Mediante as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 4 de maio de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 92, do 15 de maio), e do 11 de maio de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 98, do 25 de maio), convocáronse os procesos selectivos, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal fixo das categorías de facultativo/a especialista de atención primaria, facultativo/a especialista de área (en diversas especialidades), médico/a de hospitalización a domicilio, médico/a de urxencias hospitalarias e pediatra de atención primaria.
Estes procesos selectivos realízanse en execución da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en Ciencias da Saúde do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 196, do 14 de outubro), co fin de impulsar a incorporación urxente, estable e permanente de persoal das categorías mencionadas aos postos de difícil cobertura.
A base oitava das resolucións citadas dispón que, realizada polo tribunal a baremación dos méritos achegados polos/as aspirantes, a Dirección Xeneral de Recursos Humanos publicará no Diario Oficial de Galicia o anuncio da súa exposición, con indicación da puntuación provisional obtida por cada aspirante nas distintas epígrafes do baremo, a puntuación por ter acreditado o coñecemento da lingua galega, así como a valoración total do concurso.
Logo de realizada polo tribunal a baremación correspondente de conformidade coa base oitava das resolucións de convocatoria, esta dirección xeral, como órgano convocante dos procesos,
RESOLVE:
Primeiro. Publicar, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), as puntuacións provisionais obtidas polos/as aspirantes presentados/as ao proceso selectivo, nas categorías de facultativo/a especialista de atención primaria, facultativo/a especialista de área (en diversas especialidades), médico/a de hospitalización a domicilio, médico/a de urxencias hospitalarias e pediatra de atención primaria.
Cada aspirante poderá consultar, ademais, o detalle da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo, no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Segundo. De conformidade coa base oitava das resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 4 e do 11 de maio de 2023, de convocatoria dos procesos selectivos, contra os resultados da baremación provisional os/as aspirantes poderán presentar reclamación, ante o propio tribunal, no prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
A reclamación deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberá dirixirse á sede do tribunal para o efecto de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde; Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.
A estimación ou desestimación das reclamacións presentadas entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023
Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos