DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 5 de outubro de 2023 Páx. 55817

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 1 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de recollida de residuos especiais de competencia municipal para a construción de novos puntos limpos fixos, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2023, 2024 e 2025 (código de procedemento MT975Q).

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou no Diario Oficial de Galicia do día 14 de xuño de 2023, a Orde do 1 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de recollida de residuos especiais de competencia municipal para a construción de novos puntos limpos fixos, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2023, 2024 e 2025 (código de procedemento MT975Q).

Segundo o establecido no artigo 16.4 das citadas bases reguladoras, coa finalidade de garantir o cumprimento dos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, de conformidade co previsto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas outorgadas ao abeiro da orde antes referida, expresando a convocatoria, programa e aplicación orzamentaria a que se imputen, os beneficiarios, as cantidades concedidas e a finalidade da subvención.

As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2023, 2024 e 2025 procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

En consecuencia,

RESOLVO:

Publicar as axudas que se relacionan nas táboas que se acompañan, como anexo I (relación de solicitudes recibidas), anexo II (beneficiarios) e anexo III (non beneficiarios), financiadas con cargo á aplicación 08.02.541D.760.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2023, 2024 e 2025 concedidas ao abeiro do seguinte:

a) Norma reguladora da convocatoria: Orde do 1 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de recollida de residuos especiais de competencia municipal para a construción de novos puntos limpos fixos, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2023, 2024 e 2025 (código de procedemento MT975Q).

b) Aplicación orzamentaria: 02.08.541D.760.1, código de proxecto 2022 00037 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2023, 2024 e 2025.

c) Finalidade da axuda: ao abeiro desta orde de axudas, serán subvencionables proxectos e actuacións que teñan por obxecto a construción de instalacións municipais para a recollida separada dos distintos fluxos de residuos, puntos limpos, co obxecto tanto de potenciar a súa reciclaxe ou outra forma de valorización como de reducir a cantidade de residuos que se destina a eliminación, de acordo co previsto no artigo 3 da dita orde.

d) Destinatarios: ás entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lles correspondan en materia de xestión de residuos.

e) Porcentaxe de financiamento e concorrencia con outras subvencións: o financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta orde de axudas non excederá o 90 % do custo total do proxecto. A porcentaxe restante será asumida polo beneficiario e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai financiar. O financiamento achegado non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2), e o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 400.000 €.

f) Período subvencionable e prazo de execución: o período subvencionable será, con carácter xeral, o comprendido entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de novembro de 2025, ambos incluídos, tendo en conta as datas límite para a súa xustificación segundo o sinalado no artigo 21 da orde de axudas. Non serán subvencionables os proxectos concluídos materialmente na data de presentación da solicitude. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con anterioridade ao remate da data límite para solicitar o aboamento da axuda e a súa xustificación, consonte o establecido no parágrafo seguinte. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de novembro do ano correspondente á anualidade a que se impute o orzamento.

g) Xustificación das subvencións: os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar, no prazo máximo a que se refire o artigo anterior, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, o beneficiario deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe concedido; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida, segundo se expresa no artigo 22 da orde de axudas.

A xustificación terá que axustarse ao sinalado nos artigos 22 e 23 da orde de axudas.

h) Requisitos a observar: segundo o regulado no artigo 4, punto 2 da convocatoria, os proxectos presentados a esta convocatoria deberán observar os seguintes requisitos:

Para os efectos da presente orde non será subvencionable a construción dun punto limpo nun termo municipal no cal xa exista na actualidade un punto limpo. Entenderase como punto limpo unha instalación de recollida separada e almacenamento temporal de residuos de competencia municipal que, polo seu volume ou perigo, deben ser recollidos e depositados en instalacións específicas.

Os proxectos de construción de nova instalación de punto limpo deben recoller o teitado e peche da zona de almacenamento de RP e RAEE, así como a impermeabilización e a instalación de sistemas de recollida de derramamentos na zona de residuos perigosos e RAEE. Estes proxectos deben prever a recollida dos residuos téxtiles e dos residuos domésticos perigosos.

Os proxectos presentados deberán incorporar elementos de compra pública verde ou ecolóxica. A prestación de servizos ou a compra de materiais, equipamentos ou medios de recollida e transporte deberán observar criterios ecolóxicos acordes cos obxectivos ambientais relacionados co cambio climático, a utilización dos recursos e a produción e o consumo sustentables (ecodeseño, emprego de materiais reciclados e/ou reciclables, eficiencia enerxética, redución de emisións, redución da pegada de carbono, economía circular, entre outros) que contribúan a reducir o seu impacto ambiental.

A entidade local deberá comprometerse ao cumprimento da normativa sectorial en materia de residuos destas instalacións, así como á solicitude ou modificación da súa autorización e correspondente inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Galicia, segundo sexa necesario.

Será obrigatorio que, na fase de xustificación da axuda, a instalación conte coa autorización pertinente para levar a cabo a actividade.

Para os efectos desta convocatoria, teñen a consideración de residuos especiais de competencia municipal aqueles residuos que carecen de sistemas ordinarios de recollida, pero que son susceptibles de recuperación ou necesitan recollerse separadamente debido ás súas especiais características (aceites vexetais usados, téxtiles, voluminosos, etc.).

i) Aceptación e renuncia das subvencións: transcorridos dez (10) días hábiles desde a súa notificación sen que a entidade beneficiaria comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se lle notificará ao interesado por medios electrónicos.

j) Pagamento da axuda e posibilidade de solicitar anticipo: o pagamento das axudas efectuarase con cargo ao exercicio orzamentario, unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade subvencionable, e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria da solicitude de aboamento e da xustificación requirida nestas bases reguladoras.

Poderá anticiparse ata o 50 % do importe concedido, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, no artigo 63 do Decreto 11/2009, e nesta convocatoria, que se fará efectivo, por solicitude da entidade beneficiaria, unha vez realizada a notificación da subvención e logo da aceptación desta. De acordo co dito artigo 63, a concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada. Para as subvencións concedidas con cargo á anualidade de 2023, as entidades beneficiarias que se acollan á modalidade de pagamento anticipado deberán manifestalo expresamente no prazo de dez (10) días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión, mediante a presentación da correspondente solicitude de pagamento anticipado, empregando o modelo que se incorpora como anexo VI. Para as subvencións concedidas con cargo ás anualidades 2024 e 2025, as entidades beneficiarias que se acollan á modalidade de pagamento anticipado recibirán, unha vez que se abra contablemente o correspondente exercicio orzamentario, unha comunicación para que exerzan tal opción no prazo de dez (10) días hábiles desde a súa notificación, mediante a presentación da correspondente solicitude de pagamento anticipado, empregando o modelo que se incorpora como anexo VI.

De non presentar a solicitude de pagamento anticipado, enténdese que a entidade solicitante renuncia ao anticipo. Neste caso, o pagamento das axudas efectuarase unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou actividade e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria, no prazo establecido, da documentación xustificativa a que se refire o artigo anterior.

De conformidade co disposto no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, as entidades locais están exoneradas de constituír garantía no caso de solicitar anticipos.

Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentado a correspondente xustificación, entenderase que a entidade renuncia á subvención, sen prexuízo do establecido nos artigos 45.2 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería concedente, antes de proceder ao seu pagamento final, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificaren a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, así como o cumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), no sentido do artigo 8, número 2.e), da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. Os órganos competentes da consellería concedente poderán solicitarlle ao beneficiario as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes, e advertiranlle que a falta de presentación da xustificación no prazo concedido para o efecto poderá comportar a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

Cando o custo xustificado da actividade ou investimento for inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe, sempre que coa parte realmente executada se poida entender cumprida a finalidade da subvención.

O pagamento realizarase logo de verificación, por parte do órgano concedente, do cumprimento da obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

k) Modificación da resolución: toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario; deberán cumprirse, en todo caso, os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) Recursos: as resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, que substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos, ou ben poderán impugnarse directamente, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución for expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2023

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

Anexo I

Relación de solicitudes recibidas

Nº de expediente

Nome do solicitante

NIF do solicitante

PPLL-001-2023-RES

Concello de Vilanova de Arousa

P3606100J

PPLL-002-2023-RES

Concello de Oza-Cesuras

P1500029B

PPLL-003-2023-RES

Concello de Coristanco

P1502900B

PPLL-004-2023-RES

Concello de Arteixo

P1500500B

PPLL-005-2023-RES

Concello de Negueira de Muñiz

P2703500E

Anexo II

Relación de beneficiarios

Expediente

Solicitante

Axuda total concedida

% de cofinanciamento

Axuda concedida 2023 (€)

Axuda concedida 2024 (€)

Axuda concedida 2025 (€)

PPLL-001-2023-RES

Concello de Vilanova de Arousa

354.204,76

10 %

36.450,00

142.161,01

175.593,75

PPLL-003-2023-RES

Concello de Coristanco

284.108,53

10 %

28.410,85

113.643,42

142.054,26

Anexo III

Relación de solicitudes non beneficiarias e motivo da exclusión

Nº de expediente

Nome do solicitante

Motivo

PPLL-002-2023-RES

Concello de Oza-Cesuras

Non cumpre os requisitos da orde

PPLL-004-2023-RES

Concello de Arteixo

Non cumpre os requisitos da orde

PPLL-005-2023-RES

Concello de Negueira de Muñiz

Non emenda en prazo