DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 20 de outubro de 2023 Páx. 58056

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2023, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso na escala auxiliar de coidadores, subgrupo C2, do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, convocado pola Resolución do 30 de marzo de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 65, do 4 de abril), pola que se dá publicidade de diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 28 de abril de 2023 (DOG núm. 88, do 9 de maio) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso na escala auxiliar de coidadores, subgrupo C2, do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia,

ACORDOU:

Primeiro. En sesións que tiveron lugar os días 31 de xullo e 4 de setembro de 2023, ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria e logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo realizado o 7 de xullo de 2023:

– Acceso libre: anular a pregunta 25. O seu lugar pasa a ser ocupado pola pregunta de reserva número 83. Desestímanse as restantes reclamacións presentadas ao dito exercicio.

– Promoción interna: anular a pregunta 5. O seu lugar pasa a ser ocupado pola pregunta de reserva número 63. Quedan anuladas de oficio as preguntas de reserva 61 e 62, por corresponderen coa parte común. Desestímanse as restantes reclamacións presentadas ao dito exercicio.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o primeiro exercicio da fase de oposición cualificarase de 0 a 100 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de cincuenta (50) puntos. Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta e as preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Así pois, de conformidade co disposto na citada base, mediante a Resolución do 25 de xuño de 2023, deuse publicidade dos criterios de corrección, valoración e superación deste primeiro exercicio, que establecen que:

– No acceso libre superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes presentadas que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de cento noventa e seis (196) persoas aspirantes, sempre que acaden o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. Unicamente, de darse o caso de non superar o exercicio o número de 196 persoas aspirantes, rebaixarase ao mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes e sempre que non superen o número máximo de cento noventa e seis (196) persoas aspirantes. Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela que marque a nota de corte considéranse igualmente aprobadas, aínda que se superase o número de aspirantes antes indicado (196).

– Na promoción interna superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes presentadas que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de dezaseis (16) persoas aspirantes, sempre que acaden o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. Unicamente, de darse o caso de non superar o exercicio o número de 16 persoas aspirantes, rebaixarase ao mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes e sempre que non superen o número máximo de dezaseis (16) persoas aspirantes. As prazas non cubertas pola promoción interna acumularanse ás prazas convocadas polo acceso libre.

– Tanto no acceso libre como na promoción interna asignarase a valoración de 50 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 50 e os 100 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, asignaráselles a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Terceiro. Unha vez feita a corrección dos exames nas sesións do 7 e 20 de setembro de 2023, de acordo cos criterios anteriores:

– No acceso libre acadaron a puntuación mínima de 50 puntos un total de 207 aspirantes no seu conxunto, e fixouse en 50,250 o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións segundo o establecido na base II.1.1 da convocatoria.

– Na promoción interna acadaron a puntuación mínima de 50 puntos un total de 17 aspirantes, e fixouse en 41,750 o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións segundo o establecido na base II.1.1 da convocatoria.

Cuarto. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas á proba realizada o día 7 de xullo de 2023, correspondente ao primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso na escala auxiliar de coidadores, subgrupo C2, do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, convocado pola Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 30 de marzo de 2022 (DOG núm. 65, do 4 de abril), no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal (na listaxe de resultados por puntuación, as persoas aspirantes con idéntica puntuación aparecen ordenadas por orde alfabética).

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación coas puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. De conformidade coa base II.1.1.2, respecto do segundo exercicio, estarán exentas da súa realización as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación no DOG do presente acordo, que posuían o día da publicación da convocatoria deste proceso no DOG o Celga 3 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Xunto coa publicación das puntuacións obtidas no primeiro exercicio, a Dirección Xeral da Función Pública publicará no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal a listaxe de persoas aspirantes exentas deste segundo exercicio, por existir constancia na referida dirección xeral da documentación acreditativa da exención.

Sétimo. De conformidade co disposto na base III.13 da resolución da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023

Encarnación Díaz Martínez
Presidenta do tribunal