DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 6 de outubro de 2023 Páx. 56012

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 28 de setembro de 2023 pola que se suprime a oficina de Rexistro Auxiliar da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, radicada na rúa Roma, 25-27, de Santiago de Compostela.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 26.5 que o Sistema único de rexistro dependerá da consellaría competente en materia de administracións e, no artigo 33.3, que as oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro se crearán, modificarán e suprimirán mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de administracións públicas.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 196, do 13 de outubro), dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares se fará mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas, por proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da oficina de Rexistro Xeral.

No anexo I do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, figura a listaxe inicial de oficinas de rexistro. A relación actualizada está á disposición da cidadanía no portal institucional www.xunta.gal, segundo o previsto na disposición adicional segunda dese decreto.

Con data do 17 de xullo de 2023, o director xeral de Emerxencias e Interior remitiu escrito á Secretaría Xeral Técnica desta vicepresidencia primeira en que solicita a supresión do rexistro auxiliar da sinalada dirección xeral na rúa Roma, 25-27, de Santiago de Compostela.

Esta oficina de rexistro auxiliar desenvolve nesta materia unha pequena carga de traballo, que non xustifica a súa existencia, especialmente por estar moi preto da oficina do Rexistro Xeral de San Caetano.

Por outra banda, esta oficina ocupa o mesmo edificio en que ten a súas dependencias a Unidade de Policía Adscrita (UPA), co correspondente risco para a seguridade.

Esta supresión faise tendo sempre en conta os principios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Suprímese a oficina do Rexistro Auxiliar da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sito na rúa Roma, 25-27, de Santiago de Compostela.

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Nesa mesma data actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro auxiliar, existente na páxina web institucional.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes