DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Luns, 11 de setembro de 2023 Páx. 52161

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 24 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2023 (códigos de procedemento TR341K, TR341E, TR341N e TR341M).

No marco establecido nos artigos 40 e 49 da Constitución española; no Real decreto lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de emprego; nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e o respectivo Plan anual de política de emprego (en diante, PAPE), e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan a calidade dun modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade de toda a sociedade galega para crear emprego, en especial para aquelas persoas cuxa integración laboral supón máis dificultades, como son as persoas con discapacidade.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, polo que asume as facultades, función e servizos correspondentes a este ámbito.

De acordo co disposto no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, correspóndelle á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, o exercicio das anteriores competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego e entidades de economía social.

Consonte o anterior, correspóndelle a esta consellería a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das axudas e subvencións para a integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego (en diante, CEE), e das subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE.

Dadas as características e a tipoloxía dos CEE na Comunidade Autónoma de Galicia, a Xunta de Galicia recolleu como programas propios do PAPE as actuacións en materia de axudas aos CEE, o que permite establecer melloras respecto do recollido na normativa estatal.

O artigo 37 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, establece que será finalidade da política de emprego aumentar as taxas de actividade, de ocupación e inserción laboral das persoas con discapacidade, así como mellorar a calidade do emprego e dignificar as súas condicións de traballo, combatendo activamente a súa discriminación. Para iso, as administracións públicas competentes fomentarán as súas oportunidades de emprego e promoción profesional no mercado laboral e promoverán os apoios necesarios para a busca, a obtención e o mantemento do emprego, así como o retorno a el.

O artigo 43 deste texto refundido define os CEE como aqueles cuxo obxectivo principal é realizar unha actividade produtiva de bens ou de servizos, participando regularmente nas operacións do mercado, e que teñen como finalidade asegurar un emprego remunerado para as persoas con discapacidade e a prestación de servizos de axuste persoal e social que requiran os seus traballadores e as súas traballadoras con discapacidade, ao mesmo tempo que é un medio de integración do maior número de persoas traballadoras con discapacidade ao réxime de traballo normal.

Nas definicións do artigo 5.1 desta orde séguese o disposto na disposición derradeira segunda da Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, que modifica a Lei xeral de persoas con discapacidade e da súa inclusión social aprobada mediante Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, quedando o artigo 4.2 como segue:

«Ademais do establecido no punto anterior, para os efectos desta lei, terán a consideración de persoas con discapacidade aquelas ás cales se lles recoñeza un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.

Sen prexuízo do anterior, para os efectos da Sección 1ª do capítulo V e do capítulo VIII do título I, así como do título II, considérase que presentan unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 por cento as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente en grao total, absoluta ou gran invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade».

A dita disposición derradeira segunda da Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, modifica, ademáis, o artigo 35.1 da mesma norma coa seguinte redacción:

«As persoas con discapacidade teñen dereito ao traballo, en condicións que garantan a aplicación dos principios de igualdade de trato e non discriminación. Sen prexuízo do disposto no artigo 4, para os efectos do presente capítulo VI e do exercicio do dereito ao traballo das persoas con discapacidade, terán a consideración de persoas con discapacidade as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente en grao de total, absoluta ou gran invalidez, e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade».

Segundo o artigo 5.4 da Lei 5/2011, do 29 de marzo, de economía social, os CEE decláranse entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral. Son iniciativas empresariais que combinan a viabilidade económica empresarial coa inserción laboral do maior número de persoas con discapacidade e, en todo caso, como mínimo o 70 % do total do cadro de persoal. Polo tanto, os CEE dan resposta a unha necesidade social esencial e executan unha obriga de servizo público na Comunidade Autónoma de Galicia, como é a integración social e laboral das persoas con discapacidade.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, en concordancia co desenvolvemento doutras medidas no ámbito social, e na execución das políticas activas de emprego e no marco do Plan estratéxico de Galicia 2022-2030, establece accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade, que teñen por obxecto a mellora da súa empregabilidade e, coordinadamente, o establecemento de medidas para a súa inserción normalizada no mercado de traballo, pois entende que o acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración deste colectivo na economía e na sociedade nun sentido amplo.

Do mesmo xeito, a Estratexia de economía social de Galicia recolle como actuacións prioritarias o reforzo dos programas de creación de emprego, con especial atención á integración de colectivos con especiais dificultades, como as persoas con capacidades diferentes e as que están en situación ou risco de exclusión, así como o apoio ás entidades que traballan para a integración laboral destes colectivos.

Neste sentido, configúranse as axudas deste texto normativo que ten por obxecto es- tablecer as bases reguladoras das axudas aos CEE, co fin de garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade.

O capítulo I trata as normas xerais e nos capítulos II a IV determínanse as condicións específicas de tres programas ou liñas de axudas claramente diferenciadas:

– Programa I: o capítulo II establece as bases reguladoras específicas ás unidades de apoio á actividade profesional dos CEE, que consiste na subvención parcial dos custos salariais e de seguridade social do persoal indefinido destas unidades que apoiarán as persoas con discapacidade que teñan máis dificultades de integración sociolaboral.

– Programa II: o capítulo III regula as axudas para a creación de postos de traballo estables (no cal se establecen incentivos para determinados colectivos máis desfavorecidos) e axudas para a adaptación de postos.

– Programa III: o capítulo IV regula as axudas ao mantemento do custo salarial, que ten por obxecto regular a compensación económica pola prestación do servizo de interese económico xeral desenvolvida polos CEE, mediante o financiamento parcial dos custos salariais dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade.

Neste punto, cómpre especificar o que son os centros especiais de emprego de iniciativa social. A definición de CEEIS está recollida no artigo 43.4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, segundo a modificación introducida pola Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público. Ben que en termos xerais esta definición ten un alcance semellante á actual de CEE «sen ánimo de lucro» (SAL), recollida no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, ambas non son totalmente coincidentes, o que pode xerar confusión e inseguridade en canto ao alcance dunha e doutra e dificultar a extensión desta figura. Tendo en conta que todos os CEE cualificados como SAL, de conformidade co dito Decreto 200/2005, do 7 de xullo, reúnen as condicións para seren considerados de iniciativa social segundo a Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, considérase que o emprego do termo CEEIS englobaría todos os CEE cualificados sen ánimo de lucro.

En calquera das modalidades de axudas que prevé esta orde, os centros beneficiarios poderán acollerse ao sistema de pagamento anticipado do gasto sen necesidade de constituír garantías.

Consecuentemente con todo o anterior, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo dos informes da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e autorizados polo Consello da Xunta de Galicia a exención da obriga de constituír garantías para os pagamentos anticipados, así como a modificación das porcentaxes máximas destes, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto, finalidade, principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras das subvencións aos centros especiais de emprego establecidas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, co fin de garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade, a través dos seguintes programas:

a) Programa I: axudas ás unidades de apoio á actividade profesional dos centros especiais de emprego, regulado no capítulo II (procedemento TR341K).

b) Programa II: axudas á creación de postos de traballo estables para persoas con discapacidade e adaptación de postos nos centros especiais de emprego, regulado no capítulo III (códigos de procedemento TR341E e TR341N).

c) Programa III: axudas ao mantemento do custo salarial das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego, regulado no capítulo IV (código de procedemento TR341M).

2. Esta orde convoca as axudas aos CEE para o ano 2023.

3. A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Os programas regulados nesta orde están financiados con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal, así como no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará limitada á existencia de crédito orzamentario.

3. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas aos programas desta orde.

4. Os créditos consignados en cada convocatoria poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

5. De producirse remanentes de crédito na asignación inicial para o financiamento de cada aplicación orzamentaria, proxecto ou programa, reasignaranse as contías sobrantes para atender as necesidades de crédito doutras aplicacións, proxectos e/ou programas. As reasignacións levaranse a cabo, logo das modificacións orzamentarias que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

6. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles en cada convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 3. Entidades beneficiarias das subvencións

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan nesta orde os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda nos capítulos II a IV desta orde. Igualmente, os centros de traballo para os cales se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do devandito decreto.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios:

a) Os CEE en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) Os CEE excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

c) Os CEE que non cumpran coa porcentaxe mínima do 70 % de persoas con discapacidade contratadas respecto do total do cadro de persoal. Nesta porcentaxe non se inclúe o persoal sen discapacidade dedicado á prestación de servizos de axuste persoal e social.

d) Os CEE que, carecendo de personalidade xurídica propia, non teñan unha xestión diferenciada da súa entidade titular. Para os efectos de ter unha xestión diferenciada, deberán levar unha contabilidade separada da dita entidade e ter unha conta de cotización da Seguridade Social propia do CEE.

e) Os CEE que non estean ao día nas obrigas rexistrais, segundo o establecido no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.

3. A acreditación, por parte das entidades solicitantes, de que cumpren as condicións sinaladas nas letras a), b), c) e d) do punto 2 deste artigo para poder obter a condición de beneficiarias das axudas realizarase mediante declaracións responsables que se inclúen nos anexos de solicitude de cada procedemento (anexos I, II, III e IV).

O órgano xestor poderá comprobar en calquera momento a veracidade das ditas declaracións.

4. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde deberán garantir o pleno cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH) e a etiquetaxe climática e dixital, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021, e no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, así como na súa normativa de desenvolvemento, en todas as fases do deseño e execución dos proxectos e de maneira individual para cada actuación.

5. As solicitudes deberán acompañarse dunha declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», no sentido establecido no punto 6 do artigo 2 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

6. En todo caso, as entidades beneficiarias preverán mecanismos de verificación do cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH) e medidas correctoras para asegurar a súa implementación, do que deixarán constancia na memoria xustificativa da subvención.

Artigo 4. Persoas destinatarias finais

1. A integración laboral por medio de centros especiais de emprego vai dirixida a persoas desempregadas ou ocupadas que teñan un grao de discapacidade recoñecido superior ou igual ao 33 %, que teñan un contrato laboral co CEE ou que sexan persoas socias traballadoras, no caso de que o CEE sexa unha cooperativa, e que desempeñen o seu posto de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

No programa I, as persoas destinatarias finais son as persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción sociolaboral, tal e como se definen no artigo 5.2.

2. As persoas traballadoras con discapacidade a que se dirixe esta orde non deben ocupar postos que quedasen vacantes como consecuencia dun despedimento declarado ou recoñecido improcedente dunha persoa traballadora con discapacidade pola que se concedeu a subvención ao abeiro desta ou doutras ordes de convocatoria de axudas a CEE.

3. As condicións do posto de traballo de cada unha das persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención deben adaptarse ás condicións individuais de cada persoa, de xeito que esta poida desenvolver as tarefas básicas do seu posto de traballo, sen menoscabo das súas capacidades.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos das axudas previstas nesta orde, entenderase por:

1. Persoas con discapacidade: aquelas que teñan recoñecida, pola Administración competente, unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %.

Tamén terán a consideración de persoa con discapacidade a persoa pensionista da Seguridade Social que teña recoñecida unha pensión de incapacidade permanente en grao de total, absoluta ou gran invalidez, e a persoa pensionista de clases pasivas que teña recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

2. Persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral: as persoas que se atopen nalgún dos seguintes supostos:

a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

c) Persoas pertencentes a colectivos con especial vulnerabilidade, definidos como tales en cada convocatoria de axudas.

3. Persoa traballadora: a persoa vinculada ao CEE por un contrato laboral ou a persoa socia traballadora no caso de que o CEE sexa unha cooperativa.

4. Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta na Seguridade Social.

5. Persoa emigrante retornada: de acordo co establecido nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, terán a condición de persoa galega retornada as persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega. Para os efectos previstos nesa lei, asimílanse a persoas galegas retornadas os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os fillos e fillas das persoas galegas e nacidas en Galicia con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os requisitos, con carácter xeral, para adquirir a condición de persoa galega retornada son os seguintes:

Ser persoa galega nacida en Galicia ou ter relación filial, conxugal ou análoga á conxugal cunha persoa en que concorran estas condicións.

Estar en posesión da nacionalidade española e ter vinculación cun concello galego no padrón de residentes no exterior antes do retorno.

– Constar no padrón dun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para adquirir esta condición de persoa emigrante retornada non deben transcorrer máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta orde.

6. Persoa trans: toda aquela persoa que se identifica cun xénero diferente ao que lle foi asignado ao nacer.

7. Centros especiais de emprego de iniciativa social: os que, cumprindo as condicións recollidas no artigo 43.4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, estean recoñecidos con esa condición polo Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia. Entenderase que teñen esta condición todos os CEE que estean cualificados como «sen ánimo de lucro» polo Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 10 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo.

8. Servizos de axuste persoal e social: os servizos de rehabilitación, terapéuticos, de integración social, culturais e deportivos, sempre que procuren á persoa traballadora con discapacidade do centro especial de emprego unha maior rehabilitación persoal e mellor adaptación da súa relación social.

9. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP), segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

Artigo 6. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, corresponderalles:

1. Á persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, cando se trate de solicitudes dos programas I e II.

2. Ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, cando se trate de solicitudes do programa III, referidas a centros de traballo radicados na respectiva provincia.

Artigo 7. Normativa aplicable

As solicitudes, a tramitación e a concesión destas axudas axustaranse ao disposto no Regulamento (UE) 2021/241, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR); no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) de España, aprobado o 16 de xuño de 2021 por Decisión do Consello de Europa; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional, nos termos previstos na disposición adicional décima do Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego do Sistema nacional de emprego.

Artigo 8. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas regulados nos capítulos II, III e IV desta orde.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados que se publicarán con cada convocatoria de axudas como anexos I, II, III e IV (segundo o tipo de axuda de que se trate) e que estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3. As solicitudes de subvención deberán presentarse xunto coa documentación complementaria sinalada nesta orde para cada programa e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. O prazo de presentación das solicitudes para cada un dos programas previstos nesta orde establecerase en cada convocatoria de axudas e será, como mínimo, dun mes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. Xuntarase coa solicitude a documentación complementaria sinalada para cada un dos programas de axudas definidos nestas bases reguladoras.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

3. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código do rexistro.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban facer tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos regulados nesta orde consultaranse automaticamente os datos que sexan necesarios para cada fase e tipo de axuda, de entre os incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social a persoa solicitante.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a persoa solicitante.

f) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria a persoa solicitante.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Informe das contas de cotización asociadas ao NIF da entidade solicitante.

j) DNI ou NIE das persoas con discapacidade do CEE e das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención, de ser o caso.

k) Consulta dos contratos de traballo das persoas polas cales se solicita a subvención e/ou das persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención, de ser o caso.

l) Informe da vida laboral das persoas polas cales se solicita a subvención e/ou das persoas con discapacidade destinatarias da subvención, de ser o caso.

m) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia, relativo ás persoas polas cales se solicita a subvención e/ou ás persoas con discapacidade destinatarias finais da subvención, de ser o caso.

n) Certificado das prestacións que figuran no Rexistro de Prestacións Sociais Públicas das persoas con discapacidade do CEE destinatarias finais da subvención, de ser o caso.

ñ) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego relativo ás persoas polas cales se solicita a subvención, cando lles sexa de aplicación esta circunstancia.

o) Titulacións universitarias/non universitarias.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os devanditos documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 13. Procedemento de concesión e fase de instrución

1. O procedemento de concesión das axudas non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto dos programas, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realizará pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos establecidos e en función da orde de entrada da solicitude no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (terase en conta a data e a hora de presentación) ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme o previsto no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional, e o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.

3. O órgano instrutor dos expedientes realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

4. Son órganos instrutores:

– A Subdirección Xeral de Economía Social da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para os programas I e II (códigos de procedemento TR341E, TR341N e TR341K).

– O Servizo de Apoio ao Emprego, Emprendemento e Economía Social das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o programa III de subvencións ao custo salarial (procedemento TR341M).

5. A instrución completarase incorporando ao expediente a información que conste na Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, sobre as autorizacións administrativas e inscricións no rexistro como CEE e os seus centros de traballo, así como o seu recoñecemento e inscrición como centro especial de emprego sen ánimo de lucro ou de iniciativa social, conforme o previsto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.

6. A unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nas bases reguladoras e/ou na convocatoria de axudas e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que, nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Artigo 14. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola Intervención das propostas emitidas polos órganos instrutores do procedemento, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e deberán serlles notificadas aos solicitantes.

As resolucións deberán ser sempre motivadas e nelas acordarase o outorgamento da axuda ou ben a non concesión, a desistencia ou a renuncia ao dereito. As ditas resolucións notificaránselles ás persoas interesadas.

As resolucións de concesión indicarán o período subvencionado e o importe concedido e incluirán como anexo a relación dos traballadores e das traballadoras con discapacidade do centro especial de emprego tidos en conta para o cálculo da contía da subvención, así como a súa xornada laboral, o tipo de contratación e a duración dos contratos temporais.

Así mesmo, as resolucións do programa I indicarán o persoal da unidade de apoio subvencionado, a súa xornada e o número de persoas con discapacidade atendidas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

As resolucións que se diten nestes procedementos esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con anterioridade á interposición do dito recurso, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.

4. A concesión e, se é o caso, o pagamento das axudas ás entidades beneficiarias quedarán condicionados á terminación dos procedementos, de reintegro ou sancionador, iniciados no marco das axudas ou subvencións da mesma natureza concedidas pola Comunidade Autónoma de Galicia e os seus organismos vinculados ou dependentes.

Artigo 16. Xustificación da axuda e gastos subvencionables

1. A xustificación por parte dos CEE beneficiarios do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e da aplicación dos fondos percibidos documentarase mediante conta xustificativa, que se presentará polos mesmos medios que os establecidos para a presentación das solicitudes.

O rendemento da conta xustificativa deberá incorporar a documentación que se exixa na resolución de concesión e a correspondente segundo o programa de que se trate.

2. O prazo de presentación da conta xustificativa será o que se sinale en cada convocatoria ou, de ser o caso, o que se fixe na resolución de concesión. Non obstante, se o prazo desde a notificación da resolución ata a data establecida como límite para xustificar resulte ser inferior a dez (10) días, o prazo será de dez (10) días contados desde a dita notificación.

Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente, recibo de salarios, etc.) en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento nos dez (10) días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

Transcorrido o prazo establecido para a xustificación sen ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa ou entidade beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez (10) días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Excepcionalmente, e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

3. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Considerarase gasto realizado o que corresponde a actuacións levadas a cabo no período de execución sinalado na convocatoria e que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que regula as obrigas de facturación, e estarán emitidas a nome do centro especial de emprego beneficiario das axudas.

4. Só se admitirá como documentación xustificativa do pagamento dos gastos a transferencia bancaria, a certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

No recibo/extracto bancario deberá constar o número de conta e a titularidade das persoas ou entidades receptoras e emisoras dos pagamentos (debendo estas últimas coincidir coas beneficiarias das axudas), así como o concepto e o importe (IVE incluído) do pagamento. Os mesmos datos deberán constar no caso de xustificantes bancarios emitidos a través da internet. Os datos dos xustificantes bancarios de pagamento deberán coincidir exactamente cos da factura ou os do recibo de salarios, segundo a axuda de que se trate.

Se o importe reflectido no documento bancario non coincide por existiren varios pagamentos agrupados, deberá presentarse unha desagregación onde se poidan identificar os pagamentos en cuestión.

5. Para a determinación dos gastos subvencionables teranse en conta as particularidades exixidas para cada un dos programas de axudas.

Artigo 17. Pagamento da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación que se exixa de forma expresa na resolución de concesión, xustificativa da realización da actividade para a cal se concedeu a subvención.

O pagamento da axuda efectuarase de forma nominativa a favor das persoas ou entidades beneficiarias.

2. Poderán realizarse pagamentos anticipados do gasto, con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes ás subvencións recollidas nesta orde e sempre que o CEE o solicite marcando esta opción no anexo de solicitude ou mediante escrito dirixido ao órgano xestor da axuda en calquera momento anterior á data límite de xustificación das axudas.

3. Para realizar estes pagamentos anticipados, as entidades beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías, conforme o disposto no artigo 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. O pagamento final da axuda terá lugar cando se liquide o expediente, unha vez xustificada a totalidade da axuda concedida e logo de ditar as resolucións complementarias ou revogatorias que procedan segundo o previsto no artigo 20.

Cando a cantidade xustificada for inferior á anticipada, a diferenza descontarase do pagamento final e, de ser o caso, procederase ao reintegro do exceso, que o CEE poderá ingresar de maneira voluntaria segundo o previsto no artigo 22.

5. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres o CEE non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e coa Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Así mesmo, non procederá o pagamento final da subvención mentres o CEE non estea ao día no cumprimento da obriga de presentar, ante o Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a memoria anual prevista no artigo 8 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento. O cumprimento desta obriga será comprobado de oficio polo órgano xestor das subvencións.

Artigo 18. Incompatibilidades

1. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria.

2. As subvencións do custo salarial previstas no programa III desta orde serán incompatibles, para a mesma persoa traballadora con discapacidade, coas establecidas para as unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE reguladas no programa I, no suposto dunha persoa traballadora con discapacidade integrante da unidade de apoio á actividade profesional.

No caso de que se soliciten axudas para os dous programas e ambas reúnan as condicións para ser subvencionables, concederase unicamente a de custo salarial.

As axudas dos programas I e III serán incompatibles, respecto da mesma persoa con discapacidade, coas axudas que se convoquen baixo o Programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego.

Artigo 19. Obrigas xerais dos centros especiais de emprego

Son obrigas dos CEE beneficiarios das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial, as seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención. Especificamente para o programa III, presentar a documentación xustificativa da axuda nos termos do disposto no artigo 47 desta orde.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como a calquera outra actuación xa sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que deberán achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con fondos recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

De acordo con esta obriga, os centros especiais de emprego deberán anunciar no seu domicilio social e nos seus centros de traballo que están sendo subvencionados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o SEPE. Para isto incorporarán un rótulo visible ao público que inclúa o nome do centro, a expresión «centro especial de emprego» e o logotipo da Xunta de Galicia, o do SEPE e o do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Os formatos que se utilicen serán os proporcionados pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que constan na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, na ligazón: https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego

Así mesmo, deberán informar ás persoas traballadoras respecto da subvención do seu contrato.

A percepción dos fondos do Plan de recuperación e resiliencia está condicionada a que os perceptores finais se comprometan por escrito a conceder os dereitos e os accesos necesarios para garantir que a Comisión, a Oficina Europea de Loita contra o Fraude (OLAF), o Tribunal de Contas Europeo, a Fiscalia Europea e as autoridades nacionais competentes exerzan as súas competencias.

De acordo con esta obriga, a empresa subvencionada deberá anunciar que está sendo subvencionada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e fará mención á orixe do financiamento, da Unión Europea, NextGenerationEU. Para isto, incorporará un cartel informativo dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible durante o período mínimo dun ano desde o pagamento da subvención. O dito cartel estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e na web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

i) Ter levado a cabo a organización preventiva, a auditoría, se procede, e o plan de prevención, de acordo co previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e a normativa regulamentaria de desenvolvemento.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Someter a auditoría as contas anuais correspondentes ao exercicio en que recibisen subvencións ou axudas públicas por un importe total acumulado superior a 600.000 euros, e naqueles exercicios en que se realicen operacións ou se executen investimentos correspondentes ás ditas subvencións ou axudas, conforme o establecido no texto refundido da Lei de auditoría de contas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2011, do 1 de xullo, e o regulamento que o desenvolve, aprobado polo Real decreto 1517/2011, do 31 de outubro.

l) Agás aquelas entidades beneficiarias que, pola normativa vixente, estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

m) Estar ao día no cumprimento das obrigas rexistrais previstas no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento; en especial, cumprir coas obrigas de comunicación previstas no seu artigo 7 e coa obriga de presentar a memoria anual ante a Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, co contido e no prazo establecido no seu artigo 8.

n) Presentar, como máximo o 15 de febreiro do ano seguinte á publicación de cada convocatoria a información referida ao 31 de decembro do ano da convocatoria que se indica no modelo publicado na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, na ligazón: https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, todo isto co fin de cumprir co establecido no artigo 13 do Real decreto 2273/1985, do 4 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de CEE.

Así mesmo, deberán presentar a certificación de realización do plan de prevención de riscos laborais a que se refire o artigo 16 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

o) Cumprir co convenio colectivo que resulte de aplicación.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

2. No programa III poderá modificarse a resolución inicial cando a contía xustificada sexa superior ou inferior á concedida por existiren variacións respecto da estimación realizada na resolución inicial.

No caso de que a contía xustificada sexa inferior á concedida, ditaranse as resolucións revogatorias que procedan.

Se a contía xustificada é superior á concedida, poderán ditarse resolucións complementarias.

3. As resolucións complementarias estarán supeditadas a que se cumpran todas e cada unha das seguintes condicións:

a) Que exista crédito adecuado e suficiente.

b) Que o CEE beneficiario solicite a modificación da resolución de concesión.

c) Que se produza algunha das seguintes circunstancias:

– Que aumente o número de contratos e/ou as xornadas laborais das persoas con discapacidade respecto dos recollidos na resolución inicial. Neste caso as resolucións complementarias dunha anualidade poderán financiarse con cargo aos créditos da seguinte.

– Que se incremente o importe do SMI, respecto do existente no momento da resolución de concesión.

Artigo 21. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións establecidas nesta orde, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos indicados expresamente nos artigos 34 e 42 desta orde.

A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se reintegrará determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, os feitos ou a documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) A resistencia, a escusa, a obstrución ou a negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 19.c) desta orde, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, previstas nas letras f), g) e l) do artigo 19, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados: reintegro do 100 % da subvención concedida.

d) O incumprimento da obriga en materia de publicidade do financiamento público, mediante a colocación do rótulo visible ao público, conforme o previsto no artigo 19.h): reintegro do 2 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor poderá requirir a entidade beneficiaria para que incorpore o rótulo, nun prazo non superior a quince (15) días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

e) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.

f) A percepción das subvencións polas persoas traballadoras das unidades de apoio á actividade profesional, coa percepción da subvención do custo salarial pola mesma persoa con discapacidade integrante da unidade de apoio á actividade profesional ou coa percepción da axuda á persoa de apoio e acompañamento á persoa con discapacidade cun contrato para a formación e a aprendizaxe, actualmente contrato de formación en alternancia, ao abeiro das axudas para a formación dual en CEE: reintegro do 100 % da subvención concedida á persoa traballadora da unidade de apoio.

g) O incumprimento da obriga de entregar a documentación indicada nas letras m) e n) do artigo 19: reintegro do 100 % da axuda concedida.

3. A entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso de financiamento, público ou privado, respecto do custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade, e estas fosen compatibles entre si, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación. O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas.

4. O procedemento de reintegro tramitarase conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As obrigas de reintegro establecidas neste artigo enténdense sen prexuízo da posible cualificación dos feitos como infracción administrativa e a incoación do expediente sancionador, de acordo cos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 22. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida. A devolución voluntaria non exclúe a reclamación dos xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.

Artigo 23. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento do programa.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

2. O órgano competente para resolver poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 24. Adecuación das axudas á normativa

1. Os CEE decláranse entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral, de conformidade co artigo 5.4 da Lei 5/2011, do 29 de marzo, de economía social, segundo a redacción dada pola Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social (BOE núm. 217, do 10 de setembro).

As axudas que se regulan nesta orde, en forma de compensacións, pola prestación dos servizos de integración laboral das persoas con discapacidade nos CEE, son compatibles co mercado interior, dado que se outorgan de conformidade co establecido na Decisión da Comisión do 20 de decembro de 2011, relativa á aplicación do artigo 106, punto 2, do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas estatais en forma de compensación por servizo público concedidas a algunhas empresas encargadas da xestión de servizos de interese económico xeral (DOUE núm. 7, do 11 de xaneiro de 2012).

Os parámetros establecidos para determinar a compensación económica pola prestación do servizo de interese económico xeral serán:

– No programa I, os custos salariais do persoal das unidades de apoio á actividade profesional. O límite da axuda será o 100 % ou 80 % dos custos salariais (incluídos os gastos de Seguridade Social) segundo os centros sexan de iniciativa social ou non.

– No programa II, o parámetro establecido é o gasto realizado co límite do 100 % ou 80 % segundo os centros sexan de iniciativa social ou non.

– Por último, no programa III, o parámetro está determinado polo salario mínimo interprofesional (SMI) vixente en cada convocatoria e a axuda consiste nun 50 % do SMI ou, de ser o caso, na contía adicional que se determine en cada convocatoria para determinados colectivos vulnerables.

Estas contías sufragan parte dos gastos ocasionados aos CEE pola prestación dos servizos de interese xeral. Por tratarse de contías previamente determinadas, que en ningún caso poderán exceder o custo económico dos servizos prestados, non resulta necesario establecer parámetros para evitar e recuperar posibles compensacións excesivas, agás a comprobación da concorrencia e compatibilidades das subvencións.

CAPÍTULO II

Programa I. Programa de axudas ás unidades de apoio á actividade profesional dos centros especiais de emprego (procedemento TR341K)

Artigo 25. Obxecto e finalidade

O obxecto deste programa é subvencionar os custos salariais e de Seguridade Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida das persoas traballadoras das unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE, previstas no artigo 43 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, como instrumentos de modernización destes servizos de axuste.

A finalidade deste programa é promover a integración laboral das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción mediante o seu emprego nos CEE da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 26. Concepto de unidade de apoio á actividade profesional

Enténdese por unidades de apoio á actividade profesional os equipos multiprofesionais enmarcados dentro dos servizos de axuste persoal e social dos CEE que, mediante o desenvolvemento das funcións previstas no artigo 27 desta orde, permiten axudar a superar as barreiras, obstáculos ou dificultades que as persoas traballadoras con discapacidade dos ditos centros teñen no proceso de incorporación a un posto de traballo, así como a permanencia e progresión neste.

Artigo 27. Funcións das unidades de apoio á actividade profesional

O persoal integrado nas unidades de apoio á actividade profesional definidas no artigo anterior desenvolverá as seguintes funcións:

a) Detectar e determinar, logo da valoración de capacidades da persoa e da análise do posto de traballo, as necesidades de apoio para que a persoa traballadora con discapacidade poida desenvolver a súa actividade profesional.

b) Establecer as relacións precisas co contorno familiar e social das persoas traballadoras con discapacidade, para que este sexa un instrumento de apoio e estímulo ao traballador ou traballadora na incorporación a un posto de traballo e á estabilidade neste.

c) Desenvolver cantos programas de formación sexan necesarios para a adaptación da persoa traballadora ao posto de traballo, así como ás novas tecnoloxías e procesos produtivos.

d) Establecer apoios individualizados para cada traballadora ou traballador e posto de traballo.

e) Favorecer e potenciar a autonomía e independencia das persoas traballadoras con discapacidade, principalmente, no seu posto de traballo.

f) Favorecer a integración de novas persoas traballadoras ao centro especial de emprego mediante o establecemento dos apoios adecuados para tal fin.

g) Asistir á persoa traballadora do centro especial de emprego no proceso de incorporación a ámbitos laborais e ao mercado ordinario de traballo.

h) Detectar e intervir nos posibles procesos de deterioración evolutiva das persoas traballadoras con discapacidade co fin de evitar e atenuar os seus efectos.

Artigo 28. Persoal destinatario final do programa

1. O persoal destinatario final deste programa serán as traballadoras e os traballadores con discapacidade dos CEE que se encontren nalgún dos supostos que se describen no artigo 5.2, letras a) e b).

2. As unidades de apoio á actividade profesional poderán prestar servizo tamén ás persoas traballadoras con discapacidade do centro especial de emprego que non inclúa o punto anterior, sempre e cando a dedicación a este persoal traballador non menoscabe a atención do persoal incluído no punto anterior.

Artigo 29. Entidades beneficiarias das subvencións

Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan neste programa os CEE da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran, ademais dos requisitos sinalados no artigo 3, os seguintes:

a) Que formen parte do seu cadro de persoal as persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 5.2, letras a) e b), desta orde.

b) Que dispoñan de unidades de apoio á actividade profesional, que teñan a composición establecida no artigo 31 desta orde.

Artigo 30. Conceptos subvencionables e contía

1. As subvencións establecidas neste programa destinaranse a financiar os custos salariais e da Seguridade Social por conta da empresa, correspondentes ás mensualidades que se indiquen en cada convocatoria de axudas, e derivados da contratación indefinida do persoal traballador das unidades de apoio á actividade profesional nos CEE, para o desenvolvemento das funcións descritas no artigo 27.

Así mesmo, serán subvencionables as contratacións de interinidade durante o tempo que se substitúa a persoa titular da praza de técnica ou encargada da unidade de apoio, dentro do período subvencionable.

2. Nos CEE cualificados de iniciativa social, a porcentaxe máxima subvencionable será o 100 % dos custos indicados no punto precedente e, nos centros que non estean cualificados como tales, subvencionarase como máximo o 80 %.

En calquera caso, a contía da subvención non poderá exceder a fixada no convenio colectivo de aplicación para o posto de traballo do persoal traballador da unidade de apoio.

3. A contía base da subvención establécese en 1.000 € por cada persoa traballadora apoiada, co tipo e grao de discapacidade indicados no artigo 5.2 con contrato por tempo indefinido ou temporal de duración igual ou superior a seis meses a xornada completa.

A axuda reducirase proporcionalmente en función da duración dos contratos das persoas traballadoras con discapacidade sinaladas no parágrafo anterior, cando teñan unha duración inferior ao ano, así como en función da duración da xornada no suposto de que o contrato sexa a tempo parcial.

4. O cálculo da subvención estimarase para todo o período subvencionable, tendo en conta as persoas con discapacidade co tipo e grao de discapacidade indicados no artigo 5.2 que figuren no cadro de persoal do CEE no primeiro mes polo que soliciten a subvención. Así mesmo, terase en conta a composición da unidade de apoio nese mesmo mes.

Artigo 31. Composición das unidades de apoio á actividade profesional

1. Os centros especiais de emprego que accedan a estas subvencións deberán dispoñer de unidades de apoio á actividade profesional cuxa composición se establecerá de acordo cos módulos que se indican a seguir:

a) Ata 15 persoas traballadoras con discapacidade das indicadas no artigo 5.2, unha persoa profesional técnica de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, polo menos, ao 20 % da súa xornada, e unha persoa encargada de apoio á produción a tempo completo, ou o número de persoas que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

b) De 16 a 30 persoas traballadoras, unha persoa profesional técnica de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, polo menos, ao 80 % da súa xornada, e dúas persoas encargadas de apoio á produción a tempo completo, ou as que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

c) De 31 a 45 persoas traballadoras, dúas persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, unha delas a tempo completo e a outra, polo menos, ao 50 % da súa xornada, e tres persoas encargadas de apoio á produción a tempo completo, ou o número de persoas que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

d) De 46 a 60 persoas traballadoras, dúas persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, a tempo completo e catro persoas encargadas de apoio á produción a tempo completo, ou o número de persoas que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

e) De 61 a 75 persoas traballadoras, tres persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior, ou con coñecementos e/ou experiencia equiparables, dúas delas a tempo completo e a outra, polo menos, ao 50 % da súa xornada, e cinco persoas encargadas de apoio á produción a tempo completo, ou o número de persoas que correspondan proporcionalmente se a contratación se realiza a tempo parcial.

f) Para máis de 75 persoas traballadoras, establecerase o cadro de persoal da unidade de apoio á actividade profesional proporcionalmente, segundo os criterios sinalados na letra e).

A persoa profesional técnica terá que ter unha titulación de grao medio ou superior relacionada co ámbito da discapacidade, e/ou coñecementos ou experiencia equiparables, e a experiencia que se acredite deberá ser, como mínimo, dun ano. A persoa encargada de apoio á produción deberá ter unha experiencia mínima de 6 meses.

2. Cando o número de persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 5.2 a que se dirixe o servizo non se corresponda cos topes de cada módulo, o tempo de dedicación do persoal das unidades de apoio á actividade profesional será proporcional ao número das ditas persoas traballadoras con discapacidade.

3. Non se terán en conta para o cálculo da composición das unidades de apoio á actividade profesional e, por tanto, non serán subvencionables as persoas titulares dos centros especiais de emprego ou as que ocupen cargos de dirección e xestión neles.

Artigo 32. Documentación complementaria

Ás solicitudes (anexo I) deberá xuntárselles a seguinte documentación complementaria:

a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa ou entidade solicitante.

b) Memoria asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE que recolla os seguintes datos:

1º. Titularidade do centro, enderezos dos centros de traballo e actividades que desenvolve.

2º. Cumprimento ou non dos seus obxectivos económicos e de axuste persoal e social durante o exercicio anterior e, de ser o caso, as causas que motivaron o incumprimento.

3º. Composición da unidade de apoio e funcións que vai realizar cada unha das persoas que a integran conforme o establecido no artigo 27 desta orde, con indicación da xornada de traballo que dedicarán a cada unha das funcións descritas.

4º. Obxectivos que se pretenden conseguir coa unidade de apoio e recursos de que se dispón.

5º. Modelos de cronogramas, follas de verificación ou seguimento, indicadores de resultados ou calquera outra ferramenta que empregará o centro para avaliar a realización e consecución dos obxectivos descritos.

c) Certificación segundo o modelo que consta na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, en que se relacionarán alfabeticamente por apelidos as persoas con discapacidade atendidas pola unidade de apoio e as persoas que compoñen a unidade de apoio á actividade profesional.

d) A relación das persoas indicadas na letra anterior en formato editable.

e) Documentación complementaria relativa ao persoal con discapacidade con especiais dificultades definidas no artigo 5.2, que será atendido pola unidade de apoio:

1º. Certificación de discapacidade recoñecida fóra de Galicia, de ser o caso.

2º. Resolución ou certificación na cal figure o tipo ou grao de discapacidade cando esta derive dun recoñecemento de pensión por incapacidade permanente.

f) Documentación complementaria relativa ao persoal indefinido que forma parte da unidade de apoio á actividade profesional e polo que se solicita a subvención:

1º. Currículo e outros documentos que acrediten a súa formación e/ou experiencia.

2º. Informe de datos para a cotización (IDC) da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

g) Anexo V: autorización para a comprobación de datos das persoas con discapacidade do CEE que van ser atendidas pola unidade de apoio e das persoas que forman parte da unidade de apoio á actividade profesional.

Artigo 33. Documentación xustificativa

Para os efectos de proceder ao pagamento final da subvención, o CEE beneficiario deberá presentar a conta xustificativa, que incluirá a seguinte documentación:

a) Documento de achega da documentación xustificativa segundo o anexo VII, que inclúe a declaración de axudas solicitadas e/ou concedidas.

b) Memoria asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, congruente coa memoria presentada coa solicitude, en que se reflictan os seguintes datos:

1º. Descrición detallada das accións de apoio que cada unha das persoas traballadoras da unidade de apoio á actividade profesional prestaron ás persoas con discapacidade, indicando o tempo e a xornada de traballo destinados a estas funcións.

2º. Cumprimento ou non dos obxectivos previstos e recursos destinados á consecución dos obxectivos.

3º. Cronogramas, follas de verificación ou de seguimento do apoio realizado e indicadores de resultados.

c) Certificación segundo o modelo que consta na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, en que se relacionarán alfabeticamente por apelidos as persoas con discapacidade atendidas pola unidade de apoio e as persoas que compoñen a unidade de apoio á actividade profesional, indicando as variacións producidas respecto da resolución inicial durante o período subvencionable.

d) A relación das persoas indicadas na letra anterior en formato editable (folla de cálculo).

e) Documentación xustificativa referida ás persoas traballadoras con discapacidade con especiais dificultades atendidas pola unidade de apoio:

1º. Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social de todas as mensualidades incluídas no período subvencionable. O recibo de liquidación de las cotizaciones (RLC) e os correspondientes xustificantes de pagamento.

2º. Nóminas do persoal que forma parte da unidade de apoio de todas as mensualidades incluídas no período subvencionable, así como os xustificantes de pagamento bancarios dos ditos salarios.

3º. Certificación de discapacidade, se a discapacidade foi recoñecida fóra de Galicia, para as persoas contratadas con posterioridade ao mes da solicitude.

4º. Resolución ou certificación en que figure o tipo ou grao de discapacidade cando esta derive dun recoñecemento de pensión por incapacidade permanente, para as persoas contratadas a partir do primeiro mes polo que se solicita a subvención.

f) Respecto do persoal das unidades de apoio subvencionado, deberán presentar a seguinte documentación xustificativa:

1º. Certificación asinada dixitalmente pola persoa responsable do centro especial de emprego, e o persoal de apoio á actividade profesional, da imputación da súa xornada á unidade de apoio á actividade profesional.

2º. Anexo VI: declaración do cumprimento por parte do CEE da obriga de informar as persoas traballadoras da unidade de apoio á actividade profesional acerca da subvención do seu contrato.

g) Anexo V: autorización para a comprobación de datos das persoas con discapacidade do CEE que van ser atendidas pola unidade de apoio e das persoas que forman parte da unidade de apoio á actividade profesional no caso de contratacións realizadas con posterioridade ao primeiro mes polo que se solicita subvención.

h) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas de difusión a que se refire o artigo 19.h) desta orde (colocación de rótulo).

Artigo 34. Obrigas e reintegros específicos do programa I

Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións previstas neste programa, ademais das xerais recollidas no artigo 19, as seguintes:

a) Manter os postos de traballo obxecto da subvención polo período subvencionable e manter a proporcionalidade exixida para a composición da unidade de apoio no artigo 31. Cando se produzan vacantes ou baixas do persoal que integra as unidades de apoio á actividade profesional, deberán ser cubertas co fin de manter a dita proporcionalidade.

A cobertura do novo posto terá que realizarse no prazo dun mes desde a data da baixa, feito que deberá ser comunicado pola entidade beneficiaria á Secretaría Xeral de Apoio o Emprego, Traballo Autónomo e Economía e Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no mesmo prazo sinalado para a cobertura do posto.

No suposto de non manter os postos de traballo obxecto da subvención polo total do período subvencionable ou de non manter a proporcionalidade establecida no artigo 31 desta orde, procederá a revogación parcial da subvención concedida e, de ser o caso, o reintegro das cantidades indebidamente percibidas.

b) Manter no seu cadro de persoal o número de persoas con discapacidade, en función das cales se concedeu a subvención, segundo o establecido no artigo 31 desta orde. No suposto de diminución deste número de persoas traballadoras con discapacidade, ou da duración dos contratos ou da súa xornada de traballo, procederá a revogación parcial da subvención concedida e, de ser o caso, o reintegro das cantidades indebidamente percibidas.

Artigo 35. Pagamento e resolucións revogatorias

Sempre que así o solicite a entidade beneficiaria, efectuarase o pagamento anticipado da subvención concedida de acordo coas porcentaxes que se indiquen en cada convocatoria de axudas, que serán, como mínimo, do 90 % da contía concedida para cada anualidade. No suposto de que a contía xustificada en cada anualidade sexa inferior á concedida, ditaranse as resolucións revogatorias que procedan con respecto á resolución inicial no momento en que se liquide o expediente.

CAPÍTULO III

Programa II. Axudas para a creación de postos de traballo estables para persoas con discapacidade e adaptación de postos (procedementos TR341E e TR341N)

Artigo 36. Obxeto e entidade beneficiarias

O obxecto deste programa é incentivar a creación de postos de traballo estables e financiar as adaptacións dos postos de traballo que precisen os CEE no seu proceso de creación ou de mellora e diversificación produtiva.

Artigo 37. Tipos de axuda e disposicións comúns

1. Neste programa recóllense dúas liñas de axudas:

a) Axuda para a creación de postos de traballo estables en función do investimento en activo fixo (procedemento TR341E).

b) Axuda para a adaptación de postos de traballo (procedemento TR341N).

2. O gasto realizado polos CEE de iniciativa social (excluídos o IVE ou, de ser o caso, os impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación) é subvencionable ata o 100 %. O gasto realizado polos demais CEE será subvencionable ata o 80 %.

En ambos os casos se terán en conta as contías máximas de subvención que se establecen nos artigos 38 a 40 en función da liña de axuda de que se trate.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas poderá superar o importe total do custo ocasionado.

4. Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

5. Cando o importe do gasto que se toma como referencia da subvención supere a contía establecida para os contratos menores na normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude de ofertas, o CEE estará obrigado a solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes entidades provedoras, con carácter previo á realización da obra, entrega do ben ou prestación do servizo, agás que se xustifique debidamente a imposibilidade de obtelas. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificar expresamente a elección cando esta non recaia na oferta economicamente máis vantaxosa.

6. No caso de que o CEE teña algunha vinculación societaria coa empresa/entidade que realice a obra ou subministración, deberá presentar coa solicitude unha memoria xustificativa dos beneficios da contratación con esa entidade/empresa en que se exprese que a contratación se realiza conforme as condicións normais de mercado; así mesmo, e en todo caso, calquera que sexa o importe presentarán tres orzamentos, dous deles de empresas que non teñan ningún tipo de relación co CEE. A elección entre as ofertas presentadas axustarase aos criterios sinalados no parágrafo anterior.

Artigo 38. Creación de postos de traballo de carácter estable (TR341E)

1. Establécese unha axuda para a creación de postos de traballo de carácter estable calculada en función do investimento en activo fixo que se realice, excluídos os impostos que graven a adquisición. Subvencionarase:

– A creación de novos postos de traballo indefinidos para persoas con discapacidade rexistradas como demandantes de emprego non ocupadas no Servizo Público de Emprego.

– A transformación en indefinidos dos contratos temporais.

2. Para que sexa subvencionable o proxecto de creación, tanto os contratos indefinidos ou as transformacións como o gasto subvencionable deberán realizarse nos períodos que indique a convocatoria.

3. En cada convocatoria poderá limitarse o número de postos a subvencionar por cada CEE.

4. As iniciativas e proxectos referentes aos CEE que soliciten as axudas recollidas neste artigo deberán reunir viabilidade técnica, económica e financeira, e supoñer a creación de emprego estable. Así mesmo, deberán xustificar adecuadamente o investimento que implica o proxecto, que deberá estar directamente relacionado co posto ou postos de traballo creados.

Unicamente serán subvencionables aqueles novos postos de traballo que sexan cubertos por persoas con discapacidade con contrato indefinido e que supoñan un incremento respecto a o persoal fixo de persoas con discapacidade que tiña o centro no último expediente concedido de axudas a proxectos de creación.

5. Para efectos das axudas reguladas nesta orde, considerarase investimento en activo fixo o recollido como tal no Plan xeral contable.

No caso de vehículos, será subvencionable a adquisición dos vehículos comerciais ou industriais necesarios e de uso exclusivo para o desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional e dos automóbiles de turismo que sexan empregados nos desprazamentos profesionais por persoas representantes ou axentes comerciais, os empregados na venda a domicilio, na prestación de servizos de transporte de persoas viaxeiras, de ensinos de condución e os empregados en servizos de vixilancia.

En ningún caso se terán en conta os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.

6. A contía máxima das axudas establecidas neste artigo determínase con base nas seguintes regras:

1ª. Establécese unha contía base de 10.000 € por cada posto de traballo creado con carácter indefinido e a xornada completa. O importe desta contía será proporcional á xornada laboral. Para estes efectos, terase en conta a xornada laboral que conste no contrato indefinido ou na transformación.

2ª. Os importes anteriores poderán incrementarse cos seguintes incentivos (acumulables entre si), cando se dean as seguintes circunstancias:

a) Un 25 % se a persoa contratada é unha muller.

b) Un 25 % se a persoa contratada ten unha discapacidade con especiais dificultades de inserción segundo o expresado no artigo 5.2, letras a) e b), ou está en situación ou en risco de exclusión social.

c) Un 25 % se a persoa contratada é maior de 45 anos.

d) Un 25 % se a persoa contratada ten a condición de persoa emigrante retornada conforme establece o artigo 5.5.

e) Un 25 % se a persoa trans.

f) Un 25 % no caso de que o centro de traballo en que se incorpora a persoa traballadora estea situado nun concello rural segundo a definición do artigo 5.9.

3ª. As circunstancias indicadas nas letras a) a f) desta regra 2ª poderán ser modificadas nas sucesivas convocatorias de axudas, sempre que a contía máxima para conceder nesta liña de axudas non supere os 25.000 € por cada posto creado.

Artigo 39. Adaptación de postos de traballo (TR341N)

Establécese unha subvención para a adaptación de postos de traballo e para a eliminación de barreiras arquitectónicas. Será requisito para a concesión desta axuda que se acredite a necesidade de adaptación ou eliminación de barreiras arquitectónicas para manter o posto de traballo en atención á discapacidade da persoa pola que se solicita a subvención.

A contía máxima desta axuda será de 2.000 € por cada posto adaptado.

A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social, que será solicitado de oficio polo órgano instrutor.

Artigo 40. Documentación que hai que presentar

1. Xunto coa solicitude das axudas recollidas neste programa (anexo II para o procedemento TR341E e anexo III para o procedemento TR341N) deberase presentar a seguinte documentación común:

a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa ou entidade solicitante.

b) Orzamento detallado do gasto, conforme o modelo que consta na páxina https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, debidamente asinado pola persoa representante do CEE, cun calendario de execución.

c) Orzamento detallado do gasto, indicado no parágrafo anterior, en formato editable (folla de cálculo).

d) Documentos relacionados nas letras b) e c). Segundo o tipo de axuda solicitada, achegaranse orzamentos, facturas pro forma ou documentos que acrediten os custos salariais (incluídos os de Seguridade Social).

e) As tres ofertas e as memorias mencionadas no artigo 37, epígrafes 5 e 6, de ser o caso.

2. Documentación complementaria específica para as subvencións en función do investimento en activo fixo (procedemento TR341E –anexo II–):

a) Certificación, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, da relación do persoal con discapacidade con contratación indefinida na data de presentación da solicitude, segundo o modelo que consta na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego

b) Relación certificada das novas persoas contratadas con carácter indefinido ou cuxos contratos se transformaron en indefinidos e polas cales se pide subvención, segundo o modelo que consta na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE.

c) As certificacións indicadas nas letras a) e b) anteriores, en formato editable (folla de cálculo).

d) Plan de investimentos en activo fixo e xustificación da súa necesidade para a creación dos postos.

e) Estudo económico-financeiro de viabilidade do proxecto.

f) Anexo V: autorización para a comprobación de datos de todas as persoas traballadoras con discapacidade do CEE contratadas con carácter indefinido na data de presentación da solicitude.

g) Certificación de discapacidade recoñecida fóra de Galicia, de ser o caso.

3. Documentación complementaria específica para as subvencións de adaptación de postos de traballo (procedemento TR341N –anexo III–):

a) Memoria explicativa do obxecto da axuda e xustificación da súa necesidade, así como do investimento necesario, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE.

b) Certificación, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, da relación do persoal para a cal se adaptan os postos, conforme o modelo que consta na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego

c) A certificación indicada no parágrafo anterior, en formato editable (folla de cálculo).

d) Anexo V: autorización para a comprobación de datos das persoas traballadoras para as que se adaptan os postos.

e) Certificación de discapacidade das persoas traballadoras para as que se adaptan os postos, no caso de que a discapacidade fose recoñecida fóra de Galicia.

Artigo 41. Documentación xustificativa da axuda

1. De non achegarse con anterioridade, presentarase a seguinte documentación xustificativa común:

a) Documento de achega da documentación xustificativa conforme os anexos VIII ou IX, segundo se trate do procedemento TR341E ou TR341N, respectivamente.

b) Relación das facturas e outros documentos xustificativos dos gastos realizados, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, conforme o modelo que consta na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego

c) A relación de documentos xustificativos do gasto, indicada no parágrafo anterior, en formato editable (folla de cálculo).

d) Facturas ou outros documentos xustificativos do gasto, así como xustificantes bancarios de pagamento, identificadas e ordenadas segundo a relación a que se refire o punto anterior. Nos xustificantes bancarios deberán constar, claramente, a persoa emisora e perceptora e o concepto do gasto.

e) Extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado dixitalmente e selaxe, que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida. Os documentos contables que se acheguen deben incluír as contas ou subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados, as datas e os números de asentos contables. Estes documentos contables poden ir xunto cunha breve descrición sobre a sistemática de contabilización dos gastos, de ser o caso.

f) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas de difusión a que se refire o artigo 19.h) desta orde (colocación de rótulo).

2. Cando se trate dalgunha das axudas para a creación de postos de traballo estables, recollidas no artigo 38 desta orde (procedemento TR341E), deberán presentar a seguinte documentación xustificativa específica:

a) Relación certificada das novas persoas contratadas con carácter indefinido, ou cuxos contratos se transformaron en indefinidos e polas cales se pide subvención, segundo o modelo que consta na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, se non foi presentada con anterioridade.

b) A relación indicada no punto anterior, en formato editable (folla de cálculo), se non foi presentada con anterioridade.

c) Certificación, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, da relación do persoal con discapacidade con contratación indefinida na data de presentación da documentación xustificativa, segundo o modelo que consta na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego

d) A certificación indicada no parágrafo anterior, en formato editable (folla de cálculo).

e) Anexo V: autorización para a comprobación de datos das persoas traballadoras con discapacidade do CEE contratadas con carácter indefinido, de non presentarse con anterioridade.

f) Certificación de discapacidade recoñecida fóra de Galicia, de ser o caso.

g) Adquisición de bens inmobles: acompañarase certificado de taxador independente, debidamente acreditado e rexistrado no correspondente rexistro oficial, en que se acredite que os fondos que se van xustificar corresponden á adquisición de bens inmobles, de ser o caso.

Artigo 42. Obrigas e reintegros específicos do programa II

Nas axudas por creación de emprego estable, engádense ás obrigas xerais as seguintes obrigas específicas:

a) Destinar a subvención ao plan de investimento polo que se concedeu a axuda. O órgano xestor poderá autorizar que se dea un destino distinto ás axudas concedidas sempre que o novo destino siga mantendo as condicións de viabilidade e de relación directa co posto ou postos de traballo creados. Noutro caso, procederá o reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) Manter os postos de traballo creados con carácter indefinido un mínimo de dous (2) anos. No caso de cesamentos da actividade laboral por baixa voluntaria da persoa traballadora ou despedimento procedente, deberá substituírse a vacante polo tempo que reste ata completar os dous anos conservando as mesmas características polas que se lle concedeu a axuda (tipo de xornada e contrato), tendo en conta os incentivos sinalados no artigo 38.6. A substitución farase nun prazo máximo de tres (3) meses e deberá comunicarse ao órgano xestor da axuda no mesmo prazo. De non substituír ou non facelo en prazo, procederá o reintegro da parte proporcional polo tempo restante. Se, por causas non imputables ao CEE a substitución non fose posible en prazo, este deberá acreditar a solicitude ao Servizo Público de Emprego dentro do prazo e comunicalo ao órgano xestor para a súa valoración.

c) Manter durante o mesmo prazo de dous anos o incremento de emprego neto respecto ao persoal fixo de persoas con discapacidade que tiña o centro no último expediente concedido de axudas a proxectos de creación.

d) O despedimento improcedente das persoas traballadoras obxecto de subvención antes de que transcorran dous (2) anos dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda.

Artigo 43. Pagamento e perda do dereito ao cobramento

1. Sempre que así o solicite a entidade beneficiaria, efectuarase o pagamento anticipado da subvención concedida de acordo coas porcentaxes que se indiquen en cada convocatoria de axudas, que serán, como mínimo, do 90 % da contía concedida para cada anualidade.

2. Será requisito necesario para proceder ao pagamento anticipado das axudas recollidas no artigo 38 que se fixesen efectivas as contratacións indefinidas e que o CEE beneficiario presentase a seguinte documentación:

a) Relación certificada das novas persoas contratadas con discapacidade con contratación indefinida ou cuxos contratos se transformaron en indefinidos e polas cales se pide subvención, segundo o modelo que consta na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE.

b) A relación indicada no punto anterior, en formato editable (folla de cálculo).

c) Anexo V: autorización para a comprobación de datos destas persoas relacionadas nos puntos anteriores, se non se achegaron con anterioridade.

d) Certificacións de discapacidade, no caso de que a discapacidade fose recoñecida fóra de Galicia.

e) No caso de que se dea algunha das circunstancias sinaladas no artigo 38.6. regra 2ª, deberá acreditarse, cando cumpra, as circunstancias de:

1º. Persoa emigrante retornada, mediante certificado expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España. No caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nada en Galicia, documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e, ademais, documentación que acredite o vínculo con esta.

2º. Persoa trans, mediante a documentación xustificativa de obter ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer. Situación ou risco de exclusión social, mediante certificado en que conste a dita situación ou risco.

3. As axudas para a adaptación de postos de traballo reguladas no artigo 39 precisarán, para o aboamento do pagamento anticipado, o informe favorable da Inspección de Traballo sobre a necesidade da adaptación ou de medios especiais de protección persoal. No caso de que o devandito informe non sexa favorable, ditarase unha resolución revogatoria.

4. Se, á vista da documentación xustificativa presentada pola entidade beneficiaria para o pagamento final da axuda, queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, ditarase resolución de perda parcial do dereito ao cobramento por minoración da contía non xustificada, e o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía efectivamente xustificada.

CAPÍTULO IV

Programa III. Programa de axudas para o mantemento do custo salarial
das persoas con discapacidade nos centros especiales de emprego
(procedemento TR341M)

Artigo 44. Obxecto

O obxecto deste programa é axudar á CEE para financiar o custo salarial de todas as persoas traballadoras con discapacidade contratadas en centros de traballo do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 45. Conceptos subvencionables e contía

1. Para ser subvencionables, os contratos de traballo das persoas con discapacidade deberán cumprir a lexislación vixente e, no caso dos contratos fixos-descontinuos, ter unha prestación de traballo mínima dun (1) mes. Para os contratos de traballo de duración determinada previstos no artigo 15 do Estatuto dos traballadores, a duración mínima será de sete (7) días.

2. Subvencionarase cun importe do 50 % do salario mínimo interprofesional correspondente ás mensualidades indicadas na convocatoria, para as persoas con discapacidade contratadas nos centros especiais de emprego que estean de alta na Seguridade Social.

No suposto de contratos de traballo a tempo parcial, a contía da subvención reducirase proporcionalmente. En cada convocatoria poderán establecerse porcentaxes adicionais de financiamento do SMI para determinados colectivos.

3. Non se subvencionará máis do 100 % da xornada laboral dunha mesma persoa traballadora en cómputo mensual. Para a aplicación deste límite teranse en conta as seguintes regras:

a) No caso de que unha persoa traballadora con discapacidade estea contratada por varios centros especiais de emprego, descontaríase a porcentaxe excedente do 100 % da xornada ao centro de traballo que a contratase en segundo ou sucesivo lugar.

b) Se a persoa está contratada ao mesmo tempo nunha empresa de traballo ordinario e nun CEE, a porcentaxe excedente do 100 % da xornada traballada descontaráselle ao centro especial de emprego.

4. Son subvencionables os días efectivamente traballados, incluídas as vacacións. Nas situacións de incapacidade temporal, son subvencionables exclusivamente os días en que o pagamento corresponda integramente ao centro especial de emprego, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social ou o convenio colectivo de aplicación.

5. É subvencionable o período de vacacións anuais retribuído e cotizado. No suposto de cesamento da relación laboral, as subvencións incluirán as liquidacións que correspondan pola parte proporcional das vacacións non gozadas.

6. O cálculo da subvención estimarase para todo o período subvencionable, tendo en conta a duración das contratacións e das xornadas laborais de todas as persoas traballadoras con discapacidade contratadas polo CEE no primeiro mes polo que se pide a subvención e en función do SMI establecido polo Consello de Ministros para ese ano.

O importe da subvención incluirá a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias ao ano prorrateadas en cinco (5) mensualidades.

Artigo 46. Documentación complementaria

Xunto co anexo IV de solicitude deberá presentarse a documentación que se relaciona:

a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa ou entidade solicitante.

b) Certificación, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, da relación do persoal con discapacidade do centro de traballo de alta na Seguridade Social, ordenada alfabeticamente por apelidos, en función do cal se vai realizar o cálculo da resolución de concesión, referida ao primeiro mes polo que se solicita a subvención, así como o importe da subvención que se solicita segundo o modelo que consta na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego

c) A relación das persoas indicadas no punto anterior, en formato editable (folla de cálculo).

d) Informe de datos para a cotización IDC das novas persoas traballadoras con discapacidade contratadas con respecto á convocatoria anterior en que se recibiu subvención por este programa.

e) Relación nominal das persoas traballadoras con discapacidade do CEE, incluídas na cotización á Seguridade Social (RNT), referidas ao primeiro día do mes do período subvencionable.

f) Certificación de discapacidade das persoas traballadoras con discapacidade do CEE, recoñecida fóra de Galicia, de ser o caso.

g) Resolución ou certificación en que figure o tipo ou grao de discapacidade cando esta derive dun recoñecemento de pensión por incapacidade permanente e corresponda a algunha das sinaladas no artigo 5.2, letras a) e b).

h) Anexo V: para a comprobación de datos das persoas con discapacidade do CEE.

Artigo 47. Documentación xustificativa da axuda

1. Mensualmente presentarase unha memoria xustificativa asinada dixitalmente polo responsable do CEE, referida á mensualidade inmediata anterior ao mes en que se presenta, na que deberá constar que os datos manifestados na documentación da axuda son correctos. A memoria incluirá as seguintes epígrafes, segundo o modelo que consta na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego

a) Certificación, asinada dixitalmente pola persoa responsable do CEE, da relación do persoal con discapacidade pola que se percibe a subvención, ordenada alfabeticamente, segundo o modelo que consta na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego

b) A relación das persoas indicadas no punto anterior, en formato editable (folla de cálculo).

c) Relación nominal das persoas traballadoras incluídas na cotización á Seguridade Social (RNT), así como todas as variacións de datos á Seguridade Social. O recibo de liquidación das cotizacións (RLC) e os correspondentes xustificantes de pagamento. As nóminas das persoas traballadoras subevencionadas e os xustificantes bancarios de pagamento destas.

d) Informe de datos para a cotización (IDC) das persoas traballadoras con discapacidade do CEE polas que se solicita a subvención, contratadas no mes que se xustifica, de ser o caso.

e) Xustificantes de alta e de baixa médicos das persoas traballadoras con discapacidade.

f) Os contratos de traballo firmados.

g) Anexo V: autorización para a comprobación de datos das persoas con discapacidade do CEE contratadas no mes que se xustifica.

h) Anexo VI: declaración do cumprimento por parte do CEE da obriga de informar as persoas traballadoras con discapacidade acerca da subvención con cada novo contrato.

2. O pagamento final da subvención quedará condicionado á presentación da conta xustificativa, que deberá conter:

a) Documento de achega da documentación xustificativa segundo o anexo X, que inclúe a declaración de axudas solicitadas e/ou concedidas e a solicitude de modificación da resolución inicial nos termos do artigo 20, de ser o caso.

b) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas de difusión a que se refire o artigo 19.h) desta orde (colocación de rótulo).

Artigo 48. Pagamento e modificación da resolución

1. Sempre que así o solicite a entidade beneficiaria, efectuarase o pagamento anticipado da subvención concedida de acordo coas porcentaxes que se indiquen en cada convocatoria de axudas, que serán, como mínimo, do 90 % da contía concedida.

2. No caso de que a contía da subvención xustificada fose superior ou inferior á concedida, ditaranse as resolucións complementarias ou revogatorias que procedan con respecto á resolución inicial, no momento en que se liquide o expediente, conforme o expresado no artigo 20.

CAPÍTULO V

Convoctoria das axudas a CEE 2023

Artigo 49. Financiamento

1. O orzamento total destinado ás axudas a centros especiais de emprego nesta convocatoria 2023 será de 9.951.000 €. As subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos previstos na Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, no programa de gasto da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social 324C, códigos de proxecto 2018 00099 e 2022 00099, e coa seguinte distribución inicial de importes de créditos:

Programas

Procedemento

Aplicación orzamentaria

Programa I. Unidades de apoio

TR341K

11.30.324C.470.3

11.30.324C.481.3

Programa II. Creación de postos estables e adaptación de postos de traballo

TR341E

TR341N

11.30.324C.470.3

11.30.324C.481.3

Programa III. Custo salarial das persoas con discapacidade

TR341M

11.30.324C.470.4

11.30.324C.481.4

Aplicación

Proxecto

Importe total

Modalidade

11.30.324C.470.3

2022 00099

585.000 €

4620

11.30.324C.470.4

2018 00099

7.911.500 €

3010

11.30.324C.481.3

2022 00099

250.000 € 

4620

11.30.324C.481.4

2018 00099

1.204.500 €

3010

Total

          9.951.000 €

De existir remanente nunha aplicación orzamentaria, poderase reatribuír a contía sobrante na outra aplicación. A reatribución levarase a cabo, despois da modificación orzamentaria pertinente, sen necesidade de facer unha nova publicación do importe dos créditos.

Artigo 50. Prazos e presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, a contar como se indica no artigo 8.5 desta orde.

2. Para cada programa de axudas presentarase unha solicitude por cada centro de traballo.

3. A solicitude é única para todo o período subvencionable e deberá detallar o importe solicitado.

Artigo 51. Período subvencionable

O período subvencionable comprenderá desde o 1 de xullo de 2023 ata o 30 de novembro de 2023.

Artigo 52. Prazos de xustificación

1. A data máxima de xustificación será o 31 de decembro de 2023.

2. A xustificación mensual do programa III establecida no artigo 47 das bases reguladoras presentarase no prazo máximo de corenta (40) días contados desde o último día do mes de referencia.

Artigo 53. Pagamentos anticipados

As porcentaxes máximas para os pagamentos anticipados que se establecen nesta convocatoria son os seguintes: 90 % da contía concedida.

Artigo 54. Particularidades do programa II (creación de postos estables)

1. Conforme o sinalado no artigo 38.3, nesta convocatoria establécese un máximo de sete (7) postos subvencionables por centro especial de emprego.

Artigo 55. Particularidades no programa III (custo salarial)

1. O importe do SMI que se terá en conta nesta convocatoria para a concesión das axudas deste programa é o fixado polo Consello de Ministros para o ano 2023 e aprobado mediante o Real decreto 99/2023, do 14 de febreiro.

2. A porcentaxe adicional a que se refire o artigo 45.2 será o 10 % do SMI para as persoas con discapacidade que estean incluídas nalgún dos supostos do artigo 5.2, de maneira que esta convocatoria financia o custo salarial deste colectivo cun 60 % do SMI.

Disposición adicional primeira. Acreditación do cumprimento das condicións exixidas

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axudas previstas nesta orde.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade nas persoas titulares das xefaturas territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, e na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente cobradas, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Así mesmo, apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para a tramitación e resolución dos expedientes de desconcentración dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

De conformidade co previsto na disposición adicional segunda do Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, no caso de vacante, ausencia, enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a abstención ou recusación da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, as competencias atribuídas por esta orde ao devandito órgano superior serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego.

No suposto de vacante, ausencia, enfermidade, abstención ou recusación da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social e da persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, as competencias serán exercidas polas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación e da Secretaría Xeral da Igualdade, por esta orde.

Disposición adicional terceira

A disposición derradeira novena do Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, polo que se regula –artigos 51 a 57– o Programa de inclusión laboral de persoas con discapacidade no mercado de traballo protexido (e os outros dezaseis (16) programas comúns de activación para o emprego do SNE), establece que as administracións públicas competentes dispoñerán dun prazo de dous (2) anos, a partir da data de entrada en vigor deste real decreto, para realizar as adopcións que resulten necesarias da normativa de cada un dos programas comúns de activación para o emprego previstos nel.

Disposición adicional cuarta. Base de datos nacional de subvencións

Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file