DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 3 de novembro de 2023 Páx. 60670

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 23 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR465A).

Existen pragas ou enfermidades de corentena que, ao non estar definitivamente establecidas en determinadas áreas ou na totalidade do territorio de Galicia, merecen unha especial atención e precisan da aplicación dunhas medidas de loita específicas cando se produce a aparición de novos focos, o que fai preciso o establecemento de indemnizacións para a súa aplicación. É o caso da aparición de focos de Fusarium circinatum en piñeiros de viveiros que veñen detectándose en Galicia desde o ano 2006, a detección en 2015 da presenza de Tecia solanivora en plantacións de pataca no norte das provincias da Coruña e Lugo, e a detección en 2022 de parcelas infestadas de Grapevine flavescence dorée phytoplasma.

A Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, é a norma básica en que se desenvolven as actuacións nesta materia. Esta normativa compleméntase cos diferentes reais decretos que, en materia de sanidade vexetal e medios de produción agraria, desenvolven normativamente os aspectos de prevención e loita contra pragas. A lei de sanidade vexetal, no seu artigo 21, indica que a autoridade competente que declarase a praga compensará os prexudicados mediante a debida indemnización cuxo importe se valorará segundo os baremos que se establezan. Así mesmo, no seu artigo 19 establece que as medidas fitosanitarias deberán ser executadas polas persoas interesadas, sendo ao seu cargo os gastos que se orixinen. Esta circunstancia propicia que as indemnizacións que se establezan poidan ter uns límites modulados en función das dispoñibilidades orzamentarias, do interese da erradicación da praga por parte da autoridade competente, segundo o seu perigo, así como a colaboración financeira do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (en diante, MAPA) nas medidas de loita contra pragas.

O Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora (Povolny), sinala no seu artigo 8 as medidas de control e erradicación, e no seu artigo 16 o dereito a indemnización pola adopción das ditas medidas.

Nesta orde establécense, por tanto, as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións por destrución de vexetais debido á presenza de pragas de corentena e pragas regulamentadas.

O Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, ofrece no seu artigo 26 a posibilidade de indemnizar as persoas agricultoras afectadas por enfermidades das plantas. Por tanto, cómpre comunicar estas axudas para cumprir coa normativa de axudas estatais, e convocar, segundo as bases reguladoras que estableza a presente orde, as indemnizacións para atender as persoas agricultoras afectadas pola destrución de vexetais afectados por pragas cuxa erradicación foi declarada oficialmente.

En virtude do exposto, e de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das atribucións que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto:

a) Establecer, no marco dos programas de control e loita contra pragas de corentena e pragas regulamentadas, as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polas medidas fitosanitarias adoptadas sobre os vexetais afectados polos organismos de corentena.

b) Convocar a concesión de indemnizacións para o ano 2023 (código de procedemento MR465A).

Sección 1ª. Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto

O obxecto desta sección é o establecemento das bases reguladoras para a concesión de indemnizacións pola adopción das medidas fitosanitarias derivadas da loita contra pragas de corentena e outras pragas regulamentadas (procedemento MR465A).

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas indemnizacións as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica cuxos vexetais ou produtos vexetais fosen afectados polas medidas fitosanitarias adoptadas en virtude dunha declaración da presenza da praga pola autoridade competente, orixinada polo desenvolvemento dun programa oficial de erradicación dos organismos de corentena dos determinados na correspondente convocatoria. As empresas poderán ser beneficiarias sempre que teñan a consideración de pequena e mediana empresa agraria, segundo o establecido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal para o período 2023-2027 e no Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022.

2. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas que incorran nalgunha das causas previstas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como aquelas que fosen sancionadas por infraccións tipificadas como graves ou moi graves polos artigos 55 e 56 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, nos dous anos anteriores á solicitude. Tampouco poderían ser persoas beneficiarias se persistisen as causas ou estivesen pendentes de cobramento procedementos por infraccións graves ou moi graves anteriores aos dous anos da data de solicitude.

3. Os propietarios dos vexetais ou produtos vexetais que incumprisen a normativa vixente e, especialmente, o determinado no Real decreto 739/2021, do 24 de agosto, polo que se ditan disposicións para a aplicación en España da normativa da Unión Europea relativa ás medidas de protección contra as pragas dos vexetais e os controis e outras actividades oficiais na dita materia e no Real decreto 197/2017, non poderán obter a condición de persoas beneficiarias.

4. No caso de produtores de plantas de viveiro, estes deberán estar inscritos nos correspondentes rexistros oficiais; non será posible o outorgamento de indemnización se no momento da inspección inicial o viveiro non se cumpre este trámite.

5. Non poderán ser beneficiarias as empresas en crise en virtude do artigo 1.5.c) do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro, segundo a definición destas establecida no artigo 2.59 deste regulamento, agás que a empresa se convertese nunha empresa en crise por motivo dos danos ou perdas causados polas pragas vexetais declaradas.

6. Tampouco poderán ter a condición de beneficiarias das indemnizacións reguladas nesta orde as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente, despois dunha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, e en cumprimento do artigo 1.4.a) do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022.

Artigo 4. Organismos de corentena suxeitos a indemnización

A Consellería do Medio Rural establecerá en cada convocatoria a lista dos organismos de corentena suxeitos a concesión de indemnizacións, que previamente fosen fixados nas declaracións de pragas. Nas sucesivas convocatorias poderán ser modificadas, cando se produzan modificacións normativas ou a detección de pragas de corentena de recente aparición no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, ou ben retirar as indemnizacións cando a xeneralización da praga faga inviable a erradicación do foco, non sexa asumible o seu custo económico ou cambiase a situación de Galicia respecto dunha determinada praga, de acordo co establecido no Regulamento (UE) nº 2016/2031 do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de outubro de 2016, relativo ás medidas de protección contra as pragas dos vexetais.

Artigo 5. Gastos obxecto de indemnización

As contías das indemnizacións estableceranse nos correspondentes baremos que se publicarán en cada convocatoria. O importe total da indemnización será dun mínimo de 45 euros e dun máximo de 10.000 euros por persoa beneficiaria.

Serán obxecto de indemnización os seguintes gastos:

1. Destrución, desinfección, esterilización ou calquera outro tratamento aplicado oficialmente a:

a) Vexetais, produtos vexetais e outros obxectos constitutivos de lote ou lotes que fosen a orixe da introdución do organismo nocivo na zona de que se trate, e que fosen recoñecidos como contaminados ou que poidan ser contaminados.

b) Vexetais, produtos vexetais e outros obxectos recoñecidos como contaminados ou que poidan ser contaminados polo organismo nocivo introducido, que fosen cultivados a partir de vexetais do lote ou lotes de que se trate, ou por estar situados preto de vexetais, produtos vexetais ou outros obxectos do citado lote ou de vexetais cultivados.

c) Substratos de cultivo e terreos recoñecidos como contaminados ou que poidan ser contaminados polo organismo nocivo de que se trate.

d) Materiais de produción, acondicionamento, embalaxe ou almacenamento; os locais de almacenamento ou acondicionamento e os medios de transporte que estivesen en contacto cos vexetais, produtos vexetais e con outros obxectos mencionados anteriormente ou partes deles.

2. As inspeccións ou probas efectuadas oficialmente, ou por mor dunha petición oficial, para efectos de verificar a presenza ou a importancia da contaminación por parte do organismo nocivo introducido.

Non serán obxecto de indemnización os seguintes gastos:

1. O valor das producións de carácter forestal, excepto as plantas de viveiros de carácter forestal.

2. O material vexetal destruído e os gastos ocasionados en aplicación dunha medida fitosanitaria oficial, cando o propietario dos vexetais afectados incumprise a normativa vixente en materia de sanidade vexetal, especialmente o determinado no Real decreto 739/2021 e no Real decreto 197/2017. Tampouco serán indemnizables os danos que resulten amparados por contrato de seguro, os cales se deducirán, de ser o caso, da indemnización correspondente. O formulario de solicitude recollido nesta orde inclúe unha declaración responsable da persoa solicitante, en relación coas indemnizacións cobradas por contrato de seguro para este mesmo concepto.

3. O material vexetal sensible que constitúa stock ou existencia e que fose adquirido con posterioridade á entrada en vigor da norma legal reguladora que corresponda, do programa oficial de erradicación ou da notificación da resolución administrativa que prohibise a adquisición, o movemento ou a comercialización do devandito material vexetal sensible.

4. Non será obxecto de indemnización o lucro cesante.

5. Restaranse do importe máximo da indemnización, que pode alcanzar o 100 % das perdas sufridas, os pagamentos recibidos en virtude de pólizas de seguros e por calquera outra medida para os mesmos custos subvencionables e, así mesmo, os custos que non fosen directamente provocados pola praga e que noutras circunstancias a persoa beneficiaria tivese efectuado.

Artigo 6. Réxime de concesión das indemnizacións

As indemnizacións axustaranse aos principios de publicidade, transparencia e obxectividade, concederanse en réxime de concorrencia non competitiva, e respectarase o establecido no punto 2 do artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Inicio do procedemento de concesión

1. Os procedementos de concesión das indemnizacións iniciaranse por instancia de parte, coa presentación das solicitudes de indemnización por parte das persoas interesadas e empregando o formulario que figuran como anexo I nesta orde (procedemento MR465A), dentro do prazo establecido na correspondente convocatoria.

2. As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderán formularse nunha única solicitude. Neste suposto, deberá achegarse coa solicitude a listaxe completa de persoas solicitantes segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. As actuacións efectuaranse coa persoa representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo.

3. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada á persoa solicitante nos termos previstos no artigo 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 8. Lugar e forma de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas físicas que sexan traballadoras autónomas, e as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

a) A persoa interesada deberá achegar xunto coa solicitude, de ser o caso, as facturas dos traballos realizados por empresas alleas durante a erradicación cando, polas especiais características do foco, sexa preciso a contratación de maquinaria ou persoal alleo á explotación, ou material de desinfección distinto do habitual.

b) No caso das indemnizacións de pataca de semente ou de consumo en almacéns comercializadores, semente de vexetais sensibles a ToBRFV, ou comercializadores de plantas de viveiro de vide, a persoa interesada deberá achegar xunto coa solicitude as facturas xustificativas da compra.

c) No caso de representación da persoa solicitante, deberá presentar documento acreditativo da representación, por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Consulta do DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Consulta do DNI/NIE da persoa representante (de ser o caso).

c) Consulta do NIF da entidade solicitante para as persoas xurídicas.

d) Consulta do NIF da entidade representante para as persoas xurídicas (de ser o caso).

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

g) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

h) Concesións de subvencións e axudas.

i) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Desestimación da solicitude de indemnizacións

A persoa interesada que non presente a solicitude correctamente cuberta ou non entregue a documentación complementaria que corresponda, ou ben non emenden a falta, os datos ou os documentos erróneos, no prazo de dez días (excluíndo do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos) desde o momento en que llo notificase a correspondente xefatura territorial da Consellería do Medio Rural, considerarase que desiste da súa solicitude, segundo o establecido no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de ditada resolución para o efecto nos termos previstos no artigo 21 da citada Lei 39/2015.

Artigo 14. Instrución dos procedementos de concesión

1. Durante a instrución das indemnizacións establecidas nesta orde teranse en conta os seguintes aspectos:

a) A indemnización unicamente se concederá en relación coas pragas vexetais establecidas en cada convocatoria e reguladas pola normativa específica vixente nese momento.

b) Estas indemnizacións, destinadas a reparar os danos causados por pragas vexetais, limitaranse ás perdas ocasionadas polas pragas cuxos brotes fosen oficialmente recoñecidos polas autoridades competentes.

c) En aplicación ao establecido no artigo 26.7 do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, estes réximes de axudas implantaranse nun prazo de tres anos a partir da data en que a praga vexetal ocasionou o custo ou a perda. A axuda pagarase nun prazo de catro anos a partir desa data.

2. O órgano instrutor do procedemento será a dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal.

3. As solicitudes de concesión de indemnización iranse resolvendo a medida que se vaian presentando.

4. Os servizos provinciais competentes en materia de sanidade vexetal remitirán á dirección xeral competente na mesma materia os seus informes para proposta de resolución, xunto con toda a documentación dos expedientes, para a súa supervisión polos órganos xestores da devandita dirección. A persoa titular da subdirección xeral competente en materia de sanidade vexetal emitirá as correspondentes propostas de resolución, e estas remitiranse á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, para os efectos de resolver as indemnizacións.

Artigo 15. Solicitudes sucesivas

A sucesión de solicitudes para a concesión de indemnizacións durante dúas convocatorias consecutivas na mesma instalación ou zona e pola mesma praga, cando non se atopasen motivos para o cesamento da actividade produtiva, leva unha redución dun 50 % da indemnización na segunda convocatoria respecto ao baremo establecido na correspondente convocatoria, sempre que cobrase a indemnización da primeira convocatoria.

Artigo 16. Resolución e modificación da resolución

1. A resolución dos expedientes de indemnización corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural, en virtude da Orde do 17 de novembro de 2015, que a emitirá no prazo máximo de cinco meses, contados desde o inicio do procedemento de concesión da indemnización. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude de indemnización por silencio administrativo.

2. Modificación da resolución. A resolución de concesión da indemnización poderá ser modificada:

a) Por alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión.

b) Pola obtención concorrente da mesma axuda outorgada por outras administracións (da UE, nacionais, internacionais, autonómicas), de maneira que se supere a intensidade máxima establecida para a axuda.

Artigo 17. Notificación

As resolucións expresas de aprobación ou de denegación notificaránselles ás persoas interesadas seguindo os criterios dos artigos 41 a 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Recursos

As resolucións dos expedientes tramitados en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro do Medio Rural, e segundo os artigos 112, 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

a) No prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, se a resolución foi expresa.

b) Nos casos de resolución presunta poderá interpoñerse o recurso de reposición en calquera momento, desde o día seguinte a aquel en que se entenda desestimada a indemnización.

2. Recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se é expresa, e de acordo co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 19. Réxime de compatibilidade

1. O réxime de axudas de Estado regulado nesta orde será compatible con calquera outra axuda que se poida obter das distintas administracións (da UE, internacionais, nacionais, autonómicas) para a mesma finalidade, sempre que a contía en concorrencia de todas elas non supere a intensidade máxima da axuda, que para este réxime de axudas é do 100 % dos custos subvencionables, e en cumprimento do establecido nos artigos 8 e 26 do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022.

2. O formulario de solicitude recollido nesta orde inclúe unha declaración responsable da persoa solicitante, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas para a mesma finalidade.

Artigo 20. Reintegro

1. O incumprimento pola persoa beneficiaria de calquera das condicións establecidas nesta orde dará lugar á perda do dereito á indemnización e á devolución, se é o caso, das cantidades indebidamente percibidas.

2. Igualmente, procederá ao reintegro nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo doutras responsabilidades que procedan.

Artigo 21. Pagamento

1. O pagamento das indemnizacións tramitarase logo de que os órganos xestores do procedemento de concesión comprobasen o cumprimento das condicións e os requisitos establecidos nesta orde.

2. Así mesmo, o pagamento estará suxeito ás dispoñibilidades de crédito vixentes.

Artigo 22. Controis

1. A Consellería do Medio Rural poderá realizar os controis administrativos e inspeccións que considere oportunos, co fin de comprobar o cumprimento dos requisitos para a percepción da indemnización. A persoa beneficiaria estará obrigada a colaborar nos controis e nas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

2. As persoas beneficiarias terán o deber de facilitar toda a información que lles sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control.

Sección 2ª. Convocatoria

Artigo 23. Obxecto

O obxecto desta sección é convocar a concesión de indemnizacións para o ano 2023, no marco das bases reguladoras establecidas na presente orde, para paliar as medidas fitosanitarias derivadas das seguintes pragas de corentena e pragas regulamentadas, recollida nos seguinte texto normativo:

1. Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca, segundo o establecido no Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora (Povolny).

2. Fusarium circinatum Niremberg et O´Donnell, segundo o establecido no Real decreto 637/2006, do 26 de maio, polo que se establece o Programa nacional de erradicación e control do fungo Fusarium circinatum Niremberg et O´Donnell, e as súas modificacións.

3. ToBRFV, segundo o establecido no Regulamento de execución 2020/1191 da Comisión do 11 de agosto de 2020 polo que se establecen medidas para evitar a introdución e propagación na Unión do virus rugoso do tomate (ToBRFV) e polo que se derroga a Decisión de execución (UE) nº 2019/1615.

4. Grapevine flavescence dorée phytoplasma segundo o Regulamento de execución (UE) nº 2022/1630 da Comisión do 21 de setembro de 2022 polo que se establecen medidas para a contención de Grapevine flavescence dorée phytoplasma en determinadas zonas demarcadas.

Artigo 24. Persoas beneficiarias, requisitos e finalidade

1. Poderán ser persoas beneficiarias das indemnizacións as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de:

a) Planta destinada a plantacións forestais de Pinus sp. que fose destruída como consecuencia da detección dun foco de Fusarium circinatum Niremberg et O´Donnell.

b) Semente certificada de tubérculos de pataca, destruída en aplicación das medidas de erradicación de Tecia solanivora Povolny, existente en almacéns comercializadores situados en zonas demarcadas e con data de adquisición anterior á data de declaración desa zona como zona demarcada de Tecia solanivora Povolny.

A entrega de tubérculos de pataca aos servizos oficiais realizarase mediante sacos orixinais (sempre que non fosen abertos) ou nos sacos entregados por estes servizos. Emitirase certificado da cantidade de pataca entregada, e posteriormente destruída, con base no cal se realizará o cálculo do importe da indemnización.

c) Tubérculos de pataca de consumo producidos nas zonas demarcadas durante as campañas 2022 e 2023, plantados antes da declaración de zona demarcada e destruídos en aplicación das medidas de erradicación de Tecia solanivora Povolny.

A entrega de tubérculos de pataca aos servizos oficiais realizarase mediante sacos entregados por estes servizos. Emitirase certificado da cantidade de pataca entregada, e posteriormente destruída, con base no cal se realizará o cálculo do importe da indemnización.

d) Plantacións de tubérculos de pataca desenterradas e destruídas en aplicación das medidas de erradicación de Tecia solanivora Povolny.

Serán obxecto de indemnización as plantacións realizadas en zonas onde se declarase como zona demarcada en aplicación das medidas de erradicación con data posterior á plantación.

e) Semente destinada a sementeira de especies sensibles que fose destruída como consecuencia da sospeita da presencia de ToBRFV.

f) Titulares de parcelas de viñedo cuxas plantas de Vitis vinifera fosen eliminadas e destruídas como consecuencia da detección ou sospeita oficial de Grapevine flavescence dorée phyto-plasma. As parcelas de viñedo de máis de 0,1 ha deberán estar inscritas no Rexistro Vitícola de Galicia (RVG). Indemnizarase a eliminación e destrución da planta.

g) Plantas de Vitis sp. que fosen eliminadas e destruídas como consecuencia da detección ou sospeita oficial de Grapevine flavescence dorée phytoplasma en instalacións de produtores de plantas de viveiro de vide. Indemnizarase o custo de produción da planta destruída.

h) Plantas de Vitis vinifera que fosen destruídas como consecuencia da detección ou sospeita oficial de Grapevine flavescence dorée en instalacións de comercializadores de plantas de viveiro de vide. Indemnizarase o prezo de compra da planta destruída, ata o importe máximo establecido no anexo II.

2. As persoas solicitantes destas indemnizacións deberán cumprir os requisitos e os compromisos establecidos nas bases reguladoras desta orde.

3. A finalidade das indemnizacións é compensar polas perdas debidas ás medidas fitosanitarias contra as pragas de corentena que así se establezan.

4. Para recibir indemnizacións por eliminación e/ou destrución das plantas de Vitis sp. afectadas por detección ou sospeita de Grapevine flavescence dorée phytoplasma será preciso un control oficial destas operacións.

Artigo 25. Tramitación do procedemento e prazo de presentación

1. A tramitación do procedemento de concesión das indemnizacións establecidas nesta orde levarase a cabo durante todo o exercicio orzamentario do ano 2023.

2. O prazo de presentación de solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación será dun mes (1) contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 26. Financiamento

O financiamento das indemnizacións reguladas nesta orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria: 2023.14.04.713E.770.1 C.P. 2009 00740 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 por un importe de 75.000,00 euros, que poderá incrementarse coa xeración, ampliación ou incorporación de créditos, con fondos adicionais e con outros remanentes orzamentarios, segundo o previsto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Baremos de contía compensatoria

Establécense para a convocatoria 2023 os baremos fixados no anexo II desta orde. A aplicación destes baremos estará limitada polo valor de mercado de acordo co artigo 26 punto 10 do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais.

Disposición adicional primeira. Normativa aplicable

Nos aspectos non recollidos nesta orde observarase disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en sanidade vexetal para ditar as instrucións que considere oportunas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Baremo de indemnizacións para a erradicación da Tecia (Scrobipalposis) solanivora (Povolny)

Explotacións de produción de pataca.

1. Pataca de semente.

Establécese como indemnización pola non utilización da pataca de semente certificada un custo máximo de 0,70 €/kg.

2. Pataca de consumo producida na explotación.

Establécese como indemnización da pataca de consumo producida na propia explotación o prezo de 0,30 €/kg, intervida baixo control oficial da autoridade competente.

3. Plantacións establecidas en zonas infestadas.

Establécese como indemnización, tendo en conta os cálculos de estudo da cadea de valor e formación dos prezos dos alimentos do MAPA para o cultivo de pataca, 0,40 € por metro cadrado de superficie plantada.

Almacéns comercializadores.

1. Pataca de semente.

Establécese como baremo o prezo de compra, xustificado mediante factura de venda do provedor de pataca de semente.

2. Pataca de consumo, como consecuencia da detección de lotes contaminados.

Establécese como baremo o prezo de adquisición por parte dos almacenistas, que o acreditarán mediante a factura de compra.

Baremo de indemnizacións para a erradicación da Grapevine flavescence dorée phytoplasma

Explotacións de viña:

Para as indemnizacións por eliminación e destrución de plantas de vide en parcelas de viñedo, o baremo será o seguinte:

No caso de que se eliminen todas as plantas da parcela ou mais do 50 % da parcela, indemnizarase un importe de 5.000 €/ha.

Nos demais casos indemnizarase un importe de 15 € por cada planta eliminada e destruída, e requirirase un mínimo de 3 plantas eliminadas e destruídas por titular e parcela.

Almacéns comercializadores:

Establécese como indemnización o prezo de adquisición da planta por parte dos comercializadores, que o acreditarán mediante a factura de compra, con un importe máximo de 1,5 euros por planta.

Baremo da contía compensatoria en viveiros por pragas de corentena

• Baremo que se aplicará nas indemnizacións por Fusarium circinatum.

Plantas da especie Pinus sp.:

Dado que existe unha casuística de viveiros moi ampla, cómpre, por tanto, establecer un baremo diferenciado en función do número de plantas que se van compensar. A indemnización para calquera das especies forestais faise tomando como referencia un custo medio de produción (CMP) de 0,16 euros por planta e aplicando unhas porcentaxes decrecentes en función do número de plantas que se van compensar, e resultan os seguintes baremos:

1. Ata 150.000 plantas (90 % CMP): 0,144 euros/planta.

2. De 150.000 ata 300.000 plantas (85 % CMP): 0,122 euros/planta.

3. De 300.000 ata 500.000 plantas (80 % CMP): 0,115 euros/planta.

4. Máis de 500.000 (75 % CMP): 0,108 euros/planta.

O custo das tarefas de destrución compensarase ata un máximo dun 10 % do valor da planta destruída.

• Baremo que se aplicará nas indemnizacións por ToBRFV.

Só se pagará o valor da semente adquirida que foi destruída xustificado con factura presentada de acordo co punto b) do artigo 9.1.

• Baremo que se aplicará nas indemnizacións por Grapevine flavescence dorée phytoplasma.

Establécese como baremo para os viveiros produtores de planta de viveiro de vide o custo medio de produción (CMP) que se estima en 2 euros por planta.