DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 25 de outubro de 2023 Páx. 58623

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se declaran con carácter definitivo as persoas aspirantes admitidas e excluídas na convocatoria excepcional no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, e se publican as puntuacións provisionais para o ingreso nas categorías de persoal de servizos xerais e técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría.

Mediante as resolucións desta dirección xeral, do 26 e do 28 de decembro de 2022 (DOG núm. 4, do 5 de xaneiro de 2023), realizouse a convocatoria excepcional no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso en diversas categorías de persoal de xestión e servizos e persoal sanitario de formación profesional, entre elas nas categorías de persoal de servizos xerais e técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría.

Mediante a Resolución deste mesmo centro directivo, do 11 de abril de 2023 (DOG núm. 77, do 21 de abril), publicouse a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as nas categorías de persoal de servizos xerais e técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, tendo finalizado o prazo de emenda previsto na base sexta da resolución de convocatoria.

A base oitava das resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 26 e do 28 de decembro de 2022, de convocatoria dos procesos, dispón que, realizada polo respectivo tribunal a baremación dos méritos achegados polas/os aspirantes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos publicará no Diario Oficial de Galicia o anuncio da súa exposición, con indicación da puntuación provisional obtida por cada aspirante nas distintas epígrafes, a correspondente á acreditación do coñecemento da lingua galega, de ser o caso, así como a valoración total do concurso de méritos.

De conformidade coas ditas bases, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar, con carácter definitivo, as persoas aspirantes admitidas e excluídas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso nas categorías de persoal de servizos xerais e técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, convocado polas resolucións do 26 e do 28 de decembro de 2022, e publicar as puntuacións provisionais obtidas polas/os aspirantes admitidas/os no proceso selectivo.

Segundo. As puntuacións provisionais, así como as listas coa relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as, con indicación do motivo de exclusión, nas categorías de persoal de servizos xerais e técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría poderanse examinar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Cada aspirante poderá consultar o estado da solicitude, ademais da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo, no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos/concurso de méritos.

Coa finalidade de dotar de transparencia o proceso, ao existiren aspirantes empatados, publicarase na páxina web o Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) a información que permitirá verificar a correcta aplicación do criterio de desempate establecido na base 8.1.6 da resolución de convocatoria do proceso.

Terceiro. Contra as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as, as persoas excluídas poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous (2) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpor recurso de reposición, ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación.

Cuarto. De conformidade coa base oitava das resolucións do 26 e do 28 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, de convocatoria do proceso, os/as aspirantes admitidos/as poderán presentar reclamación, ante o propio tribunal, no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formularen reclamación contra os resultados da baremación provisional. Tales reclamacións serán rexeitadas ou admitidas na resolución definitiva, que aprobará esta dirección xeral e que se publicará no Diario Oficial de Galicia, logo da análise das reclamacións polo tribunal, que efectuará, de ser o caso, as oportunas correccións, aprobará as puntuacións definitivas de méritos do concurso e as elevará á autoridade convocante.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos