DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 20 de outubro de 2023 Páx. 57950

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 10 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR651A e MR651B).

Os artigos 21 e 24 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, establecen medidas de apoio á prevención e defensa contra os incendios forestais.

Como resposta ás disposicións do citado Regulamento (UE) 1305/2013, a Xunta de Galicia elaborou o Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia para a etapa 2014-2020, en que se inclúe a submedida 8.3 «Prevención de danos causados por incendios forestais, desastres naturais e catástrofes». O PDR 2014-2020 foi aprobado por Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015 e modificado por última vez mediante a Decisión de execución da Comisión C (2023) 1540 final, do 28 de febreiro de 2023.

Estas axudas sométense ao Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, tal e como exixe o seu artigo 34 no capítulo III.

Para cumprir a obriga de publicidade do artigo 9.2 do citado Regulamento (UE) 702/2014 deben comunicarse estas axudas á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) nos termos do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Esta medida foi comunicada polo Estado co número de axuda SA.43021 ao abeiro do Regulamento (UE) 702/2014.

O Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia; e o Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, establecen que esta consellería é o departamento da Administración Autonómica ao cal corresponden, entre outras, as competencias para propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, en que se inclúen a prevención e defensa contra os incendios forestais.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, o Decreto 105/2006, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, así como a Orde do 31 de xullo de 2007 pola que se establecen os criterios para a xestión da biomasa vexetal, son o réxime xurídico específico aplicable ás actuacións da orde.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establecen a regulación do réxime xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, organismos e demais entidades vinculadas ou dependentes desta, así como tamén ás entidades locais de Galicia, incluídos os organismos e entidades dependentes delas. Esta lei aplícase con carácter supletorio respecto da normativa reguladora das subvencións financiadas pola Unión Europea.

A Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, establece no seu artigo 25 que a Consellería do Medio Rural daralle aos montes veciñais en man común carácter preferente nas súas actuacións de fomento e mellora da produción agraria e na concesión de axudas económicas para as mesmas finalidades.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas, en consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións que poderán percibir as persoas titulares de montes veciñais en man común (MVMC), as súas agrupacións e as sociedades de fomento forestal (Sofor), para a posta en marcha das actuacións preventivas recollidas na lexislación galega sobre incendios forestais e a súa convocatoria para o ano 2023 en réxime de concorrencia competitiva.

Esta incentivación na colaboración dos titulares de montes veciñais en man común e as Sofor na realización de traballos de silvicultura preventiva contribuirá a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes, de gran importancia na nosa comunidade e, en conxunto, sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia.

2. De acordo con este obxecto, establécense dúas liñas de subvencións:

a) Liña I: subvencións para o control selectivo de combustible (código de procedemento MR651A).

b) Liña II: subvencións para a construción de puntos de auga (código de procedemento MR651B).

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. O disposto nesta orde será de aplicación aos montes veciñais en man común e ás Sofor da Comunidade Autónoma de Galicia, agás aqueles montes veciñais en man común que estean consorciados coa Administración, que non solicitasen a rescisión ou transformación do dito consorcio. No caso de montes veciñais en man común consorciados coa Xunta de Galicia, poderá solicitarse subvención naquela superficie non consorciada.

2. Serán elixibles as actuacións localizadas en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a excepción das parroquias densamente poboadas dos grandes concellos de Galicia, de acordo co establecido no punto 8.1 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

3. As actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, ou sexa, que poderá abranguer todo o territorio de Galicia, conforme o disposto na Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal.

4. Non se poderán solicitar subvencións para actuacións en:

a) Zonas de protección lateral do Camiño de Santiago.

b) Zonas en que existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

c) Zonas incluídas en hábitats prioritarios.

d) Zonas cun procedemento de concentración parcelaria en execución, soamente serán aprobables as subvencións solicitadas en terreos en que o acordo de concentración parcelaria sexa firme.

e) Os terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa non poderán beneficiarse destas subvencións.

Artigo 3. Superficies forestais mínimas para solicitar subvencións

1. As superficies forestais mínimas para poder solicitar estas subvencións serán:

2. A superficie forestal mínima por expediente en comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) será de cen hectáreas (100 ha).

3. Para acadar a superficie as CMVMC poderán formar unha agrupación, sempre que as CMVMC se localicen nunha mesma provincia e, ademais, cumpran con algún destes requisitos:

a) Localización nun mesmo concello.

b) Localización en concellos limítrofes sempre que sexan estremeiras.

4. Nas Sofor e, excepcionalmente, no caso de que a CMVMC, mancomunidade ou algunha das CMVMC que integren a agrupación estivese localizada nalgún concello incluído en espazos protexidos da rede Natura 2000, a superficie mínima a que fai referencia o primeiro parágrafo sería de 50 ha.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades, e as Sofor, sempre que non incorran en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As Sofor e as CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro correspondente.

3. As cotas mínimas de reinvestimento dos montes veciñais serán do 40 % de todos os ingresos xerados, segundo o disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

4. No caso de agrupacións de montes veciñais en man común, deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada persoa membro da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que percibirá cada unha delas, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. No caso da liña II, o cálculo da subvención deberá ser proporcional á superficie de cada CMVMC con respecto á superficie total da agrupación.

5. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación de montes veciñais en man común, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden á agrupación. En caso de disolverse a agrupación antes de que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cada persoa xurídica membro da agrupación asumirá a obriga de reintegro que corresponda, de ser o caso.

6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:

a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando teña desaparecido máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algunhas persoas socias teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando teña desaparecido polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

c) Cando a empresa se atope inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.

d) Cando a empresa recibise axuda de salvamento e aínda non reembolsase o empréstito ou puxese fin á garantía, ou recibise axuda de reestruturación e estea aínda suxeita a un plan de reestruturación.

e) Tratándose dunha empresa que non sexa unha pequena e mediana empresa (peme), cando durante os dous anos anteriores:

– A cociente débeda/capital da empresa fose superior a 7,5.

– A cociente de cobertura de xuros da empresa, calculado sobre a base do EBITDA, fose inferior a 1,0.

As pemes con menos de tres (3) anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise agás que cumpran as condicións establecidas nas anteriores letras c) e d).

Para efectos de cumprimento deste requisito, tanto no anexo I para o procedemento MR651A, como no anexo II para o procedemento MR651B, consta unha declaración de que as empresas solicitantes non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

7. Non poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

Artigo 5. Condicións xerais

Con carácter xeral, deberase ter en conta o seguinte:

1. Non se concederán subvencións para o control selectivo de combustible nas mesmas superficies en que se subvencionou nos tres anos anteriores, agás para a acción de roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais.

2. Cada persoa beneficiaria só poderá obter unha subvención para cada unha das liñas, independentemente de que o solicite individualmente ou agrupadamente. Se unha persoa solicitante presenta solicitude individual e agrupadamente, comportará o arquivamento da solicitude presentada individualmente. Se presenta máis dunha solicitude para a mesma liña, entenderase como válida a presentada en primeiro lugar segundo o asento de rexistro correspondente.

3. Cando as subvencións consistan nunha porcentaxe do orzamento das actuacións preventivas, o total da subvención calcularase segundo o orzamento apreciado e aprobado pola Consellería do Medio Rural, segundo o disposto para cada liña de subvencións nos capítulos II e III desta orde. O imposto sobre o valor engadido (IVE) só será subvencionable cando non sexa susceptible de recuperación ou compensación conforme a lexislación nacional sobre o IVE.

4. Os montes obxecto destas axudas, no momento da solicitude de axuda deben dispoñer dun instrumento de ordenación ou xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados e as accións solicitadas deben estar previstas nel, ou ben tratarse de mantementos de infraestruturas de prevención que consten nese instrumento.

No caso dos montes que, de conformidade coa correspondente normativa, estean adheridos a un modelo silvícola conforme o establecido no Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, e segundo a Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia, as actuacións solicitadas deberán ser coherentes co dito modelo.

Artigo 6. Informes internos previos ao inicio das actuacións

1. No caso de que as actuacións se atopen dentro da rede Natura 2000, solicitarase un informe ao servizo con competencias en materia de patrimonio natural da xefatura territorial correspondente.

2. No caso de que as actuacións se atopen en montes xestionados pola Xunta de Galicia, solicitarase un informe do servizo con competencias de montes da xefatura territorial correspondente.

3. Para a liña II, solicitarase un informe do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) da xefatura territorial correspondente, no que se fará referencia á idoneidade do punto de auga en relación coa súa localización, características construtivas, viabilidade dos traballos, realidade xeométrica das obras, dispoñibilidade dos terreos, raio de acción do punto de auga e superficie que se defenderá e o non inicio da construción.

Artigo 7. Actividades que se subvencionan, importes, contías e criterios de selección

1. As accións que se subvencionan, así como os importes e a porcentaxe que se subvencionará recóllense nos capítulos II e III desta orde para cada liña de subvención.

2. Os criterios específicos de valoración para a adxudicación de subvencións recóllense igualmente nos capítulos II e III para cada unha das liñas de subvención.

Artigo 8. Solicitudes electrónicas e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Deberán presentar obrigatoriamente solicitude electrónica correctamente completada, conforme o anexo I (código de procedemento MR651A) ou anexo II (código de procedemento MR651B), segundo a liña de subvención. Os datos incluídos nestes anexos terán a consideración de declaración responsable e son esenciais para a súa aprobación polo que a inexactitude, falsidade ou omisión de calquera dos datos determinará a imposibilidade de continuar coa tramitación da subvención e dará lugar á inadmisión da solicitude. A solicitude non implica ningún dereito para a persoa peticionaria mentres non exista resolución de concesión.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas, tanto no caso de solicitar subvencións da liña I como da liña II, deberán achegar xunto ao anexo I (código de procedemento MR651A) ou anexo II (código de procedemento MR651B), a seguinte documentación:

a) Xustificación por parte da persoa beneficiaria de non suxeición ou exención do IVE emitida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT). En caso de non presentarse esta xustificación ou non ser válida, considerarase que o IVE non é subvencionable para a persoa beneficiaria.

b) Xustificación de que os montes contan cun instrumento de ordenación ou xestión forestal ou, de ser o caso, copia da súa adhesión aos modelos silvícolas, segundo o previsto no artigo 5.4 desta orde, indicando se as infraestruturas que se van crear ou mellorar están recollidas nel ou son compatibles co modelo silvícola.

c) No caso de agrupacións de montes veciñais en man común, a solicitude irá asinada pola persoa representante da agrupación de conformidade co artigo 4.5 desta orde. Na solicitude recollerase o nome de todas as CMVMC que compoñen a agrupación co seu NIF, a porcentaxe de execución que asume cada CMVMC, así como a porcentaxe de subvención que percibirá cada unha delas. Neste suposto, e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión da subvención, deberá constar no expediente a documentación que acredite a representación para os efectos de tramitación da subvención e, de ser o caso, do cobramento desta, de conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo que figura no anexo III desta orde.

d) En todos os casos a persoa solicitante deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente a elección nunha memoria cando non recaia na proposta máis favorable economicamente. Non se admitirán as ofertas que procedan de empresas vinculadas entre elas, nos termos establecidos no artigo 42 do Código de comercio, que regula os grupos de sociedades. Así mesmo, as empresas e as persoas individuais que sexan responsables deses orzamentos deberán exercer a súa actividade vinculada á silvicultura.

e) Documento descritivo das actuacións que se axuste aos contidos mínimos que se indican no artigo 10 desta orde.

f) No caso de sociedades, para dar cumprimento ao establecido no artigo 4.6 desta orde, copia dos balances e das contas de explotación dos tres últimos anos.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderase requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para continuar coa tramitación do procedemento.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Contido do documento descritivo das actuacións

1. Os contidos mínimos que deberá ter o documento descritivo son os seguintes:

a) Estado legal dos predios obxecto de subvención: superficie, localización, estremeiros, accesos, etc. En particular, deberá reflectirse se as actuacións se atopan en:

1º. Montes xestionados pola Xunta de Galicia.

2º. Rede Natura 2000.

3º. Zonas de protección lateral do Camiño de Santiago.

4º. Zonas en que existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

5º. Terreos cun proceso de concentración parcelaria iniciado.

6º. Terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa.

b) Descrición das actuacións que se levarán a cabo. As actuacións describiranse por zona de actuación ou mouteira (zona de actuación/mouteira 1, 2...), detallando a relación de parcelas Sixpac correspondentes ás zonas de actuación.

Para as actuacións de creación de áreas devasa, tanto se son en monte desarborizado coma se está en rexeneración, deberá incluírse unha xustificación do lugar elixido para localizala e o seu deseño, así como da efectividade desta actuación en relación coa defensa contra os incendios forestais que se pretende alcanzar.

Nas actuacións de roza de faixas auxiliares de pista, deberase indicar e xustificar cal será a anchura da faixa a ambos lados da pista, no caso de incluír a roza da plataforma de rodadura, deberase sinalar tamén a súa anchura.

c) No caso de agrupacións de MVMC, incluirase nos planos unha referencia que permita coñecer cal é a superficie con que participa cada monte veciñal da agrupación.

d) Cartografía: planos sobre mapas oficiais preferentemente a escala 1:5.000, ou na súa falta, a escala 1:10.000. Estes planos reflectirán onde se localizan as distintas actuacións para cada zona. As lendas incluirán para cada unha destas: a súa identificación (zona de actuación/mouteira 1, 2...), os tipos de actuación e as superficies de actuación. As actuacións en áreas devasa en monte desarborizado marcaranse en cor ciano; as de áreas devasa en monte arborizado, en cor maxenta; os rareos nas entrefaixas, en cor verde; as melloras de devasas, en cor amarela, e as de faixas auxiliares de pista, en cor vermella. Os puntos de auga irán marcados cun círculo en cor negra e indicaranse as coordenadas UTM.

2. No referente aos traballos para a liña I, ademais dos planos mencionados, a información que fai referencia ás actuacións previstas no parágrafo anterior terá que ser achegada en soporte dixital en formato vectorial. Os arquivos estarán xeorreferenciados sobre o datum ETRS89 en coordenadas UTM sobre o fuso 29N e en formato shape (shp). Teñen que aparecer na correspondente táboa de atributos os datos de tipo e a superficie de actuación de cada polígono.

3. A táboa de atributos do shape terá un formato dbf e a estrutura deberá seguir obrigatoriamente o modelo que se amosa abaixo, tanto nos títulos dos campos como na posición destes na táboa.

4. Co fin de asegurar unha homoxeneidade na información vectorial subministrada, detállase a continuación o modelo de datos e a codificación alfanumérica das entidades vectoriais (polígonos).

a) Formato: shapefile (a información subministrarase nun arquivo zip comprimido co conxunto dos arquivos que compoñen o formato shapefile).

b) Nome do arquivo: coincidente co CIF da persoa solicitante seguindo de guión baixo e o ano da convocatoria, sen espazos nen puntos entre os díxitos (tanto arquivos do shapefile como nome do arquivo de compresión).

c) Datum e proxección: ETRS89 en coordenadas UTM sobre o fuso 29N.

d) Entidade vectorial: polígono.

5. A información alfanumérica asociada á entidade vectorial deberá seguir as seguintes características:

Nome do campo

Características

Observacións

Código

Alfanumérico (varchar) de 13 díxitos

Código formado polo CIF da entidade solicitante ou representante seguido de guión baixo e as cifras do ano 2023. Exemplo: 11111111A_2023

Prov

Numérico enteiro curto de 2 díxitos

Segundo códigos Sixpac 2020

Muni

Numérico enteiro curto de 5 díxitos

Segundo códigos Sixpac 2020 (provincia + municipio)

Agre

Numérico enteiro curto de 3 díxitos

Agregado segundo Sixpac 2020

Zona

Numérico enteiro curto de 3 díxitos

Zona segundo Sixpac 2020

Polig

Numérico enteiro de 6 díxitos

Polígono segundo Sixpac 2020

Parc

Numérico enteiro de 11 díxitos

Parcela segundo Sixpac 2020

Rec

Numérico enteiro de 11 díxitos

Recinto segundo Sixpac 2020

Sup_rec

Numérico decimal dobre de lonxitude con 4 decimais

En hectáreas

Mouteira

Alfanumérico (varchar) de 5 díxitos

Identificación da mouteira: 1, 2... (posibilidade de incluír letras, nunca acentuadas)

Act

Alfanumérico (varchar) de 40 díxitos

Código segundo cadro adxunto. Incluiranse unha ou varias actuacións. No caso de ser varias, separaranse os códigos mediante un guión medio (-) sen espazos e a serie comezará co código menor de forma ascendente ata o código de máis valor.

Sup_moutei

Numérico decimal dobre de lonxitude 7 con 4 decimais

En hectáreas

Esta información deberá ser plenamente coincidente cos datos dispostos no documento de descrición das actuacións que se levará a cabo (punto 1.b) deste artigo).

6. Táboa coa codificación do campo «Actuación»:

Código

Categoría

Actuación

1

Áreas devasa en monte desarborizado

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar

2

Áreas devasa en monte en rexeneración

Clareo sistemático de rexeneración forestal con tratamento de restos

Roza de penetración, rareo da entrefaixa e trituración de restos nas faixas

3

Devasas

Mellora de faixas cortalumes xa existentes con folla de máquina

4

Faixas auxiliares de pista con ou sen roza da plataforma de rodadura

Roza mecanizada con rozadora arrastrada de cadeas ou similar

5

Roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar

A seguir xúntase un exemplo ilustrativo da información alfanumérica asociada á entidade vectorial (polígono):

Cod_expdte

Prov

Muni

Agre

Zona

Polig

Parc

Rec

Sup_rec

Moutei

Act

Sup_moutei

11111111A_2023

36

36017

0

0

284

2

1

0,0412

1

1

0,0301

11111111A_2023

36

36017

0

0

282

16

4

0,1002

2

4-5

0,0912

11111111A_2023

36

36017

0

0

284

55

1

0,0721

3

3

0,0721

---

---

---

---

---

---

---

---

---

---

---

---

7. No caso de que a subvención se vaia desenvolver con medios propios, deberá figurar adicionalmente no documento descritivo:

a) A vontade da persoa beneficiaria de empregar medios propios.

b) Orzamento completo da obra, detallando a cantidade de horas das diferentes categorías profesionais que interveñan na execución de cada unha das distintas unidades de obra.

c) Informe en que se describa en que vai consistir a actuación dos medios propios, diferenciando se se trata dunha actuación para toda a obra ou ben para unidades de obra concretas.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente, para as liñas I (MR651A) e II (MR651B), os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados pola Administración pública actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa cesionaria, de ser o caso.

d) NIF da entidade cedente e cesionaria, de ser o caso.

e) DNI/NIE da persoa representante da persoa cesionaria, de ser o caso.

f) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT da entidade solicitante, e de ser o caso, da persoa ou entidade cesionaria e a entidade cedente.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da entidade solicitante e, de ser o caso, da persoa ou entidade cesionaria e a entidade cedente.

h) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da comunidade autónoma da entidade solicitante e, de ser o caso, da persoa ou entidade cesionaria e a entidade cedente.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos indicados, a Consellería do Medio Rural deberá solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Instrución dos expedientes e resolución

1. O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de subvencións é a Subdirección Xeral de Prevención.

2. Unha vez presentada a solicitude, os servizos de Prevención contra Incendios Forestais (SPIF) das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural revisarán que conteña toda a información requirida. No caso de que conteña defectos ou omisións, o requirimento de emenda de erros practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Unha vez constatado que a solicitude cumpre os requisitos para ser beneficiaria desta subvención, realizarase unha inspección para verificar as superficies propostas de traballo e a súa viabilidade. Esta inspección realizarana no campo dúas persoas funcionarias da Consellería do Medio Rural, antes da resolución de concesión da subvención, de ser o caso.

4. Tras a realización das devanditas inspeccións, e unha vez verificadas as superficies propostas de traballo e a súa viabilidade, os SPIF das xefaturas territoriais correspondentes proporanlle ao órgano colexiado, composto polas persoas titulares da xefatura do Servizo de Actuacións Preventivas, da xefatura do Servizo de Xestión de Fondos e dunha xefatura de sección da Dirección Xeral de Defensa do Monte, que actuará como secretaria, a relación das solicitudes presentadas que cumpran todos os requisitos desta orde.

5. O órgano colexiado valorará as solicitudes de subvención segundo os criterios de prioridade establecidos nesta orde para as distintas liñas e emitirá un informe á persoa titular da Subdirección Xeral de Prevención que, pola súa vez, elevará a proposta de concesión á persoa titular da Dirección Xeral de Defensa do Monte.

6. A persoa titular da Dirección Xeral de Defensa do Monte, por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural, resolverá sobre a aprobación das subvencións solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución á persoa interesada finalizará o 31 de decembro de 2023. No caso de non ditarse a resolución expresa no prazo indicado, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 21 e 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos, agás as que se refiren no punto 6 deste artigo, practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Malia o establecido nos anteriores números, as notificacións das resolucións de estimación e de desestimación destas axudas realizaranse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45, punto 1, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación e expresaranse, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o que deben presentarse e o prazo para interpolos. Tamén figurará a puntuación de todas as solicitudes que entran no procedemento de concorrencia competitiva.

7. Na notificación de concesión da axuda informarase ás persoas beneficiarias de que se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, así como da medida e da prioridade do PDR de que se trata.

Artigo 15. Recursos

As resolucións de subvención ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que venza o prazo para resolver previsto no artigo 12.7.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución e, no caso de que a resolución non sexa expresa, poderase interpoñer desde o día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Execución da subvención

1. Despois de notificada a resolución definitiva, as persoas beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para renunciar, comunicándoo por escrito á Consellería do Medio Rural. Transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co parágrafo segundo do artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Unha vez publicada a resolución de estimación das axudas no Diario Oficial de Galicia e, de ser o caso, sempre que sexan favorables os informes a que se refire o artigo 6 desta orde, poderán comezar os traballos.

3. Se durante a execución dos traballos aparece algunha dificultade técnica que impida actuar da forma prevista no documento descritivo, a empresa deberá solicitar unha nova inspección por dúas persoas funcionarias da Consellería do Medio Rural, que deberán redactar un informe que indique se existe ou non a dita dificultade e as posibles unidades que se ven afectadas.

Só neste caso, cando dentro do terreo propiedade dos solicitantes exista outra zona en que poder executar os traballos que non é posible realizar, poderán presentar un modificado do documento descritivo que inclúa o mesmo número de unidades de actuación que as que foron aprobadas no momento da resolución de concesión da axuda. Antes de aceptarse o modificado, deberá ser realizada unha nova inspección de campo por dúas persoas funcionarias da Consellería do Medio Rural para comprobar novamente as superficies propostas e a viabilidade dos traballos.

Artigo 17. Perda do dereito á subvención

Serán motivo de perda do dereito da subvención as seguintes causas:

a) Os informes desfavorables do servizo con competencias en materia de patrimonio natural, do servizo con competencias en materia de montes ou do SPIF da xefatura territorial correspondente.

b) A notificación da resolución pola que se dea por transcorrido o prazo do requirimento de emenda da documentación.

Artigo 18. Subcontratación dos traballos

1. A persoa beneficiaria poderá subcontratar total ou parcialmente a actividade subvencionada, conforme o previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas a diferentes provedores e achegalas coa solicitude. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable.

3. As persoas contratistas quedarán obrigadas só fronte á persoa beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Consellería do Medio Rural.

4. Cando a actividade subcontratada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 €, a subcontratación estará sometida a que o contrato se subscriba por escrito e que esta a autorice previamente a Consellería do Medio Rural.

5. Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no punto anterior.

6. No suposto de subcontratación, non serán subvencionables os custos relativos aos seguintes subcontratos:

a) Os que aumenten o custo da execución da operación sen un valor engadido.

b) Os celebrados con intermediarios/as ou asesores/as en que o pagamento consista nunha porcentaxe do pagamento total da operación, a non ser que a persoa beneficiaria xustifique o dito pagamento por referencia ao valor real do traballo realizado ou aos servizos prestados.

Artigo 19. Alteración de condicións

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar a modificacións da resolución de concesión.

Artigo 20. Responsabilidade

1. A organización e a materialización das actividades subvencionadas será responsabilidade exclusiva da persoa beneficiaria.

2. A actuación da Consellería do Medio Rural quedará limitada ao outorgamento da correspondente subvención e a garantir o cumprimento da normativa en materia de subvencións.

Artigo 21. Xustificacións

1. A persoa beneficiaria deberá comunicar o remate das obras aos SPIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural.

2. O prazo máximo para o remate e a xustificación dos traballos remata o 1 de xullo de 2024.

3. A xustificación presentarase de forma electrónica ante os SPIF das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e do disposto no artigo 13 da presente orde.

4. A Consellería do Medio Rural poderá solicitar das persoas peticionarias toda a información e as xustificacións técnicas e económicas que considere necesarias, co obxecto de comprobar a realización das actuacións subvencionables e os custos derivados.

5. Para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e dado que existen custos de referencia para cada unidade de obra que supoñen que, en ningún caso, o custo de execución dos traballos subvencionados poida ser superior ao valor de mercado, considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

Artigo 22. Comprobacións

1. A subvención definitiva será a resultante da comprobación final realizada por dúas persoas que teñan a condición de persoal funcionario da Consellería do Medio Rural, unha delas distinta das que realizaron a inspección previa.

2. Coa comprobación final poderase modificar á baixa a cantidade aprobada inicialmente, no caso de que se realizase un menor número de unidades de obra das aprobadas. Esta comprobación final consistirá en:

a) Liña I: subvencións para o control selectivo de combustible.

Certificado emitido por dúas persoas que teñan a condición de persoal funcionario da Consellería do Medio Rural, en que se indique se as obras realizadas foron executadas conforme a solicitude e a memoria inicial ou modificada de acordo co previsto no artigo 16.3, presentada pola persoa beneficiaria, especificando o número de hectáreas rozadas e a súa localización.

b) Liña II: construción de puntos de auga.

Certificado emitido por dúas persoas que teñan a condición de persoal funcionario da Consellería do Medio Rural, en que se indique se os puntos de auga foron realizados conforme a solicitude e a memoria inicial ou modificada de acordo co previsto no artigo 16.3, presentada pola persoa beneficiaria.

3. No caso de que o importe xustificado pola persoa beneficiaria coa notificación de remate dos traballos supere en máis dun 10 % o importe da comprobación final realizada por dúas persoas funcionarias da Consellería do Medio Rural, reducirase a maiores a subvención que se percibirá, resultante da comprobación final, na diferenza entre ambos os importes. Non obstante, non se aplicará ningunha redución se a persoa beneficiaria pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe xustificado.

Artigo 23. Solicitude de pagamento

1. As solicitudes de pagamento realizaranse a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia e segundo os anexos V (liña I, MR651A, control selectivo de combustible) e VI (liña II, MR651B, construción de puntos de auga).

Coa solicitude de pagamento, en que figurará a data de remate dos traballos, realizarase a declaración doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia, e achegarase a seguinte documentación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes aspectos:

i. Acreditación sobre o número de unidades físicas executadas.

ii. Contía da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación e os prezos das unidades de obra previstos nesta subvención.

c) Facturas e xustificantes de gasto. Os xustificantes de gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais acreditativas dos investimentos que cumpran as exixencias que establece a AEAT (Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación).

As facturas presentaranse en orixinal e marcaranse cun selo, indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, e reflectindo, neste último caso, a contía exacta que resulte.

No caso de presentar copias das facturas, achegarán tamén os orixinais para seren dilixenciados pola Administración, marcándoos cun selo e indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, e indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

– Número e, de ser o caso, serie.

– Data da súa expedición.

– Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto da persoa obrigada a expedir a factura como da persoa destinataria das operacións.

– Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, de ser o caso, pola doutro Estado membro da Unión Europea con que a persoa obrigada a expedir a factura realizase a operación.

– Domicilio, tanto da persoa obrigada a expedir factura como da persoa destinataria das operacións.

– Descrición das operacións, en que se consignarán todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto correspondente a aquelas e o seu importe, e en que se inclúa o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluída no dito prezo unitario.

– O tipo impositivo ou tipos impositivos, de ser o caso, aplicados ás operacións.

– A cota tributaria que, de ser o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

– A data en que se efectuasen as operacións que se documentan, sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

– Se unha operación está exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

– Só se considerará elixible a base impoñible que figure na factura.

– Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets, recibos nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tales ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

d) Xustificantes do pagamento efectivo. A xustificación do pagamento realizarase mediante a presentación de orixinal e copia auténtica, dalgún dos documentos que se relacionan a seguir:

i. A persoa beneficiaria presentará o xustificante bancario do pagamento (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa beneficiaria que paga e da persoa destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria, deberá ser orixinal ou copia auténtica e estará selado pola entidade bancaria.

ii. Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio, etc.), achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente pagado dentro do prazo de xustificación.

iii. No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto del.

iv. No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e irá xunto cunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

v. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

vi. No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

vii. No caso de cesión do dereito de cobramento da axuda a unha terceira persoa, establecido no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considérase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor das persoas cesionarias, presentada coa seguinte documentación:

1º. Comunicación outorgando o dereito de cobramento, conforme o modelo que figura no anexo IV desta orde.

2º. Documento público ou privado orixinal polo cal se formalizou a cesión.

3º. Copia do xustificante de pagamento ou de exención do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, cando proceda.

4º. Certificado da persoa secretaria da CMVMC en que conste o acordo da asemblea da cesión do dereito de cobro á persoa cesionaria.

e) Plano final coa delimitación das actuacións realizadas así como arquivo gráfico en soporte dixital e formato vectorial tipo shape no datum ETRS89 e coordenadas UTM sobre o fuso 29N coa superficie afectada polos traballos, coas características descritas no artigo 10.2, 10.3, 10.4, 10.5 e 10.6 desta orde.

2. No caso de empregar medios propios, achegaranse, ademais:

a) Nóminas correspondentes ao tempo dedicado polas persoas traballadoras á execución do traballo, certificando especificamente a porcentaxe de tempo que cada persoa traballadora dedicou á obra.

b) Documentación acreditativa do pagamento das nóminas, cargas sociais e retención do IRPF.

c) No caso doutros gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada (compra de materiais, etc.) as facturas acreditativas deses gastos e os xustificantes de pagamento destas.

d) A persoa beneficiaria poderá imputar ao proxecto os custos de amortización dos medios materiais propios, sempre que se calculen de conformidade coas normas de contabilidade, para o que deberá achegar a documentación acreditativa do sistema de cálculo empregado.

Artigo 24. Pagamento

1. O pagamento será satisfeito unha vez realizada a obra preventiva ou a construción.

2. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non se atope ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro.

3. Non procederá o pagamento das subvencións nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Para a liña I, no caso de que algunha persoa agrupada non execute a porcentaxe de traballos prevista e isto supoña que a agrupación non cumpre co disposto no artigo 3 desta orde, en relación coas superficies forestais mínimas por expediente, non se procederá ao seu pagamento.

c) Execución de menos do 70 % das accións viables sen autorización previa por imposibilidade técnica xurdida durante a execución dos traballos ou causa de forza maior.

Artigo 25. Procedemento de reintegro

1. Serán causas de reintegro as recollidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Consonte o establecido no artigo 7 do Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control das medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade en que se establece, de xeito explícito, que o cálculo dos xuros se fará en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para a persoa beneficiaria indicada na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

3. Serán casos de forza maior, de conformidade co disposto no artigo 2.2 do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 352/78, (CE) nº 165/94, (CE) nº 2799/98, (CE) nº 814/2000, (CE) nº 1290/2005 e (CE) nº 485/2008 do Consello:

a) Falecemento da persoa beneficiaria.

b) Incapacidade profesional de longa duración da persoa beneficiaria.

c) Expropiación dunha parte importante da explotación, se esta expropiación non era previsible o día en que se subscribiu o compromiso.

4. A notificación dos casos de forza maior e as probas relativas a estes deberán realizarse por escrito e nun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde a data en que se produciu o caso de forza maior.

5. Así mesmo, procederase ao reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou outras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a persoa beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

Artigo 26. Controis

1. A Consellería do Medio Rural realizará os controis administrativos sobre o 100 % das solicitudes de axuda e de pagamento.

2. A Consellería do Medio Rural realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e as inspeccións que considere oportunas coa finalidade de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das subvencións concedidas.

3. Estes controis realizaranse sobre unha mostra que represente polo menos o 4 % do gasto público declarado á Comisión cada ano civil e polo menos o 5 % do gasto público subvencionable declarado á Comisión en todo o período de programación. Estes controis realizaranse, na medida do posible, antes do pagamento derradeiro dun proxecto.

4. Na liña II os expedientes poderán ser sometidos a controis a posteriori, estes controis cubrirán anualmente polo menos un 1 % do gasto en investimentos completamente pagados e comunicados á Comisión.

5. A persoa beneficiaria someterase ás actuacións de comprobación e control financeiro dos investimentos subvencionados por parte da Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, e as instancias de control comunitarias.

6. Seralles de aplicación ás subvencións recollidas nesta orde e non se poderá efectuar ningún pagamento sen realizar o control pertinente sobre o terreo, así como o réxime de controis, reducións e exclusión regulados no sistema integrado de xestión e control das medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade regulados no Regulamento (UE) 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013. Tamén se terán en conta as modificacións destes regulamentos introducidas polo Regulamento de execución (UE) 1242/2017 da Comisión, do 10 de xullo.

7. Serán de aplicación tamén os criterios xerais de aplicación de reducións, sancións e exclusións, ditados polo Fondo Español de Garantía Agraria na Circular de coordinación 33/2020 relativa a criterios para a aplicación de penalizacións nas medidas de desenvolvemento rural non establecidas no ámbito do sistema integrado do período 2014/2020.

8. Respecto das ofertas presentadas a que se fai referencia no artigo 9.1.d) desta orde, de acordo co artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas provedoras desas ofertas estarán obrigadas a prestar colaboración e facilitar canta documentación lle sexa requirida e, sobre todo, a necesaria para verificar a posible vinculación entre esas persoas provedoras.

Artigo 27. Financiamento

1. As subvencións que deriven da aplicación desta orde financiaranse, nos exercicios 2023 e 2024, con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.551B.770.0, proxecto 2016 00212, por un importe de 3.513.807,00 € (353.990,70 € no ano 2023, e 3.159.816,30 € no ano 2024), cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) nunha porcentaxe do 75 %, pola Administración xeral do Estado nun 7,5 % e pola Xunta de Galicia nun 17,5 %, respecto ao gasto público total.

2. O orzamento desta orde para o ano 2023 é de trescentos cincuenta e tres mil novecentos noventa euros con setenta céntimos (353.990,70 €), repartidos do seguinte xeito:

a) Liña I: dotada cun total de trescentos dous mil seiscentos dez euros (302.610,00 €).

b) Liña II: dotada cun total de cincuenta e un mil trescentos oitenta euros con setenta céntimos (51.380,70 €).

3. O orzamento desta orde para o ano 2024 é de tres millóns cento cincuenta e nove mil oitocentos dezaseis euros con trinta céntimos (3.159.816,30 €), repartidos do seguinte xeito:

a) Liña I: dotada cun total de dous millóns seiscentos noventa e sete mil trescentos noventa euros (2.697.390,00 €).

b) Liña II: dotada cun total de catrocentos sesenta e dous mil catrocentos vinte e seis euros con trinta céntimos (462.426,30 €).

4. A Consellería do Medio Rural, chegado o caso, poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que esta publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

5. No caso de que quedasen remanentes de crédito destinados ao financiamento dunha liña de subvencións, tales remanentes poderán ser destinados ao financiamento da outra liña de subvención.

Artigo 28. Compromisos das persoas beneficiarias e coordinación co SPIF

1. Os medios humanos e materiais a que se refire esta orde observarán o disposto no artigo 47 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

2. Os puntos de auga deberán manterse operativos durante polo menos 20 anos e manter o acceso libre para as tarefas de prevención e defensa contra os incendios forestais.

3. A persoa beneficiaria comprométese en todo momento a facilitar as tarefas de inspección ao persoal adscrito á Consellería do Medio Rural, así como a outras instancias autonómicas ou comunitarias.

4. Os medios humanos e materiais que executen as obras deberán cumprir coa normativa laboral, en particular coa de prevención de riscos laborais.

Artigo 29. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Segundo o Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, establécese no artigo 71 que a persoa beneficiaria se compromete a proporcionar á autoridade de xestión, aos/ás avaliadores/as designados/as, ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización deste tipo de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar, con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión, que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Deberase levar un sistema de contabilidade específica Feader, ou ben un código contable axeitado, onde se rexistren as transaccións relativas á operación, tal e como exixe o artigo 66.1.c) do Regulamento (UE) 1305/2013.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso das agrupacións de montes veciñais en man común, se se disolve a agrupación antes de que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cada persoa xurídica membro da agrupación asumirá a obriga de reintegro que corresponda.

j) De acordo co disposto na Estratexia de información e publicidade do PDR 2014-2020 de Galicia, cumprir co disposto no punto 2 da parte 1 do anexo III do Regulamento de execución (UE) 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), en relación coa información e publicidade, en particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000,00 € deberase colocar unha placa explicativa, e cando o custo supere os 500.000,00 € deberase colocar un panel publicitario. En ambos os casos figurará a descrición do proxecto, así como a bandeira europea e o lema Feader «Europa inviste no rural».

Artigo 30. Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o establecido no Regulamento (UE) 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo, polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, e no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, e a modificación realizada a este polo Regulamento de execución (UE) 1242/2017 da Comisión, do 10 de xullo.

Artigo 31. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

CAPÍTULO II

Liña I. MR651A, subvencións para o control selectivo de combustible

Artigo 32. Actividades que se subvencionan

1. A prevención engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa da ocorrencia de incendios forestais e da súa propagación.

2. As actuacións que se subvencionarán nesta liña consistirán no control da biomasa en áreas devasa, devasas e faixas auxiliares de pista, coa finalidade de reducir a carga de combustible existente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a diminuír o risco de propagación de incendios forestais e a minimizar os danos causados por estes sinistros, en caso de se produciren. Estes traballos realizaranse sempre dentro do ámbito territorial do monte ou montes para os que a persoa beneficiaria solicite a subvención.

3. Dentro desta liña subvencionaranse as seguintes accións:

a) Áreas devasa:

Subvencionarase aqueles tratamentos silvícolas preventivos que permitan reducir a carga de combustible nunha localización estratéxica do monte, de forma que se unha fronte de lume chega a ela, a área devasa ofreza unha oportunidade de extinción e de anticipar unha estratexia de defensa eficaz e segura ante un incendio forestal, ou ben que esta sirva para desactivar o mecanismo de propagación do lume ou para reducir a súa intensidade. Para poder obter a subvención, deberá quedar xustificado tecnicamente no documento descritivo a que fai referencia o artigo 10 desta orde, que a área cumpre con esta condición.

Os tratamentos que se poderán aplicar nestas áreas estratéxicas son de tres tipos:

a.1) Áreas devasa en monte desarborizado:

Son áreas devasa que se crean en monte desarborizado ou cunha fracción de cabida cuberta inferior ao 30 %, co fin de romper a continuidade horizontal e vertical do combustible forestal. Non se inclúen nesta actuación as superficies de rexeneración forestal natural.

A actuación consistirá na roza a feito de toda a área, de forma que tras esta o mato non supere, en xeral, os 10 cm de altura.

A área devasa deberá estar deseñada de forma que, en condicións normais, deteña o lume e sirva de apoio aos medios terrestres para que nos labores de extinción realicen o ataque directo ou indirecto desde esta.

Se o deseño da área ten forma lineal, as faixas deberán ter unha anchura mínima de 16 metros.

As áreas devasa en monte desarborizado realizaranse de forma mecanizada con rozadora de cadeas ou similar.

a.2) Áreas devasa en monte en rexeneración:

Estas áreas devasa crearanse en masas forestais procedentes de rexeneración natural que teñan un diámetro medio inferior aos 6 cm e unha densidade superior aos 3.000 pés/ha.

Nelas realizarase a roza mecanizada por faixas do arborizado en rexeneración e do mato, deseñando as faixas de forma que se reduza en dous terzos a superficie arborada. Tras a roza, a altura do mato non deberá superar, en xeral, os 10 cm.

Nas entrefaixas, que supoñen un terzo da superficie da área devasa, realizarase unha roza superficial de penetración e rareo do rexenerado, deixando un distancia media entre os pés que permanezan tras este de 2 metros como mínimo, axustándose, de ser o caso, ao modelo silvícola que proceda. Esta actuación incluirá a recollida de restos na entrefaixa e o amoreamento destes nas faixas.

Por último, realizarase a trituración dos restos da faixa con rozadora de martelos ou similar, de forma que a altura do mato logo da actuación non supere, en xeral, os 10 cm.

a.3) Áreas devasa en monte en rexeneración só na entrefaixa:

Esta actuación poderá ser obxecto de axuda soamente naqueles montes en que xa se teña realizado unha actuación de roza en rexeneración forestal natural por faixas sobre dous terzos (2/3) da superficie da rexeneración, ao abeiro da Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención de danos causados aos bosques por incendios desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (códigos de procedemento MR651A e MR651B) publicada no DOG nº 31, do 16 de febreiro de 2021.

A actuación consistirá na roza superficial de penetración, o rareo e a posterior trituración dos restos acordoados en rexenerados forestais naturais con diámetro medio inferior aos 6 cm. A roza superficial de penetración e o rareo aplicarase nas entrefaixas, que serán de aproximadamente un terzo da superficie. Tras o rareo, os pés que permanezan gardarán polo menos 2 metros de distancia entre eles, axustándose, de ser o caso, ao modelo silvícola que proceda. Esta actuación incluirá a recollida de restos na entrefaixa e o amoreamento destes nas faixas.

No resto da superficie, que será de aproximadamente dous terzos, eliminaranse os restos mediante trituración, con rozadora de martelos ou similar, de forma que logo da trituración a altura do mato non supere, en xeral, os 10 cm.

b) Devasas:

As devasas son infraestruturas lineais de defensa contra incendios consistentes en faixas continuas de terreo desprovistas de vexetación deseñadas para romper a continuidade horizontal e vertical das masas forestais.

As actuacións que se subvencionarán serán as de mantemento de devasas xa existentes, podendo incluír o aumento da súa anchura. Estas actuacións consistirán na eliminación de toda a vexetación coa coitela frontal do bulldozer, deixando ao descuberto o horizonte superficial do solo.

Nas zonas de pendente superior ao 20 % daranse cortes transversais á faixa, co fin de desaloxar as augas que discorran por ela e evitar a erosión. No caso de quedar cordóns entre pasadas, deberá quedar unha zona transitable para os vehículos do servizo de prevención de incendios forestais, sempre que a pendente permita o tránsito destes.

A anchura da faixa cortalumes debe ser tal que, en condicións normais e en función da altura do arborizado existente, deteña o lume e sirva de apoio aos medios terrestres para que, nos labores de extinción, realicen o ataque directo ou indirecto desde estas faixas. O mantemento de devasas será mecanizado e deberá facerse con bulldozer.

c) Faixas auxiliares de pista con ou sen roza da plataforma de rodadura:

Son faixas deseñadas ao longo das marxes das vías e camiños forestais en que se elimina biomasa co fin de crear unha descontinuidade na masa forestal que limite a propagación de potenciais incendios forestais, e transforme estas vías en zonas seguras de evacuación ou que permitan protexer o operativo de extinción nas diferentes manobras.

Será subvencionable a eliminación do estrato arbustivo e subarbustivo en cada marxe do camiño ou vía, incluirase tamén a roza de gabias e noiros cando sexa viable tecnicamente. Se for necesario, poderase incluír na actuación a roza da plataforma do camiño, mantendo sempre os importes e as porcentaxes máximas de subvención previstos no artigo 33 desta orde. A altura do mato tras a roza non deberá superar, en xeral, os 10 cm.

A roza da faixa auxiliar será mecanizada e poderá facerse con rozadora de cadeas ou similar, de brazo ou arrastrada.

4. As actuacións poderanse desenvolver de xeito manual, con rozadoras, ou apeiros similares, se for necesario, mantendo sempre os importes e as porcentaxes máximas de subvención previstos no artigo 33 desta orde.

5. Para poder solicitar as ditas actuacións, a superficie mínima será de 5 ha e a máxima será:

Para expedientes de CMVMC, mancomunidades ou agrupacións de CMVMC de menos de 1.000 ha clasificadas como MVMC:

Superficie máxima de 30 ha que pode incrementarse ata 50 ha, sempre que polo menos se inclúan 10 ha de áreas devasa en monte en rexeneración.

Para expedientes de CMVMC, mancomunidades ou agrupacións de CMVMC con 1.000 ha ou máis clasificadas como MVMC ou de Sofor:

Superficie máxima de 40 ha que pode incrementarse ata 60 ha, sempre que polo menos se inclúan 20 ha de áreas devasa en monte en rexeneración.

6. A superficie mínima viable de execución para o conxunto de todas as actuacións, tras as inspeccións sinaladas nos artigos 12 e 16 desta orde deberá chegar cando menos ás 5 hectáreas. Se non fose así, implicará a revogación no caso de que xa estivese concedida.

7. Non serán subvencionables os gastos anteriores á solicitude de axuda.

Artigo 33. Importes e porcentaxes das subvencións

1. A contía das subvencións estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

2. Os prezos que se reflicten na táboa seguinte son indicativos para a persoa titular da solicitude e obrigatorios como prezos máximos na aplicación polos SPIF para a aprobación dos orzamentos. Nesta táboa descríbense as actuacións que se poden incluír dentro de cada actividade prevista no artigo 32. Os prezos refírense a hectáreas de actuación.

Unidade

Descrición

Prezo máximo
aplicable

Porcentaxe que se subvencionará

a) Áreas devasa

a.1) Áreas devasa en monte desarborizado:

ha

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar

587,400 €

100 %

a.2) Áreas devasa en monte en rexeneración:

ha

Rareo sistemático de rexeneración forestal con tratamento de restos

1.657,859 €

100 %

ha

Roza de penetración, rareo da entrefaixa e trituración de restos nas faixas

1.299,982 €

100 %

b) Devasas

ha

Mellora de faixas devasa xa existentes con folla de máquina

635,133 €

100 %

c) Faixas auxiliares de pista con ou sen roza da plataforma de rodadura

ha

Roza mecanizada con rozadora arrastrada de cadeas ou similar

587,400 €

100 %

ha

Roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar

734,250 €

100 %

Artigo 34. Criterios de selección

1. A concesión das subvencións axustarase aos principios xerais recollidos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en consonancia coas prioridades das medidas de fomento dispostas no artigo 121 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

2. As actuacións preventivas subvencionadas complementarán os labores de prevención desenvolvidos polos medios propios dos SPIF, de xeito que se reforcen nos lugares estratéxicos e se estendan ao máximo posible no territorio.

3. Atenderanse as solicitudes de maior a menor puntuación ata acadar o orzamento asignado para esta liña, segundo o baremo seguinte:

a) Expedientes con Sofor ou montes veciñais en man común situados en concellos declarados zonas de alto risco segundo o disposto na Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal ou incluídos en concellos con espazos protexidos da Rede Natura 2000: 2 puntos.

b) Número de comunidades que integran a agrupación e Sofor, puntuación:

Dúas comunidades: 0,20 puntos.

Tres comunidades: 0,45 puntos.

Catro comunidades: 0,75 puntos.

Cinco ou máis comunidades ou Sofor: 1 punto.

c) Superficie total da CMVMC, agrupacións de CMVMC ou mancomunidade clasificada como MVMC e Sofor:

Desde 500 ata 1.000 ha: 1 punto.

Máis de 1.000 e ata 2.000 ha: 2 puntos.

Máis de 2.000 ha ou Sofor: 3 puntos.

d) Expedientes que inclúan algún monte con instrumento de xestión rexistrado (Orde do 12 de xuño de 1998 pola que se crea o Rexistro de Proxectos de Ordenación e Plans Técnicos de Xestión de Montes ou de acordo cos instrumentos de ordenación e xestión de montes da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia): 1 punto.

e) Expedientes con algún monte con certificación forestal con sistema PEFC ou FSC: 1 punto.

f) Expedientes con montes protectores: 2 puntos.

4. Para todos os casos, de existir empate, prevalecerá a maior puntuación obtida no punto a) e, de continuar este, será preferente a maior puntuación obtida nos puntos b), c), d), e) e f) sucesivamente.

De continuar o empate, prevalecerá a maior superficie clasificada da CMVMC, agrupacións de CMVMC, mancomunidade ou Sofor, despois o maior número de comunidades que integran a agrupación e, por último, de maior a menor, o valor da suma das catro últimas cifras do NIF da CMVMC ou Sofor solicitante ou representante.

5. De acordo co disposto no documento de Criterios de selección de operacións do PDR de Galicia 2014-2020, a puntuación das solicitudes estará entre 1 e 10 puntos.

CAPÍTULO III

Liña II. MR651B, subvencións para a construción de puntos de auga

Artigo 35. Actividades que se subvencionan

1. Os puntos de auga integran as redes de defensa contra incendios forestais dos distritos.

2. Subvencionarase a construción de puntos de auga para a prevención e a defensa contra os incendios forestais, así como o movemento de terras preciso para construílos, os recheos, a creación das bases necesarias para a construción da estrutura, a estrutura, a acometida de auga e o desaugue.

3. Estes puntos de auga localizaranse en zonas estratéxicas para a defensa dos núcleos de poboación e das masas forestais, cunha orografía axeitada para a actuación dos medios do SPIF e garantindo a súa actuación rápida. A localización dos puntos de auga será coherente co disposto nos plans de prevención de distrito.

4. Os puntos de auga deberán cumprir, polo menos, coas seguintes premisas:

a) Permitirán a carga de vehículos motobomba do Servizo de Prevención contra Incendios Forestais.

b) Levarán un peche perimetral de seguridade e protección de tela metálica dun metro (1 m) de altura e porta de acceso de aceiro de 1 m × 1 m cos elementos de peche necesarios.

c) As dimensións mínimas dos puntos de auga será de 8×7×2 metros (volume útil 110 m3). Unha vez aprobado o expediente admitiranse variantes sempre que o volume útil sexa igual ou superior ao aprobado e co informe favorable do correspondente servizo provincial de prevención de incendios forestais.

d) Deben dispoñer dunha escaleira de acceso ao interior do depósito para o seu mantemento e dunha rampla para a saída de anfibios.

e) Presentaranse ante a Administración os resultados do ensaio a compresión do formigón empregado na construción de acordo coas normas UNE que procedan.

5. Subvencionarase un máximo dun punto de auga por solicitude.

6. Ademais, a persoa beneficiaria deberá manter operativos para a prevención e a defensa contra os incendios forestais estas infraestruturas durante polo menos 20 anos, polo que deberá garantir:

a) Un acceso axeitado a eles dos medios do SPIF.

b) Un caudal continuo e suficiente.

c) Un baleirado do depósito axeitado.

d) Manterán a zona perimetral libre de vexetación arbórea e arbustiva.

7. O uso principal destas construcións estará vinculado á prevención de incendios forestais.

8. Non se subvencionarán os gastos anteriores á solicitude de axuda ou á acta de non inicio, se esta é anterior a aquela.

Artigo 36. Importes e porcentaxes das subvencións

1. A contía das subvencións estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

2. Os prezos que se reflicten na táboa seguinte son indicativos para a persoa titular da solicitude e obrigatorios como tope máximo na aplicación polos SPIF para a aprobación dos orzamentos.

Unidade

Descrición

Prezo máximo
aplicable

Porcentaxe que se subvencionará

Ud

Depósito de auga 8×7×2 m (volume útil 110 m3)

25.690,35 €

100 %

Artigo 37. Criterios de selección

1. A concesión das subvencións axustarase aos principios xerais recollidos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en consonancia coas prioridades das medidas de fomento dispostas no artigo 121 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

2. Os puntos de auga deberán localizarse estratexicamente no territorio de Galicia complementando as infraestruturas deste tipo do SPIF, de xeito que se garante unha actuación eficiente dos medios.

3. Atenderanse as solicitudes de maior a menor puntuación ata acadar o orzamento asignado para esta liña, segundo o baremo seguinte:

a) Expedientes con Sofor ou con montes veciñais en man común situados en concellos declarados zonas de alto risco segundo o disposto na Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal ou incluídos en concellos con espazos protexidos da rede Natura 2000: 2 puntos.

b) Número de comunidades que integran a agrupación ou Sofor, puntuación:

Dúas comunidades: 0,20 puntos.

Tres comunidades: 0,45 puntos.

Catro comunidades: 0,75 puntos.

Cinco ou máis comunidades ou Sofor: 1 punto.

c) Superficie total da CMVMC, agrupacións de CMVMC ou mancomunidade clasificada como MVMC ou Sofor:

Dende 500 ata 750 ha: 1 punto.

Máis de 750 e ata 1.000 ha: 2 puntos.

Máis de 1.000 ha ou Sofor: 3 puntos.

d) Expedientes que inclúan algún monte con instrumento de xestión rexistrado (Orde do 12 de xuño de 1998 pola que se crea o Rexistro de Proxectos de Ordenación e Plans Técnicos de Xestión de Montes ou de acordo cos instrumentos de ordenación e xestión de montes da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia): 1 punto.

e) Expedientes con algún monte con certificación forestal con sistema PEFC ou FSC: 1 punto.

f) Expedientes con montes protectores: 2 puntos.

4. Para todos os casos, de existir empate, prevalecerá a maior puntuación obtida no punto a) e, de continuar este, será preferente a maior puntuación obtida nos puntos b), c), d), e) e f) sucesivamente.

De continuar o empate prevalecerá a maior superficie clasificada da CMVMC, agrupación de CMVMC, mancomunidade ou Sofor, despois o maior número de comunidades que integran a agrupación e, por último, de maior a menor, o valor da suma das catro últimas cifras do NIF da Sofor ou da CMVMC solicitante ou representante.

5. De acordo co disposto no documento de Criterios de selección de operacións do PDR de Galicia 2014-2020, a puntuación das solicitudes estará entre 1 e 10 puntos.

Disposición adicional primeira

As subvencións contidas nesta orde son incompatibles con outras subvencións de calquera Administración pública e con calquera outro réxime de subvencións comunitarias para a mesma finalidade.

Disposición adicional segunda

Nos aspectos non previstos nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e no Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013.

Disposición adicional terceira

De conformidade co establecido nos artigos 17.3.b) e 20.8a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tramitarase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na antedita base e o seu extracto no Diario oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file