DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 13 de outubro de 2023 Páx. 56875

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2023 pola que se activa a situación de alerta ou escaseza severa na unidade territorial de escaseza número 10-río Anllóns, costa da Coruña ata o límite de Arteixo.

O 2.6.2022 o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan especial de seca da demarcación hidrográfica de Galicia Costa que foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 1.7.2022.

O dito plan dispón que a escaseza se produce ante unha situación de redución temporal da auga dispoñible que pode pór en risco a atención das demandas asociadas aos diferentes usos socioeconómicos.

O Plan especial de seca citado divide o territorio da demarcación hidrográfica de Galicia Costa en unidades territoriais de escaseza (UTE) (número 2 do plan), establece os indicadores hidrolóxicos de escaseza en cada unha destas UTE (número 6.2 do plan) e fixa os limiares para a activación e desactivación dos diferentes escenarios de escaseza (número 7.2.2 do plan).

O número 10.4.2 do Plan especial de seca indicado determina que se debe elaborar un informe mensual no cal se analice a situación e evolución dos indicadores hidrolóxicos de escaseza previstos.

O informe de seguimento da seca do 5.10.2023 analiza o estado da situación dos indicadores da seca en data 1.10.2023 e constata un valor dos indicadores de escaseza correspondente á situación de alerta ou escaseza severa na UTE 10-río Anllóns, costa da Coruña ata o límite de Arteixo.

O 9.10.2023 reuniuse a Oficina Técnica da Seca e propuxo a activación da situación de alerta ou escaseza severa na UTE 10-río Anllóns, costa da Coruña ata o límite de Arteixo.

O número 10.4.2 do Plan especial de seca citado dispón que a Presidencia de Augas de Galicia é o órgano competente para a activación do escenario de alerta ou escaseza severa.

De acordo co anterior, esta presidencia

RESOLVE:

Activar o escenario de alerta ou escaseza severa na unidade territorial de escaseza número 10, correspondente ao sistema de explotación número 10-río Anllóns, costa da Coruña ata o límite de Arteixo.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2023

Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia