DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 16 de outubro de 2023 Páx. 57130

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2023 de nomeamento de nova secretaria do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia (CEIm-G).

A xerente do Servizo Galego de Saúde comunicou o día 4.9.2023 a súa conformidade ao cambio de titularidade da secretaría técnica do CEIm-G.

Antecedentes:

1. Mediante a Resolución do 17 de decembro de 2021, que se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 31.12.2021, concedeuse a renovación da acreditación do Comité de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (CEIm-G) e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo. O 19.1.2022 publicouse no DOG corrección de erros que recolle o nomeamento de Paula López Vázquez como secretaria técnica do CEIm-G.

2. A xerente do Servizo Galego de Saúde manifestou o 4.9.2023 a súa conformidade a un cambio de titularidade na Secretaría Técnica do CEIm-G, logo de expor que o 30.8.2023 foi comunicada a renuncia, por motivos profesionais, de Paula M. López Vázquez, e proposta a súa substitución como secretaria técnica do CEIm-G de Laura Romero Sánchez, médico especialista en alergoloxía e especialista en farmacoloxía clínica, actualmente con vinculación laboral co Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Así mesmo, proponse que Paula M. López Vázquez continúe como membro do CEIm-G.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética da investigación en Galicia, establece no artigo 5, relativo á composición, que estará formado por un mínimo de nove e un máximo de vinte e cinco membros designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada de homes e mulleres.

O CEIm-G contará cun/cunha presidente/a e un/unha vicepresidente/a, que serán elixidos/as polo propio comité de entre os seus membros e designados/as formalmente pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

2. Ademais dos anteriores, o punto 6 do artigo 5 do decreto, dispón que «o comité contará tamén cun/cunha secretario/a e cun/cunha vicesecretario/a, nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, e por proposta da Secretaría Xeral Técnica».

Logo do ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta do 28.9.2023 que efectuou a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

O cesamento, por causa de renuncia, de Paula M. López Vázquez na súa condición de secretaria técnica do CEIm-G, pero continuando como membro do comité.

Así mesmo, o nomeamento de Laura Romero Sánchez como secretaria técnica do CEIm-G.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade