DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 14 de setembro de 2023 Páx. 52661

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 7 de setembro de 2023 de modificación da Orde do 15 de maio de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o Programa de modernización do comercio: Fondo Tecnolóxico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300G).

Mediante a Orde do 15 de maio de 2023 (DOG núm. 101, do 30 de maio) establécense as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o Programa de modernización do comercio: Fondo Tecnolóxico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e procédese á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300G).

O parágrafo segundo do artigo 1.4 das bases reguladoras establece que, en concreto, se considerarán subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras, sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 29 de setembro de 2023.

Pola súa banda, o artigo 18.1 das bases reguladoras dispón que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 7 da convocatoria e ata o 29 de setembro de 2023, dunha copia da documentación indicada no propio artigo 18.1.

Tendo en conta o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión, e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede ampliar o período subvencionable e o prazo de presentación da documentación xustificativa por parte das persoas beneficiarias.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Industria e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do anexo I da Orde do 15 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o Programa de modernización do comercio: Fondo Tecnolóxico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300G)

Un. Modifícase o segundo parágrafo do artigo 1.4 do anexo I da referida orde, que queda redactado nos seguintes termos:

«En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 10 de novembro de 2023».

Dous. Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 18.1 do anexo I da referida orde, que queda redactado nos seguintes termos:

«O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 7 da convocatoria e ata o 10 de novembro de 2023, dunha copia da seguinte documentación:».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación