DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 24 de outubro de 2023 Páx. 58497

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de outubro de 2023, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo de estabilización para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala técnica auxiliar de informática, convocado pola Resolución do 21 de decembro de 2021, pola que se dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 28 de abril de 2023 (DOG núm. 88, do 9 de maio) para cualificar este proceso selectivo,

ACORDOU:

Primeiro. En sesións que tiveron lugar os días 18, 19, 20 e 21 de setembro de 2023, ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo realizado o 13 de xullo de 2023:

– Acceso libre: quedan anuladas as preguntas 30, 47, 55, (parte teórica) e 81, 96, R107 (parte práctica). O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas R71, R72, R73 (parte teórica) e R106, R108 (parte práctica), respectivamente. Así mesmo, acórdase modificar o modelo de corrección de respostas na pregunta número 104, sendo correcta a alternativa b). Desestímanse as restantes reclamacións presentadas ao dito exercicio.

– Promoción interna: quedan anuladas as preguntas 15, 32, 40 (parte teórica) e 65, 80, R91 (parte práctica). O seu lugar pasa a ser ocupado polas respostas R56, R57 e R58 (parte teórica) e R90, R92 (parte práctica), respectivamente. Así mesmo, acórdase modificar o modelo de corrección de respostas na pregunta número 88, sendo correcta a alternativa b). Desestímanse as restantes reclamacións presentadas ao dito exercicio.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o primeiro exercicio da fase de oposición cualificarase de 0 a 60 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de trinta (30) puntos.

– Acceso libre: superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas nesta quenda, sempre que acaden o mínimo do 50 %, en cada unha das dúas partes, das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

De darse o caso de que o número de aspirantes que superen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, rebaixarase ao mínimo do 40 % en cada unha das partes das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, sempre que non superen o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocado nesta quenda.

– Promoción interna: superarán o exercicio as persoas aspirantes que acaden o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

De darse o caso de que o número de aspirantes que superen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, rebaixarase ao mínimo do 40 % en cada unha das partes das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Así pois e de conformidade co disposto na citada base, pola Resolución deste tribunal do 3 de xullo de 2023, deuse publicidade aos criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio, que establecen que o superarán as persoas aspirantes que acaden as mellores puntuacións:

– En acceso libre: ata completar o número máximo de corenta e oito (48) persoas aspirantes, sempre que acaden o mínimo do 50 %, en cada unha das dúas partes, das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. No caso de non acadarse o número de aspirantes previstos (48), rebaixarase o mínimo en cada unha das partes ao 40 % de respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, sempre que non superen o citado número de persoas aspirantes (48).

– En promoción interna: as persoas aspirantes que acaden o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. No caso de que o número de aspirantes que superasen este exercicio sexa inferior a cinco (5), rebaixarase ao mínimo do 40 % das respostas correctas en cada unha das partes, unha vez feitos os descontos correspondentes.

En ambos os casos as preguntas non contestadas non penalizan ni reciben puntuación. Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

Asignarase a valoración de 30 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 30 e os 60 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non superen o exercicio serán declaradas non aptas.

Terceiro. Unha vez feita a corrección dos exames na sesión do 5 de outubro de 2023, de acordo cos criterios anteriores, acadaron a puntuación mínima de 30 puntos un total de:

– Acceso libre: 29 aspirantes, fixándose en vinte e oito (28) respostas correctas na primeira parte e doce (12) respostas correctas na segunda parte, unha vez feitos os descontos correspondentes.

– Promoción interna: ningunha persoa aspirante acada a puntuación mínima para superar o exercicio, fixándose en vinte e dúas (22) preguntas correctas na primeira parte e doce (12) respostas correctas na segunda parte, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Acórdase publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal os resultados obtidos polas persoas aspirantes que se presentaron ao primeiro exercicio.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles, contados dende o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa de estar en posesión do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Sexto. De acordo co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023

Alfonso Pereira Martínez
Presidente do tribunal