DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 31 de outubro de 2023 Páx. 60249

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 23 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia nos exercicios 2023 e 2024 (código de procedemento TR852B).

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral, e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, de acordo co Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, é a quen lle corresponden as competencias e funcións nesta materia, e entre outras, as relativas á seguridade e saúde laboral subsidiadas na Subdirección Xeral de Relacións Laborais que depende da Dirección Xeral de Relacións Laborais, polo que, dando cumprimento ao artigo 5.3 e concordantes da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, está a levar a cabo a promoción da prevención de riscos laborais coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo, dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral.

Con data do 25 de xullo de 2023, foi publicada no Boletín Oficial del Estado a Orde TES/864/2023, do 21 de xullo, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia establecer a súa normativa propia para a xestión e concesión das correspondentes subvencións, en función das súas especialidades derivadas da súa organización administrativa e a normativa de aplicación no seu ámbito de xestión. Os artigos considerados comúns pola Orde TES/864/2023 e que teñen carácter básico foron incorporados na presente convocatoria.

De acordo cos obxectivos da Estratexia española de seguridade e saúde no traballo 2023-2027, priorizaranse as actuacións recollidas dentro dos obxectivos estratéxicos desta, especialmente no eido das melloras na prevención de accidentes de traballo, da xestión da seguridade e saúde nas pemes e na mellor xestión dos cambios derivados das novas formas de organización do traballo, os cambios demográfico e climático desde a óptica preventiva. Do mesmo xeito, priorizaranse as actuacións recollidas dentro dos obxectivos estratéxicos da Estratexia de seguridade e saúde no traballo de Galicia: Horizonte 2027 (ESSTG27).

O importe global das axudas destinadas a estas accións ascende a un total de 604.184 euros procedentes de fondos finalistas do Estado.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Consello Galego de Relacións Laborais, e obtidos os informes da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Secretaría Xeral da Igualdade, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Asesoría Xurídica e da Intervención Xeral, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

DISPOÑO:

TÍTULO I

Obxecto, actividades subvencionables, entidades beneficiarias e importe

Artigo 1. Obxecto, órgano convocante, réxime xurídico e financiación

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2023 e 2024 da concesión de subvencións, pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Dirección Xeral de Relacións Laborais, mediante o réxime de concorrencia competitiva, para a realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais, conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais (código de procedemento TR852B).

Estas subvencións articularanse de acordo cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, así como cos principios de eficacia e eficiencia da súa xestión.

2. Ás subvencións concedidas de acordo co previsto nestas bases seranlles de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como, supletoriamente, as disposicións da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

3. O orzamento total desta orde ascende a 604.184 euros con cargo á aplicación orzamentaria 11.40.324A. 481.1 e código de proxecto 2023 00244 procedente de fondos finalistas do Estado.

Artigo 2. Ámbito e obxecto das subvencións

1. O ámbito xeográfico das actividades obxecto da axuda serán as empresas con domicilio social e centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As subvencións terán por obxecto a realización de actividades levadas a cabo entre o día 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de outubro de 2024 coa finalidade de promover a mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo, especialmente nas pequenas empresas.

Serán subvencionables as seguintes accións conforme a dúas liñas:

Liña 1: intersectoriais.

a) Accións de información e promoción do cumprimento da normativa: serán aquelas que persigan a difusión entre persoas traballadoras e empresarias dos principios de acción preventiva dos riscos laborais ou das normas concretas de aplicación de tales principios, así como aquelas que fomenten o coñecemento e a aplicación das disposicións legais, regulamentarias e convencionais en materia de prevención de riscos laborais en especial a través de mecanismos e instrumentos desenvolvidos nos ámbitos sectoriais e territoriais da actividade produtiva.

b) Accións de asistencia técnica: serán aquelas que estean dirixidas ao estudo e resolución de problemas derivados da aplicación práctica e material das actuacións preventivas, así como o asesoramento en materia de prevención de riscos laborais, a través de servizos de asesoramento e asistencia técnica de carácter gratuíto e libre acceso, abertos a persoas traballadoras e/ou entidades empresariais. Estas consultas poderán ser presenciais, telemáticas, telefónicas ou mediante visita ou acompañamento a persoa demandante de asistencia técnica.

c) Accións de formación: consistirán no deseño dos métodos e dos contidos dos programas que puidesen ser impartidos en materia de prevención de riscos laborais de carácter intersectorial.

Liña 2: sectoriais.

a) Accións de información e promoción do cumprimento da normativa: serán aquelas que persigan a difusión entre persoas traballadoras e empresarias dos principios de acción preventiva dos riscos laborais ou das normas concretas de aplicación de tales principios, así como aquelas que fomenten o coñecemento e a aplicación das disposicións legais, regulamentarias e convencionais en materia de prevención de riscos laborais en especial a través de mecanismos e instrumentos desenvolvidos nos ámbitos sectoriais e territoriais da actividade produtiva.

b) Accións de formación: consistirán no deseño dos métodos e dos contidos dos programas que puidesen ser impartidos en materia de prevención de riscos laborais en sectores e subsectores da actividade produtiva, en especial naqueles cuxa estrutura estea constituída fundamentalmente por pequenas empresas.

3. Esta convocatoria adáptase aos programas e orientacións xerais da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e o Plan estratéxico de subvencións, do organismo competente para a concesión das subvencións. Neste senso, as liñas prioritarias de actuación que se van desenvolver conforme o establecido na EESST 2023-2027 son as recollidas dentro dos obxectivos estratéxicos desta, que se reflicten a continuación:

a) Mellorar a prevención de accidentes de traballo e enfermidades profesionais priorizando reducir os danos na saúde das persoas traballadoras.

b) Xestionar os cambios derivados das novas formas de organización do traballo, os cambios demográfico e climático desde a óptica preventiva, priorizando anticiparse e xestionar os riscos novos e emerxentes.

c) Mellorar a xestión da seguridade e saúde nas pemes priorizando integrar a prevención de riscos laborais nas pequenas empresas promovendo unha maior implicación de recursos propios.

d) Reforzar a protección das persoas traballadoras en situación de maior risco ou vulnerabilidade.

e) Introducir a perspectiva de xénero no ámbito da seguridade e saúde no traballo.

f) Fortalecer o Sistema nacional de seguridade e saúde para afrontar con éxito futuras crises, a través da mellora da capacitación e formación en prevención de riscos laborais, con especial atención aos recursos preventivos.

4. Os recursos dispoñibles non poderán destinarse a financiar a realización de accións dirixidas ao cumprimento das obrigas preventivas empresariais, previstas nos artigos 18 e 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, ou en calquera outras previstas na normativa de prevención de riscos laborais.

Artigo 3. Destinatarias das accións

Conforme o establecido na Lei 31/1995, do 8 de novembro, serán destinatarias das accións as persoas traballadoras e as empresas, especialmente as pequenas empresas.

Para os efectos destas bases entenderase por pequena empresa aquela cuxo volume do cadro de persoal sexa menor de 50 persoas traballadoras

Artigo 4. Entidades beneficiarias das subvencións, requisitos e obrigas

1. Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas:

Liña 1:

As asociacións sindicais intersectoriais, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, constituídas ao abeiro da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e as asociacións empresariais intersectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.

Esta liña ten un orzamento total de 362.510,4 euros, con cargo a aplicación orzamentaria 11.40.324A. 481.1 e código de proxecto 2023 00244 que se distribuirá do seguinte xeito, 181.255,2 euros para as asociacións empresariais intersectoriais e 181.255,2 euros para as organizacións sindicais intersectoriais.

Liña 2:

a) As asociacións empresariais galegas sectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.

b) As organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter sectorial como intersectorial.

c) As fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral, nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.

d) Asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas rexistradas segundo o establecido no Decreto 406/2009, do 22 de outubro, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.

Esta liña ten un orzamento de 241.673,6 euros con cargo á aplicación orzamentaria 11.40.324A.481.1 código de proxecto 2023 00244, que se distribuirá do seguinte xeito: 120.836,8 euros para as asociacións empresariais e asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas e 120.836,8 euros para as organizacións sindicais e fundacións sectoriais paritarias.

2. No caso de que o solicitante sexa unha fundación ou outra entidade constituída por unha organización sindical ou asociación empresarial, substituirá esta última para todos os efectos previstos nesta orde.

3. A entidade solicitante debe designar unha única persoa responsable e de contacto co órgano instrutor, para o seguimento e control dos aspectos técnicos de todas as accións incluídas na solicitude, que se identificará no anexo I polo seu nome, teléfono e correo electrónico.

4. De acordo co exposto no artigo 8.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando a entidade beneficiaria sexa unha persoa xurídica, os membros asociados da entidade beneficiaria que se comprometan a efectuar a totalidade ou parte das actividades que fundamentan a concesión da subvención en nome e por conta da primeira terán, igualmente, a consideración de entidades beneficiarias.

5. Así mesmo, de acordo co exposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.

6. As entidades beneficiarias deberán cumprir coas seguintes obrigas:

1. Cumprir co obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoitar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Acreditar nos prazos establecidos, o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión ou goce da subvención.

3. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e ao Consello de Contas, ou a outros órganos que proceda, así como a obriga de facilitar información, tal como establece o artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, e a aplicación dada aos anteriores. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Conservar e proporcionar ao órgano de seguimento, cando este o solicite, todos os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

6. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

7. Dar a adecuada publicidade de carácter público do financiamento de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención nos termos regulamentariamente establecidos; en concreto, deberá consignarse a lenda «co financiamento de» e o anagrama da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/a-marca) en todas as actividades de difusión, e no material que se realice con motivo das actuacións realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria, e tamén deberá observarse o disposto na Lei 23/2011, do 29 de xullo, de depósito legal, así como calquera outra das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Calquera outra das obrigas establecidas nos artigos 11 e 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Deberán estar, con independencia da súa contía, tanto antes de ditarse a resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

10. As actividades subvencionables e os seus entregables elaborados pola entidade beneficiaria, así como a súa difusión, poderán ser realizados en idioma galego e castelán, pero, en todo caso, deberanse realizar en galego.

11. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. Non poderán ser entidades beneficiarias:

a) As entidades e organizacións en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

c) As organizacións que se atopen integradas nunha entidade de ámbito federal ou confederal máis ampla, cando a federación ou confederación de que formen parte sexa tamén entidade beneficiaria desta subvención.

Artigo 5. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas previstas nesta orde corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Artigo 6. Financiamento

1. Esta subvención financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.40.324A.481.1 da Dirección Xeral de Relacións Laborais, cun crédito por importe de 604.184 euros, co código de proxecto 2023 00244, distribuído en dúas anualidades do seguinte xeito:

Ano 2023: 211.464,4 euros.

Ano 2024: 392.719,6 euros.

2. O financiamento correspondente á presente convocatoria desagrégase por cada unha das liñas descritas no artigo 2 desta orde do seguinte xeito:

a) 60 por cento para as subvencións destinadas ao financiamento das actividades da liña 1: 362.510,4 euros, distribuídos en dúas anualidades: ano 2023 (126.878,64 euros) e ano 2024 (235.631,76 euros).

b) 40 por cento para as subvencións destinadas ao financiamento das actividades da liña 2: 241.673,6 euros, distribuídos en dúas anualidades: ano 2023 (84.585,76 euros) e ano 2024 (157.087,84 euros).

Artigo 7. Importe máximo subvencionable

a) Na liña 1: ningunha entidade beneficiaria poderá percibir unha contía que supere a proporción que lle corresponda en función da súa representatividade en 31 de decembro do ano 2022 e, en todo caso, non poderá superar os 167.000 euros. No caso de existiren remanentes, estes serán redistribuídos ata esgotar o orzamento existente, tendo en conta a representatividade relativa, resultando de dividir a representatividade da cada entidade, en cada subliña, entre a suma das representatividades das entidades beneficiarias.

b) Na liña 2: o importe máximo por solicitude non poderá superar os 20.000 euros.

Artigo 8. Procedemento de concesión

De acordo co disposto no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o procedemento de concesión desta subvención tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 9. Acumulación do remanente

Unha vez atendidas as solicitudes presentadas nas distintas subliñas de cada liña, no caso de existir remanente de crédito, este poderá acumularse a outra subliña.

De persistir este remanente, poderase acumular a outra liña. A dita incorporación realizaríase de forma preferente na mesma subliña de que derivase o remanente.

Artigo 10. Resolucións complementarias

Poderán ditarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións, inicialmente concedidas, ou doutros remanentes. Neste caso non poderán terse en conta outras solicitudes distintas das presentadas inicialmente.

TÍTULO II

Requisitos e gastos subvencionables

Artigo 11. Gastos subvencionables e período de imputación

1. As accións propostas e os gastos que deriven destas, que se detallarán no anexo II, poderán realizarse desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de outubro de 2024, e a presentación da documentación xustificativa farase, na primeira anualidade ata o 28 de febreiro de 2024, e na segunda anualidade ata o 15 de novembro de 2024, de acordo co artigo 24 desta orde.

2. Serán subvencionables os gastos derivados da subcontratación, segundo o previsto no artigo 12 desta orde.

3. O cobramento destas subvencións será compatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.

O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 12. Subcontratación

1. As entidades beneficiarias poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións financiadas con cargo a esta convocatoria, tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución da acción subvencionada, e deberá ser realizada de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Ademais, as subcontratistas deberán facilitarlles aos organismos de xestión, auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. Esta subcontratación poderá chegar ata o 100 % do importe da acción, cos límites previstos no artigo 7 desta orde.

2. Acreditarase a necesidade de recorrer á contratación de servizos externos, determinando o traballo encomendado, a súa duración e o servizo que se vai prestar, así como o sistema de coordinación coa entidade principal.

3. En ningún caso poderá concertar a entidade beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades vinculadas coa entidade beneficiaria, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

b) Que se obteña a autorización previa da Dirección Xeral de Relacións Laborais presentando unha memoria xustificativa para ese efecto.

4. Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e sexa superior a 60.000 euros, subscribirase un contrato por escrito. Con carácter previo á sinatura do contrato, solicitarase, por escrito, autorización á Dirección Xeral de Relacións Laborais.

5. Non se poderán imputar gastos de persoal propio no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50 %.

TÍTULO III

Disposicións comúns

Artigo 13. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no Diario Oficial de Galicia. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes e, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. Cada entidade solicitante presentará unha única solicitude de axudas por liña. No caso de que se presente máis dunha solicitude, só será tida en conta aquela que se presentou en primeiro lugar.

3. Para as accións previstas na liña 1 que soliciten as organizacións que se integren noutra entidade que tamén sexa solicitante, considerarase unicamente a da entidade que teña un ámbito territorial máis amplo.

Artigo 14. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Todos os requisitos exixidos ás entidades solicitantes entenderanse cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 15. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso das agrupacións ás que se refire o artigo 4.4, deberase achegar:

1º. Certificado expedido por quen desempeñe estas facultades na organización, de acordo cos seus estatutos, en que se acredite a condición de membro asociado integrante da asociación.

2º. Copia do compromiso de execución formalizado polas entidades asociadas ou agrupadas, subscrito pola representación legal destas, concretando que partes do proxecto realizará cada entidade.

3º. Compromiso de responsabilidade solidaria dos seus membros e de non disolución en canto non transcorresen os prazos de prescrición legalmente previstos.

b) No caso das agrupacións a que se refire o artigo 4.5, ademais do indicado no punto a) anterior, deberase achegar:

1º. Nomeamento dunha persoa representante ou apoderada única da asociación ou agrupación, con poderes bastantes para cumprir coas obrigas das entidades beneficiarias.

2º. Copia do instrumento de formalización da asociación ou agrupación.

c) Documentación para a solicitude de accións:

1º. Acción solicitada, segundo o anexo II. Na solicitude deberase recoller o conxunto de todas as accións solicitadas, individualizando por cada unha delas no anexo II, especificando o seu custo. Indicarase se a entidade colabora no financiamento e, se é o caso, a cantidade que achega. De colaborar no financiamento do custo total, para o caso de que se concedan importes inferiores, debe manterse, polo menos, a porcentaxe de cofinanciamento inicial.

2º. Vida laboral da entidade solicitante dos 30 días inmediatamente anteriores á data da solicitude, ou un certificado asinado pola persoa competente de que a entidade non ten persoas traballadoras contratadas.

3º. Orzamento total do solicitado por accións (anexo III).

4º. De conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, agás o establecido no artigo 12.3 desta orde de convocatoria.

5º. Documentación acreditativa da representación legal suficiente para actuar en nome da entidade solicitante.

d) No caso de presentar a solicitude para accións de información e promoción do cumprimento da normativa, das liñas 1 e 2:

1º. No caso de que un mesmo proxecto implique distintas accións, cubrirase un anexo II por cada acción. No encabezamento de cada unha delas deberá constar:

– A liña de axudas a que se opta.

– Na denominación da acción proposta, terase que definir o contido da acción evitando títulos xenéricos ou de carácter publicitario ou comercial.

2º. Presentarase unha memoria que deberá conter o proxecto que se desenvolva e co contido mínimo que a seguir se indica, sinalando de forma independente e separada as accións que se van levar a cabo, que poderán consistir no emprego dos seguintes produtos:

– Xornadas, seminarios.

– Libros e manuais.

– Publicacións periódicas.

– Dípticos, trípticos, folletos, adhesivos e carteis.

– Vídeos.

– Anuncios en medios de comunicación escritos e audiovisuais.

– Soportes informáticos, páxinas web/app.

– Material publicitario.

Cada memoria expoñerá, de forma numerada e separada, o contido dos seguintes elementos:

– Denominación da organización ou entidade solicitante.

– A denominación da acción proposta acorde co seu contido.

– Datas da súa realización, ou previsión delas no caso de non telas executadas.

Se se trata dunha xornada deberá indicarse, ademais dos elementos indicados nos puntos anteriores:

– O programa que se vai impartir, indicando de forma separada os seus módulos.

– As horas de duración.

– A titulación ou formación da persoa formadora da xornada ou seminario.

– O importe de cada un dos produtos empregados.

– A entidade solicitante deberá sinalar por orde de prioridade as accións, o que se terá en conta pola Comisión de Valoración.

3º. No caso de entidades que queiran levar a cabo xornadas en modalidade de teleformación ou aula virtual, deberán acreditar, ademais, que dispoñen dunha plataforma que deberá conter, como mínimo, os seguintes requisitos:

– Infraestrutura tecnolóxica mínima que permita a xestión dun número mínimo de 100 participantes cunha velocidade de resposta axeitada a un funcionamento de 24 horas e 7 días á semana.

– Capacidade de xestionar as ditas accións de xeito independente e xerar un número mínimo.

– Software: compatibilidade co estándar SCORM e paquetes de contidos LMS.

– O servidor da plataforma de teleformación ou aula virtual debe cumprir con todos os requisitos establecidos sobre protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

– Compatibilidade tecnolóxica e posibilidades de integración con calquera sistema operativo, base de datos, navegador de internet dos máis usuais ou servidor web.

– Servizo de soporte ao alumnado.

– Visualización que se adapte ao tipo de pantalla que se utilice, así como a distintos dispositivos.

– Facilidade de utilización de código de terceiros; a plataforma debe permitir integrar ou incrustar elementos externos como vídeos ou presentacións no contido.

e) No caso de presentar a solicitude para o deseño de métodos e contidos dos programas das accións de formación das liñas 1 e 2, as entidades presentarán unha memoria descritiva e cadro resumo do deseño e planificación, así como dos contidos das accións formativas, indicando a súa carga lectiva ou equivalente do número de horas de impartición do curso obxecto desa planificación, de tal xeito que o orzamento subvencionable segundo a duración prevista da acción formativa sería o seguinte:

– Programación, deseño, contido do curso de formación ata 15 horas: 1.500 euros.

– Programación, deseño, contido do curso de formación de 16 a 30 horas: 2.000 euros.

– Programación, deseño, contido do curso de formación de 31 horas ou máis: 2.500 euros.

f) No caso de presentar a solicitude para accións de asistencia técnica da liña 1:

– Memoria explicativa das funcións de asistencia que se desenvolvan, sendo imprescindible acreditar que polo menos unha persoa do equipo posúa o título de técnica superior en prevención de riscos laborais e o resto das persoas integrantes deberán acreditar, como mínimo, a titulación de técnica intermedia en prevención de riscos laborais.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa pola persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. Forma de presentación da documentación:

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 18. Instrución

A instrución do procedemento corresponderalle ao Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral, da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

2. O procedemento que se seguirá na instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes:

a) Se a solicitude non está debidamente cuberta ou a documentación presentada contén erros ou é insuficiente, o órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, requirirá a entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos requiridos coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, despois de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

b) O órgano instrutor poderá solicitar a outros organismos os informes técnicos que considere necesarios para a adecuada valoración dos proxectos.

Artigo 19. Avaliación e Comisión de Valoración

1. O órgano instrutor á vista das solicitudes e a documentación que se presente verificará o cumprimento das condicións exixidas nesta orde e, no caso de non cumprir coas condicións para ser entidade beneficiaria, a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais ditará a resolución de exclusión, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

2. A Comisión de Valoración estará composta pola persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais, que a presidirá, e dúas persoas vogais, unha das cales será elixida de entre as persoas adscritas á Dirección Xeral de Relacións Laborais, que exercerá as funcións de secretaría, con voz pero sen voto, e outra vogal, que será unha persoa experta do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA). Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que, para o efecto, designe a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Poderá asistir as reunións da Comisión de Valoración, con voz e sen voto, calquera outra persoa que se considere necesaria, elixida de entre as persoas adscritas á Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

3. Para unha mellor avaliación dos expedientes, a Comisión de Valoración, de maneira motivada, poderá requirir das entidades solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa coa solicitude.

4. A Comisión de Valoración, unha vez avaliadas as solicitudes presentadas, realizará un informe para determinar a contía máxima das subvencións tendo en conta a orde de prelación conseguida polas solicitantes e con base nos criterios de valoración que se establecen nesta orde.

5. A presidencia da Comisión, tendo en conta o informe da Comisión de Valoración, elevará a proposta de resolución ante o órgano competente para resolver.

Artigo 20. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2

A Comisión de Valoración examinará as solicitudes debidamente presentadas por cada unha das liñas de forma separada, de acordo cos criterios e a ponderación que a continuación se relacionan:

1. Ámbito territorial de alcance da entidade (de 1 a 4 puntos):

– Para as entidades con ámbito territorial autonómico: 4 puntos.

– Para as entidades con ámbito territorial provincial: 2 puntos.

– Para as entidades con ámbito territorial local: 1 punto.

2. No caso de deseño e programación, información e difusión, daráselles prioridade a determinadas materias: (0 ou 4 puntos):

– 4 puntos: cando a programación presentada das diferentes accións en calquera das dúas liñas verse, polo menos, sobre dúas das seguintes materias:

• Prevención de riscos laborais en poboación traballadora de máis de 55 anos.

• Prevención de riscos laborais no teletraballo.

• Prevención de accidentes in itinere.

• Prevención de riscos psicosociais.

• Prevención de riscos ergonómicos.

• Prevención de risco químico.

• Prevención de riscos laborais derivados da presenza de radon.

• Traballos con risco de exposición ao amianto.

• Exposición ao po de sílice.

• Fomento dos hábitos de vida saudables.

• Prevención de riscos laborais en sectores laborais feminizados.

• Riscos asociados á manipulación de nanomateriais.

• Prevención de accidentes marítimos.

• Prevención de riscos laborais en poboación traballadora de máis de 45 anos con dereito a coeficiente redutor da idade de xubilación por razón da súa actividade.

• Traballos que implican unha natureza en extremo penosa, tóxica, perigosa e insalubre, onde existe risco permanente de sinistros ou morbilidade.

– 0 puntos: cando non verse sobre dúas ou mais das materias mencionadas.

3. Taxa de estabilidade do persoal da entidade (de 0 a 4 puntos): entenderase por tal a porcentaxe de persoas traballadoras fixas sobre o total do cadro de persoal da entidade:

• Menos do 15 %: 0 puntos.

• Do 15 % e ata o 30 %: 1 punto.

• Máis de 30 % e ata o 50 %: 2 puntos.

• Máis de 50 % e ata o 80 %: 3 puntos.

• Máis de 80 %: 4 puntos.

4. Paridade entre a porcentaxe de homes e mulleres no cadro de persoal da entidade solicitante (de 0 a 2 puntos):

• Ata un 40 %-60 % (incluído): 0 puntos.

• 50 % de ambos os sexos: 2 puntos.

– As porcentaxes incluídas entre os parámetros anteriores valoraranse a razón de 0,2 puntos por cada 1 % de variación.

5. Sinistralidade do sector a que vai dirixido a acción (de 0 a 5 puntos):

– Cando a sinistralidade sexa menor do 50 % do índice de incidencia medio: 0 puntos.

– Cando a sinistralidade sexa igual ou maior ao 50 % do índice de incidencia medio: 1 punto.

– Cando coincida co índice de incidencia medio: 2 puntos

– Cando sexa maior do índice de incidencia medio: 5 puntos.

Terase en conta a media dos índices de sinistralidade para Galicia do período correspondente aos anos 2019, 2021 e 2022 que é: 2.932,70.

Desagregada por sectores, a media dos índices é: agricultura: 4.038,93; pesca: 4.615,87; industria: 5.485,52; construción: 5.893,08 e servizos: 2.022,67.

6. Cofinanciamento da acción (de 0 a 2 puntos):

• Entre o 20 % de cofinanciamento e o 50 %: 1 punto.

• 51 % ou máis: 2 puntos.

A porcentaxe de cofinanciamento que se indique no anexo II deberá manterse sexa cal sexa o importe da subvención concedida.

7. Polo compromiso do emprego efectivo da lingua galega, e de conformidade co establecido no artigo 20.2.l) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia (0-1 puntos).

Polo emprego efectivo da lingua galega: 1 punto.

Non empregar a lingua galega: 0 puntos.

Artigo 21. Criterios de desempate

No caso de empate na puntuación obtida, determinarase como criterio de desempate a puntuación establecida en cada un dos criterios de valoración segundo a orde de prelación establecida no artigo anterior desta orde. No caso de persistir o empate, terase en conta a paridade entre a porcentaxe de homes e mulleres no cadro de persoal da entidade solicitante.

Artigo 22. Resolución e recursos

1. A resolución dos expedientes corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que será notificada ás entidades interesadas no prazo de 10 días desde que se dite. Unha vez notificadas as resolucións, as entidades interesadas dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a resolución de concesión recolla unha subvención menor da solicitada, as entidades beneficiarias poderán presentar para a súa autorización a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) unha reconfiguración da súa actividade adaptada á resolución aprobatoria e a resposta será comunicada por vía electrónica ao solicitante.

3. De acordo co sinalado no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta que se trata dun procedemento baixo o réxime de concorrencia competitiva, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder 1 mes. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude.

4. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante a Dirección Xeral de Relacións Laborais, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publicará na súa páxina web (https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions) e no DOG a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 23. Práctica das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 24. Prazo de finalización e de xustificación das accións

1. Todas as accións deberán estar finalizadas con data límite, o 31 de outubro de 2024, agás que na resolución de concesión se estableza unha data posterior.

2. No relativo á presentación da documentación xustificativa será ata o 28 de febreiro de 2024 na primeira anualidade e ata o 15 de novembro de 2024 na segunda anualidade.

Artigo 25. Documentación requirida para a xustificación do pagamento das liñas 1 e 2

1. A acreditación da aplicación da subvención aos fins para os que foi concedida realizarase mediante a presentación da xustificación económica e a xustificación técnica ou informe final dirixida á Dirección Xeral de Relacións Laborais por calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. No caso de cofinanciamento deberase xustificar o importe calculado sobre o custo total xustificado, e deberá respectar a porcentaxe indicada no anexo II.

3. Deberá achegar os seguintes documentos:

a) Certificado da entidade en que figure a mención das accións realizadas, o importe xustificado e a relación de facturas e gastos de persoal (anexo IV).

b) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para a mesma actividade ás distintas administracións públicas competentes ou ás súas entidades vinculadas ou dependentes, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución, incluído as resolucións correspondentes, e da cantidade que achega a entidade para o financiamento da acción, se é o caso, así como o xustificante de pagamento do financiamento propio (anexo V).

c) Xustificantes de gastos e de pagamentos realizados durante as distintas fases de execución da actividade, separando planificación e organización e realización efectiva da acción. Non se poderán presentar xustificantes de data posterior ao vencemento do prazo de xustificación.

4. A xustificación técnica ou informe final do proxecto será conforme o modelo que se inclúe como anexo VI ao final deste texto articulado.

5. Os documentos e demais accións que se realicen deberán levar a lenda «co financiamento de» e o anagrama da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/a-marca) e o depósito legal, no seu caso.

6. Requisitos formais das facturas:

a) Cada factura deberá conter unha explicación detallada do gasto en relación coa acción subvencionada, así como o prezo unitario de cada actividade da acción realizada, aplicable igualmente para o caso de subcontratar cun terceiro a execución parcial ou total.

b) Conterán os datos identificativos do expedidor (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF e enderezo) así como do destinatario, que deberá ser a entidade subvencionada.

c) Incluirán o IVE correspondente ou o imposto equivalente. Cando a cota se repercuta dentro do prezo deberá indicarse «IVE incluído», así como o lugar e a data.

d) Presentarase o comprobante bancario do seu pagamento. Se a transferencia engloba varias facturas, presentarase a relación destas. Non se admitirán xustificantes de aboamento en metálico. Os pagamentos mediante transferencia bancaria, salvo que sexan telemáticos, deberán vir conformados ou verificados pola entidade bancaria.

e) As facturas deberán indicar a conformidade da entidade beneficiaria coa prestación recibida. Esta conformidade manifestarase mediante selo para o efecto na propia factura, en que conste expresamente a conformidade co gasto, o nome e a sinatura da persoa responsable/coordinadora designada da entidade beneficiaria, ou mediante certificación da devandita conformidade, que fará referencia á presente orde, emitida pola persoa responsable/coordinadora designada na cal figure a listaxe completa das facturas conformadas, que conterá obrigatoriamente a identificación da empresa (nome e NIF) o concepto da factura e o seu importe, e que se xuntará as facturas.

Artigo 26. Pagamento da subvención

1. Primeiro anticipo: a entidade beneficiaria poderá solicitar un anticipo máximo do 35 % do importe total da subvención, sempre que a devandita cantidade non supere o importe correspondente á anualidade do ano 2023, mediante transferencia bancaria á conta corrente comunicada pola entidade beneficiaria e da que esta sexa titular de acordo co establecido no artigo 6.8 da Lei 30/2015, do 9 de setembro.

2. Segundo anticipo: xunto coa presentación da xustificación dos gastos realizados ata o 31 de decembro do ano anterior, a entidade beneficiaria poderá solicitar, non máis tarde do 28 de febreiro de 2024, un segundo anticipo con cargo á segunda anualidade dun 65 % do importe total da subvención. Do importe correspondente reducirase o importe aboado no primeiro anticipo que non fose xustificado.

3. Os anticipos que deba realizar a Administración segundo os puntos anteriores faranse efectivos no prazo máximo de tres meses, contados desde a presentación pola entidade beneficiaria da documentación requirida para solicitar os respectivos anticipos. En todo caso, os pagamentos efectuaranse logo de comprobación de que a entidade beneficiaria se atopa ao día das súas obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social e non é debedora por resolución de procedencia de reintegro.

4. As entidades beneficiarias ao ser entidades sen ánimo de lucro non será necesaria a prestación de garantías dos anticipos.

5. O pagamento da subvención concedida que non fose anticipada realizarase logo de xustificación pola entidade beneficiaria da realización das actividades e dos gastos xerados pola devandita actividade e a liquidación da subvención, logo de comprobación técnico-económica por parte do órgano concedente.

Artigo 27. Xustificación das subvencións

1. As entidades beneficiarias quedarán obrigadas a xustificar a realización da actividade formativa subvencionada, o destino dos fondos recibidos e o cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, segundo o anexo V da convocatoria. Os custos subvencionables deben responder a custos reais, efectivamente realizados, pagados e xustificados mediante facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente e que se realizaron durante o período de execución da actuación.

Respecto ao primeiro anticipo e non máis tarde do 28 de febreiro de 2024, a entidade beneficiaria presentará a xustificación comprensiva dos gastos realizados e efectivamente pagados ata o 31 de decembro de 2023.

Non será exixible a realización do pagamento en 31 de decembro para os ingresos á conta do IRPF e as cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade a esa data.

O anticipo aboado deberá ser xustificado con gastos realizados no primeiro exercicio de execución da actividade. Se o importe xustificado é inferior ao anticipo percibido, esa diferenza restarase do importe que se vai aboar con cargo á segunda anualidade.

2. A entidade beneficiaria xustificará o cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos na resolución de concesión da subvención, mediante a presentación dunha conta xustificativa ante a Subdirección Xeral de Relacións Laborais.

A conta xustificativa do segundo anticipo deberá remitirse no prazo máximo do 15 de novembro de 2024. Transcorrido o devandito prazo sen que se efectúe a presentación da indicada documentación, requiriráselle para que a presente no prazo improrrogable de 10 días, tal e como se establece no artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Esta conta xustificativa presentarase coa achega de xustificantes de gasto de acordo co previsto nos artigos 72 e 73 do Regulamento da Lei xeral de subvencións, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e non terá que ir acompañada de informe de auditoría.

Artigo 28. Xustificación segundo o tipo de gasto nas liñas 1 e 2

A) Gastos correspondentes a actividade de información e promoción do cumprimento da normativa.

1. Gastos xerais de execución: achegarase copia e o seu xustificante de pagamento. Se é o caso, achegarase coa solicitude de xustificación unha unidade física dos respectivos materiais elaborados. No caso dos gastos de publicidade e difusión, presentarase, ademais, documento gráfico ou material que acredite a súa realización: prensa, difusión en páxina web, díptico, cartel. Os ditos materiais, unha vez feita a comprobación pola Dirección Xeral de Relacións Laborais, deberán ser retirados pola propia entidade nun prazo de dous meses desde o pagamento, e no caso de non retirarse, pasarán a ser propiedade da Administración.

2. Gastos derivados da subcontratación:

a) No suposto recollido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que o importe do gasto subvencionable supere a contía establecida na lexislación vixente de contratos do sector público para os contratos menores deberán presentarse as correspondentes ofertas económicas.

b) Para xustificar este gasto presentarase a copia da factura, coa explicación detallada do gasto e o prezo unitario de cada actividade relacionada coa acción, e o documento acreditativo do seu pagamento.

3. Gastos específicos das accións: copia da factura e o seu xustificante de pagamento.

4. Gastos de persoal.

B) Gastos correspondentes a actividade de deseño dos métodos e dos contidos dos programas de formación.

1. Memoria descritiva do proxecto que incluirá, por un lado, a exposición do método e programación do curso, e, por outro, un resumo dos contidos establecemento o número de horas lectivas de impartición do curso.

2. Deseño, planificación e contidos dos programas que terán que acadar a calidade necesaria tras a avaliación técnica desta consellería que deberá ser achegado en formato dixital.

3. Gastos de persoal.

C) Gastos correspondentes á actividade de asistencia técnica.

1. Gastos de persoal.

Os gastos de persoal deberán xustificarse mediante a seguinte documentación:

a) Persoal técnico propio: deberán presentar certificado da persoa representante legal da entidade, no cal conste o número de horas da xornada de traballo ordinaria dedicada a actividade subvencionada e o seu custo.

b) Persoal técnico contratado expresamente para a actividade: terá que presentarse o contrato de traballo, no cal se indicará a data de inicio e fin da contratación e do servizo determinado.

c) Para xustificar os gastos deste persoal deberán presentar, así mesmo, o seguinte:

1º. Copia das nóminas de cada un dos meses que se imputan á actividade subvencionada, acompañadas do comprobante do pagamento expedido pola entidade bancaria.

2º. Cadro no cal figuren os cálculos realizados para obter o importe da imputación da subvención: horas, conceptos, importes, porcentaxes aplicadas, totais, nun formato (tipo cal ou excel) que permita extraer datos para a súa posterior consulta.

3º. Xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, Sistema de liquidación directa proxecto Creta) e as respectivas transferencias bancarias do seu pagamento.

Artigo 29. Memoria técnica das actividades das liñas 1 e 2

1. A xustificación técnica ou informe final axustarase ao modelo do anexo VI e especificará co máximo detalle as accións realizadas e a súa relación directa cos xustificantes do gasto:

Cando a actividade de información consista en xornadas, faranse constar a/s data/s, o lugar e o sitio de realización, o programa formativo, a descrición do colectivo destinatario, o profesorado e o material didáctico e publicitario utilizado e entregado.

2. O incumprimento do deber de presentar a xustificación técnica, así como de incluír os aspectos antes sinalados dará lugar ao non pagamento e/ou á revogación da axuda.

Artigo 30. Corrección de defectos da xustificación e pagamento

1. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que a entidade beneficiaria da subvención presente a documentación exixida, requiriráselle para que a presente no prazo improrrogable de 10 días. Así mesmo, cando a Dirección Xeral de Relacións Laborais na comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola/s entidade/s beneficiaria/s poñerao no seu coñecemento e concederalle un prazo de 10 días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

2. Tras a recepción da documentación requirida procederase á revisión e valoración dos documentos xustificativos da execución. Unha vez feita a revisión, realizarase a proposta de pagamento ou a revogación da subvención.

3. Revisada a xustificación e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, a Dirección Xeral de Relacións Laborais emitirá as certificacións para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

4. De acordo co establecido no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 62.3 e 67 do mesmo corpo legal, quedan exonerados da constitución de garantías as persoas ou entidades beneficiarias de subvencións con cargo aos créditos orzamentarios correspondentes ao capítulo IV, transferencias correntes, destinados a familias e institucións sen fins de lucro.

Artigo 31. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 de Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 32. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 33. Gradación dos incumprimentos

De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

1. Procederá non realizar o pagamento ou o posterior reintegro da totalidade da axuda concedida, nos seguintes casos:

a) O incumprimento das obrigas ou compromisos regulados por esta orde e os aceptados pola entidade beneficiaria.

b) O incumprimento das obrigas exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención, recollidas no artigo 4.7 desta orde.

c) No caso de que non se presente ningunha da documentación exixida.

d) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas nesta orde.

e) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que impidan a concesión.

f) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

g) Cando as actividades subvencionables e os seus entregables elaborados pola entidade beneficiaria, así como a súa difusión, non estean en galego.

2. Procederá o pagamento parcial ou, a posteriori, o reintegro parcial, en proporción ao gasto non xustificado ou aos datos coñecidos despois do pagamento, nos seguintes supostos:

a) A presentación só de parte da documentación exixida ou que a dita documentación sexa incorrecta.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro, en ambos os casos, na porcentaxe correspondente aos investimentos non efectuados ou non xustificados.

c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro parcial do 5 % da axuda concedida.

d) No caso da obtención concorrente doutras achegas, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo total da actividade realizada.

e) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

f) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

Artigo 34. Modificación de resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destas axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, fóra dos casos permitidos nesta orde, ou que o importe supere o custo total da actividade subvencionada que desenvolverá a entidade beneficiaria poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, á súa revogación.

Artigo 35. Revogación

1. Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo das competencias que ten a Inspección de Traballo e Seguridade Social, en virtude do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 36. Seguimento e control

1. A Dirección Xeral de Relacións Laborais poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados.

2. Co fin de garantir o adecuado seguimento e control destas subvencións, unha vez notificadas as resolucións de concesión as entidades beneficiarias deberán achegar a planificación definitiva e só se comunicarán os cambios que afecten a dita planificación definitiva. Tal e como establece o artigo 16 desta orde, estes cambios deberán realizarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 37. Indicadores

Esta convocatoria de axudas atópase incluída no PEG 2021-2030, no seu Obxectivo estratéxico 01.01.04. Consolidar un marco de relacións laborais moderno que facilite unhas condicións de traballo saudables e seguras e favorecer a conciliación da vida laboral, familiar e persoal.

Este obxectivo estratéxico correspóndese co Eixe 1: o reto demográfico, e coa prioridade de actuación 01. «1.1. Acadar un nivel de emprego elevado e de calidade, que garanta o equilibrio entre a vida profesional e a privada».

Para a súa medición e seguimento, en liña tamén co financiamento comunitario, establecéronse os seguintes indicadores de produtividade e de resultados e coas estimacións de valores previstos seguintes:

Indicador de produtividade EO12-Nº de participantes que reciben actuacións destinadas á mellora da súa situación no ámbito laboral (Persoas).

Indicador de resultado ER10-Nº de participantes que melloraron a súa situación persoal ou laboral a través de medidas de fomento de prevención de riscos laborais, tras a súa participación (Persoas).

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión, das que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición adicional segunda. Outra documentación

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderá requirir, en todo momento, a documentación que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas da subvención concedida, agás aquela que, de acordo co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, xa se encontre en poder da Administración actuante.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

En todo o non disposto nesta orde será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención de riscos laborais, en canto lle sexa de aplicación e, con carácter supletorio, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI

Modelo xustificación técnica ou informe final da actividade subvencionada

O obxectivo de presentar un informe final da actividade subvencionada é para facilitar a difusión, de ser o caso, dos seus resultados.

Este documento debe seguir o esquema seguinte:

A. Datos de identificación da actividade subvencionada:

1. Título: indicar o título completo.

2. Autor/a ou autores/as: en primeiro lugar, indicar o nome dos/as autores/as principais e, a seguir, o das persoas colaboradoras.

3. Entidade subvencionada: nome completo da entidade e NIF.

4. Datas de realización: indicar a data de inicio e fin do proxecto global.

5. Cronograma: presentar un cronograma co desenvolvemento das distintas fases da actividade.

6. Ámbito territorial: sinalar a dimensión territorial.

6.1. Para estudos/traballos técnicos, o territorio de implantación do sector.

7. Persoas destinatarias: sinalar a quen vai dirixido e se pertencen a un mesmo sector ou a diferentes.

B. Sinopse:

Explicaranse os obxectivos e os aspectos máis relevantes da actividade. Así mesmo, explicaranse, brevemente, os antecedentes, o desenvolvemento da actividade obxecto de subvención e os obxectivos conseguidos, cunha pequena síntese dos resultados ou conclusións.

C. Metodoloxía:

Trátase de proporcionar a información o máis precisa e concreta posible sobre a forma de levar a cabo a actividade subvencionada. De ser o caso, debe explicarse o método de recollida da información ou da captación de participantes, obxectivos principais e específicos, variables ou temática principal.

D. Resultados:

Farase referencia aos resultados concretos e puntuais máis importantes das accións de formación, de investigación ou estudo.

E. Conclusións finais e posibles recomendacións:

Nos estudos expoñeranse as conclusións deducidas dos resultados e sinalaranse, cando sexa pertinente, as oportunas recomendacións para a solución do problema estudado e a súa posible aplicación nas empresas.

F. Recursos humanos e técnicos:

Sinalaranse as persoas participantes na actividade subvencionada e os medios técnicos que se precisaron.

Entre os recursos deberán figurar, de ser o caso, as subcontratacións realizadas, indicando as tarefas encomendadas e a xustificación da necesidade de recorrer a esta subcontratación.

G. Bibliografía:

Para o caso de estudos de investigación, achegarase unha lista coas referencias bibliográficas.

XUSTIFICACIÓN DE ACTIVIDADES DE ASISTENCIA:

O equipo consultor deberá presentar unha ficha por cada unha das actuacións realizadas ao abeiro da presente orde, coa seguinte estrutura.

FICHA DE SEGUIMENTO DE ACTUACIÓNS DO EQUIPO CONSULTOR EN PRL

Nome do/da técnico/a: ....

Persoa traballadora Home Muller

Empresa asesorada: Sector de actividade

Data: ....

Hora de inicio: ....

Hora de finalización: ....

Resumo da actuación realizada: ....