DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 13 de outubro de 2023 Páx. 56880

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2023, conxunta da Dirección Xeral de Xustiza e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas no ámbito da Dirección Xeral de Xustiza.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 20.1 que en relación coa Administración de xustiza lle corresponde á Comunidade Autónoma exercer todas as facultades que as leis orgánicas do poder xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial recoñecen ou atribúen ao Goberno do Estado. Nesta cláusula estatutaria atópase a orixe do traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións que desempeñaba a Administración do Estado en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, que se levou a cabo mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, posteriormente ampliado polo Real decreto 233/1998, do 16 de febreiro.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia é o órgano da Administración autonómica que, a través da Dirección Xeral de Xustiza, exerce as competencias que lle corresponden á Xunta de Galicia relativas aos medios persoais, económicos e materiais ao servizo da Administración de xustiza, en virtude do artigo 23 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, que establece a súa estrutura orgánica.

De acordo co previsto no artigo 4 da Orde do 22 de setembro de 2016 pola que se crea e se regula a sede xudicial electrónica de Galicia (https://sede.xustiza.gal), a titularidade da sede xudicial electrónica de Galicia corresponderá á consellería competente en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza en Galicia. A xestión tecnolóxica da sede xudicial electrónica de Galicia levaraa a cabo a entidade institucional con competencia en materia de desenvolvemento tecnolóxico da Administración de xustiza en Galicia. Serán responsables da xestión e dos servizos postos á disposición da cidadanía e profesionais na sede xudicial electrónica de Galicia, os órganos administrativos designados para tal efecto polos departamentos da Xunta de Galicia competentes na materia. Do mesmo xeito, a responsabilidade dos contidos corresponderá ao órgano que orixine a dita información.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira, autoriza a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), actualmente adscrita á Consellería de Facenda e Administración Pública, que ten como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia no eido das tecnoloxías da información e a comunicación e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Mediante o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, desenvolveuse a autorización antedita, creando a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e regulando tanto as súas competencias e funcións como a súa organización e estrutura, o réxime do seu persoal, o réxime económico-financeiro e patrimonial, así como os principios que a orientarán na súa actuación. Esta norma modificouse polos decretos 149/2014, do 20 de novembro, polo que se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, e o Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, (en diante, só Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se fose o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para efectos de impugnación.

Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, se é o caso, para á actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a seguinte actuación administrativa automatizada a través de sistemas de información no ámbito da Dirección Xeral de Xustiza: asinar os xustificantes dos asentos de entrada e saída no Rexistro Electrónico da Sede Xudicial Electrónica de Galicia.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Dirección Xeral de Xustiza como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Dirección Xeral de Xustiza como órgano responsable para os efectos de impugnación

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «DIRECCIÓN XERAL DE XUSTIZA» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «DIRECCIÓN XERAL DE XUSTIZA» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2023

José Tronchoni Albert

Julián Cerviño Iglesia

Director xeral de Xustiza

Director da Axencia para a Modernización

Tecnolóxica de Galicia