DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 30 de outubro de 2023 Páx. 59260

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2023 pola que se amplía o prazo de execución e xustificación e se reaxustan as anualidades previstas na Resolución do 14 de marzo de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503G).

O 17 de marzo de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 54 a Resolución do 14 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503G). Esta resolución modificouse coa Resolución do 11 de abril de 2023, publicada no DOG núm. 72, do 14 de abril.

A dita resolución ten como obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas para actuacións de rehabilitación de espazos singulares, dixitalización de recursos con potencial turístico e mellora da fachada turística no ámbito territorial do litoral da Comunidade Autónoma de Galicia. O artigo 6.3 sinala que se consideran gastos subvencionables aqueles que estean realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de outubro de 2023. Por outra banda, o artigo 24 establece que as entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, como data límite o 31 de outubro de 2023, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos concellos beneficiarios, motivadas polas dificultades existentes tanto na Axencia de Turismo de Galicia como nos concellos para a total implementación do sistema de información de xestión do cumprimento dos fitos e obxectivos definidos no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e ademais non existe a posibilidade de causarlles prexuízos a terceiros.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no cal se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 6.3 das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503G). A redacción do artigo queda da seguinte maneira:

«3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de marzo de 2024».

Segundo. Modificar a data límite para presentar a documentación xustificativa que figura no artigo 24 das bases reguladoras mencionadas no punto anterior. A redacción do artigo queda da seguinte maneira:

«1. As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, con data límite o 31 de marzo de 2024, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento subvencionable, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a entidade beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 40 % do investimento subvencionable; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito a cobrar a subvención concedida. Se a xustificación é superior ao 40 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirase a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que se cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou os obxectivos para os que se concedeu a axuda.

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia de Turismo de Galicia na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas».

Terceiro. Redistribuír o crédito dispoñible establecido no artigo 2 das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503G), que terá a seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria

2023

2024

04.A2.761A.760.0

128.244,57 €

2.200.852,83 €

Cuarto. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da LPACAP.

Quinto. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia