DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 30 de outubro de 2023 Páx. 59258

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 2023 pola que se amplía o prazo de xustificación previsto na Resolución do 9 de febreiro de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503D).

O 16 de febreiro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 33 a Resolución do 9 de febreiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503D).

A dita resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, aos concellos galegos de ata 10.000 habitantes para actuacións de fomento da recuperación, da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos de cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

O artigo 19.1 establece que a entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 31 de outubro de 2023.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos concellos beneficiarios, motivadas polas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite debido aos atrasos orixinados nos prazos de entrega dos equipamentos por parte das empresas subministradoras, e sen que exista ademais a posibilidade de causarlles prexuízos a terceiras persoas.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros; en consonancia co disposto, con carácter xeral, no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar o prazo de xustificación dos proxectos presentados ao abeiro da Resolución do 9 de febreiro de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503D), ata o 20 de novembro de 2023.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia para os efectos previstos no artigo 44 e 45.3 da LPACAP.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia