DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 30 de outubro de 2023 Páx. 59128

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 6 de setembro de 2023, pola que se publica a concesión das prazas para os grupos de tecnificación e de rendemento deportivo ao abeiro da Orde do 3 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas, en réxime de concorrencia competitiva, de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a tempada 2023/24, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PR952A).

Antecedentes:

No Diario Oficial de Galicia núm. 133, do pasado 13 de xullo, publicouse a Orde do 3 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas, en réxime de concorrencia competitiva, de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a tempada 2023/24.

No Diario Oficial de Galicia núm. 175, do 14 de setembro, publicouse a Resolución do 6 de setembro de 2023, pola que se publica a concesión das prazas para os grupos de tecnificación e de rendemento deportivo, ao abeiro da Orde do 3 de xullo de 2023.

Na dita resolución concedéuselle a Miguel Blanco Sotelo a praza de residente en tecnificación na modalidade deportiva de piragüismo AT, e a Noelia Insua Iglesias a praza de residente de rendemento na modalidade de judo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (en diante, CGTD).

Con data do 11 de setembro de 2023 presentouse a renuncia da praza de residente de Miguel Blanco Sotelo e a solicitude de cambio de praza de residente 2 a externa 2 de Noelia Insua Iglesias.

Consideracións legais e técnicas:

O artigo 12 da Orde do 3 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas, en réxime de concorrencia competitiva, de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a tempada 2023/24, dispón:

No punto 3, «Notificada a resolución polo órgano concedente, a persoa beneficiaria disporá dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada».

No punto 4, «As baixas que se produzan unha vez publicada a lista definitiva teñen que ser comunicadas inmediatamente e por escrito polo/a interesado/a ao enderezo de correo cgtd@xunta.gal, para que poidan ser cubertas.

As baixas cubriranse, se así o considera oportuno a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, con deportistas pertencentes ás federacións nas cales se produzan as baixas e seguindo a lista de espera dos deportistas valorados e que non acadaron praza.

No caso do grupo de tecnificación, poderase ter en conta, por cuestións organizativas da residencia, que cumpran cos requisitos de curso e xénero do deportista que causou baixa, e que a organización da residencia permita».

Con relación á baixa presentada no grupo de tecnificación, e seguindo os criterios do artigo 12 da Orde do 3 de xullo, Pedro Dámaso Delgado González é o deportista na modalidade de piragüismo que máis acorde está coa baixa causada, en función da especialidade deportiva, xénero e curso da persoa que causou baixa, posto que é kaiakista, é home e cursa 4º da ESO, que é un curso onde hai prazas libres para a súa matrícula.

No que respecta ao cambio de praza solicitada por Noelia Insua Iglesias, de residente 2 a externa 2 no grupo de rendemento, o artigo 19 da Orde do 3 de xullo de 2023 establece, con relación ao número de prazas para o grupo de rendemento, que para externo/a 2 pode haber ata 160 prazas ofertadas na resolución, por decisión da Comisión de Selección segundo os criterios establecidos no punto quinto da convocatoria, e para residente 2 pode haber ata un máximo de 12 prazas (non poderán ser máis de 7 do mesmo sexo e, como máximo, 4 da mesma sección deportiva).

O cambio de praza de residente a externa favorece a incorporación á residencia doutra deportista e non altera o número de prazas máximas ofertadas na resolución.

Polo tanto, seguindo os criterios do artigo 12 e do artigo 19 da Orde do 3 de xullo de 2023, procede aceptar o cambio de praza de residente 2 a externa 2 no grupo de rendemento de Noelia Insua Iglesias.

Esta baixa no grupo de rendemento pasaría a cubrila Míriam García Vidal, deportista de taekwondo, por ser a seguinte candidata que lle correspondería por orde de espera e que cumpre cos criterios anteriores.

Logo da proposta da Secretaría Xeral para o Deporte, de acordo co informe do CGTD e en virtude das atribucións que me foron concedidas,

RESOLVO:

Modificar a Resolución do 6 de setembro de 2023 pola que se publica a concesión das prazas para os grupos de tecnificación e de rendemento deportivo, ao abeiro da Orde do 3 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas, en réxime de concorrencia competitiva, de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a tempada 2023/24, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PR952A), nos seguintes puntos:

1. Outorgarlle a praza de residente 1 no grupo de tecnificación, para o uso das instalacións do CGTD sitas en Pontevedra, ao deportista Pedro Dámaso Delgado González.

2. Outorgarlle a praza de externa 2 no grupo de rendemento, para o uso das instalacións do CGTD sitas en Pontevedra, á deportista Noelia Insua Iglesias.

3. Outorgarlle a praza de residente 2 no grupo de rendemento, para o uso das instalacións do CGTD sitas en Pontevedra, á deportista Míriam García Vidal.

Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse un recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes