DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 22 de setembro de 2023 Páx. 53983

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2023, do tribunal designado para cualificar a proba de coñecemento da lingua galega dos procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, nivel Celga 2.

En sesión que tivo lugar o 15 de setembro de 2023, o tribunal nomeado pola Resolución do 20 de xullo de 2023 para cualificar a proba de coñecemento da lingua galega de todos os procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas para a redución da temporalidade no emprego público (DOG núm. 141, do 26 de xullo),

ACORDOU:

Primeiro. De conformidade co disposto na base II das convocatorias publicadas mediante a Resolución do 22 de decembro de 2022 (DOG núm. 244, do 26 de decembro, e DOG núm. 245, do 27 de decembro), modificadas polas resolucións do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro) e do 6 de febreiro de 2023 (DOG núm. 26, do 7 de febreiro), así como na resolución deste tribunal, do 29 de agosto de 2023, pola que se publican os parámetros para a cualificación da proba de coñecemento da lingua galega, o exercicio realizado aos aspirantes que non acreditaron que estaban en posesión do Celga 2 ou equivalente valorouse como apto ou non apto, sendo preciso acadar un mínimo de quince (15) respostas correctas para acadar a cualificación de apto.

Segundo. Unha vez efectuada a corrección dos exames na sesión do 15 de setembro de 2023, publícase no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal a cualificación como apto ou non apto das persoas aspirantes que se presentaron á citada proba de coñecemento da lingua galega.

Terceiro. De acordo coa base II das convocatorias, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas, no prazo de dez (10) días hábiles que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG desta resolución.

Cuarto. Contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2023

Adrián Vázquez Espasandín
Presidente do tribunal