, subvencionarase como máximo o 80 %.

Quinto. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 24 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2023 (códigos de procedemento TR341K, TR341E, TR341N e TR341M).

Sexto. Financiamento

Para a concesión destas axudas destínanse cincocentos mil euros (500.000 euros).

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado como se indica no artigo 8.5 da orde.

Oitavo. Período subvencionable e xustificación da axuda

O período subvencionable comprende desde o 1 de xullo de 2023 ata o 30 de novembro de 2023.

A data máxima de xustificación será o 31 de decembro de 2023.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade