DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 25 de setembro de 2023 Páx. 54122

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 14 de setembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores no curso 2022/23 en centros públicos de Galicia (código de procedemento ED311G).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei 3/2020, do 29 de decembro, regula de forma específica nos seus artigos 54 a 58 as ensinanzas artísticas superiores, conducentes ao título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores.

O Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, modificado polo Real decreto 21/2015, do 23 de xaneiro, establece a ordenación das ensinanzas artísticas superiores reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio; posteriormente, promulgáronse os reais decretos que estableceron os contidos básicos das diferentes ensinanzas artísticas superiores, e que tiveron o seu desenvolvemento en Galicia para diferentes especialidades en: Arte Dramática, Conservación e Restauración de Bens Culturais, Deseño e Música.

O Real decreto 1027/2011, do 15 de xullo, modificado polo Real decreto 96/2014, establece o Marco español de cualificacións para a educación superior (MECES), e determina o nivel 2 (grao), para o título de graduado, e para o título superior das Ensinanzas Artísticas Superiores.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades convoca anualmente os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que remata os seus estudos universitarios nas universidades do Sistema universitario de Galicia. Co obxecto de favorecer tamén nas ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico, como recoñecemento ao esforzo, traballo e dedicación do alumnado que remata estes estudos cunha excelente traxectoria académica, considérase conveniente levar a cabo unha convocatoria anual de premios fin de carreira para estudos superiores de ensinanzas artísticas.

Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou brillantemente os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores conducentes a unha titulación superior de ensinanzas artísticas no curso 2022/23, nos centros dependentes da Xunta de Galicia (código de procedemento ED311G).

2. Estes premios, ademais de ter asignada unha dotación económica, supoñen un recoñecemento de carácter oficial para o alumnado que conta co mellor expediente académico de entre as persoas solicitantes.

Artigo 2. Orzamento

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades financiará estes premios con cargo á aplicación orzamentaria 10.07.422M.480.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2023, cunha contía global de 21.000 euros, sen prexuízo de poder ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da consellería, de conformidade cos supostos recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Número e dotación dos premios

1. Poderanse conceder ata seis premios coa seguinte distribución: 2 premios nas ensinanzas artísticas superiores de Música, 2 premios nas ensinanzas artísticas superiores de Deseño, 1 premio nas ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática, e 1 premio nas ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

2. As persoas premiadas recibirán unha dotación económica dun máximo de 3.500 euros e un diploma acreditativo desta distinción. O importe do premio estará suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.

3. Só se poderá recibir un premio por persoa. Na simultaneidade de estudos superiores de ensinanzas artísticas no caso de que unha persoa resulte seleccionada en máis dun deles, deberá escoller en cal desexa recibir o premio.

Artigo 4. Requisitos das persoas solicitantes

Poderá optar a estes premios o alumnado de ensinanzas artísticas superiores que cumpra os seguintes requisitos:

a) Que teña finalizados, no curso académico 2022/23, os estudos da titulación artística superior pola que opta ao premio nun centro de ensinanzas artísticas superiores de titularidade da Xunta de Galicia, e cuxa data de presentación e defensa do traballo fin de estudos (TFE), estea comprendida entre o día 1 de setembro de 2022 e o día 31 de agosto de 2023.

b) Que teña unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5000 sen arredondamento.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, xa que as persoas solicitantes teñen capacidade suficiente e acceso a estes medios, a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda, que deberán observar en todo momento as persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas con esta convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico sereap@edu.xunta.gal

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

c) Título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores.

d) Certificado do centro correspondente no cal deberá figurar a nota media do expediente académico con aproximación a catro decimais sen arrendondamento, e o total dos créditos superados, incluíndo os recoñecidos. Así mesmo, deberá constar o curso académico en que superou o traballo fin de estudos (TFE), e a data da súa presentación e defensa.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Obrigas dos centros

Os centros correspondentes remitirán á Dirección Xeral de Formación Profesional unha certificación do alumnado solicitante en que deberá figurar a nota media do expediente académico con aproximación a catro decimais sen arredondamento, e o total dos créditos superados, incluíndo os recoñecidos. Así mesmo, deberá constar o curso académico en que superou o traballo fin de estudos (TFE), e a data da súa presentación e defensa.

Artigo 10. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a listaxe definitiva das persoas beneficiarias dos premios e a contía destes e a listaxe das persoas que non obtiveron o premio.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades: www.edu.xunta.gal, tanto as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas como as listaxes definitivas.

Artigo 11. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. A Dirección Xeral de Formación Profesional, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e tras examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e excluídas, e os motivos de exclusión, na páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, https://www.edu.xunta.gal, na epígrafe de Ensinanzas de Réxime Especial.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez (10) días. Durante ese prazo, poderán emendar erros e a falta de documentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 12. Comisión Avaliadora

1. A Comisión Avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: a persoa responsable da Dirección Xeral de Formación Profesional, ou persoa en quen delegue.

Vogais: o/a xefe/a do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente e o/a xefe/a do Servizo de Apoio Económico.

Secretario/a: un/unha asesor/a técnico/a da Dirección Xeral de Formación Profesional, que actuará con voz e voto.

2. A Comisión Avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de persoas expertas na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión Avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/algunha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee.

Artigo 13. Criterios de avaliación

1. A selección das solicitudes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria realizaraa a Comisión Avaliadora atendendo ao expediente académico coa cualificación da nota media máis alta obtida polo/a alumno/a en cada unha das distintas titulacións de ensinanzas artísticas superiores implantadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As titulacións de cada unha das ensinanzas artísticas superiores que compitan entre si valoraranse indistintamente, independentemente da especialidade cursada, e obterá o premio a titulación coa nota media máis alta.

3. A nota media calcularase de acordo co disposto no artigo 5.3 do Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro.

4. En caso de empate na nota media do expediente académico entre varias persoas solicitantes, procederase ao desempate de acordo coa seguinte orde de prelación:

1ª. Ter obtido o premio extraordinario nas ensinanzas cursadas.

2ª. Maior número de matrículas de honra.

3ª. Maior número de sobresalientes.

4ª. Maior número de notables.

5ª. Menor número de suspensos.

Artigo 14. Proposta de resolución

Unha vez efectuada a selección, a Comisión Avaliadora elevará, a través da Dirección Xeral de Formación Profesional, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para a adxudicación dos premios mediante a correspondente resolución.

Artigo 15. Resolución

1. A resolución terá o seguinte contido:

a) Listaxe das persoas beneficiarias dos premios e a súa contía.

b) Listaxe das persoas que non obtiveron premio.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de dous meses, e comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión dos premios publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, https://www.edu.xunta.gal pola que se entenderán notificados, para todos os efectos, os solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Pagamento

O aboamento dos premios farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada pola persoa beneficiaria.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

1. Informar o órgano que concede o premio da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

2. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Acreditar mediante certificación que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 18. Compatibilidade, modificación e reintegro dos premios

1. Estes premios son compatibles con outros premios, bolsas e axudas para a mesma finalidade calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda.

2. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación do premio e do seu reintegro, total ou parcial das cantidades percibidas, xunto cos xuros de demora que lle poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña o premio sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motiven a súa concesión.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 20. Base de datos nacional de subvencións

De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional primeira. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destes premios quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file