DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 6 de outubro de 2023 Páx. 56016

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se anuncia a exposición das listaxes definitivas de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2022, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade para o persoal da Administración da Xunta de Galicia.

De conformidade co establecido na norma 9.3 dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social para o exercicio económico do ano 2022, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia do 20 de abril de 2023 e publicados pola Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 21 de abril de 2022 (DOG número 82, do 28 de abril), o anuncio de exposición das listaxes definitivas de admitidos e excluídos publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Dado que nas listaxes preceptivas figuran datos de carácter identificativo, de características persoais, económicos ou de saúde protexidos pola Lei orgánica 15/1995, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, cuxa publicación pode lesionar o dereito constitucional á intimidade dos/das solicitantes ou dos/das causantes das axudas, cómpre realizar a publicación coas limitacións e reservas establecidas no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Dando cumprimento ao prescrito, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Facer públicas as listaxes definitivas das axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2022 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública http://funcionpublica.xunta.es/?q=FAS

Para o coñecemento íntegro do acto, os solicitantes deberán introducir nos espazos habilitados para o efecto o NIF e mais o código de impresión da súa solicitude.

Segundo. Contra a resolución definitiva dos expedientes os/as interesados/as poderán presentar recurso de alzada perante o conselleiro de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, en calquera dos rexistros públicos, oficinas de Correos e demais lugares establecidos no artigo 16.4 da devandita Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os recursos deberán dirixirse á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública, no Edificio Administrativo San Caetano, número 1, 2º andar, 15770 Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO

Tipo de axudas

Entradas

Aprobadas

Denegadas

Importe euros

1. Atención de persoas con discapacidade

889

806

83

1.670.627,19 €