DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 14 de setembro de 2023 Páx. 52663

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 7 de setembro de 2023 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 23 de febreiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300C).

Mediante a Orde do 23 de febreiro de 2023 (DOG núm. 41, do 28 de febreiro) establécense as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300C).

O parágrafo segundo do artigo 1.3 das bases reguladoras establece que se considerarán subvencionables as actuacións previstas no artigo 4, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de decembro de 2022 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 20.

Pola súa banda, o artigo 20.1 das bases reguladoras dispón que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 7 da convocatoria e ata o 20 de setembro de 2023, dunha copia da documentación indicada do propio artigo 20.1.

Tendo en conta o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o artigo 20.1 das bases reguladoras, ampliando o prazo de xustificación ata unha data que permita unha mellor xustificación da subvención por parte das persoas beneficiarias.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Industria e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 20.1 do anexo I da Orde do 23 de febreiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal, e se procede a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300C)

O primeiro parágrafo do artigo 20.1 do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:

«O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 7 da convocatoria e ata o 16 de outubro de 2023, dunha copia da seguinte documentación:».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación