DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 20 de outubro de 2023 Páx. 58033

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras da subvención de xuros de préstamos directos e se realiza a súa convocatoria para o ano 2023 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408E).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do día 27 de setembro de 2023, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes aprobar as bases reguladoras da subvención de xuros de préstamos directos concedidos polo Igape, e facultou o seu director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicación e convocatoria das bases reguladoras

Publicar as bases reguladoras da subvención de xuros de préstamos directos concedidos polo Igape e realizar a convocatoria das axudas para o ano 2023 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408E).

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará ás 14.00 horas do 30 de novembro de 2023, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

Terceiro. Dotación orzamentaria

Os créditos dispoñibles para a concesión nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 05.A1.741A.7700, cunha dotación de 900.000 € para o exercicio 2023 e 1.000.000 € para o exercicio 2024.

A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazo de duración do procedemento

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a recepción no rexistro do Igape da solicitude de axuda, e non poderá superar o 30 de decembro de 2023.

Quinto

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que se lle debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do/da beneficiario/a.

Sexto

Os requisitos das letras c), e), f), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras da subvención de xuros
de préstamos directos concedidos polo Igape

O Igape é o instrumento básico de acción da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, planeando e executando as actuacións do Goberno autónomo para o apoio aos investimentos considerados estratéxicos no ámbito de Galicia.

O Decreto 133/2002, do 11 de abril (DOG núm. 78, do 23 de abril), modificado polos decretos 174/2007, do 6 de setembro (DOG núm. 186, do 25 de setembro); 45/2009, do 12 de febreiro (DOG núm. 48, do 10 de marzo), e 155/2019, do 28 de novembro (DOG núm. 234, do 10 de decembro), habilita o Igape para conceder, no ámbito das súas funcións, préstamos ou créditos a favor de empresas de acordo cos requisitos e características establecidos nos programas que, con carácter xeral, para ese efecto aprobe.

Historicamente, o Igape puxo en marcha diversos programas de préstamos con recursos do Banco Europeo de Investimentos, con fondos estruturais europeos e con cargo aos seus orzamentos, tanto mediante liñas específicas para emprendedores, sector audiovisual, sector auxiliar do naval, Industria 4.0 e innovación como con liñas horizontais para facilitar o investimento e o financiamento de circulante para o crecemento. Demostrouse que estes programas constitúen unha ferramenta eficaz para favorecer o acceso ao crédito das empresas galegas, ao complementaren o mercado bancario con produtos de financiamento público axeitados para as súas actuacións.

Como consecuencia, actualmente conta cunha carteira de operacións de préstamo de 351 operacións con débeda viva. Moitos deles foron concedidos a tipos fixos moi baixos ou a tipo 0 %, pero algunhas liñas de financiamento recollían que os xuros fosen variables, dependendo das oscilacións do euríbor ou do tipo de referencia establecido na Comunicación da Comisión Europea de revisión do método de fixación de tipos de referencia e actualización 2008/C 14/02 (DOCE do 19 de xaneiro), sen darlles a posibilidade ás beneficiarias de optaren por tipos fixos.

En todos os casos, o tipo de xuro que cobra o Igape a titulares nas operacións de préstamo é resultado de sumar un tipo de referencia e un tipo diferencial, ambos expresados en puntos porcentuais.

Nos casos de préstamos a tipo de xuro fixo, tanto o tipo de referencia como o tipo diferencial son determinados no momento da concesión para toda a vida da operación.

Nos casos de préstamos a tipo de xuro variable, o tipo de referencia varía mensualmente, trimestralmente ou anualmente, segundo a liña de que se trate, e o diferencial é sempre fixo durante toda a vida da operación.

Dependendo das bases reguladoras ao abeiro das cales se concedeu a operación, os tipos de referencia son o euríbor ou os tipos establecidos na Comunicación da Comisión Europea de revisión do método de fixación de tipos de referencia e actualización 2008/C 14/02 (DOCE do 19 de xaneiro).

Os tipos diferenciais son determinados conforme as correspondentes bases reguladoras e, nalgúns casos, son un valor predeterminado para esa liña específica de financiamento, ou dependen da cualificación de risco de crédito e do grao de colateralización (garantías).

Na actual conxuntura, coa suba dos tipos de referencia prodúcese un aumento moi significativo das cotas que deben pagar os titulares de préstamos a tipo de xuro variable. Tamén nas novas operacións concedidas a tipo fixo o tipo de referencia determinado no momento da concesión resulta moi elevado. Isto fai que as condicións financeiras nalgúns casos sexan peores que as que están a aplicar as entidades bancarias.

Tendo en conta que todas as operacións de préstamo que concede o Igape se basean no interese para Galicia dos proxectos ou actividades financiadas, proponse esta liña de axuda para aliviar a carga financeira; favorecerase así a súa viabilidade económica e a capacidade de reembolso do principal das operacións.

A convocatoria destas axudas deberá ser obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

A tramitación destas axudas exclúe a concorrencia competitiva con base no establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, por canto serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras, ata o esgotamento do crédito.

Xustifícase a excepcionalidade por canto neste caso non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de apoiar calquera operación financeira que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, supoña dotar as persoas beneficiarias da liquidez necesaria para poder financiar as súas operacións correntes e de investimento, e o seu crecemento.

Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos coa debida dilixencia e en todo momento, e manter a posibilidade de prazos de solicitude máis dilatados no tempo.

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan as condicións e o procedemento de tramitación da subvención de xuros de préstamos directos do Igape.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases as persoas físicas ou xurídicas titulares ou solicitantes de préstamos directos concedidos polo Igape cuxo tipo de referencia que se deba aplicar para determinar o tipo de xuro sexa maior do 0 %, e que se encontren ao día dos pagamentos.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación ao encontrarse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, ou cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 2.4 do Real decreto lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei concursal. Tamén se encadrarán neste suposto aquelas empresas que estean en proceso de negociación cos seus acredores, ao abeiro do libro segundo do Real decreto lexislativo 1/2020, salvo que adquirise eficacia un plan de reestruturación.

c) As entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.

d) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, de acordo co previsto no punto 3.bis do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 3. Características da axuda do Igape

1. A axuda consistirá na subvención dos tipos de xuro de referencia utilizados para determinar o tipo de xuro ordinario aplicable, cun máximo de 3,5 puntos porcentuais e 200.000 € brutos, xerados ou pendentes de liquidar durante os anos 2023 e 2024. En ningún caso a subvención superará os xuros ordinarios xerados polo tipo de referencia nin serán subvencionados os tipos moratorios.

2. A axuda será aboada aos titulares na conta bancaria que designen, en concepto de subvención dos xuros pagados, unha vez que as cotas periódicas dos respectivos préstamos figuren recadadas polo Igape.

3. No momento da concesión calcularase de xeito estimativo o seu importe bruto, con base na hipótese de mantemento do capital vivo previsto co calendario de amortización.

4. Compatibilidade e límites.

As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2020/972 da Comisión, do 2 de xullo, no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño), modificado polos regulamentos (UE) nº 2020/2008 da Comisión, do 8 de decembro, e nº 2022/2514 da Comisión, do 14 de decembro, e no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polos regulamentos (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro, e nº 2022/2046 da Comisión, do 24 de outubro, ou nas normas que os substitúan.

A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de minimis que estean vixentes no momento da concesión da axuda. De xeito xeral e na data de publicación das presentes bases, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais e, para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 €. Para as empresas cuxa actividade estea encadrada no Regulamento de minimis específico do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 €, ou a 25.000 € segundo corresponda, durante calquera período de tres exercicios, co límite establecido para España no anexo I do Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro (DOUE L 51, do 22 de febreiro). No caso de que, con posterioridade á data de publicación das presentes bases, a Comisión Europea aprobe límites diferentes aos indicados anteriormente, serán de aplicación os límites vixentes na data de emisión da resolución de concesión.

A solicitude e a obtención doutras axudas ou subvencións de minimis deberáselle comunicar ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento da solicitude da axuda. O incumprimento do disposto neste punto considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

5. No caso de que a axuda calculada conforme o punto primeiro supere os límites indicados no punto 4, axustarase o importe total da axuda bruta aos ditos límites. Será causa de denegación se as axudas de minimis xa percibidas no exercicio corrente e os dous anteriores superan os ditos límites.

6. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e se regula o rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE núm. 223, do 16 de setembro), no caso de que a persoa beneficiaria sexa unha empresa do sector pesqueiro, o Igape publicará a subvención concedida ao abeiro destas bases no citado rexistro expresando a información a que se fai referencia no anexo I do dito real decreto.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Para presentar a solicitude, a persoa ou entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa ou entidade solicitante e do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato errado ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas e concederáselles ás persoas ou entidades solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidas da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas ou entidades solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou persoa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa ou entidade solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran na seguinte relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado en formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude mediante certificación dixital da persoa presentadora, e transferido este ao Igape, anotarase unha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

As persoas ou entidades solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, con indicación dos 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas interesadas deberán achegar acreditación do cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais. Esta acreditación será:

– Para empresas que, de acordo coa normativa contable en vigor, poidan presentar contas de perdas e ganancias abreviadas, unha declaración responsable.

– Para sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar contas de perdas e ganancias abreviada, mediante un certificado dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Contas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa presentase anteriormente a persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder do Igape ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Alta no imposto de actividades económicas (IAE).

f) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT da persoa ou entidade solicitante.

g) Certificado de estar ao día das obrigas coa Seguridade Social da persoa ou entidade solicitante.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa ou entidade solicitante.

i) Certificado da renda da persoa solicitante do último exercicio.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante.

k) Consulta de concesións pola regra de minimis da persoa ou entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados telematicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Artigo 8. Instrución dos procedementos

1. A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no formulario, na documentación presentada e na información que conste no Igape respecto á operación financeira que se vaia subvencionar.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se o formulario de solicitude non reúne os datos exixidos, o Igape requirirá a persoa ou entidade solicitante para que, no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento, emende a falta, con indicación de que, en caso contrario, se terá por desistida da súa petición, e arquivarase o expediente logo da correspondente resolución.

Artigo 9. Resolución

1. Unha vez verificado o cumprimento pola solicitude dos requisitos establecidos nestas bases, a persoa titular da Dirección da Área de Financiamento elevaralle a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección.

A persoa titular da Dirección da Área de Financiamento é o órgano competente para resolver o arquivamento, as desistencias e a renuncia de dereitos nos expedientes tramitados na súa área, nos casos previstos na lexislación vixente, por delegación do Consello de Dirección.

2. Na resolución de concesión farase constar o importe da subvención concedida, e cuantificarase o importe que se lle deberá aboar ao titular nas liquidacións durante os exercicios 2023 e 2024.

3. Na resolución denegatoria farase constar o motivo da denegación. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causas de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007.

4. De acordo coas características do programa, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes resolveranse por orde de entrada das solicitudes no Igape e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas, circunstancia que se publicará mediante resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.gal. O esgotamento do crédito levará á inadmisión de solicitudes posteriores.

Artigo 10. Notificación, silencio administrativo e recursos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuarasen só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón de notificación telemática (https://www.igape.gal/es/notificacion-telematica) para recibir as notificacións. O sistema solicitará do/da interesado/a o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificación de recepción electrónico).

As notificacións por medios electrónicos entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o Igape efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de tres meses, e non poderá superar o 30 de decembro de 2023. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 22 da Lei 39/2015. Transcorrido tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada.

3. As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, se for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Área de Financiamento, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de arquivamento, por delegación do Consello de Dirección do Igape, e ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de concesión ou denegación das axudas, por delegación do Consello de Dirección do Igape. En ambos os casos, o prazo para interpor o recurso será dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (en diante, Lei 1/2016), e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 12. Liquidación da axuda

A axuda será aboada aos titulares na conta bancaria que designen, en concepto de subvención dos xuros pagados, unha vez que as cotas periódicas dos respectivos préstamos figuren recadadas polo Igape.

Artigo 13. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento da axuda no suposto de incumprimento das condicións establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, nas presentes bases reguladoras ou na resolución de concesión.

Así mesmo, de concorreren os motivos de incumprimento mencionados no parágrafo anterior, procederá o reintegro por parte da persoa beneficiaria da axuda pagada, xunto cos xuros de mora correspondentes, que se contarán desde o momento do pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Artigo 14. Control

As persoas beneficiarias da subvención prevista nestas bases quedan obrigadas a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

Artigo 15. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2020/972 da Comisión, do 2 de xullo, no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño), modificado polos regulamentos (UE) nº 2020/2008 da Comisión, do 8 de decembro, e nº 2022/2514 da Comisión, do 14 de decembro, e no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polos regulamentos (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro, e nº 2022/2046 da Comisión, do 24 de outubro, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarse o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015.

missing image file
missing image file