DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Martes, 26 de setembro de 2023 Páx. 54409

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 14 de setembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura 2021-2027, e se convocan as correspondentes ao ano 2023 (código de procedemento PE155A).

BDNS (Identif.): 717741.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as seguintes:

1. Pequenas e medianas empresas e persoas traballadoras autónomas, con domicilio fiscal e social na Comunidade Autónoma de Galicia. As entidades terán personalidade xurídica.

Poderán ser beneficiarias as que cumpran os seguintes requisitos:

a) Desenvolver o proxecto no ámbito de aplicación da estratexia do GALP.

b) Cando a beneficiaria sexa unha sociedade de capital, o proxecto deberá adecuarse ao obxecto social que se recolla nos estatutos que teña rexistrados na data de remate da solicitude.

c) No caso de municipios densamente poboados en que na EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e os seus familiares), poderán ser beneficiarias:

1º. As sociedades de capital con domicilio social e fiscal no municipio e en cuxo obxecto social figuren actividades propias do sector pesqueiro.

No caso de que a sociedade desenvolva actividades noutros sectores, deberán acreditar, no momento da solicitude, que a maior parte da súa facturación no ano anterior á convocatoria provén do sector pesqueiro.

2º. As persoas traballadoras autónomas integrantes do sector pesqueiro e os seus familiares que tamén teñan a condición de autónomos. Enténdese por familiares do sector pesqueiro aquelas persoas en cuxa unidade familiar figure algunha persoa física, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, viva ou falecida no ano inmediato anterior á data da solicitude, que sexa ou fose unha persoa pescadora, mariscadora, acuicultora ou persoa traballadora en activo relacionada coa actividade pesqueira ou que traballase nese sector de forma manifesta.

2. Persoas xurídicas sen ánimo de lucro, con domicilio fiscal e social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderán ser beneficiarias as seguintes:

a) Confrarías de pescadores e as súas federacións.

b) Asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas federacións.

c) Entidades sen ánimo de lucro integradas só por confrarías de pescadores e/ou asociacións do sector pesqueiro.

d) Entidades públicas locais.

e) Asociacións declaradas de utilidade pública.

f) Entidades sen ánimo de lucro cos seguintes obxectivos nos seus estatutos:

1º. Fomentar as actividades náuticas.

2º. Promocionar os produtos pesqueiros do territorio.

3º. Fomentar o ambiente mariño e costeiro.

4º. Promover o patrimonio cultural marítimo-pesqueiro.

g) No caso de municipios densamente poboados en que na EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e os seus familiares), soamente poderán ser beneficiarias:

1º. As persoas xurídicas do sector pesqueiro con domicilio social e fiscal no municipio e en cuxo obxecto social figuren actividades propias do sector pesqueiro.

2º. As entidades públicas locais cuxos proxectos están dirixidos especificamente á poboación integrante do sector pesqueiro ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.

3. No caso de proxectos que supoñan a realización dunha actividade económica, as persoas beneficiarias limitaranse á categoría de peme, agás as entidades de carácter local, segundo a definición do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.

4. Para seren elixibles, as persoas beneficiarias disporán de capacidade administrativa, financeira e operativa. Ademais, no caso de operacións que impliquen investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos, a persoa disporá de recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento das operacións, para garantir a súa sustentabilidade financeira.

5. Persoas beneficiarias conxuntas:

1º. Poderán concorrer de maneira individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades, as sinaladas no artigo 5.1 entre si e as sinaladas no número 2 entre si.

No caso de concorreren de forma conxunta, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con quen se efectuarán as actuacións, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado/a, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

2º. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente, cando non for posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

3º. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorran os prazos de prescrición previstos nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Finalidade

1. O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións a proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

2. Así mesmo, convócanse subvencións no exercicio orzamentario do ano 2023. O procedemento que regula a presente orde correspóndese co código PE155A.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 14 de setembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e da Acuicultura 2021-2027, e se convocan as correspondentes ao ano 2023 (código de procedemento PE155A).

Cuarto. Importe

O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2023 e a plurianualidade asociada ás axudas que poidan concederse neste acada o importe de dezaoito millóns e catrocentos mil euros (18.400.000 euros), repartidos nas seguintes anualidades e partidas orzamentarias:

Partida orzamentaria

2023

2024

2025

Totais

15.03.723C.770.0

4.560.000 €

3.192.000 €

2.736.000 €

10.488.000 €

15.03.723C.780.0

3.440.000 €

2.408.000 €

2.064.000 €

7.912.000 €

Totais

8.000.000 €

5.600.000 €

4.800.000 €

18.400.000 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2023

Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar