DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 30 de outubro de 2023 Páx. 59125

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 23 de outubro de 2023 pola que se modifica a Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2023, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 19, do 27 de xaneiro).

Mediante a Orde do 29 de decembro de 2022 reguláronse os criterios de repartición e establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2023, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG núm. 19, do 27 de xaneiro), que foi modificada pola Orde do 3 de maio de 2023 para ampliar a dotación orzamentaria da liña competitiva (DOG núm. 88, do 9 de maio).

Esta orde tramitouse como expediente anticipado de gasto segundo o previsto na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e de acordo co establecido no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2023, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 18 de outubro de 2022, na cal se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

No artigo 30 da orde fíxase no 31 de outubro de 2023 a data límite do prazo para a realización e xustificación das actuacións subvencionadas. Tendo en conta o número de proxectos subvencionados e a complexidade do proceso de tramitación e de contratación nas entidades locais beneficiarias, considerando que as bases reguladoras non conteñen precepto en contra e que non se causa prexuízo a terceiros, é procedente ampliar o devandito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 17 de novembro de 2023 para facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, segundo o cal o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Así mesmo, para optimizar a aplicación dos recursos dispoñibles, considérase necesario redistribuír a asignación inicial do Fondo de Compensación Ambiental para o exercicio 2023, establecida para a aplicación orzamentaria 06.04.141A.461.1 no artigo 2.1.c) da Orde do 29 de decembro de 2022 que, ao abeiro do previsto no artigo 25.5. da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (DOG núm. 252, do 29 de decembro), se destina a incrementar correlativamente na mesma contía a aplicación 06.04.141A.761.1, que ten a mesma finalidade ben que diferente natureza económica.

Esta redistribución respecta o cumprimento da normativa de aplicación ao canon eólico como ingreso afectado que debe xestionarse a través do Fondo de Compensación Ambiental e a execución do mandato legal de aplicar os ingresos derivados do canon eólico á finalidade determinada na orde anual distribuidora do Fondo, segundo determina o artigo 25 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Con base en todo o anterior, de acordo coa Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compesanción Ambiental coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, co Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en relación co previsto na disposición transitoria primeira do Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e co disposto na Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2023, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase parcialmente a asignación inicial do Fondo de Compensación Ambiental para o exercicio 2023, establecida no artigo 2.1.c) da Orde do 29 de decembro de 2022 na aplicación orzamentaria 06.04.141A.461.1 que, ao abeiro do previsto no artigo 25.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, se destina a financiar outras actuacións específicas de protección do ambiente, e increméntase correlativamente na mesma contía (275.000,00 €) a aplicación 06.04.141A.761.1, que ten a mesma finalidade ben que diferente natureza económica.

Xa que logo, a dotación das devanditas aplicacións orzamentarias, prevista no citado artigo 2.1.c) da Orde do 29 de decembro de 2022, queda establecida nos importes que se indican a seguir:

Centro xestor

Aplicación orzamentaria

Proxecto

Importe

Descrición

Dirección Xeral de Administración Local

06.04.141A.461.1

2013 00770

565.515,00

Outras actuacións Fondo de Compensación Ambiental

06.04.141A.761.1

2015 00168

875.000,00

Fondo de Compensación Ambiental (outras actuacións específicas)

Artigo 2

Modifícase o artigo 30.1 da Orde do 29 de decembro de 2022, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a conta xustificativa ata o 17 de novembro de 2023».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes