DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 2 de novembro de 2023 Páx. 60460

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2023 pola que se convocan dous cursos en colaboración co Sindicato Unificado de Policía (SUP) para o segundo semestre do ano 2023.

Ao abeiro do Protocolo de colaboración subscrito entre a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e o Sindicato Unificado de Policía (SUP) en materia de formación e actualización do persoal dos corpos de seguridade da seguridade pública con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse a través da presente resolución as seguintes actividades formativas, de acordo coas bases que figuran no anexo.

1. Intervención policial xurídico-operativa.

Modalidade: presencial.

Duración: 15 horas lectivas.

Número de prazas: 40.

Data: 29 e 30 de novembro de 2023.

2. Especializado en aperturas subrepticias.

Modalidade: presencial.

Duración: 25 horas lectivas.

Número de prazas: 40.

Data: 12,13 e 14 de decembro de 2023.

A Estrada, 23 de outubro de 2023

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeneral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Persoas destinatarias

Persoal das forzas e corpos de seguridade que traballan na Comunidade Autónoma de Galicia.

As prazas serán repartidas en condicións de igualdade entre o persoal da Policía Local, Corpo Nacional de Policía, Garda Civil e Unidade da Policía Adscrita á Comunidade Autónoma.

O 50 % das prazas para cada unha das accións formativas, ofertadas mediante esta resolución ao Corpo Nacional de Policía, estará reservada aos afiliados ao Sindicato Unificado de Policía.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas e non dá lugar á penalización estipulada na base quinta da presente resolución.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

No caso de considerarse oportuno, poderá acceder aos cursos persoal das forzas e corpos de seguridade pública que traballe en Galicia con competencias directas na materia que se vai desenvolver, e reservaranse expresamente prazas para eles.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Solicitudes de participación

1. O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal. Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o número de teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos os datos, a Agasp non será responsable dos posibles prexuízos causados ás persoas interesadas.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano, computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar a selección do alumnado, que non se axusten ao modelo normativizado ou que sexan presentadas fóra de prazo.

4. No caso de encontrarse nalgún dos supostos que a seguir se indican, o/a solicitante deberá remitirlle á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia compulsada que acredite tal situación. Non será preciso se tal documentación xa consta en poder da Agasp; neste caso deberá comunicalo na propia solicitude.

a) Profesionais que estean a gozar ou gozasen nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

5. O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata 20 días naturais antes do inicio de cada curso, ás 14.00 horas do día que corresponda.

Terceira. Criterios de selección

Os criterios xerais de selección son os que se indican a continuación, sen prexuízo de que para cursos específicos se requiran outros diferentes, o cal se indicará na ficha de cada acción formativa concreta, que oportunamente se publicará na páxina web da Agasp:

1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

2. Por orde de inscrición.

Cuarta. Asistencia aos cursos

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos.

Durante a realización dos cursos levará un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto, e poderán realizarse controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas e, en ningún caso, poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma. No caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o Servizo de Formación en Seguridade Pública poderá valorar a posibilidade de que o/o alumno/a para poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior. En todo caso, para poder valorar esta posibilidade non poden transcorrer máis de doce meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada non só dará lugar á perda do dereito ao diploma do curso, senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado asistirá aos cursos co uniforme regulamentario. No caso de non facelo e de non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitirá diploma nin certificado acreditativo ningún.

3. As unidades de destino do persoal seleccionado en cada acción formativa facilitarán, na medida do posible, a súa participación nela.

Quinta. Certificación

Para poder superar os cursos, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación, que realizará no momento da súa finalización, naqueles cursos que sexan de aproveitamento.

Sexta. Desenvolvemento dos cursos

1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, horarios, contidos e desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir sen necesidade dunha nova publicación no DOG.

3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así o exixan circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.