Mediante o Acordo do 20 de xullo de 2023, da Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, CVE E3WOHuJPYaw2, iniciouse o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de San Miguel, no concello de Valga (Pontevedra). O polígono agroforestal de San Miguel está nos supostos de zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública regulados no artigo 70, que, de acordo co artigo 83.3, habilita a persoa titular da consellería competente en materia de medio rural para elevar ao Consello da Xunta de Galicia a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal inmediatamente despois da aprobación do acordo de inicio.
A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural formulou a proposta prevista nos artigos 83.3 e 85.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería do Medio Rural, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día catorce de setembro de dous mil vinte e tres,
DISPOÑO:
Artigo 1. Declaración de utilidade pública e interese social
Declarar de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de iniciativa pública de San Miguel, no concello de Valga (Pontevedera).
Artigo 2. Delimitación do perímetro do polígono agroforestal
O perímetro do polígono agroforestal é o que figura no documento con código de verificación electrónica (CVE yANAvDG8od55), verificable en https://sede.xunta.gal/cve, sen prexuízo da súa posible modificación segundo o disposto no artigo 85.2.a) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Artigo 3. Autorizacións
Autorizar a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a redacción do proxecto básico do polígono agroforestal co contido previsto no artigo 86 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Autorizar a consellería con competencias en medio rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para a execución dos procedementos de investigación da titularidade na forma prevista nos artigos 90 e 19 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Autorizar o órgano territorial competente en materia de medio rural onde radiquen os predios e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a execución dos procedementos de declaración de abandono da forma establecida no título IV, capítulo I da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Autorizar a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a execución do procedementos de reestruturación da propiedade na forma prevista no artigo 93 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Artigo 4. Interese público
A declaración de utilidade pública e interese social implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da aplicación da tramitación de urxencia do procedemento e aos informes ambientais e sectoriais polos órganos autonómicos e da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o establecido polos artigos 83.4 e 85.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Artigo 5. Permutas de especial interese agrario
A declaración de utilidade pública e interese social implica dar o carácter de especial interese agrario ás permutas de predios que se leven a cabo no polígono agroforestal, conforme o establecido polo artigo 62.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Disposición derradeira. Eficacia
Este decreto producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, catorce de setembro do dous mil vinte e tres
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural