DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 24 de outubro de 2023 Páx. 58454

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 16 de outubro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para facilitar o financiamento da adquisición de uva polas adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas para a campaña 2023, e se convocatoria para o ano 2023 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408F).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do 27 de setembro de 2023, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas para facilitar o financiamento da adquisición de uva polas adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas para a campaña 2023, e facultou ao seu director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicación e convocatoria das bases reguladoras

Publicar as bases reguladoras das axudas para facilitar o financiamento da adquisición de uva polas adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas para a campaña 2023, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408F).

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará ás 14.00 horas do 15 de decembro de 2023, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

Terceiro. Dotación orzamentaria

Os créditos dispoñibles para concesión nesta convocatoria aboarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual, previa existencia de crédito adecuado e suficiente:

Partida orzamentaria

Ano 2023

Ano 2024

Total

05.A1.741A.7700

100.000 €

2.000.000 €

2.100.000 €

A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazo de duración do procedemento

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a recepción no rexistro do Igape da solicitude de axuda.

Quinto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento da persoa beneficiaria.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2023

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas para facilitar o financiamento da adquisición de uva polas adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas para a campaña 2023

O Igape é o instrumento básico de acción da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, planeando e executando as actuacións do goberno autónomo para o apoio aos investimentos considerados estratéxicos no ámbito de Galicia.

De forma continuada, durante máis de 30 anos o Igape ven apoiando o acceso ao financiamento das pemes con axudas en forma de garantía e subvencións de gastos financeiros, promovendo diversas liñas para cubrir necesidades específicas.

O sector do viño en Galicia ten unha gran importancia económica e social, en particular no relativo á elaboración de viños de calidade diferenciada, xa que conta con cinco denominacións de orixe protexidas (DOP) e catro indicacións xeográficas protexidas (IXP), ás que están acollidas 13.400 viticultores e 479 adegas, cun valor económico estimado do viño comercializado superior aos 200 millóns de euros.

Polas particulares características da actividade económica das adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas, requírese un importante volume de financiamento. O longo período de elaboración e a necesidade de afrontar o pagamento das colleitas nun prazo máximo de 30 días desde a validación formal da colleita por parte dos Consellos Reguladores, fan imprescindible dispor de financiamento bancario recorrente para as campañas, que ten a consideración de capital circulante estrutural.

A crise causada pola COVID-19 neste sector, foi paliada mediante instrumentos financeiros que permitiron aprazar os pagamentos das colleitas dos anos 2020 e 2021. Estes instrumentos, son reintegrables, debendo ser amortizados en prazos de 5 anos, polo que teñen que ser afrontados xunto aos gastos e aprovisionamentos destes exercicios. Unido ao anterior, o actual contexto de importante subida dos tipos de xuro, fai que o custo de financiar a actual campaña supoña un importante lastre para a tesouraría, ademais de dificultades de acceso ao crédito, afectando á competitividade das adegas, e podendo chegar a impedir que os viticultores cobren a colleita nos prazos estipulados.

Coas presentes bases reguladoras, preténdese por unha banda paliar o encarecemento do financiamento da adquisición da colleita, e por outra facilitar o acceso ao crédito ás adegas, fomentando a participación das sociedades de garantía recíproca (SGR), que avalen o 100 % das operacións.

A convocatoria destas axudas deberá ser obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

A tramitación destas axudas exclúe a concorrencia competitiva con base ao establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, por canto serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras, ata o esgotamento do crédito.

Xustifícase a excepcionalidade por canto neste caso non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de apoiar calquera operación financeira que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, supoña dotar ás adegas beneficiarias da liquidez necesaria para poder financiar a adquisición da colleita de uva para elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas para a campaña 2023.

Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos coa debida dilixencia e en todo momento, mantendo a posibilidade de prazos de solicitude máis dilatados no tempo.

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan as condicións e o procedemento de tramitación das axudas para facilitar o financiamento da adquisición de uva polas adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas para a campaña 2023.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases, as empresas que teñan cando menos un centro de traballo en Galicia, e que sexan titulares de adegas de elaboración de viño (CNAE 1102), acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas.

2. As empresas poderán ser persoas físicas ou xurídicas. Tamén poderán ter a condición de persoas beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.

Neste caso de agrupacións, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007. A operación financeira deberá estar formalizada a nome da entidade, e deberá ser asinada por cada un dos seus membros.

No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

3. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación ao atoparse declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, ou cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 2.4 do Real decreto lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei concursal. Tamén se encadrarán neste suposto aquelas empresas que estean en proceso de negociación cos seus acredores ao abeiro do Libro segundo do Real decreto lexislativo 1/2020, salvo que adquirise eficacia un plan de reestruturación.

c) As entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.

d) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as empresas que incumpran os prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, de acordo co previsto no punto 3.bis do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 3. Características da axuda do Igape

1. A axuda consistirá na subvención das comisións e xuros aplicados polas entidades bancarias, e sociedades de garantía recíproca, de ser o caso, nas operacións de préstamo necesarias para o financiamento da adquisición da colleita de uva do ano 2023, por parte dos titulares de adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas. Para tal efecto, considérase que serán susceptibles de apoio os préstamos formalizados entre o 1 de setembro de 2023 e o 30 de decembro de 2023, incluíndo as operacións aprobadas pendentes de formalizar no momento da solicitude.

2. Os préstamos subvencionados destinaranse ao pagamento pola adquisición de uva a terceiros na campaña 2023, destinada á súa vinificación na propia adega. As entregas de uva ás cooperativas agrarias e outras entidades asociativas por parte dos seus socios, cando isto sexa obrigatorio en virtude dos seus estatutos, terán tamén a consideración de uva adquirida a terceiros.

3. Para ter dereito á subvención, as operacións financeiras de préstamo, e os seus avais de SGR no seu caso, deberán cumprir coas seguintes condicións:

a) Para o caso dos préstamos avalados pola SGR:

Condicións dos préstamos:

– Prazo de vixencia de 3 anos, incluíndo un mínimo de 6 meses de carencia.

– Tipo de xuro máximo determinado en base ao euribor a 12 meses+2,50 % durante o primeiro ano, o resto da vida do préstamo, poderá ser determinado en función do estipulado nos convenios bilaterais entre a entidade bancaria e a SGR.

– Comisión á formalización máximo do 0,5 %.

– Comisión por amortización anticipada 0 %.

– Garantía: aval da SGR polo 100 %.

Condicións dos avais das SGR:

– Comisión de apertura e/ou estudo 0,5 % do principal.

– Comisión de aval anual 1,25 %.

– Comisión de amortización anticipada 0 %.

– A SGR poderá tomar garantías adicionais aos reavais públicos, agás o peñoramento de depósitos do titular que detraian liquidez á titular.

– Dúas ou máis SGR poderán coavalar unha operación de préstamo subvencionable, nas condicións que elas acorden, pero en ningún caso as comisións cobradas superarán conxuntamente as porcentaxes antes relacionadas.

b) Para o caso dos préstamos sen aval de SGR:

– Prazo de vixencia mínimo de 1 ano, incluíndo un mínimo de 6 meses de carencia.

– Tipo de xuro máximo determinado en base ao euribor a 12 meses+2,50 % durante o primeiro ano, o resto da vida da operación poderá fixarse libremente entre as partes.

– Comisión á formalización máximo do 0,5 %.

– Comisión por amortización anticipada 0 %.

– A entidade financeira poderá tomar garantías reais e/ou persoais, agás o peñoramento de depósitos do titular que detraian liquidez á titular.

As operacións de préstamo non poderán incluír comisións adicionais, agás a comisión de reclamación de posicións debedoras.

4. A base subvencionable que será utilizada para a determinar a contía da axuda, será a menor das seguintes:

a) A suma dos importes dos préstamos formalizados e/ou dispostos nas operacións de financiamento por cada persoa beneficiaria, que cumpran os requisitos dos puntos anteriores, e que foran relacionados na solicitude da axuda.

b) O importe total de uva adquirida a terceiros na campaña 2023 das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, incluíndo o IVE correspondente.

5. O importe da axuda será o resultado de sumar os seguintes conceptos:

– Un máximo do 0,5 % da base subvencionable, co límite da comisión de apertura e formalización cobrada pola entidade de crédito.

– Un máximo do 0,5 % da base subvencionable, co límite da comisión de apertura e estudo cobrada pola sociedade de garantía recíproca que avale a operación. No caso de préstamos sen aval de SGR, a subvención por concepto será de 0 €.

– Un máximo do 1,25 % da base subvencionable, co límite da comisión de aval cobrada pola sociedade de garantía recíproca que avale a operación. No caso de préstamos sen aval de SGR, a subvención por concepto será de 0 €.

– Un 5 % da base subvencionable, como de estimación de xuros correspondentes ao primeiro ano de vixencia do/s préstamo/s.

6. Compatibilidade e límites.

As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro), ou nas normas que os substitúan.

A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada, pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de minimis que estean vixentes no momento da concesión da axuda. De xeito xeral e na data de publicación das presentes bases, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais aplicable para a actividade das potenciais persoas beneficiarias.

No caso de que, con posterioridade á data de publicación das presentes bases, a Comisión Europea tivera aprobado límites diferentes aos indicados anteriormente, serán de aplicación os límites vixentes na data de emisión da resolución de concesión.

A solicitude e obtención doutras axudas ou subvencións de minimis deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento da solicitude da axuda. O incumprimento do disposto nesta epígrafe considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

7. No caso de que a axuda calculada conforme o punto primeiro supere os límites indicados no punto 6, axustarase o importe total da axuda bruta aos ditos límites. Será causa de denegación se as axudas de minimis xa percibidas no exercicio corrente e os dous anteriores superan os ditos límites.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Para presentar a solicitude, a persoa ou entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa ou entidade solicitante e do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles ás persoas ou entidades solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidas da súa petición, logo de resolución de arquivo.

Considérase que todas as persoas ou entidades solicitantes, ao exercer unha actividade económica, dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas ou entidades solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou persoa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa ou entidade solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:

http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento no que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado en formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude mediante certificación dixital da persoa presentadora, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

As persoas ou entidades solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, con indicación dos 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

4. Unicamente será admitida unha solicitude por persoa beneficiaria na convocatoria, que estará referida a todas as operacións de préstamo subvencionables desta campaña. No caso de que unha mesma persoa beneficiaria presente máis dunha solicitude, entenderase que renuncia a todas as previamente por ela presentadas, que serán obxecto de arquivo sen máis trámite.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas interesadas deberán achegar acreditación do cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, de 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais. Esta acreditación será:

– Para empresas que de acordo á normativa contable en vigor poidan presentar contas de perdas e ganancias abreviada, unha declaración responsable.

– Para sociedades que de acordo coa normativa contable non poidan presentar contas de perdas e ganancias abreviada, mediante un certificado dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Contas.

b) Comunicación/s por parte da/s entidade/s bancaria/s da/s operación/s concedida/s para adquisición de uva ou financiamento de circulante de explotación, coa seguinte información mínima:

– Titular da operación.

– Prazo de vixencia.

– Calendario de amortización previsto.

– Importe concedido.

– Tipo de xuro aplicable durante o primeiro ano de vixencia.

– Comisión de formalización.

– Data de formalización.

– Importe disposto.

c) Comunicación/s da/s SGR/s do/s aval/avais concedido/s, de ser o caso, coa seguinte información mínima:

– Titular da operación.

– Importe avalado.

– Entidade de crédito ante quen se presta o aval.

– Vixencia do aval.

– Comisión de apertura e/ou estudo.

– Comisión de aval anual.

– Data de formalización.

d) Declaración responsable da persoa beneficiaria relativa ao importe total de uva adquirida a terceiros na campaña 2023 das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, incluíndo o IVE correspondente.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Alta no Imposto de Actividades Económicas (IAE) da persoa ou entidade solicitante.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT da persoa ou entidade solicitante ou, de ser o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

g) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa ou entidade solicitante ou, de ser o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

i) Certificado da renda da persoa solicitante do último exercicio ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante ou, de ser o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

k) Consulta de concesións pola regra de minimis da persoa ou entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos socios da comunidade de bens.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) ou no de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (anexo II) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados telematicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Artigo 8. Instrución dos procedementos

1. A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no formulario e documentación complementaria presentada.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se o formulario de solicitude non reúne os datos exixidos, o Igape requirirá á persoa ou entidade solicitante para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento emende a falta, con indicación de que en caso contrario, teráselle por desistido da súa petición, e arquivarase o expediente logo da correspondente resolución.

Artigo 9. Resolución

1. Unha vez verificado o cumprimento pola solicitude dos requisitos establecidos nestas bases, a persoa titular da Dirección da Área de Financiamento elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, que resolverá por delegación do Consello de Dirección.

A persoa titular da Dirección da Área de Financiamento é o órgano competente para resolver o arquivo, as desistencias e a renuncia de dereitos nos expedientes tramitados na súa área, nos casos previstos na lexislación vixente, por delegación do Consello de Dirección.

2. Na resolución de concesión farase constar o importe da base subvencionable, o importe da subvención concedida e o prazo de xustificación.

3. Na resolución denegatoria farase constar o motivo da denegación. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007.

4. De acordo coas características do programa, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes resolveranse por orde de entrada das solicitudes no Igape, e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas, circunstancia que se publicará mediante resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.gal. O esgotamento do crédito levará á inadmisión de posteriores solicitudes.

Artigo 10. Notificación, silencio administrativo e recursos

1. As notificacións das resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón notificación telemática (https://www.igape.gal/gl/notificacion-telematica) para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificación de recepción electrónico).

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o Igape practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será o establecido na resolución da convocatoria. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 22 da Lei 39/2015. Transcorrido tal prazo sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada.

3. As resolucións ditadas ao abeiro destas bases poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, se fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante a persoa titular da Dirección da Área de Financiamento, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de arquivo, por delegación do Consello de Dirección do Igape, e ante a persoa titular da Dirección xeral do Igape, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de concesión ou denegación das axudas, por delegación do Consello de Dirección do Igape. En ambos casos, o prazo para interpoñer o recurso será dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo co establecido nestas bases reguladoras se produza o acto presunto.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (en diante, Lei 1/2016), e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 12. Xustificación e liquidación da axuda

1. Dentro dos prazos previstos na resolución de concesión, que será en todo caso con data límite o 30.6.2024, as persoas beneficiarias deberán presentar a xustificación das finalidades ás que foron aplicadas. A presentación da xustificación será tamén solicitude de cobramento da axuda.

Para iso deberán cubrir previamente o formulario electrónico de xustificación a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberanse cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL), que identificará univocamente a solicitude de xustificación, que será tamén solicitude de cobramento.

A solicitude de xustificación presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo III a estas bases, que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, e no cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento realizado para o efecto.

Unha vez xerada a solicitude de xustificación, que será tamén a solicitude de cobramento, a persoa beneficiaria deberá presentala por vía electrónica.

2. Para axudas de importe inferior a 30.000 €, o sistema de xustificación será a conta xustificativa simplificada prevista no artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 (en diante, Decreto 11/2009), incluíndo no formulario de xustificación os datos exixidos no devandito artigo.

O Igape poderá requirirlles ás persoas beneficiarias a remisión dos xustificantes das finalidades dos préstamos seleccionados con base en técnicas de mostraxe, comprobándose para estes efectos polo Igape un mínimo do 10 % dos expedientes.

Cando das comprobacións realizadas non se acade a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, o Igape procederá a requirirlles ás persoas beneficiarias a totalidade dos documentos xustificativos.

3. Para axudas de importe superior a 30.000 € e, de conformidade co artigo 28 da Lei 39/2015, as persoas beneficiarias deberán achegar xunto coa solicitude de xustificación, as copias dixitalizadas do contrato de financiamento e as facturas e xustificantes de pagamento por compra de uva. A persoa beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitarlle de maneira motivada que presente unha copia autenticada electrónica.

Artigo 13. Pagamento das subvencións dos gastos financeiros

Unha vez completada a xustificación conforme o sinalado no artigo 12 anterior, o Igape procederá ao pagamento da subvención.

Artigo 14. Modificacións

1. A persoa beneficiaria queda obrigada a comunicarlle ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foi concedida a axuda. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de xustificación e/ou de cobramento.

A obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ou a súa revogación, no caso de que os ditos cambios supoñan o incumprimento dos requisitos establecidos para os proxectos ou para a persoa beneficiaria.

2. A persoa beneficiaria da axuda poderá solicitar, de forma motivada, a modificación da resolución.

3. No caso de que a modificación afecte os datos declarados no formulario, deberá cubrir previamente un novo formulario na aplicación informática e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de modificación que se dirixirá á persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

4. A persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección, poderá acordar as modificacións da resolución nos aspectos tidos en conta para a concesión da axuda relativos ao importe e características da/das operación/s financeira/s atendible/s, se é o caso, e titularidade, sempre que a modificación non prexudique a terceiros, e que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

O cambio de persoa beneficiaria deberá acreditarse documentalmente, así como a subrogación na totalidade dos dereitos e obrigas derivados da actuación apoiada e, especificamente, da operación obxecto de axuda. Presentarase a solicitude asinada pola nova persoa titular, xunto co consentimento da anterior persoa beneficiaria.

En ningún caso a resolución de modificación implicará aumentar a contía da axuda inicialmente aprobada.

5. No caso de modificacións das condicións da operación financeira unha vez formalizada, por parte da entidade de crédito e/ou da SGR, que supoñan unha mellora solicitada pola empresa (carencia intermedia, diferencial, etc.), poderán supoñer unha redución das axudas concedidas.

6. O Igape poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 15. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda, total ou parcial, do dereito ao cobramento da subsidiación, no suposto de incumprimento das condicións establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, nas presentes bases reguladoras ou na resolución de concesión.

Así mesmo, de concorrer os motivos de incumprimento mencionados no parágrafo anterior, procederá o reintegro por parte da persoa beneficiaria da axuda pagada en concepto de subsidiación de gastos financeiros, xunto cos xuros de demora correspondentes. Os xuros de demora contaranse desde o momento do pagamento da subvención ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro.

2. O alcance do incumprimento determinarase do seguinte xeito:

a) Incumprimento total:

1º. Obter a axuda sen reunir as condicións requiridas nas bases reguladoras.

2º. Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas.

Nos casos de incumprimento total, a persoa beneficiaria deberá reintegrar a totalidade da axuda pagada xunto cos xuros de demora. No caso de que a axuda aínda non fose pagada, perderá o dereito de cobramento da totalidade da axuda concedida.

b) Incumprimento parcial:

Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro e/ou de perda do dereito de cobramento, segundo proceda, de xeito proporcional aos destinos da operación financeira deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados na resolución de concesión, segundo os seguintes criterios:

1º. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base de cálculo da axuda, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados inicialmente. A persoa beneficiaria deberá reintegrar a porcentaxe incumprida do importe concedido xunto cos xuros de demora. No caso de que a axuda aínda non fose pagada, perderá o dereito de cobramento desta na porcentaxe da axuda concedida.

2º. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % do proxecto financiado, entenderase que o dito incumprimento é total e terá os efectos previstos na alínea a) anterior.

3. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009, sendo competente para a súa resolución a persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e, potestativamente, recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

4. No caso de amortización anticipada total ou parcial da operación durante o primeiro ano de vixencia, a titular deberá presentar ao Igape unha certificación bancaria dos xuros abonados durante o primeiro ano natural desde a formalización da operación de préstamo, e reintegrar ao Igape a subvención que exceda dos xuros efectivamente pagados nese período.

Artigo 16. Control

As persoas beneficiarias da bonificación prevista nestas bases quedan obrigadas a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

Artigo 17. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, o Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, estarase ao disposto no artigo 30 da Lei 39/2015.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file