DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 13 de outubro de 2023 Páx. 56877

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 18 de xullo de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas para os gastos notariais e de inmatriculación rexistral de predios agroforestais obxecto de permutas de especial interese agrario, en réxime de concorrencia non competitiva, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR709B).

O 8 de agosto de 2023 publicáronse no Diario Oficial de Galicia, núm. 150, as bases reguladoras das axudas para os gastos notariais e de inmatriculación rexistral de predios agroforestais obxecto de permutas de especial interese agrario, en réxime de concorrencia non competitiva, e convocáronse as axudas para o ano 2023 (código de procedemento MR709B).

Actualmente en Galicia obsérvase unha demanda relevante de terra produtiva dos diferentes usos agrícolas, gandeiros e forestais que procede das explotacións actualmente existentes e tamén dun crecente número de novos emprendedores e de persoas e colectivos dispostos a investir no sector.

Co fin de dar cobertura a esa demanda e, en particular, co fin de intensificar a mobilización da terra agraria, a Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia (DOG núm. 94, do 21 de maio), inclúe procedementos de mobilización de terras, entre os que se definen as permutas de especial interese agrario como un mecanismo especialmente acaído para mellorar a base territorial das explotacións agrarias galegas, calquera que sexa a súa localización no territorio.

En particular, a citada Lei 11/2011 no artigo 62.1 prevé, con carácter xeral, que a consellería competente en materia de medio rural incentive a mellora das estruturas das propiedades agrarias mediante permutas de predios agroforestais consideradas como de especial interese agrario. E o artigo 66 regula, de xeito específico, medidas de fomento das permutas de especial interese agrario, entre as que se atopa o establecemento de liñas de axudas específicas que cubran os gastos notariais e de inmatriculación rexistral dos predios, segundo a redacción dada a este artigo pola Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

As axudas convocadas para 2023 vanse financiar con cargo aos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, por importe de cincuenta mil euros (50.000 €), e imputaranse ás aplicacións orzamentarias 14.A1.712A.781.0 (42.500 €) e 14.A1.712A.770.0 (7.500 €), código de proxecto 2023-00005, dado que as persoas beneficiarias das axudas poderían ser os particulares e mais as empresas.

Para a consecución dos obxectivos da Lei 11/2021 considérase conveniente tramitar a modificación do prazo de presentación de solicitudes das axudas para os gastos notariais e de inmatriculación rexistral de predios agroforestais obxecto de permutas de especial interese agrario, en réxime de concorrencia non competitiva, de xeito que se amplíe ata o 16 de novembro de 2023 o prazo previsto na Resolución do 18 de xullo de 2023 para a presentación de solicitudes, que vai rematar o 16 de outubro de 2023.

A xustificación desta medida baséase nas seguintes consideracións:

– O reducido espazo de tempo entre a data de publicación da convocatoria das axudas, o 8 de agosto de 2023, e a data límite prevista para a presentación de solicitudes de axuda, o 16 de outubro de 2023, período que ademais coincide con boa parte do período estival, o que dificulta o coñecemento da convocatoria de axudas.

– A solicitude de axuda require que a Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural declare previamente a permuta de especial interese agrario, ben que esta é unha figura novidosa que aínda non acadou un amplo coñecemento entre as posibles persoas interesadas na súa utilización para a mellora das estruturas agrarias.

– A convocatoria de axudas de que se trata é a primeira deste tipo que tramita a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, polo que os posibles destinatarios dela maioritariamente descoñecían a previsión da súa convocatoria.

Por outra parte, a citada ampliación do prazo para solicitar as axudas ata o 16 de novembro de 2023 cumpre as condicións sinaladas no artigo 32 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, tendo en conta:

a) Que as circunstancias sinaladas a aconsellan,

b) Que non se prexudican dereitos de terceiras persoas, posto que aínda non finalizou o prazo para presentar solicitudes de axuda para concorrer á convocatoria, e

c) Que esta ampliación de prazo non excede a metade do prazo establecido inicialmente.

Segundo o Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, do 11 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto), a persoa titular da Dirección Xeral ten delegada a aprobación dos procedementos de selección de actuacións con cargo aos recursos que lle sexan asignados para o desenvolvemento do medio rural, así como a súa xestión orzamentaria e a súa distribución.

En consecuencia,

RESOLVO:

Modificar o artigo 3 da resolución de que se trata, de xeito que quede redactado como se indica a seguir:

«Artigo 3. Prazo para presentar as solicitudes

As solicitudes, dirixidas á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, presentaranse segundo o modelo do anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

O prazo para presentar as solicitudes para a convocatoria de 2023 iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 16 de novembro de 2023. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte».

Disposición adicional primeira. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou ben recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela que corresponda, no prazo de dous meses, contados igualmente desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Disposición adicional segunda. Eficacia desta resolución

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2023

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural