DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 20 de outubro de 2023 Páx. 58011

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 10 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR651A e MR651B).

BDNS (Identif.): 717796.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións as persoas titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades, e as sociedades de fomento forestal (en diante, Sofor) sempre que non incorran en ningunha das circunstancias recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Serán elixibles as actuacións localizadas en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa excepción das parroquias densamente poboadas dos grandes concellos de Galicia, de acordo co establecido no número 8.1 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

3. As actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, é dicir, que poderá abranguer todo o territorio de Galicia, conforme o disposto na Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal.

4. No caso de agrupacións de montes veciñais en man común, deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que percibirá cada unha delas, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias.

5. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden á agrupación. En caso de disolverse a agrupación antes de que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cada persoa xurídica membro da agrupación asumirá a obriga de reintegro que corresponda, de ser o caso.

6. No caso da liña II, a porcentaxe de subvención deberá ser proporcional á superficie de cada comunidade de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) con respecto á superficie total da agrupación.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións que as persoas titulares de montes veciñais en man común (MVMC), as súas agrupacións e as sociedades de fomento forestal (Sofor) poderán percibir para a posta en marcha de actuacións preventivas recollidas na lexislación galega sobre incendios forestais e a súa convocatoria para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva.

2. De acordo co devandito obxecto, establécense dúas liñas de subvencións:

a) Liña I. Subvencións para o control selectivo de combustible (código de procedemento MR651A).

b) Liña II. Subvencións para a construción de puntos de auga (código de procedemento MR651B).

3. O disposto nesta orde será de aplicación aos montes veciñais en man común e ás Sofor da Comunidade Autónoma de Galicia, agás aqueles montes veciñais en man común que estean consorciados coa Administración, que non solicitasen a rescisión ou transformación do dito consorcio.

No caso de montes veciñais en man común consorciados coa Xunta de Galicia, poderá solicitarse subvención naquela superficie non consorciada.

4. Estas axudas ampáranse nos artigos 21 e 24 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, que establecen as medidas de apoio á prevención e defensa contra os incendios forestais.

5. Estas axudas tramitaranse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia (PDR) 2014-2020, aprobado pola Decisión de execución da Comisión do 18 de novembro de 2015 e modificado por última vez mediante a Decisión de execución da Comisión C (2023) 1540 final, do 28 de febreiro de 2023.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 10 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR651A e MR651B).

Cuarto. Importe

1. As accións previstas nesta orde financiaranse nos exercicios dos anos 2023-2024 con cargo á seguinte aplicación orzamentaria:

• Ano 2023: 353.990,70 euros, aplicación orzamentaria 14.02.551B.770.0, código de proxecto 2016 0212.

• Ano 2024: 3.159.816,30 € euros, aplicación orzamentaria 14.02.551B.770.0, código de proxecto 2016 0212.

2. Este orzamento pode verse incrementado de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, este incremento queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

3. Estas axudas financiaranse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Feader nunha porcentaxe do 75 %, da Administración xeral do Estado do 7,5 % e da Xunta de Galicia do 17,5 %, respecto ao gasto público total.

Quinto. Importes e porcentaxes das subvencións

As actuacións que poderán ser obxecto de subvencións son as seguintes:

1. Liña I. Control selectivo de combustible.

1.a) Áreas devasa:

a.1) Áreas devasa en monte desarborizado:

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar

587,400 €/ha

a.2) Áreas devasa en monte en rexeneración:

Clareo sistemático de 1 ha de rexenerado forestal con tratamento de restos

1.657,859 €/ha

Roza de penetración, rareo da entrefaixa e trituración de restos nas faixas

1.299,982 €/ha

b) Devasas:

Mellora de faixas cortalumes xa existentes con folla de máquina

635,133 €/ha

c) Faixas auxiliares de pista con ou sen roza da plataforma de rodadura:

Roza mecanizada con rozadora arrastrada de cadeas ou similar

587,400 €/ha

Roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar

734,250 €/ha

2. Liña II. Construción de puntos de auga:

Depósito de auga 8×7×2 m (volume útil 110 m3)

25.690,35 €/unidade

3. A porcentaxe que se subvenciona será do 100 %.

4. O IVE só será subvencionable cando non sexa susceptible de recuperación ou compensación conforme a lexislación nacional sobre o IVE.

Sexto. Superficies forestais mínimas para solicitar subvencións

1. A superficie forestal mínima por expediente en comunidades de montes veciñais en man común será de cen hectáreas (100 ha).

2. Para acadar a superficie, as comunidades de montes veciñais en man común poderán formar unha agrupación sempre que as CMVMC se localicen nunha mesma provincia e, ademais, cumpran con algún destes requisitos:

a) Localización nun mesmo concello.

b) Localización en concellos limítrofes sempre que sexan estremeiras.

3. Nas Sofor e, excepcionalmente, no caso de que a CMVMC, mancomunidade ou algunha das CMVMC que integren a agrupación estea localizada nalgún concello incluído en espazos protexidos da rede Natura 2000, a superficie mínima a que fai referencia o primeiro parágrafo sería de 50 ha.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural