DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 2 de novembro de 2023 Páx. 60464

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 2023 pola que se desactiva o escenario de alerta ou escaseza severa na unidade territorial de escaseza número 10 río Anllóns, costa da Coruña ata o límite de Arteixo.

O 2.6.2022, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan especial da seca da demarcación hidrográfica de Galicia Costa, que foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 1.7.2022.

O dito plan dispón que a escaseza se produce ante unha situación de redución temporal da auga dispoñible que pode pór en risco a atención das demandas asociadas aos diferentes usos socioeconómicos.

O Plan especial da seca citado divide o territorio da Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa en unidades territoriais de escaseza (UTE) (punto 2 do plan), establece os indicadores hidrolóxicos de escaseza en cada unha destas UTE (punto 6.2 do plan) e fixa os limiares para a activación e desactivación dos diferentes escenarios de escaseza (punto 7.2.2 do plan).

O punto 10.4.2 do Plan especial da seca indicado determina que se debe elaborar un informe mensual en que se analice a situación e evolución dos indicadores hidrolóxicos de escaseza previstos.

O 9.10.2023 activouse o escenario de alerta ou escaseza severa na UTE 10 río Anllóns, costa da Coruña ata o límite de Arteixo.

O informe de seguimento da seca do 25.10.2023 analiza o estado da situación dos indicadores de seca o 22.10.2023 e constata unha melloría considerable dos indicadores de escaseza, por tanto, danse as condicións para pasar do escenario de alerta ou escaseza severa ao escenario de prealerta ou escaseza moderada na UTE 10 río Anllóns, costa da Coruña ata o límite de Arteixo.

O 25.10.2023 reuniuse a Oficina Técnica da Seca e propuxo a desactivación do escenario de alerta ou escaseza severa para pasar ao escenario de prealerta ou escaseza moderada na UTE 10 río Anllóns, costa da Coruña ata o límite de Arteixo.

O punto 10.4.2 do Plan especial da seca citado dispón que a Presidencia de Augas de Galicia é o órgano competente para a desactivación do escenario de alerta ou escaseza severa.

De acordo co anterior, esta presidencia

RESOLVE:

Desactivar o escenario de alerta ou escaseza severa na unidade territorial de escaseza número 10, correspondente ao sistema de explotación número 10 río Anllóns, costa da Coruña ata o límite de Arteixo, que pasa a estar no escenario de prealerta ou escaseza moderada.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023

Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia