DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Mércores, 20 de setembro de 2023 Páx. 53565

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 130/2023, do 7 de setembro, polo que se aproba o cambio de titularidade do treito final da estrada LU-P-2202 e do treito inicial da LU-P-2215 a prol do Concello de Xermade.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Xermade, na sesión ordinaria do 13 de marzo de 2023, acorda solicitar o inicio de transferencia á Deputación Provincial de Lugo dos treitos das estradas LU-P-2202 de Pedreira (LU-861)-Casanova (LU-540A) e LU-2215 Roupar (LU-P-2202)-A Torre.

O Pleno da Deputación Provincial de Lugo, con data do 28 de marzo de 2023, aproba os cambios de titularidade dos treitos solicitados polo Concello de Xermade.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que os treitos das estradas LU-P-2202 e LU-P-2215 cumpren co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forme parte sen que exista unha alternativa viaria para todos eles, existente ou planificada, que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente. Polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de setembro de dous mil vente e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade do treito final da estrada LU-P-2202 e do treito inicial da estrada LU-P-2215 a prol do Concello de Xermade:

Clave

Denominación

p.q.i

Coordenadas UTM (ETRS89) fuso 29

p.q.f

Coordenadas

UTM (ETRS89) fuso 29

LU-P-2202

Pedreira (LU-861)-Casanova (LU-540A)

1+220

X=599.467

Y=4.808.393

1+920

X=600.143

Y=4.808.524

LU-P-2215

Roupar (LU-P-2202)-A Torre

0+000

X=599.978

Y=4.808.487

0+082

X=599.999

Y=4.808.566

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre o Concello e a Deputación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Xermade, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de setembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade