DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Martes, 26 de setembro de 2023 Páx. 54414

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2023 pola que se determina o inicio dos procedementos de nomeamento de persoal emérito.

A Orde do 27 de outubro de 2010 (DOG nº 212, do 4 de novembro) pola que se desenvolve o procedemento para o nomeamento e prórroga de persoal emérito no ámbito sanitario, sobre a base do Decreto 36/2010, do 11 de marzo (DOG nº 56, do 24 de marzo), establece no seu artigo 2.2 que as xerencias iniciarán o procedemento, se é o caso, no momento que se determine mediante a Resolución da Xerencia do Servizo Galego de Saúde publicada no Diario Oficial de Galicia. A resolución deberá especificar en cada caso o número de persoas que poderán ser nomeadas persoal emérito, tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 10 do Decreto 36/2010, do 11 de marzo.

En desenvolvemento da devandita previsión, a Xerencia do Servizo Galego de Saúde

RESOLVE:

Primeiro. Iniciar o procedemento para o nomeamento de persoal emérito.

Segundo. O número de persoas que poderán ser nomeadas persoal emérito ao abeiro desta resolución serán 4.

Terceiro. As xerencias das áreas sanitarias promotoras de nomeamento de persoal emérito dun/dunha profesional xubilado/a na citada área sanitaria deberán iniciar o procedemento e remitir as candidaturas á Xerencia do Servizo Galego de Saúde no prazo máximo dun mes desde a data de entrada en vigor desta resolución.

Co fin de equilibrar os nomeamentos de eméritos en todas as Áreas Sanitarias, cada Xerencia poderá propoñer dous candidatos/as, avaliando para a proposta que realicen tanto o currículum como o proxecto que debe estar aliñado coas estratexias do Sergas.

Así como tamén terán en conta a implicación co organismo, as habilidades e boas actitudes do/da profesional implicado/a nos equipos de traballo, e emitirán un informe ao respecto.

A Comisión de Avaliación terá en conta para a proposta que se realice tanto o currículo do/da profesional como o proxecto e deberá motivar a proposta de candidatos/as que realice.

As corporacións e institucións públicas relacionadas co ámbito sanitario poderán presentar solicitudes de nomeamento de persoal emérito no prazo de 10 días, contados desde a entrada en vigor desta resolución, ante a Xerencia da Área Sanitaria que corresponda ao posto desempeñado pola persoa que se vai promover, cos mesmos requisitos.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2023

María Estrella López-Pardo Pardo
Xerente do Servizo Galego de Saúde