DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 6 de outubro de 2023 Páx. 56066

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2023 pola que se abre o prazo posesorio dos postos adxudicados en virtude da Resolución do 22 de maio de 2023 pola que se resolve o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala superior de finanzas, e do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de finanzas, convocado pola Resolución do 14 de xullo de 2021.

Mediante a Resolución do 22 de maio de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 100, do 29 de maio), resolveuse o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala superior de finanzas e do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica de finanzas.

De acordo co punto segundo desa resolución, diferíronse os prazos posesorios derivados da resolución do concurso ata a publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se indique a data de inicio dos ditos prazos.

Polo exposto, no uso das competencias que ten atribuídas segundo o artigo 1 da Orde do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública e de conformidade co previsto na base X da convocatoria, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. A apertura do prazo de toma de posesión que se establece no punto segundo da resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 22 de maio de 2023.

Segundo. De conformidade co previsto na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, o prazo da toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento e será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia.

O cesamento deberá efectuarse o día 9 de outubro de 2023.

Se a adxudicación comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será de vinte días hábiles e empezará a computarse o día 10 de outubro de 2023.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer un recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente no prazo de dous meses, contados desde esa mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2023

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública