DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 6 de outubro de 2023 Páx. 56014

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 28 de setembro de 2023 pola que se suprime a oficina de Rexistro Auxiliar do Consello Galego de Relacións Laborais, na rúa Algalia de Abaixo, 24 baixo, de Santiago de Compostela.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 26.5 que o Sistema único de rexistro dependerá da consellería competente en materia de administracións e, no artigo 33.3, que as oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro se crearán, modificarán e suprimirán mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de administracións públicas.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 196, do 13 de outubro), dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares se fará mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas, por proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da oficina de Rexistro Xeral.

No anexo I do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, figura a listaxe inicial de oficinas de rexistro. A relación actualizada está á disposición da cidadanía no portal institucional www.xunta.gal, segundo o previsto na disposición adicional segunda dese decreto.

Con data do 1 de agosto de 2023, a secretaria do Consello Galego de Relacións Laborais solicitou a supresión do seu rexistro auxiliar, sito na rúa Algalia de Abaixo, 24 baixo, de Santiago de Compostela. Xustifica a supresión da mencionada oficina de rexistro a diminución da recepción de documentación en papel que, ademais, se sitúa preto do Edificio Administrativo San Caetano.

Esta oficina ten una carga de traballo insignificante, que por si mesma non xustifica que siga existindo. O avance das novas tecnoloxías e o tipo de persoas coas que se relaciona, con bo nivel académico e con suficientes coñecementos telemáticos, fan que sexan mínimas as entradas en papel.

Esta supresión faise tendo sempre en conta os principios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Suprímese a oficina de Rexistro Auxiliar do Consello Galego de Relacións Laborais, sito na rúa Algalia de Abaixo, 24 baixo, de Santiago de Compostela.

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Nesa mesma data actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro auxiliar, existente na páxina web institucional.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes