DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Martes, 3 de outubro de 2023 Páx. 55499

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2023 pola que se convoca, en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, o curso As bicicletas na vía pública. Normativa e intervención policial.

As cidades están a cambiar cara a modelos de desprazamentos máis sostibles. A bicicleta é un dos medios de transporte máis eficiente, económico e ecolóxico e usala, ademais de ser un exercicio beneficioso para a saúde, tamén axuda a resolver problemas como a conxestión do tráfico ou a contaminación. O uso da bicicleta é xa unha realidade, xa sexa en propiedade ou a través de sistemas de préstamo de bicicletas, dos cales dispoñen algunhas cidades. Polo tanto, é necesario estar capacitado/a para facer un uso correcto, coñecer as normas e os consellos básicos para evitar riscos.

Desde a Dirección Xeral de Tráfico organizáronse cursos de formación para instrutores de condución e circulación de bicicletas ao longo do ano 2022 e para 2023 o Programa de educación e seguridade viaria conta con novas edicións dirixidas a policías locais e membros de protección civil. Por iso, desde a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT), exponse a necesidade de crear esta acción formativa sobre educación viaria e a actuación policial relacionadas coa circulación de bicicletas.

Por iso, dentro das actividades programadas para o ano 2023 no plan de formación aprobado polo seu Consello Reitor, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, anúnciase a convocatoria dunha edición do curso As bicicletas na vía pública. Normativa e intervención policial, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Horas lectivas: 30.

Modalidade: en liña.

Prazas: 100.

Obxectivos:

1º. Actualizar os coñecementos normativos relativos á circulación de bicicletas establecidos no Regulamento xeral de circulación.

2º. Coñecer os protocolos de actuación policial. Procedemento e sancións.

Contido:

Módulo 1. Equipamento e mecánica.

Módulo 2. Seguridade viaria.

Módulo 3. Normativa, competencias e sancións.

Módulo 4. Accidentalidade.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as:

Persoal dos corpos das policías locais e persoal das agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia.

3. Solicitudes de participación.

a) Prazo de inscrición e presentación:

O prazo para a inscrición e a presentación de solicitudes de participación comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o día 13 de outubro de 2023.

O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano, computado desde o momento en que se detecte o feito.

É obrigatorio consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil e un correo electrónico co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comuniquen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.gal

b) Criterios de selección:

– Terá prioridade o persoal da Policía Local que estea desempeñando tarefas de educación viaria.

– Entre o persoal voluntario de protección civil terán preferencia as solicitudes recibidas do persoal das agrupacións dos concellos que non conten con corpo da Policía Local e realicen tarefas de educación viaria.

A continuación destes criterios específicos de selección, terase en conta:

A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade:

Reservarase o 50 % das prazas para as mulleres solicitantes que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

4. Publicación das relacións do alumnado seleccionado.

1º. A Agasp publicará no enderezo <https://agasp.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co establecido no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

2º. Transcorrido o prazo de alegacións, a Agasp publicará no enderezo <https://agasp.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas en cada curso. Contra esta listaxe poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto nos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Metodoloxía e avaliación.

Metodoloxía:

Os contidos facilitaranse conforme o cronograma do curso. A plataforma docente do curso é a aula virtual da Agasp, que permite:

– Visualizar os contidos do curso en formatos adaptados ás necesidades do alumnado.

– Realizar os cuestionarios de avaliación que se propoñen no curso.

– Formular consultas ao profesorado e participar nas demais ferramentas de comunicación colaborativas (foros).

Avaliación:

Criterios para superar a acción formativa: resultar apto/a nos cuestionarios de avaliación.

A cualificación de apto/non apto obtense:

1º. Polo estudo dos contidos do curso.

2º. Pola superación dos cuestionarios de avaliación de cada módulo, así como o cuestionario de avaliación final, sempre que se obteña en cada categoría unha cualificación superior a 5. Permitiranse 2 intentos en cada cuestionario.

3º. En cada un dos 4 módulos hai un foro para o debate. É importante participar activamente.

Nalgún dos foros exponse un caso práctico para crear un debate específico. Neste caso é obrigatorio intervir e participar realizando achegas, con intervencións mediante mensaxes sobre o tema exposto.

Poderase convocar, de consideralo preciso, unha xornada presencial na sede da Agasp.

6. Certificación.

Superado o curso e a fase de avaliación, a DXT emitirá un certificado oficial e paralelamente a Agasp certificará a súa superación.

7. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 25 de setembro de 2023

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública