DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Martes, 12 de setembro de 2023 Páx. 52344

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2023 pola que se convoca a xornada Réxime xurídico da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia: perspectiva xurisdicional e administrativa.

Tras aprobar o Consello Reitor o Programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2023, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar a xornada Réxime xurídico da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia: perspectiva xurisdicional e administrativa, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

A presente xornada persegue o obxectivo de proporcionar unha visión global do réxime xurídico do sector eólico en Galicia tanto desde a perspectiva xurisdicional, nos ámbitos constitucional e contencioso-administrativo, como desde a perspectiva procedemental, con especial fincapé nos aspectos ambientais.

Segunda. Contidos

• O control xurisdicional da actuación ambiental.

• Xurisprudencia ambiental do Tribunal Supremo e as enerxías renovables.

• A última xurisprudencia da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre enerxía eólica.

• A lexislación eólica de Galicia: cuestións actuais que presenta a súa aplicación.

• A tramitación ambiental dos parques eólicos pola Xunta de Galicia.

• A incidencia do procedemento autonómico na xestión da enerxía eólica en Galicia.

• As medidas cautelares nos procesos contenciosos en materia de enerxía eólica: singularidades e problemática.

Terceira. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, da Administración local, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia.

Cuarta. Desenvolvemento

Lugar: salón de actos da EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Modalidade: presencial.

Data: 21 de setembro de 2023.

Horario: de mañá e tarde.

Horas lectivas: 8.

Quinta. Número de prazas

Limitado pola capacidade do local.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co requirido e establecido na base terceira desta resolución respecto das persoas destinatarias.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar, primeiro, a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e, despois, seleccionar, en nome do curso, a xornada Réxime xurídico da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia: perspectiva xurisdicional e administrativa.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do 19 de setembro de 2023.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, en horario das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para tramitar o procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. En caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do correo electrónico <novas.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, en caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de selección

A orde de selección virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes fose superior ao número de prazas, e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia deberá ser comunicada por escrito á EGAP o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, o día 20 de setembro de 2023, ata as 13.00 horas. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <novas.egap@xunta.gal>.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. Asistencia e puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia na actividade:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da súa finalización. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitiráselles un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, a data e o lugar de realización da xornada, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública