DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 17 de outubro de 2023 Páx. 57387

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Pleno, do 3 de outubro de 2023, polo que se aproba o procedemento do Sistema interno de información.

O Consello de Contas de Galicia, na súa reunión plenaria do día 3 de setembro de 2023, adoptou o acordo polo que se aproba o procedemento do Sistema interno de información no Consello de Contas de Galicia.

A Lei 2/2023, do 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción (en diante, Lei 2/2023, do 20 de febreiro), obriga todas as entidades integrantes do sector público, así como os órganos constitucionais, os de relevancia constitucional e institucións autonómicas análogas aos anteriores, a dotarse dun Sistema interno de información logo de consulta coa representación legal das persoas traballadoras.

O título II da referida lei contén o réxime xurídico do Sistema interno de información, que abrangue tanto a canle, entendida como caixa de correos ou medio para recepción da información, como a designación do responsable do sistema e o procedemento, que debe ser aprobado polo órgano de goberno de cada entidade ou institución incluída no ámbito de aplicación da lei.

Para o seu coñecemento xeral, no dito acordo do Pleno do Consello de Contas previuse a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Asemade, o Sistema interno de información está accesible de forma clara e separada na páxina web do Consello de Contas no seguinte enderezo:

https://consellodecontasgalicia.sedelectronica.gal/complaints-channel.1

Dando cumprimento á dita previsión, e ao abeiro das competencias que me corresponden conforme o artigo 8 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do Consello de Contas de Galicia,

RESOLVO:

Dispor a publicación do seguinte acordo, adoptado polo Pleno do Consello de Contas de Galicia, de aprobación do Sistema interno de información da dita institución, cuxa entrada en vigor se retrotrae ao 13 de xuño de 2023.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2023

Juan Carlos Aladro Fernández
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

O pasado 21 de febreiro publicouse no BOE a Lei 2/2023, do 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción, que traspón ao dereito interno a Directiva (UE) nº 2019/1937 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2019, relativa á protección das persoas que informen sobre infraccións do dereito da Unión (en diante, Directiva).

A finalidade da norma é a de protexer as persoas que nun contexto laboral ou profesional detecten infraccións penais ou administrativas graves ou moi graves e as comuniquen, mediante os mecanismos regulados nela.

Polo que se refire ao seu ámbito de aplicación, ademais de protexer a quen informe sobre as infraccións do dereito da Unión previstas na Directiva, a Lei 2/2023, do 20 de febreiro, abrangue tamén as infraccións penais e administrativas graves e moi graves do noso ordenamento xurídico. Considerouse necesario, polo tanto, ampliar o ámbito material da Directiva ás infraccións do ordenamento nacional, pero limitado ás penais e ás administrativas graves ou moi graves, para permitir que tanto as canles internas de información como as externas poidan concentrar a súa actividade investigadora nas vulneracións que se considera que afectan con maior impacto o conxunto da sociedade.

Exclúense do ámbito de aplicación material os supostos que se rexen pola súa normativa específica, isto é, aquela que regula os mecanismos para informar sobre infraccións e protexer os informantes, previstas por leis sectoriais ou polos instrumentos da Unión Europea enumerados na parte II do anexo da Directiva (UE) nº 2019/1937.

Xunto coa descrición do ámbito obxectivo de aplicación, precisa a lei o ámbito subxectivo, isto é, as persoas que están protexidas fronte a posibles represalias. Así, a protección outorgada pola Lei 2/2023 esténdese como posibles informantes a todos os citados no artigo 3 da dita lei.

Por outra banda, a boa fe do informante, ao ter conciencia de que se produciron ou poden producirse feitos graves prexudiciais, constitúe un requisito indispensable para a protección do dito informante. Esa boa fe é a expresión do seu comportamento cívico e contraponse a outras actuacións que, pola contra, resulta indispensable excluír da protección, tales como a remisión de informacións falsas ou terxiversadas, así como aquelas que se obtiveron de maneira ilícita.

A configuración do Sistema interno de información debe reunir determinados requisitos, entre outros o seu uso alcanzable, as garantías de confidencialidade e as prácticas correctas de seguimento, investigación e protección do informante.

Así mesmo, resulta indispensable para a eficacia do Sistema interno de información a designación do responsable do seu correcto funcionamento.

Débese destacar que se permite a comunicación anónima. Cando se traslade unha comunicación, no marco do Sistema interno de información, que estea dentro do ámbito de aplicación da lei, aplicarase a regra específica contida nesta lei relativa á posibilidade de presentación e tramitación de comunicacións anónimas. De feito, a Directiva establece como principio o deber xeral de manter o informante no anonimato.

Con base no anterior, adóptase este acordo para os efectos de establecer o Sistema interno de información no Consello de Contas de Galicia, mediante a determinación das condicións de funcionamento da canle interna de denuncias da institución, a aprobación do procedemento de xestión e a designación do órgano responsable do Sistema interno de información.

Na súa virtude, conforme a competencia conferida no artigo 7 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do Consello de Contas de Galicia, e no artigo 5 do Regulamento de réxime interior, o Pleno desta institución

ACORDA:

Primeiro. Aprobar o establecemento do Sistema interno de información do Consello de Contas de Galicia.

Segundo. Aprobar as condicións de funcionamento da canle interna de información do Consello de Contas e a aprobación do procedemento de xestión, nos termos recollidos no anexo deste acordo.

Terceiro. Aprobar a designación, como órgano responsable do Sistema interno de información, do órgano responsable da integridade e prevención de riscos previsto no Plan de prevención de riscos do Consello de Contas, así como aprobar a designación como xestor da canle interna da actual Unidade de Prevención da Corrupción.

O órgano responsable do Sistema desenvolve as súas funcións de forma independente e autónoma respecto do resto de órganos da institución, sen que poida recibir instrucións de ningún tipo no seu exercicio.

Cuarto. Determinar que a regulación aprobada producirá efectos retroactivos desde o 13 de xuño de 2023.

ANEXO

Regulación das condicións de funcionamento do Sistema interno de información do Consello de Contas de Galicia

Artigo 1. Mandato legal

A Lei 2/2023, do 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción, que incorpora ao dereito español a Directiva (UE) nº 2019/1937, do Parlamento e do Consello, contén o réxime xurídico do Sistema interno de información, que abrangue tanto a canle para recepción da información, como o responsable do sistema e o procedemento, que debe ser aprobado polo órgano de goberno de cada entidade ou institución incluída no ámbito de aplicación da lei.

A canle interna de denuncias do Consello de Contas de Galicia respectará as garantías que establece a Directiva (UE) nº 2019/1937 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro, relativa á protección das persoas que informen sobre as infraccións do dereito da Unión, que foi incorporada ao dereito español pola Lei 2/2023, do 20 de febreiro.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos desta regulación:

1. Entenderase por «comunicación» calquera denuncia, alerta ou posta en coñecemento de accións ou omisións que constitúan as infraccións previstas no artigo 2 da Lei 2/2023, do 20 de febreiro.

2. Entenderase por «denunciante», «informante» ou «comunicante» calquera persoa que teña relación co Consello de Contas de Galicia nos termos a que se refire o artigo 3 da Lei 2/2023, do 20 de febreiro, e unicamente en relación coas infraccións previstas no artigo 2 da dita norma legal.

Artigo 3. Ámbito subxectivo de aplicación

No marco establecido polo artigo 3 da Lei 2/2023, do 20 de febreiro, son posibles informantes do Sistema interno de información do Consello e posibles usuarios da canle interna do dito sistema os empregados públicos da institución que obtivesen no seu contexto laboral ou profesional información sobre infraccións.

Igualmente, poden ser informantes os traballadores, accionistas e membros dos órganos de dirección das empresas contratistas, subcontratistas e provedores da entidade, así como os que obtivesen a información sobre infraccións no marco dunha relación laboral ou estatutaria xa rematada.

Tamén poden ser informantes persoas relacionadas co Consello, como voluntarios, bolseiros, traballadores en períodos de formación con independencia de que perciban ou no unha remuneración, así como aqueles cuxa relación laboral aínda non comezase, nos casos en que a información sobre infraccións sexa obtida durante o proceso de selección ou de negociación precontractual.

Por outra banda, as medidas de protección do informante previstas no título VII da Lei 2/2023 seranlles tamén aplicadas aos representantes legais dos informantes e ás persoas físicas, como compañeiros de traballo ou familiares dos informantes, que poidan sufrir represalias.

Artigo 4. Ámbito obxectivo de aplicación

A través da canle interna de información do Consello de Contas de Galicia poderán presentarse comunicacións sobre as infraccións previstas no artigo 2 da Lei 2/2023, do 20 de febreiro, nas cales se inclúen:

a) Infraccións do dereito da Unión Europea, sempre que:

1º. Estean dentro do ámbito de aplicación dos actos da Unión Europea enumerados no anexo da Directiva (UE) nº 2019/1937, con independencia da cualificación que delas realice o ordenamento xurídico interno, que versan sobre as seguintes materias:

– Contratación pública.

– Servizos, produtos e mercados financeiros, e prevención do branqueo de capitais e o financiamento do terrorismo.

– Seguridade dos produtos e conformidade.

– Seguridade do transporte.

– Protección do ambiente.

– Protección fronte ás radiacións e seguridade nuclear.

– Seguridade dos alimentos e os pensos, sanidade animal e benestar dos animais.

– Saúde pública.

– Protección dos consumidores.

– Protección da privacidade e dos datos persoais, e seguridade das redes e os sistemas de información.

2º. Afecten os intereses financeiros da Unión Europea tal e como se recollen no artigo 325 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE); ou

3º. Incidan no mercado interior, tal e como se recolle no artigo 26, número 2, do TFUE, incluídas as infraccións das normas da Unión Europea en materia de competencia e axudas outorgadas polos Estados, así como as infraccións relativas ao mercado interior en relación cos actos que infrinxan as normas do imposto sobre sociedades ou con prácticas cuxa finalidade sexa obter unha vantaxe fiscal que desvirtúe o obxecto ou a finalidade da lexislación aplicable ao imposto sobre sociedades.

b) Infraccións penais ou infraccións administrativas graves ou moi graves. En todo caso, entenderanse comprendidas todas aquelas infraccións penais ou administrativas graves ou moi graves que impliquen quebranto económico para a facenda pública e para a Seguridade Social.

De conformidade co artigo 2.5 da Lei 2/2023, non se inclúen no ámbito material deste sistema as informacións relativas a infraccións na tramitación de procedementos de contratación que conteñan información clasificada ou que fosen declarados secretos ou reservados, ou aqueles cuxa execución deba ir acompañada de medidas de seguridade especiais conforme a lexislación vixente, ou nos cales o exixa a protección de intereses esenciais para a seguridade do Estado.

Artigo 5. Vías de acceso ao Sistema interno de información do Consello de Contas

As informacións e comunicacións sobre infraccións poden recibirse por escrito, a través da canle interna de información do Consello de Contas e por correo postal ou verbalmente de xeito telefónico, do seguinte modo:

• Canle interna de información do Consello de Contas de Galicia: é a vía preferente de entrada, de carácter telemático, que permite unha comunicación bidireccional e anónima, xa que está pensada para comunicarse de maneira áxil, sen necesidade de realizar notificacións formais, e posibilita achegar documentación ou arquivos multimedia.

• Correo postal: é unha vía tradicional que, aínda que cada vez está máis en desuso, se mantén para facilitar a comunicación de información a aquelas persoas que prefiran utilizala.

• Teléfono: habilitarase un número de teléfono con mensaxaría de voz para gravar as denuncias que cheguen por este medio.

As persoas informadoras poderán utilizar unha ou varias destas vías internas e, mesmo alternar entre elas.

Artigo 6. Órgano responsable do Sistema interno de información do Consello de Contas

De acordo coa posibilidade recollida no artigo 8.2 da Lei 2/2023, desígnase como órgano colexiado responsable do Sistema interno de información o órgano responsable da integridade e prevención de riscos previsto no Plan de prevención de riscos do Consello de Contas.

O xestor da canle interna de información será a persoa responsable da Unidade de Prevención da Corrupción.

O órgano responsable do Sistema interno de información desenvolve as súas funcións de forma independente e autónoma respecto do resto de órganos da institución, sen que poida recibir instrucións de ningún tipo no seu exercicio.

Artigo 7. Publicidade e difusión das vías de comunicación de infraccións do Sistema interno de información do Consello de Contas

A canle interna de información do Consello de Contas de Galicia, de carácter telemático, configúrase como a canle preferente para informar das infraccións. Para estes efectos, crearase un enderezo web (url) específico e diferenciado, https://www.ccontasgalicia.es/gl/content/canle-interna-de-información, onde se informará da política de xestión do Sistema interno de información do Consello de Contas e se dará acceso á dita vía de comunicación telemática, así como información sobre como utilizar o resto das vías (enderezo postal, teléfono de contacto) do Sistema.

A citada url será accesible desde a páxina web do Consello de Contas de Galicia e desde as intranets ou portais destinados ás persoas que teñen unha relación laboral ou profesional co Consello de Contas.

Do mesmo xeito, informarase o persoal empregado público do Consello de Contas de Galicia do seu deber de remitir ao responsable do Sistema interno as comunicacións e informacións incluídas no ámbito de aplicación deste sistema que poidan recibir por vías distintas da canle interna. Así mesmo, advertirase de que o incumprimento deste deber está tipificado como infracción disciplinaria moi grave. Polo menos unha vez ao ano lembrarase ao persoal empregado público a existencia das vías de comunicación de infraccións incluídas no Sistema interno de información do Consello de Contas.

Artigo 8. Principios xerais de funcionamento da canle interna de información

1. A canle interna de información do Consello de Contas réxese polo principio de accesibilidade, debido a que consiste nunha ferramenta comprensible, áxil e de fácil acceso, que permite a presentación de comunicacións, tanto anónimas como identificadas, e garante a súa total seguridade e confidencialidade. Esta garantía de confidencialidade non impide a cesión dos datos que requiran os xulgados e tribunais en exercicio da súa función xurisdicional, ou a Fiscalía en exercicio das súas facultades de investigación.

2. O informante poderá colaborar na comprobación dos feitos, se así o decide voluntariamente.

3. A canle interna de información incorpora mecanismos de interacción coas persoas usuarias anónimas, que están orientados a garantir a dita colaboración. Por cada comunicación realizada, a canle interna de información asignará un código alfanumérico a través do cal a persoa usuaria, anónima ou non, pode acceder ao sistema e interactuar coa unidade xestora da canle.

4. Todas as comunicacións que se presenten mediante a canle interna de información serán tramitadas, de acordo co previsto nos puntos seguintes deste precepto, salvo aquelas comunicacións que incorran en falsidade evidente ou mala fe, que nese caso serán inadmitidas e poderán ser obxecto das responsabilidades legais que procedan.

5. As comunicacións recibidas darán lugar no Consello de Contas á tramitación ordinaria do correspondente expediente pola unidade xestora da canle, logo de análise da verosimilitude dos feitos comunicados. Unha vez superada a dita análise, comprobaranse aquelas comunicacións ou informacións que conteñan unha descrición suficiente que permita identificar o feito ou a conduta e que se refiran a actuacións das cales se informa.

6. Non se admitirán e exceptuaranse de tramitar as comunicacións ou informacións que resulten carentes de fundamento, notoriamente falsas ou fundadas unicamente en opinións. Tampouco serán admitidas as que comuniquen feitos que estean a ser investigados pola autoridade xudicial, o Ministerio Fiscal ou a policía xudicial, ou que dalgún outro modo incumpran as condicións fixadas neste acordo.

7. Queda prohibido formular comunicacións cunha finalidade diferente da que prevé este acordo ou que vulneren os dereitos fundamentais á honra, á imaxe e á intimidade persoal e familiar de terceiras persoas ou que sexan contrarias á dignidade das persoas.

8. En todo caso, a xestión da canle permitiralle ao órgano responsable do seguimento do Sistema interno de información, en caso de necesidade, contar coa axuda e co soporte doutro persoal da institución para realizar, fóra da propia canle de comunicación, as tarefas materiais necesarias para a investigación dos feitos comunicados, o cal, unha vez autorizado para iso, quedará obrigado ao deber de segredo e á confidencialidade que o obxecto das ditas investigacións requira. Todas estas actuacións quedarán debidamente arquivadas nos correspondentes cartafoles do xestor electrónico en uso no Consello de Contas, coa correspondente restrición de accesos a eles.

9. Para garantir a continuidade no acceso á información xerada na canle interna de información, a persoa titular da unidade xestora da canle poderá ser substituída por outro membro do órgano responsable do Sistema interno de información, en caso de enfermidade, ausencia ou vacacións, ou se concorre causa legal de abstención ou recusación.

Artigo 9. Dereitos das persoas usuarias da canle interna de información

Con base no contido dos artigos 31 e 33 da Lei 2/2023, en concordancia co disposto no artigo 15, relativo aos dereitos recollidos en materia de protección de datos, cabe destacar os dereitos que a continuación se detallan:

1. As comunicacións en ningún caso comportan o inicio dun procedemento administrativo, nin tampouco producen o efecto de presentación no Rexistro de Entrada do Consello de Contas de Galicia. Tampouco a presentación da comunicación xera a condición de persoa interesada nun procedemento administrativo.

2. As comunicacións non son constitutivas do exercicio do dereito de petición, nin comportan a formulación dun recurso administrativo, nin o exercicio de calquera acción ou reclamación a que poidan ter dereito as persoas que as formulan.

3. O Consello de Contas de Galicia protexerá nos seus dereitos as persoas que fagan uso da caixa de correos interna de denuncias, sen que con motivo da súa comunicación ou consulta se poidan derivar consecuencias lesivas para a súa esfera persoal ou profesional, salvo que as comunicacións se realicen con pleno coñecemento da súa falsidade ou faltando de maneira temeraria á verdade.

4. As persoas usuarias da canle interna de información teñen dereito á confidencialidade das comunicacións e informacións que proporcionen, das consultas realizadas, así como a manter o seu anonimato se así o desexan.

Artigo 10. Obrigas das persoas usuarias da canle interna de información

1. As persoas que fagan comunicacións deben ter indicios razoables ou suficientes sobre a certeza da información que comuniquen, e non se poderán formular comunicacións xenéricas, de mala fe ou con abuso de dereito.

2. As persoas que informen ou denuncien están obrigadas a describir da maneira máis detallada posible os feitos ou condutas que comuniquen e deben proporcionar toda a documentación dispoñible sobre a situación descrita e, de ser o caso, os indicios obxectivos para obter as probas.

3. As persoas usuarias da canle fanse responsables da conservación, coas debidas precaucións de seguridade, do código alfanumérico que identifica a súa comunicación e do seu uso só para os efectos de manter a relación coa persoa designada como xestora do sistema e de engadir información relevante.

4. A persoa que efectúe unha comunicación de feitos que vulneren o principio de boa fe ou con abuso de dereito pode incorrer en responsabilidade civil, penal ou administrativa.

Artigo 11. Dereitos e obrigacións da persoa a quen se atribúa a conduta comunicada

As persoas ás cales se atribúa a conduta comunicada terán os dereitos e as obrigacións que se relacionan a seguir.

O dereito á presunción de inocencia implica o respecto á honra.

2. Á máxima reserva nas tarefas de ponderación e comprobación de feitos e, en xeral, en toda a xestión do procedemento.

3. A ser informadas da admisión dunha comunicación que as afecte, salvo que, de maneira motivada e de acordo co principio de proporcionalidade, haxa que manter o segredo en beneficio da comprobación dos feitos.

4. A que non se formule ningunha recomendación nin se emitan conclusións que, de maneira directa ou indirecta, conteñan referencias nominais mentres non tivesen oportunidade real de coñecer os feitos comunicados e de deixar constancia do seu parecer.

5. A que non se informe ninguén nin se cedan os datos mentres a análise dos feitos non faga patente a verosimilitude ou a seguridade da realización da conduta comunicada.

A comunicación de datos á autoridade xudicial ou disciplinaria competente non exixe a comunicación previa á persoa eventualmente responsable.

As persoas eventualmente responsables da conduta comunicada serán convidadas a colaborar para comprobar os feitos achegando a información e a documentación de que dispoñan e que requira o órgano xestor.

Artigo 12. Fases do procedemento do Sistema interno de información

12.1. Recepción da información.

Recibida unha información relativa a presuntas infraccións, rexistrarase e asignaráselle un número identificativo, que servirá para referenciar todas as comunicacións e actuacións que se realicen.

Cando se trate de comunicacións escritas e telefónicas, sempre que se proporcione ou dispoña dun medio que permita dirixirse á persoa informante, enviarase xustificante de recepción no prazo de sete días naturais seguintes ao da súa recepción, salvo que iso poida pór en perigo a confidencialidade da comunicación. Na mesma comunicación, sempre que sexa posible nese momento, indicarase o arquivamento ou a remisión ao órgano competente en función da materia ou da investigación en curso.

Non procederá realizar o xustificante de recepción nin a comunicación de inadmisión cando se trate de comunicacións anónimas que deban cualificarse como manifestamente repetitivas, abusivas ou inxustificadas. Con carácter excepcional, esta previsión tamén se aplicará ás denuncias ás cales lles corresponda a dita cualificación, cando se aprecie abuso de dereito ou mala fe por parte da persoa denunciante.

12.2. Trámite de admisión e avaliación.

A análise do ámbito obxectivo e subxectivo para o acceso á canle interna de información, da verosimilitude da información e da suficiencia das evidencias achegadas realizaraa a unidade xestora da canle ou o membro do órgano responsable do Sistema interno de información que a substitúa, que actúan provistos dos permisos necesarios para acceder ás informacións. Con iso conséguense as mesmas garantías de confidencialidade que as establecidas para a recepción.

Nos casos en que a denuncia ou a comunicación sexa admitida para a súa tramitación e poida ser investigada, pero presente algunha carencia de información, poderá efectuarase o correspondente requirimento sempre que conste un medio ou enderezo de comunicación ou se presente a través dunha vía que o permita.

Non se investigarán as seguintes comunicacións:

a) No caso de que os feitos descritos non se refiran ás accións ou omisións que se enconten dentro do ámbito de aplicación da Lei 2/2023, sen prexuízo de que poida realizar unha investigación das previstas na disposición adicional primeira deste documento.

b) Cando carezan de fundamento ou verosimilitude, así como cando carezan de contido esencial, resulten inintelixibles ou estean formuladas de forma vaga ou excesivamente xenérica e non fosen emendadas.

c) Cando sexan manifestamente repetitivas, salvo que se aprecien novas circunstancias de feito ou de dereito que xustifiquen unha nova investigación. Entenderase que concorre esta causa cando non se conteña información nova e significativa sobre anteriores comunicacións previamente inadmitidas ou debidamente investigadas.

d) Naqueles casos que teñan un carácter abusivo ou inxustificado, ao apreciar que a finalidade perseguida coa súa presentación non é que se realice unha investigación.

e) Naqueles casos en que se refiran a supostas irregularidades que teñan o seu propio e natural procedemento específico. Con todo, de se deduciren indicios dun anormal funcionamento dos servizos públicos, poderanse iniciar as actuacións oportunas.

Cando os feitos poidan ser indiciariamente constitutivos de delito, remitirase a información ao Ministerio Fiscal con carácter inmediato.

12.3. Investigación.

A investigación comprenderá todas aquelas actuacións encamiñadas a comprobar a verosimilitude dos feitos relatados e, de ser o caso, a obter evidencias. Ademais, en función dos feitos comunicados, tamén se poderá pedir a colaboración doutros órganos ou unidades con competencias na materia para que realicen a investigación ou parte dela, especialmente se se trata de órganos con competencias de control e/ou auditoría. En todo caso, lembrarase a obriga de gardar deber de sixilo e confidencialidade. Nos expedientes incoados constarán as correspondentes declaracións asinadas nas cales se regule o deber de confidencialidade das persoas que interveñan na colaboración.

A unidade xestora da canle emitirá un informe final no cal se recollan os feitos, as investigacións efectuadas e a proposta de finalización.

Respecto ás persoas investigadas, serán informadas das accións ou omisións que se lles atribúen e de ser posible serán oídas pola unidade xestora da canle nos termos que a esta considere, respectando en todo caso o dereito á presunción de inocencia e á honra das persoas afectadas. A dita comunicación terá lugar no tempo e na forma que se consideren adecuados para garantir o bo fin da investigación.

12.4. Finalización.

O prazo máximo para dar resposta será de tres meses contados desde a recepción da comunicación ou, se non se lle remitiu un xustificante de recepción ao informante, de tres meses a partir do vencemento do prazo de sete días despois de efectuarse a comunicación. Nos casos de especial complexidade que requiran unha ampliación do prazo máximo de resposta, este poderá ampliarse ata un máximo doutros tres meses adicionais.

Débese dar conta do resultado das actuacións realizadas á persoa informante, sempre que se dispoña dun medio de comunicación ao respecto.

As recomendacións para a adopción de medidas correctoras, sancionadoras ou mesmo de boas prácticas derivadas das investigacións serán trasladadas formalmente polo xestor do Sistema de información aos órganos ou persoas competentes do Consello de Contas de Galicia para a adopción, de ser o caso, das medidas, aos cales se lles lembrará o deber de confidencialidade e sixilo profesional. Nos expedientes incoados constarán as correspondentes declaracións asinadas en que se regule o deber de confidencialidade.

12.5. Transparencia.

A rendición de contas á cidadanía das informacións recibidas pola canle interna de información deberase realizar anonimizando e eliminando os datos que poidan identificar a persoa informadora e as demais que achegasen información durante a investigación, que se incluirá na memoria anual de actividades do Consello de Contas.

Respecto das persoas investigadas, a información publicada deberá realizarse ponderando os seus dereitos á protección de datos e presunción de inocencia, así como o seu sometemento á rendición de contas, baixo criterios de proporcionalidade. Cando cumpra, identificaranse os cargos ou postos ocupados nas administracións públicas e non o nome das persoas.

Artigo 13. Rexistro de informacións

1. O Consello de Contas deberá contar cun libro rexistro das informacións recibidas e das investigacións internas a que desen lugar, garantindo, en todo caso, os requisitos de confidencialidade. Este rexistro non será público e unicamente por petición razoada da autoridade xudicial competente, mediante auto, e no marco dun procedemento xudicial e baixo a tutela daquela, poderá accederse total ou parcialmente ao contido do referido rexistro.

2. Os datos persoais relativos ás informacións recibidas e ás investigacións internas a que se refire o punto anterior conservaranse só durante o período que sexa necesario e proporcionado para efectos de cumprir coa Lei 2/2023.

Artigo 14. Natureza das investigacións

As actuacións de investigacións realizadas pola unidade xestora da canle, que deriven das comunicacións recibidas, poderán comportar o exercicio de facultades de comprobación, investigación, proposta e seguimento. Estas actuacións non comportan o exercicio de facultades instrutoras ou resolutorias que conformen un procedemento administrativo nos termos definidos pola normativa básica vixente.

A investigación dos feitos recollidos nas comunicacións terá a consideración de dilixencias previas, e serán anteriores ao expediente administrativo que se poida iniciar de oficio. A súa presentación non confire a condición de interesada á persoa informante e non caberá ningún recurso contra o arquivamento das comunicacións ou o resultado das investigacións realizadas. A dita condición corresponderá no caso de que se tramite o procedemento regrado correspondente, de carácter administrativo ou xudicial, co fin de determinar se corresponde a exixencia de posibles responsabilidades individuais derivadas dos feitos ou indicios que se poidan constatarse na fase de investigación.

Artigo 15. Datos de carácter persoal

De conformidade co previsto no artigo 9 da LOPD, relativo á protección de datos de carácter persoal:

1. Os tratamentos de datos persoais que deriven da tramitación deste procedemento de xestión de informacións realizaranse de conformidade co disposto no título VI da Lei 2/2023.

2. O Sistema interno de información debe impedir o acceso non autorizado e preservar a identidade e garantir a confidencialidade dos datos correspondentes ás persoas afectadas e a calquera terceiro que se mencione na información subministrada, especialmente a identidade do informante no caso de que se identificase.

A identidade do informante só poderá ser comunicada á autoridade xudicial, ao Ministerio Fiscal ou á autoridade administrativa competente no marco dunha investigación penal, disciplinaria ou sancionadora, e estes casos estarán suxeitos ás salvagardas establecidas na normativa aplicable.

3. Se a información recibida contén categorías especiais de datos, procederase á súa inmediata supresión, salvo que o tratamento sexa necesario por razóns dun interese público esencial conforme o previsto no artigo 9.2.g) do Regulamento xeral de protección de datos, segundo dispón o artigo 30.5 da Lei 2/2023.

4. Non se recompilarán datos persoais cuxa pertinencia non resulte manifesta para tratar unha información específica ou, de se recompilaren por accidente, eliminaranse sen dilación indebida.

5. En todo caso, transcorridos tres (3) meses desde a recepción da comunicación sen que se iniciasen actuacións de investigación, deberá procederse á súa supresión, salvo que a finalidade da conservación sexa deixar evidencia do funcionamento do sistema.

As comunicacións ás cales non se deu curso soamente poderán constar de forma anonimizada, sen que sexa de aplicación a obrigación de bloqueo prevista no artigo 32 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 16. Aceptación das condicións de uso da canle interna de Información

O uso da canle interna de información comporta a aceptación das condicións de uso que se conteñen neste acordo.

Artigo 17. Normativa de aplicación

No non regulado nesta resolución, aplicarase o disposto na Lei 2/2023, do 20 de xaneiro, que incorpora ao dereito español a Directiva (UE) nº 2019/1937 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro, relativa á protección das persoas que informen sobre as infraccións do dereito da Unión, así como na normativa estatal ou autonómica que se aprobe en cumprimento da normativa comunitaria. De ser o caso, o Consello de Contas aprobará as normas que sexan precisas para o adecuado funcionamento do Sistema interno de información, e a unidade responsable do Sistema interno de información ditará as circulares e instrucións que resulten pertinentes en desenvolvemento do procedemento de xestión.

Disposición adicional primeira. Comunicacións ou información non incluídas no ámbito de aplicación do Sistema interno de información do Consello de Contas de Galicia

As denuncias e comunicacións de irregularidades e malas prácticas realizadas no ámbito de competencias do Consello de Contas de Galicia que quedan fóra do ámbito subxectivo ou material do Sistema interno de información do Consello de Contas segundo o alcance definido nos artigos 3 e 4 tramitaranse de acordo cos procedementos xa aprobados na institución, que son os seguintes:

1. Procedemento de comunicacións e denuncias do artigo 65 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas.

O dito procedemento regulaméntase mediante o Acordo do Pleno do Consello de Contas, do 3 de xullo de 2017, polo que se aprobou o Protocolo para a tramitación de comunicación e denuncias sobre a existencia de irregularidades na xestión económico-financeira e contable de calquera das entidades que integran o sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, citadas non artigo 2 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia. A presentación das denuncias faise na sede electrónica da institución ou mediante correo postal.

2. Canle de queixas e denuncias do Comité de Ética.

O Código Ético do Consello de Contas prevé a existencia dunha canle para a presentación de denuncias sobre posibles incumprimentos dos valores, principios ou condutas recollidos no dito código. O procedemento de actuación regulamentase en virtude do Acordo do Pleno do Consello de Contas, do 26 de xullo, polo que se aproban as normas de funcionamento do Comité de Ética e da canle de queixas e denuncias, acordo que foi publicado no DOG nº 57, do 20 de agosto de 2018.

Esta canle permite a comunicación ao Comité de Ética dás accións ou omisións que supoñan ou incumprimento dos valores, principios e regras recollidos non Código Ético do Consello de Contas de Galicia.

As canles e os procedementos de información alleos ao Sistema interno de información do Consello de Contas, creado para cumprir coa Lei 2/2023, rexeranse polas súas normas reguladoras específicas, ben que lles serán de aplicación as previsións recollidas na dita Lei 2/2023, relativas á política de confidencialidade, protección de datos, natureza da investigación e protección das persoas informadoras.

Se se utiliza nestes procedementos o acceso web á canle interna de información do Consello de Contas, a persoa que ocupe a Unidade de Prevención será a encargada de redirixir a información recibida á tramitación do procedemento que corresponda, garantindo en todo caso as adecuadas garantías de confidencialidade.

Disposición adicional segunda. Secretaría do Comité de Ética

Modificación do artigo 50 do Código ético e das normas reguladoras do Comité de Ética para que a Secretaría sexa permanente e non rotatoria e recaia na persoa titular da Unidade de Prevención.