DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 7 de novembro de 2023 Páx. 61345

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2023 pola que se convoca un curso de técnicas policiais operativas, dirixido ao persoal das Forzas e Corpos de Seguridade, ao persoal do Exército e ao da Policía Portuaria con destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Academia Galega de Seguridade Pública anuncia a convocatoria dun curso de técnicas policiais operativas, de acordo coas seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: técnicas policiais operativas.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20 horas.

Modalidade: presencial.

Obxectivo: actualizar os protocolos de actuación policial, tanto na vía pública como no interior de inmobles.

Contidos:

– A patrulla urbana.

– A intervención policial.

– A identificación.

– A detención.

– Resolución ante unha agresión.

– A redución de persoas violentas por un binomio.

– A intervención policial no interior de inmobles.

– O bastón policial e a súa operativa básica na patrulla.

2. Desenvolvemento da actividade.

Persoas destinatarias:

Persoal das Forzas e Corpos de Seguridade, persoal do Exército e da Policía Portuaria que teña destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderán participar neste curso os/as policías locais, gardas civís, policías nacionais, policías da unidade adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, persoal do Exército e da Policía Portuaria que estean en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares. A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación, polo que, de producirse esta situación, a persoa interesada deberá comunicalo á Agasp de maneira inmediata. De non facelo, será penalizada coa non participación en accións formativas da Agasp durante un ano contado desde o día seguinte a aquel en que se teña coñecemento do feito. Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta se deba a un accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

Prazas ofertadas: 200.

Lugar: Agasp.

Avenida da Cultura, s/n, A Estrada.

Datas: 15, 16 e 17 de decembro de 2023.

Horario:

– Día 15: das 16.00 ás 21.00 horas.

– Día 16: das 9.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 21.00 horas.

– Día 17: das 9.00 ás 14.00 horas.

Materiais:

O persoal admitido deberá presentarse a este curso provisto de roupa deportiva e do seguinte material:

– Bastón policial/dous kalis ou dous bastóns policiais.

– Grillóns.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp, http://agasp.xunta.gal

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Prazo para a presentación de solicitudes.

O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación finalizará o 12 de decembro de 2023.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) O formulario de solicitude a que se refire a base anterior deberá ser cuberto pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, dispoñible no enderezo da internet http://agasp.xunta.gal

b) Para cubrir correctamente o formulario de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) O formulario de solicitude poderá ser cuberto ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, as persoas interesadas poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10 ou do enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección:

Os criterios de selección son os que a seguir se indican:

1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos últimos dous anos.

2. Por orde de inscrición.

Terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean a gozar ou gozasen, nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que se cumpra cos requisitos obxectivos para ser destinatarios/as do curso.

Ademais, de conformidade co establecido no artigo 37.bis da Lei 7/2004, para a igualdade de homes e mulleres, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega, reservarase un 50 % das prazas para as mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Listaxe de solicitudes seleccionadas:

O día 13 de decembro de 2023, a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web hhtp://agasp.xunta.gal as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas segundo os criterios mencionados anteriormente.

Certificado de asistencia:

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada ao curso e superen a proba que se celebrará ao final deste.

5. Dereitos e deberes das persoas participantes.

Durante o desenvolvemento da actividade ás persoas participantes seralles de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

6. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización, realización ou docencia.

A Estrada, 27 de outubro de 2023

Santiago Villanueva Álvarez
Director da Academia Galega de Seguridade Pública