Con data do 21 de abril de 2023, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 12 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria para a concesión de mención de excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2022/23.
Rematado o prazo para a entrega da documentación necesaria para a tramitación do procedemento establecido no artigo 5 da orde de convocatoria, foron analizadas as solicitudes pola Comisión Avaliadora prevista no artigo 8 da citada orde.
Tendo en conta o anteriormente exposto, e atendendo á proposta de resolución da Secretaría Xeral de Universidades, esta consellería
RESOLVE:
Primeiro. Concederlles a mención de máster universitario excelente da Xunta de Galicia ás titulacións universitarias oficiais de máster impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2022/23, que se relacionan no anexo I desta resolución.
Segundo. As universidades responsables dos títulos comprométense a manter os requisitos que deron lugar á obtención da puntuación mínima para acadar a mención de máster universitario excelente da Xunta de Galicia.
Así mesmo, os responsables dos títulos comprométense a incluír as medidas e modificacións necesarias, segundo o procedemento establecido para a modificación de títulos universitarios, derivadas do compromiso de inclusión dun módulo vinculado directamente cunha formación en emprendemento e autoemprego, establecida no artigo 9, epígrafe f).
Terceiro. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as universidades poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente o recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
ANEXO I
Titulación |
Facultade/escola |
Universidade |
MU en Enxeñaría Química e Bioprocesos |
Escola Técnica Superior de Enxeñaría |
Universidade de Santiago de Compostela |
MU en Química Orgánica |
Facultade de Química Facultade de Ciencias Facultade de Ciencias Químicas |
Universidade de Santiago de Compostela Universidade Autónoma de Madrid Universidade Complutense de Madrid |
MU en Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental |
Facultade de Ciencias |
Universidade da Coruña |