DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 25 de setembro de 2023 Páx. 54169

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2023 pola que se amplía o prazo de execución e xustificación dos investimentos establecidos na Resolución do 20 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes do sector servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2023 (código de procedemento IN417Z).

No Diario Oficial de Galicia número 16, do 24 de xaneiro de 2023, publicouse a Resolución do 20 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes do sector servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2023 (código de procedemento IN417Z).

O procedemento de concesión destas subvencións tramitouse en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Conforme o establecido no artigo 3.1 das bases reguladoras, serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro de 2023, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Este aspecto desenvólvese no artigo 25, que recolle que a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 2 de outubro de 2023, e no artigo 27.3.a.3º, que establece que a data dos xustificantes de gasto e do pagamento, para a súa validez e admisión, estará comprendida entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro de 2023, último día do prazo de xustificación previsto no artigo 25 das bases reguladoras.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas nas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite pola demora nas entregas de materiais por parte dos provedores.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste, e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros. Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no cal se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Consecuentemente con todo o anterior, sobre a base dos feitos sinalados e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 20 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes do sector servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2023 (código de procedemento IN417Z), no seguinte sentido:

O artigo 3.1 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

«1. Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 23 de outubro de 2023, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia».

O artigo 25 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

«A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 23 de outubro de 2023».

O segundo parágrafo do punto 3.a.3º do artigo 27 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

«A data dos xustificantes de gasto e de pagamento, para a súa validez e admisión, estará comprendida entre o 1 de xaneiro e o 23 de outubro de 2023, último día do prazo de xustificación previsto no artigo 25 das bases reguladoras».

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra este acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia