DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 27 de outubro de 2023 Páx. 58849

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 13 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego do Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal ou do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade correspondentes aos exercicios 2023 e 2024 (código de procedemento TR301V).

BDNS (Identif.): 722747.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de especialidades ou módulos formativos do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, ou de especialidades formativas do Catálogo de especialidades formativas do Servicio Público de Emprego Estatal financiadas pola referida consellería (código de procedemento TR301V).

Non se inclúe no ámbito de aplicación desta orde a formación impartida nos programas integrados de emprego, nos obradoiros de emprego ou nas accións formativas financiadas con fondos procedentes do Mecanismo para a recuperación e resiliencia.

2. Por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións, referidas ás accións formativas que se inicien no período comprendido entre o 1 de novembro de 2023, día da entrada en vigor desta orde, e o 30 de novembro de 2024 (ambos inclusive).

Segundo. Persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións en concepto de bolsas e axudas obxecto da presente convocatoria as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas recollidas no artigo 1 e que reúnan os requisitos esixidos con carácter xeral na orde, así como os particulares establecidos nos artigos que se refiren a cada tipo de bolsa ou axuda.

2. Terán a consideración de persoas traballadoras desempregadas aquelas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e con situación laboral como non ocupada, na data de inicio da acción formativa ou no momento da súa incorporación á acción formativa.

Tamén poderán obter a condición de beneficiarias as persoas traballadoras que, tendo a condición laboral de ocupadas no momento da súa incorporación á acción formativa, naqueles procedementos e supostos en que estea permitida a participación de persoas traballadoras ocupadas, adquiran a condición de persoas traballadoras desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia durante o período de desenvolvemento da acción formativa.

Neste caso, só terán dereito a percibir as axudas que lles poidan corresponder desde o primeiro día do mes seguinte a aquel en que adquiran a condición de persoa desempregada. No suposto de que desapareza o feito causante, perderase o dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar esta situación.

A persoa beneficiaria debe comprometerse a manter os requisitos que lle permiten o acceso á subvención durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito, de tal maneira que se deixase de cumprilos, estará obrigada a comunicalo por escrito ao órgano competente para resolver, no prazo de cinco días hábiles desde que se produza tal circunstancia.

Terceiro. Tipoloxía de bolsas e axudas

As tipoloxías de bolsas e axudas reguladas por esta orde son as seguintes:

Bolsas de asistencia para os seguintes colectivos:

– Persoas con discapacidade recoñecida en grao igual ou superior ao 33 %.

– Persoas que participan nunha acción formativa incluída no seu itinerario persoal individualizado de emprego.

– Membros integrantes dunha familia numerosa.

– Membros integrantes dunha familia monoparental.

– Vítimas de violencia de xénero.

Axudas por participar na acción formativa:

– Para transporte público, urbano e interurbano, ou vehículo propio.

– Para manutención.

– Para aloxamento e manutención.

– Para conciliación.

Cuarto. Financiamento

Para o financiamento destas axudas destínase un crédito total de 9.360.000 €, distribuído en dúas anualidades, que se imputarán con cargo á aplicación orzamentaria 11.50.323A.480.0, códigos de proxecto 2013 00545 e 2021 00149.

A distribución do importe por anualidades especifícase na seguinte táboa:

Aplicación

Proxecto

Anualidade 2023

Anualidade 2024

11.50.323A.480.0

2013 00545

60.000 €

800.000 €

11.50.323A.480.0

2021 00149

500.000 €

8.000.000 €

Total

560.000 €

8.800.000 €

Quinto. Prazo de presentación das solicitudes

A persoa traballadora desempregada deberá presentar a súa solicitude no prazo dun mes desde a súa incorporación á acción formativa, ou desde que teña lugar o feito causante que determina o dereito.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade