DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 2 de novembro de 2023 Páx. 60429

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 17 de outubro de 2023 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Cultural da Vieira.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Cultural da Vieira con domicilio na rúa Calvo Sotelo, número 25, na Estrada (Pontevedra).

Feitos:

1. O 20 de xuño de 2023, José Carlos Palmou Cibeira, asesor xurídico do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Cultural da Vieira constituírona José Cerdeira Taboada, Irene de Blas Hidalgo, José Antonio González Lana, Carlos de Blas Armada, José Luis Pardo Armesto, Rafael Sánchez Rivera, Santiago de Blas Hidalgo, Julio Domínguez Blas e María Carmen Hidalgo Lorduy, mediante escritura pública outorgada o 25 de maio de 2023, ante o notario de Madrid Luis Máiz Cal, co número de protocolo 1.115.

Tras requirimento do 26 de xuño de 2023, o 31 de xullo os fundadores achegan unha nova escritura outorgada o 17 de xullo de 2023, ante a notaria da Estrada (Pontevedra) Carmen Alicia Calaza López, co número 1.089 do seu protocolo, en que emendan o indicado no citado requirimento.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten como fin principal «o fomento e a difusión da lingua, a cultura e o sentimento de galeguidade, á marxe de ideoloxías, potenciando especialmente con motivo dos Anos Santos, o coñecemento das Rutas Xacobeas e das peregrinacións a Santiago».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por José Cerdeira Taboada, como presidenta; Irene de Blas Hidalgo, como vicepresidente; Carlos de Blas Armada, como secretario; José Antonio González Lana, como tesoureiro; José Carlos Palmou Cibeira, como asesor xurídico, e José Luis Pardo Armesto, Rafael Sánchez Rivera, Santiago de Blas Hidalgo, Julio Domínguez Blas e María Carmen Hidalgo Lorduy, como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Cultural da Vieira, en base ás materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 25 de setembro de 2023,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Cultural da Vieira, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; podéndose interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes