DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 26 de outubro de 2023 Páx. 58709

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2023, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se fixan as datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2, 3 e 4, que foron convocadas mediante a Resolución do 4 de agosto de 2023 (código de procedemento PL500C).

Mediante a Resolución do 4 de agosto de 2023, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, realizouse a segunda convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2, 3 e 4, no ano 2023 (código de procedemento PL500C) (DOG núm. 167, do 4 de setembro). Segundo se recolle no seu punto terceiro, as probas terán lugar na segunda quincena de novembro e, de ser o caso, na primeira de decembro de 2023, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida. Así mesmo, tamén se sinala que as datas concretas das probas serán debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

De acordo con isto,

RESOLVO:

Fixar as seguintes datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), convocadas mediante a Resolución do 4 de agosto de 2023:

– Celga 4, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:

18 de novembro de 2023, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: V, W, X, Y, Z, A, B, C, D, E, F e G.

19 de novembro de 2023, para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido empece por algunha das seguintes letras: H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T e U.

– Celga 3, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:

25 de novembro de 2023, para todas as persoas admitidas.

– Celga 2, en Santiago de Compostela e en Ponferrada:

26 de novembro de 2023, para todas as persoas admitidas.

Os centros de realización das probas serán:

– En Santiago de Compostela: o IES Antonio Fraguas Fraguas.

– En Ponferrada: a Escola Oficial de Idiomas desta localidade.

As probas comezarán ás 9.00 horas, de modo que as persoas admitidas deberán presentarse no centro que lles corresponda con antelación suficiente. Na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias) tamén se poderá consultar esta información, así como as listaxes definitivas de persoas admitidas para cada nivel e localidade. Así mesmo, na web publicaranse, na semana das probas correspondentes, a porta de acceso ao centro e a aula asignada a cada persoa para a realización da proba escrita. No caso daquelas persoas ás cales, atendendo a causas xustificadas, se lles concedese algún tipo de adaptación ou apoio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística comunicaralles directamente o día, a porta de acceso e a aula que se lles asigne.

Respecto da proba oral de cada nivel Celga, lémbrase que esta se realizará o mesmo día que a proba escrita, con posterioridade a esta. A hora concreta en que cada persoa deberá estar presente para realizar a dita proba oral publicarase no centro correspondente, así como na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, unha vez rematada a proba escrita.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2023

Valentín García Gómez
Secretario xeral de Política Lingüística